rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Mónica Alonso. A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020 (detalle). Foto: cortesía MARCO/Janite
Mónica Alonso. A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020. Foto: cortesía da artista
Mónica Alonso. A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020 (detalle). Foto: cortesía da artista
Rosendo Cid. Todo aquilo que sucede e con todo non é (detalle), 2021 Foto: cortesía do artist
Rosendo Cid. Siempre acabo regresando al día después, 2020. Foto: cortesía do artista
Rosendo Cid. Veinte años de esculturas, 2020 (detalle). Foto: cortesía MARCO/Janite
Salvador e Juan Cidrás. Sen título, 2021. Foto: cortesía MARCO/Janite
Salvador e Juan Cidrás. Sen título, 2021. Foto: cortesía MARCO/Janite
Salvador e Juan Cidrás. Sen título, 2020-2021. Foto: cortesía MARCO/Janite
Mar Vicente. Espacio Pitágoras, 2021. Foto: Mario López
Mar Vicente. Espacio Pitágoras, 2021. Foto: Mario López
Mar Vicente. Color-sombra II, 2021. Foto: Mario López

“4 PROXECTOS”. Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador Cidrás/Juan Cidrás, Mar Vicente

Ficha

Datas: 
10 abril 2021 - 17 outubro 2021
Lugar: 
Salas de exposicións da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid
Comisariado: 
Pilar Souto Soto

Coa colaboración de: MÓNICA ALONSO


PRESENTACIÓN


A peculiaridade dos seus espazos é un dos sinais de identidade do MARCO, en especial os da súa planta baixa, na que se percibe a súa formulación arquitectónica como panóptico: patios amplos con luz cenital, galerías de planta rectangular, e sala central cuberta con cúpula. Se os patios suxiren intervencións con carga escenográfica, as galerías permiten un planeamento máis tradicional; e o espazo central, o ollo do panóptico, posúe unha innegable carga poética, que fai que se perciba como unha sala autónoma.

Partindo desa singularidade, en 4 PROXECTOS pedimos a catro artistas que dialogasen con eses espazos, respectándoos, facéndoos maleables, potenciando as súas calidades, transformándoos. Todos mostran obra recente, a maioría producida para esta ocasión. Ningún coñeceu ata os días de montaxe a intención dos seus compañeiros.

Como comisarios, os eliximos pola innegable calidade da súa obra, por atoparse nun momento de especial intensidade, e porque todos demostraron a súa habilidade á hora de intervir espazos e facerse con eles. Tras debater inicialmente as liñas xerais de cada proxecto, que encaixaron dun modo natural nos espazos dispoñibles, comisarios e institución convertéronse en mediadores para que as ideas dos artistas se plasmasen como imaxinaron.

Os artistas reunidos son galegos, naceron entre 1965 e 1979, déronse a coñecer moi novos e viaxaron e vivido en distintos países. Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) en A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, mostra unha instalación na que a palabra, o relato, adquire un protagonismo esencial. Mestura tradición, un modo de narrar poético, austero, e un fondo confesional. En As formas partilladas, Salvador Cidrás (Vigo, 1968) e Juan Cidrás (Moaña, Pontevedra, 1965) traballan con materiais como a cerámica e o téxtil, aos que semellan dar a volta, buscando as sorpresas dun proceso de produción que os leva a resultados dunhas densas calidades plásticas. Cerámicas orgánicas, pinturas que valoran as texturas, a multiplicidade de focos, murais que se expanden.

Rosendo Cid (Ourense, 1974), en Todo aquilo que sucede e con todo non é, recorre aos materiais que habitan o seu estudio para formular unha serie de esculturas que funcionan co sentido e intensidade dos poemas breves, mentres noutras obras explora os xogos de sentido, a palabra e as preguntas referidas á memoria e á arte. En Sombras e cor, Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979) transforma os espazos a partir da luz, cor, medida, razón e ilusión óptica, conseguindo que o espectador estableza o sentido da súa experiencia. E todo con elementos mínimos, nada retóricos. Como o golpe de dados de Mallarmé: misterio e rigor, intensidade e emoción.

Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto, comisarios

Documentación

A Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO preparou un dossier documental, que reúne ligazóns a artigos e información complementaria sobre os artistas participantes, accesibles para consulta dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Programación para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 27 de abril de 2021
Lugar: salas de exposición
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita nos tel. 986 113900 Ext. 100/ 986 113908

Obradoiros e outras actividades

Ademais das visitas e obradoiros para escolares, a área de Didáctica do MARCO organizará actividades relacionadas coa exposición dirixidas a grupos específicos.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Rutas interactivas a través da App Vigo

Ademais das visitas guiadas, o novo sistema de rutas interactivas a través da App Vigo permite aos visitantes acceder a todo tipo de contido sobre a exposición (vídeos, imaxes, información específica sobre as obras), sexa no propio espazo mediante os beacons ou dispositivos bluetooth situados en salas, ou en calquera outro lugar, seguindo a ruta dende a pantalla do móbil unha vez descargada a aplicación, ou dende o seu equipo a través da web do Concello de Vigo.

Catálogo da exposición

Con ocasión desta mostra, a Fundación MARCO publicará un catálogo con textos, análises e imaxes das obras en exposición.

Síntese do proxecto

ROTONDA CENTRAL / PANÓPTICO 

MÓNICA ALONSO

A maxia do colibrí. Seis casos desesperados, 2015-2020

Mónica Alonso centra a súa primeira mostra individual no MARCO nunha única peza, baixo o título A maxia do colibrí. 6 casos desesperados. Unha obra que naceu en 2015, durante a estadía da artista en México, e que precisou de todo este tempo para madurar, escribirse e reescribirse. Nese ano Alonso presentou en México a obra O colibrí vermello, que está no xerme deste proxecto, vencellado coas historias e rituais máxicos asociados ao colibrí nas culturas precolombinas, e moi en liña co interese da artista sobre as relacións entre ciencia e superstición.

A maxia do colibrí reúne seis relatos de seis persoas angustiadas, con medos e obsesións comúns a outros seres humanos, a quen a través dunha médium se lles ofrece a posibilidade de curar os seus males (cada un deles asociado a unha cor) a través da morte dun colibrí. A obra está conformada pola reprodución dos colibrís como obxecto, xunto aos seis textos que relatan cada unha das historias. O conflicto xurde á hora de matar a un ser vivo. E, finalmente, todo pacto ten un prezo.

“Estamos ante as historias de seis persoas desesperadas por diferentes medos: medo ao fracaso como artista; medo á ansiedade; librarse da presenza da morte; medo á fealdade; recuperar o desexo de vivir; librarse da enfermidade do amor. Todas elas tentan curar os seus males coa ciencia pero acaban recorrendo á superstición –neste caso, á maxia do colibrí.

Todas teñen unha cousa en común: unha médium que escoita as súas historias e lles propón cazar un colibrí. A médium conecta co chamán en México, e este último co cazador.

As seis persoas desesperadas teñen que decidir se matan ou non o colibrí para curar o seu mal

A obra convida o espectador a que tome a súa propia decisión, ante a visualización de seis cadáveres embalsamados: o colibrí vermello (amor), o azul (ansiedade), o amarelo (fracaso), o branco (morte), o carne (fealdade), o negro (desexo de vivir). Os colibrís, malia seren paxaros mortos, manteñen a súa beleza, semellan ter sido retidos no mesmo instante da morte.

Con este traballo dou un paso máis na miña liña de creación. Gran parte da miña obra é confesional, chegando a traballar coas confesións doutras persoas. En A maxia do colibrí, a artista é a médium.”

Mónica Alonso

PATIO A3, GALERÍA A3, PERIMETRAL A3

ROSENDO CID

Todo aquilo que sucede e con todo non é

Sobre o seu proxecto específico para o MARCO, sinala Rosendo Cid: “A partir do título albíscase a intención chave deste proxecto expositivo, desviándome do meramente descritivo para afondar no feito mesmo de todo acto creativo como mero ocorrer, como acontecemento, sendo consciente de todo aquilo que aconteza antes de que a peza estea completada pero que igualmente está implícito cando se finaliza.”

As pezas e montaxes de Rosendo Cid responden a esta idea, talvez abstracta, talvez poética, empregando –como na maioría dos seus traballos– materiais atopados ou desfeitos, algúns procedentes do seu propio taller. Atopamos pezas escultóricas, fotográficas, e algunhas próximas ao pictórico, así como outras nas que o texto é parte fundamental, según a súa noción de que a palabra é tan importante como a peza ou o obxecto en si mesmo.

A proposta de Rosendo Cid reúne, xunto a obras exclusivas para esta exposición, pezas rescatadas doutras coleccións que encaixan no título e na liña de traballo deste proxecto.

“A base e substancia deste proxecto céntranse na natureza mesma do feito creativo como mero acontecemento, atendendo a todo aquilo que dificilmente pode definirse con palabras –pois sucede nun terreo non gramatical– pero que intervén e inflúe na resolución de calquera peza artística, sexa esta da natureza que sexa. Un material entón incerto que non desaparece en ningún momento e que segue estando presente unha vez finalizado a obra, aínda que para entón existan máis pistas do lugar ao que se pretendeu ir.

O título do proxecto (Todo aquilo que sucede e con todo non é) refírese polo tanto a ese mero suceder ou a todo ese material invisible, formado por intencións, azares, coñecementos previos ou alleos, erros ou intuicións que emprega calquera artista e que non se disipan nin aínda cando ten lugar a contemplación posterior, unha vez finalizado todo o proceso. Un material que actúa polo tanto en calquera acto ou proceso creativo, en maior ou menor grao, e que nunca somos quen de delimitar ou de materializar de ningunha forma específica, pero que resulta imprescindible para asentar as nosas certezas ou conviccións ante o traballo creativo.

As pezas e montaxes nas salas responden e nútrense destas ideas, entre abstractas e poéticas, empregando, para algunhas montaxes, materiais atopados ou desbotados, a maioría deles do meu propio taller, pretendendo pezas que teñan en conta elementos do propio proceso, do azar e das circunstancias que van xurdindo, chegando polo tanto a resolucións que non estaban previstas de saída. Un proxecto, en definitiva, cuxo mapa non pode ser outro que o propio traxecto que tivo lugar ata a resolución e presentación final nas salas.”

Rosendo Cid

PATIO A2, GALERÍA A2, PERIMETRAL A2 

SALVADOR e JUAN CIDRÁS

As formas partilladas

Salvador Cidrás (Moaña, 1965) e Juan Cidrás (Vigo, 1968) forman, dende 2015, un colectivo artístico que investiga o medio cerámico e téxtil dende unha perspectiva escultórica e pictórica, respectivamente. “O noso traballo céntrase na forma e o concepto de ‘aberrante’, aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou o que é formal. As pezas establecen relacións entre elas, xa sexa a través da forma, a cor ou a súa instalación no espazo.”

O fío de lá é o medio que lles permite explorar a liña, a mancha e a cor, usando o tecido sen necesidade de imprimar nin superpoñer materia sobre el. As pezas téxtiles evidencian a unión, o ensamblado, e fan que as fibras adquiran formas xeométricas e volumes máis orgánicos. As pezas de cerámica exploran a súa natureza precaria e a manufactura vólvese inesperada tras a cocción. É precisamente esa calidade de transformación a que enriquece de matices o acto creativo. O proxecto para o MARCO incide nese carácter ‘aberrante’, implicando ao espectador e provocando percorridos e miradas cambiantes.

“A construción dun medio é a construción dunha linguaxe propia, a partir do uso de diferentes materiais ou técnicas. No seu libro Como nacen os obxectos? Bruno Munari afirma que proxectar é doado cando se sabe como facelo. Todo resulta fácil cando sabemos como proceder para chegar á solución dalgún problema. Nun determinado momento o meu irmán e eu sentimos esa necesidade de ‘saber como facer’ con dous medios: a cerámica e o téxtil.

Así, o primeiro contacto xurdiu desde a aprendizaxe da técnica cerámica e téxtil pero pronto a exploración dos materiais derivou en procesos que buscaban facer as cousas desde as marxes, case un proceso de deconstrución do medio, e unha volta ao uso experimental dos materiais, onde a linguaxe escultórica e pictórica brindábannos dualidades expresivas: anverso/reverso, interior/exterior, cor/textura, o que se mostra/o que se esconde…

Cando o proceso íase enriquecendo, a palabra ‘aberrante’ fíxose un oco na nosa práctica artística. Interésanos o termo ‘aberrante’ como aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou é formal. Entendémolo como unha práctica que se move desde a convención e o costume cara aos seus límites, unha sorte de estrañamento das formas que dilúen o cotián en favor do ‘ambiguo’, o ‘estraño’ ou o ‘misterioso’.

Catherine de Zegher (2010) define el dibujo como una práctica cinestésica de tracción –atracción, extracción– que- ‘nace de un gesto externo que vincula los impulsos internos y los pensamientos con el otro a través del contacto de una superficie con líneas y gráficas repetidas’. En nuestro trabajo, algo similar ocurre; las piezas no ocultan el gesto y el proceso creativo surge de la implicación física con el material. Las piezas se manifiestan capaces de establecer relaciones entre ellas y mutar, ya sea a través de la forma, el color o su instalación en el espacio…”

“…O fío de la é o medio que nos permite explorar a liña, a mancha e a cor, usando o tecido sen necesidade de imprimar nin superpoñer materia sobre el. As pezas téxtiles evidencian a unión, o ensamblado, e fan que as fibras adquiran formas xeométricas; volumetrías que xeran marañas e sombras no soporte.

As pezas de cerámica exploran a súa natureza precaria e a manufactura manual vólvese inesperada tras a cocción, ao non controlar que textura que cor ou que zona da peza sobrevive ou se transforma. É precisamente esa cualidade de transformación a que enriquece de matices o acto creativo. As pezas constrúense na necesidade de improvisar solucións –máis arxila, un reforzo interior, a transición da cor …– á espera dos seguintes pasos que descobren o que se esconde, o inaccesible e incerto.”

Salvador Cidrás

PATIO A1, GALERÍA A1 

MAR VICENTE

Sombras e cor 

Mar Vicente (Lugo, 1979) propón un proxecto específico para os espazos do MARCO, en sintonía cun traballo que se caracteriza pola economía de elementos cromáticos e compositivos, e pola experimentación coa forma vencellada á transformación do soporte pictórico. O punto de partida é o cadrado, que a artista desenvolve cara a terceira dimensión. O cubo, como o seu volume máis directo, adopta actitudes non convencionais que, xunto á iluminación cambiante e o punto dende onde se observa, afectan á percepción dos volumes e dos espazos.

A mostra do MARCO inclúe, xunto á unha selección de obxectos escultóricos, dúas intervencións específicas nas que as ilusións ópticas e a teoría da cor se conxugan para dar lugar a novas versións do mesmo espazo, xerando distintas experiencias. O espectador é o elemento activo que orixina diversas escenas, e quen fai que a experiencia da obra se multiplique e prolongue indefinidamente.

“Na miña proposta para a exposición no MARCO de Vigo, a miña intención principal é que o espectador experimente diferentes estados de percepción do espazo e da cor.

No Patio A1 a sala está transformada, principalmente, por unha intervención mural que imita unha ‘arquitectura’. A esta composición xeométrica acompáñaa unha serie de obxectos de parede correspondentes á serie ‘Pitágoras’, que comecei no ano 2017, onde as diferentes formas e volumes se modifican dependendo do punto de vista dende o que se observan. Trátase de construcións modulares tridimensionais que, xunto á iluminación natural deste espazo, fai que poidamos apreciar variadas facetas destes obxectos ao longo do día. Poderemos reler moitas veces as formas e atoparemos sempre distintas versións. O exercicio de cambiar a perspectiva, cambiar a mirada unidireccional, fai que vexamos as cousas de distintas maneiras.

‘A sombra é a raíña da cor’. Así titula Derek Jarman un capítulo do seu libro Croma (2017). Menciónoo porque describe concisamente unha dirección cara á que mudou o meu pensamento sobre a cor e, polo tanto, influencia o meu traballo, pero tamén porque enuncia a instalación que se presenta no espazo da Galería A1.

Nas instalacións Cor-Sombra I e Cor-Sombra II poderemos experimentar algunhas das moitas facetas que ten este equilibrio entre luz e escuridade. Aquí a cor revélase como sombra. Do mesmo xeito, a ubicación da orixe de luz é o que determina a forma da sombra, esa parcela ‘escura’ onde se orixina a cor complementaria a de fonte de luz.

Mar Vicente

Artistas

Mónica Alonso


Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) estuda Belas Artes na Universidad de Salamanca e realiza o seu doutorado na Universidade de Vigo. En 1996 foi seleccionada na XII Muestra de Arte Joven do Instituto de la Juventud, Madrid. Inicia a súa traxectoria artística en 1997 cunha exposición na prestixiosa Sala Montcada da Fundación “La Caixa” de Barcelona. Destacan a exposición individual que o CGAC lle adica en 2002; o MAC Valdivia, Chile en 2004; a Fundación Caixa Galicia en 2004; o Museo de Lugo en 2011; La Quiñora México D. F. en 2015.

Participa en numerosas exposicións colectivas entre a que podemos destacar Mulleres do Silencio, MARCO de Vigo, 2016, un percorrido polas mulleres artistas galegas do último século e que a sitúa como un referente.

Recibe numerosas bolsas de creación artística e premios: Bolsa de Excelencia do Goberno Mexicano; Bolsa CAM de Arte Contemporáneo; Bolsa Academia de España en Roma; Bolsa YADDO N. Y.; Bolsa Endesa; Bolsa Unión FENOSA N. Y. As súas residencias artísticas en Capacete, Río de Xaneiro, La Quiñonera, México, Thownhouse Gallery, Cairo, fan que desenvolva o seu traballo en diferentes partes do mundo.

A súa multidisciplinariedade a leva a realizar proxectos de colaboración: 8ª Mostra Internazionale di Architettura NEXT, La Biennale di Venezia, Pavillón Español; Terapia Habitación de Hospital, Hospital Clínico Universitario de Santiago, CGAC; Intervención cromática en Centro de Día en Maceda, Ourense. O seu interese pola arquitectura e a psicoloxía lévana a crear en 2012 a disciplina do Psicoespazo e as súas teorías. Na actualidade desenvolve o proxecto “Percepción espacial e cromática do ser humano” aplicado a diferentes culturas e grupos sociais.

http://www.monicaalonso.com

Rosendo Cid


Artista e escritor, Rosendo Cid (Ourense, 1974) traballa varios medios como a fotografía, a colaxe, a escultura ou o debuxo, nos que en ocasións inclúe textos que completan ou son parte fundamental dos mesmos. Ten prologado diversos catálogos de arte e comisariado exposicións.

Expón regularmente desde o ano 2000. Das últimas mostras individuais podemos sinalar, La duda es el único estado posible, na galería Nordés (2018), e Fe de erratas, na fundación RAC (2017). Das colectivas destaca a súa participación na colectiva Afluentes 94: Os anos circulares, unha selección dos artistas galegos máis salientables dos anos noventa. Entre os seus últimos libros publicados destacan, entre outros, 365 maneras de estar en un hotel (Tulipa Editora 2021), e Los consejos no son un buen sitio para quedarse a vivir (Papeles Mínimos 2018.) En canto a libros colectivos, figura en El cántaro a la fuente. Aforistas españoles para el siglo XXI (Apeadero de Aforistas e Thémata Editorial 2020). Recibiu o Primeiro premio CGAC de Investigación e Ensaio sobre Arte Contemporánea (2018), e o premio na convocatoria de comisariado para a Zona C, de Santiago de Compostela, coa mostra Un cuarto propio, con obras da artista Rosa Neutro (2017).

http://rosendocid.com

Salvador e Juan Cidrás


Salvador Cidrás (Vigo, 1968) e Juan Cidrás (Moaña, 1965) forman, dende 2015, un colectivo artístico que investiga o medio cerámico e téxtil dende unha perspectiva escultórica e pictórica, respectivamente.

As cerámicas están creadas a partir de pezas ensambladas, unindo planos con relevo. A superficie lisa do exterior e a textura esmaltada e brillante do interior fúndense para establecer novas relacións espaciais entre as aperturas e os volumes. 

Nos téxtiles, investigan as posibilidades tridimensionais dos teares. Aproveitan a base flexible da urdimbre para desenvolver relacións espaciais entre a textura do tecido, o metal e o plano da parede.

Entre as exposicións de Salvador e Juan Cidrás como colectivo, destacan Breaking Boundaries, Claustro da Igrexa de San Simpliciano, Milán (2017); Esgazados, Galería Vilaseco, A Coruña (2018); Galería Salvatore Lanteri, Milán (2018); Formabesta, Sight Unseen Offsite, Hub Space, Nova York (2018); New Realities, Understanding Design, Sala XYZ, Barcelona (2018); Galería Casado Santapau, Madrid (2020). A partir do 13 de xuño o seu traballo poderase ver na exposición colectiva Pés de barro; Galería Municipal do Porto, Portugal (2021).

Mar Vicente


Mar Vicente (O Valadouro, Lugo, 1979) é licenciada en Belas Artes –especialidade de pintura– pola Universidade de Vigo no ano 2004.

En 2006 recibe a Bolsa á creación artística Feima-Fundación Laxeiro, onde, un ano despois, celébrase a súa primeira exposición individual destacada: Reflexo de superficies. A partir de entón expón regularmente de xeito individual e colectivo en España, en Austria –onde reside dende o ano 2008– en Alemaña, Hungría, Eslovaquia, Suíza, Francia, República Checa, Cuba e Colombia.

En 2011 é seleccionada para expoñer no Museum Fridericianum de Kassel, onde interviu nos espazos de Kasseler Kunstverein co título Dimensionen der Malerei. Cumpriría salientar outras intervencións realizadas pola artista como Komposition I no Museo Vasarely de Budapest ou Columnas II no MARCO de Vigo, ambas realizadas durante o ano 2013, ou as mostras individuais Light and Geometry en Csikász Gallery (Veszprém-Hungría) ou Zerwürfeln, no Austrian Kulturforum de Bratislava, realizadas en 2016 e 2017 respectivamente.

A súa obra atópase en colecciones privadas, museos e institucións europeas.

No ano 2019 sae á luz a súa derradeira publicación, Object and Painting, editada por Ritter Verlag, que documenta o traballo da artista dende 2006 ata 2018.

www.marvicente.es