rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
1 decembro, Día Mundial contra a SIDA

1 decembro, Día Mundial contra a SIDA

Datas: 
1 decembro 2011 - 2 decembro 2011

Actividades paralelas da exposición ‘YOU ARE NOT ALONE’

Organizadas en colaboración con entidades, asociacións e ONG

En 1998, a Organización Mundial da Saúde (OMS) declarou o 1 de decembro como Día Mundial da SIDA. Dende entón, coincidindo con esta data, persoas de todo o mundo xuntan esforzos para xerar unha maior conciencia do que supón o VIH/SIDA e mostrar solidariedade internacional ante a pandemia. Este evento brinda a todos os copartícipes, tanto públicos como privados, unha das oportunidades máis claras para dar a coñecer a situación e impulsar avances en materia de prevención, tratamento e atención aos afectados nos países con elevada prevalencia e tamén no resto do mundo.

Con este motivo, o MARCO organiza unha programación de actividades en colaboración con distintas entidades, asociacións e ONG que levan anos traballando en distintas áreas da loita contra o VIH/SIDA. As devanditas actividades están concibidas paralelamente á exposición YOU ARE NOT ALONE, inaugurada o 21 de outubro nas salas da planta baixa.

Coproducida entre a Fundación ArtAids, a Fundació Joan Miró e o MARCO de Vigo, esta mostra colectiva reúne a 18 artistas contemporáneos de todo o mundo que contribúen á loita contra a estigmatización cunha mirada innovadora sobre a causa, as consecuencias e o contexto actual do VIH/SIDA, así como sobre as formas para combatilo.

Actividades paralelas da exposición ‘YOU ARE NOT ALONE’

Colaboran:

• Concello de Vigo, Área Asuntos Sociais

• Asociación FARAXA

• MÉDICOS DO MUNDO Galicia. Delegación Vigo. Programa CEREDA

• MÉDICOS SEN FRONTEIRAS (MSF). Delegación Noroeste

• Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo. Programa Grupo de Autoaxuda IMÁN CEDRO

• Unidade VIH/SIDA Complexo Hospitalario Universitario de Vigo CHUVI. Servizo Galego de Saúde

 

Mesa informativa sobre VIH/SIDA

Fotos para campaña REDVIH. ‘Non discriminación por vivir con VIH e SIDA’

• Data: xoves 1 decembro

• Horario: de 10.00 a 14.00

• Lugar: fachada do MARCO en r/ Príncipe, ou vestíbulo (en caso de choiva)

• Coordinan:

MÉDICOS DO MUNDO Galicia. Delegación Vigo

Asociación FARAXA

En horario de mañá, unha mesa informativa fronte á fachada principal do MARCO, atendida por voluntarios de Médicos do Mundo e da Asociación Faraxa, estará a disposición do público para repartir material divulgativo sobre VIH/SIDA e atender calquera solicitude de información. Os colaboradores de MDM son axentes de saúde, persoas que colaboran entre grupos de iguais, formadas en redución de danos e riscos, en técnicas de achegamento e asesoramento sociosanitario básico. Pola súa banda, a Asociación Faraxa focaliza a atención en potenciais clientes de prostitución, ademais de ofrecer información sobre ITS e VIH como forma de concienciación, xunto a outros servizos como asesoramento xurídico, social e sanitario.

Ademais, calquera persoa terá a posibilidade de colaborar na Campaña ‘Non discriminación por vivir con VIH e SIDA’, promovida por REDVIH en toda España, simplemente facéndose unha fotografía co lema que cada un elixa, relacionado coa campaña, ou informándose sobre outras posibilidades de participación a través da web http://actuable.es/peticiones/no-discriminacion-vih-y-sida

 

Actuación grupo Hip Hop. DISTRITO CRIMINAL D.C.

• Data: xoves 1 decembro

• Horario: ás 12.00

• Lugar: fachada do MARCO en r/ Príncipe, ou vestíbulo (en caso de choiva)

Acompañando a mesa informativa da mañá, ás 12.00 terá lugar unha actuación de ‘Distrito Criminal’, emerxente grupo galaico-colombiano de Hip Hop formado por Iota-kbn, Zenzey e Aliv Vila. Con letras cargadas de compromiso social e un potente son nas instrumentais, este trío de MC’s está a demostrar a súa valía en diferentes salas mentres prepara o seu inminente e prometedor traballo.

http://www.youtube.com/watch?v=4rkVaJaAcZs

 

Mesa informativa sobre VIH/SIDA

Reparto de ‘Bolsas que cotizan en saúde’

• Data: xoves 1 decembro

• Horario: de 18.00 a 20.00

• Lugar: fachada do MARCO en r/ Príncipe, ou vestíbulo (en caso de choiva)

• Coordina:

Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo. Programa Grupo de Autoaxuda IMÁN CEDRO

Pola tarde, persoal do Grupo de Autoaxuda IMÁN CEDRO (Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo) continuará o labor iniciado pola mañá, atendendo a mesa e repartindo as denominadas ‘Bolsas que cotizan en saúde’, que conteñen material elaborado polo propio grupo e por diversas institucións, con folletos, preservativos, xogos e documentación cuxo fin é contribuír a unha mellor información, sensibilización e prevención.

Visitas guiadas á exposición ‘YOU ARE NOT ALONE’

• Datas: xoves 1 e venres 2 de decembro

• Horario: ás 12.00 e ás 18.00

• Lugar: salas de exposición da planta baixa

Durante todo o horario de apertura do Museo, o persoal do MARCO estará a disposición do público para ofrecer visitas guiadas á exposición YOU ARE NOT ALONE, nas salas da planta baixa, con percorridos comentados e información específica sobre as distintas obras que compoñen esta mostra colectiva. Ademais das visitas das 12.00 e das 18.00, existe a posibilidade de organizar máis grupos, en función da demanda dos visitantes.


Proxección do vídeo

‘The Positive Ladies Soccer Club’ (V.O. subtitulada, 38’)

• Data: venres 2 decembro

• Horario: 1º pase ás 19.00, 2º pase ás 20.00

• Lugar: salón de actos

• Promove: MÉDICOS SIN FRONTERAS

• Ficha técnica:

Directora: Joanna Stavropoulou

Ano produción: 2009

Formato: HDV

Duración: curtametraxe - 37 min

País produción: Zimbabue

Versión orixinal (inglés, subtitulado en español)

Presentado por Médicos sin Fronteras e dirixido por Joanna Stavropoulou, este documental narra a historia dun grupo de mulleres seropositivas dun dos suburbios máis pobres de Zimbabwe que decide formar un equipo de fútbol para gañar o campionato local. Ao principio apenas lle dan á pelota, a xente rise delas e non entende como unhas mulleres, ademais enfermas, poden xogar ao fútbol. O equipo segue adiante porque queren demostrar ao mundo que, aínda que teñan o virus da Sida, son como as demais persoas. A súa esperanza é que, se gañan o campionato, a xente deixe de miralas por enriba do ombro e empece a tratalas como iguais. http://www.youtube.com/watch?v=bF70bWlA2To


Talleres sobre A Perda

• Datas: mércores 14 e martes 20 decembro

• Horario: de 18.00 a 20.00

• Lugar: MARCO, salas de exposición e sala perimetral 1º andar

• Obradoiros impartidos por persoal da Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Vigo. Programa Grupo de Autoaxuda IMÁN CEDRO

O 14 e o 20 de decembro terán lugar nas instalacións do MARCO dous obradoiros impartidos polo Grupo de Autoaxuda IMÁN CEDRO. A partir dun xogo de rol e visualización sobre o que significa perder algo valioso, trabállase o tema da perda da saúde e do VIH/SIDA, nun ton esperanzador e solidario. Experiencias anteriores destes talleres indican que, aínda que o punto de partida pode resultar difícil, a mensaxe e resultado final é positivo e enriquecedor.

• Destinatarios: os obradoiros están dirixidos a calquera persoa interesada, a partir dos 18 anos de idade.

• GRATUÍTO, previa inscrición

• Máximo participantes: 20 persoas por obradoiro (coa posibilidade de organizar máis grupos noutras datas, en función da demanda de inscricións)

• Información e inscricións:

MARCO, Dpto. Comunicación

Tel. 986 113900 / 113903

pilar.souto@marcovigo.com

NOTA: Ademais da información incluída nesta nota de prensa, a programación de actividades paralelas da exposición YOU ARE NOT ALONE continuará ata a data de clausura da mostra, coa posibilidade de organizar máis propostas das que se irá informando proximamente.