rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
“4 PROXECTOS”. Mónica Alonso, Mar Vicente, Salvador y Juan Cidrás, Rosendo Cid.

“4 PROXECTOS”. Mónica Alonso, Mar Vicente, Salvador y Juan Cidrás, Rosendo Cid.

Ficha

Datas: 
26 marzo 2021 - 29 agosto 2021
Lugar: 
Salas de exposicións da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid
Comisariado: 
Pilar Souto Soto

 

MÓNICA ALONSO

A maxia do colibrí.
6 casos desesperados 
Planta Baixa (Panóptico)
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa colaboración de:

 

Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) centra a súa primeira mostra individual no MARCO nunha única peza, baixo o título A maxia do colibrí. 6 casos desesperados. Unha obra que naceu en 2015, durante a estadía da artista en México, e que precisou de todo este tempo para madurar, escribirse e reescribirse. Nese ano Alonso presentou en México a obra O colibrí vermello, que está no xerme deste proxecto, vencellado coas historias e rituais máxicos asociados ao colibrí nas culturas precolombinas, e moi en liña co interese da artista sobre as relacións entre ciencia e superstición.

A maxia do colibrí reúne seis relatos de seis persoas angustiadas, con medos e obsesións comúns a outros seres humanos, a quen a través dunha médium se lles ofrece a posibilidade de curar os seus males (cada un deles asociado a unha cor) a través da morte dun colibrí. A obra está conformada pola reprodución dos colibrís como obxecto, xunto aos seis textos que relatan cada unha das historias. O conflicto xurde á hora de matar a un ser vivo. E, finalmente, todo pacto ten un prezo.

MAR VICENTE

Sombras e cor 
Planta baixa (Patio A1 e Galería A1)
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa colaboración de:

 

Mar Vicente (Lugo, 1979) propón un proxecto específico para os espazos do MARCO, en sintonía cun traballo que se caracteriza pola economía de elementos cromáticos e compositivos, e pola experimentación coa forma vencellada á transformación do soporte pictórico. O punto de partida é o cadrado, que a artista desenvolve cara a terceira dimensión. O cubo, como o seu volume máis directo, adopta actitudes non convencionais que, xunto á iluminación cambiante e o punto dende onde se observa, afectan á percepción dos volumes e dos espazos.

A mostra do MARCO inclúe, xunto á unha selección de obxectos escultóricos, dúas intervencións específicas nas que as ilusións ópticas e a teoría da cor se conxugan para dar lugar a novas versións do mesmo espazo, xerando distintas experiencias. O espectador é o elemento activo que orixina diversas escenas, e quen fai que a experiencia da obra se multiplique e prolongue indefinidamente.

SALVADOR CIDRÁS e JUAN CIDRÁS

As formas partilladas
Planta baixa (Patio A2, Galería A2, Perimetral A2) 
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Salvador Cidrás (Moaña, 1965) e Juan Cidrás (Vigo, 1968) forman, dende 2015, un colectivo artístico que investiga o medio cerámico e téxtil dende unha perspectiva escultórica e pictórica, respectivamente. “O noso traballo céntrase na forma e o concepto de ‘aberrante’, aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou o que é formal. As pezas maniféstanse capaces de establecer relacións entre elas e mudar, xa sexa a través da forma, a cor ou a súa instalación no espazo.”

Pintar con lá, é o medio que lles permite explorar a liña, a mancha e a cor, usando o tecido sen necesidade de imprimar nin superpoñer materia sobre el. As pezas téxtiles evidencian a unión, o ensamblado, e fan que as fibras adquiran formas xeométricas; volumetrías que xeran marañas e sombras na parede. As pezas de cerámica exploran a súa natureza precaria e a manufactura vólvese inesperada tras a cocción. É precisamente esa calidade de transformación a que enriquece de matices o acto creativo. O proxecto para o MARCO incide nese carácter ‘aberrante’, implicando ao espectador e provocando percorridos e miradas cambiantes.

ROSENDO CID

Todo aquilo que sucede e con todo non é
Planta baixa (Patio A3, Galería A3, Perimetral A3) 
Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Sobre o seu proxecto específico para o MARCO, sinala Rosendo Cid: “A partir do título albíscase a intención chave deste proxecto expositivo, desviándome do meramente descritivo para afondar no feito mesmo de todo acto creativo como mero ocorrer, como acontecemento, sendo consciente de todo aquilo que aconteza antes de que a peza estea completada pero que igualmente está implícito cando se finaliza.”

As pezas e montaxes de Rosendo Cid responden a esta idea, talvez abstracta, talvez poética, empregando –como na maioría dos seus traballos– materiais atopados ou desfeitos, algúns procedentes do seu propio taller. Atoparemos pezas escultóricas, fotográficas, e algunhas próximas ao pictórico, así como outras nas que o texto é parte fundamental, según a súa noción de que a palabra é tan importante como a peza ou o obxecto en si mesmo.