rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MONICA BONVICINI. Identify Protection, 2006
YOUNG-HAE CHANG HEAVY INDUSTRIES. Mr. President, 2008
TANIA BRUGUERA Traballo socialmente útil, 2008

7+1 Project Rooms

Ficha

Datas: 
10 outubro 2008 - 19 abril 2009
Lugar: 
Planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Gerardo Mosquera

Obras en exposición

Monica Bonvicini
Identify Protection [Identifica a protección], 2006
6 arneses ‘Tower harness’, pintura HCF plasti dip, cadeas de ferro, anel de ferro, motor, temporizador, vinilo efecto espello sobre PVC
Cortesía da artista e de Galleria Emi Fontana, Milán / West of Rome, Os Ánxeles / Metro Pictures Gallery, Nova York

Tania Bruguera
Trabajo socialmente útil [Traballo socialmente útil], 2008
Libros escritos no cárcere, demarcación de espazo, mesas, cadeiras, lámpadas, invidentes
Cortesía da artista e da Galería Juana de Aizpuru, Madrid

Kendell Geers
The Terrorist’s Apprentice [Aprendiz de terrorista], 2002
Situación
Cortesía de Stephen Friedman Gallery, Londres / Galleria Continua, San Gimignano / Yvon Lambert, París, Nova York, Londres

T.W. (rock), 1992
DVD / 2’16’’
Cortesía de Stephen Friedman Gallery, Londres / Galleria Continua, San Gimignano / Yvon Lambert, París, Nova York, Londres

The Terrorist’s Apprentic
e [Aprendiz de terrorista], 2002
Situación (póster)
Cortesía de Stephen Friedman Gallery, Londres / Galleria Continua, San Gimignano / Yvon Lambert, París, Nova York, Londres

Thomas Hirschhorn
Equality Float [Carroza da Igualdade], 2008
Texto integrado de Marcus Steinweg, plástico, papel, fotocopias, material impreso, libros, cartón, pintura, cableado eléctrico, madeira, tea, flores de plástico, cadeiras de plástico, cinta adhesiva marrón e transparente, manequíns pintados, cápsulas, rotulador, espuma, plexiglás, básculas, poliestireno, espellos, cubos, esculturas de madeira, mobles de metal e pintura en spray.
Cortesía do artista e Galerie Chantal Crousel, París
Cortesía do artista

Teresa Margolles
2008
24 altofalantes con son. Cada audio é unha gravación realizada no lugar onde foi atopado o corpo dunha muller asasinada, segundo se indica nas pescudas previas realizadas pola policía mexicana. En Ciudad Juárez, o feminicidio dende 1993 alcanzou a cifra de máis de 600 vítimas.

Jorge Perianes
Sen título, 2008
Técnica mixta
Cortesía do artista e da Galería adhoc, Vigo

Fernando Sánchez Castillo
La calle es mía, 2004
Luminoso, estrutura metálica, 1.198 lámpadas de 10 w.
Cortesía do artista e da Galería Juana de Aizpuru, Madrid

Young-Hae Chang Heavy Industries [Young-Hae Chang e Marc Voge]
The End [O fin], 2008
Versión orixinal en inglés, 2000
Animación Flash / 3’20’’
Cortesía dos artistas

Mr. President [Sr. Presidente], 2008
Animación Flash / 11’26’’
Cortesía dos artistas

Debido as especiais características da mostra, e á necesidade de recoller a documentación das obras en sala, realizadas específicamente para este proxecto, o catálogo da mostra será publicado con posterioridade á data de inauguración. Editado polo MARCO de Vigo, esta publicación trilingüe (galego, castelán, inglés) ten tamén un carácter experimental, moi en liña co proxecto expositivo e co contido social e político das obras. Así, ademais dun texto xeral do comisario, os textos incluídos no catálogo non estarán escritos por persoas do mundo da arte, senón por especialistas en distintos campos e disciplinas como a socioloxía, a historia, a ecoloxía, a comunicación, e mesmo a banda deseñada ilustrada, que toman como punto de partida a obra de cada un dos artistas e o seu Project Room para realizar unha reflexión nas súas diversas áreas de traballo.

Síntese do proxecto

Por primeira vez na historia da programación do MARCO de Vigo, o museo presenta unha
exposición que non é unha mostra colectiva propiamente dita. Da man do comisario Gerardo
Mosquera, conseguiuse reunir un grupo de oito artistas, a maioría deles creadores de primeira liña
cunha importante traxectoria e innegable prestixio internacional, para levar a cabo un proxecto
que é resultado da combinación ou da suma de oito proxectos individuais.
‘7+1 PROJECT ROOMS' parte da estrutura da planta baixa do MARCO, con sete grandes salas que
poden ser utilizadas como espazos independentes, para presentar a proposta dun artista diferente
en cada unha delas. Así, a exposición consiste en sete mostras persoais que teñen lugar ao
mesmo tempo e que poden ser percorridas nun mesmo lugar, pero que conservan a súa
autonomía. A elas engádese a fachada do Museo. Un total de 7 +1 Project Rooms onde os artistas
desenvolven as súas propostas.
O esforzo de produción que acompañou a esta mostra vén dado porque todas as obras foron
realizadas especificamente para cada espazo da planta baixa do MARCO, e destinadas a este
proxecto en concreto, ben se trate de obras ex novo ou ben dunha recreación ou adaptación de
obras xa existentes, que no contexto de '7 +1 PROJECT ROOMS' adquiren un novo significado.
Neste caso, o papel do comisario non consiste en trenzar un contido temático ou conceptual
específico, senón en seleccionar artistas e obras que poidan lograr oito presentacións persoais, en
situalos no espazo máis axeitado para cada un, en garantir un conxunto xeral consistente e
propositivo, e en controlar o diálogo e convivencia xeral entre participantes, ambientes, obras e
público. Esta aproximación correspóndese cunha visión actual do comisariado que tende cara a
esquemas máis libres e flexibles, e que concibe as exposicións como espazos de eventos non
controlados. Unha tendencia incipiente que constitúe unha reacción ante a excesiva
intelectualización das exposicións e a hexemonía impositiva adquirida polos comisarios nos últimos
tempos.
Agora ben, os participantes foron seleccionados de modo que se puidera manter unha coherencia
xeral na exposición. Con este fin reuníronse artistas capaces de responder aos espazos do MARCO
no que poderiamos idealizar como un ‘espírito de project room' (libre, experimental, investigador).
O predominio de instalacións que configuren ambientes específicos en cada unha das salas brinda
cohesión formal ao conxunto de proxectos. A selección orientouse a artistas procedentes de
distintos países e con experiencias e idades disímiles, pero todos con inclinación cara a temas
sociais (política, poder, violencia, xénero, medio urbano...) e á investigación sobre a propia arte,
os seus recursos e morfoloxías, como medios para construír e deconstruír sentidos complexos. O
resultado é un conxunto de presentacións cun marcado espírito crítico.

Artistas

Monica Bonvicini

(Venecia, Italia, 1965; vive e traballa en Berlín, Alemaña)

As obras de Monica Bonvicini investigan sobre as relacións entre espazo, xénero e poder. Utilizando diferentes medios, que inclúen debuxo, colaxe, vídeo e escultura, as súas pezas individuais funcionan tamén como fases dun proceso de creación de instalacións a grande escala. Un aspecto interesante do traballo de Bonvicini é a súa exploración formal e conceptual da escultura e o seu contorno. A súa crítica do minimalismo céntrase na incorporación das súas formas a unha estética burguesa de estruturas cotiás. A través dunha reflexión sobre cuestións de xénero, a miúdo reforzadas por un incisivo humor, o seu traballo aborda o problema da 'construción', tanto no seu sentido arquitectónico como social.

A súa obra formou parte de exposicións en institucións tan prestixiosas como a National Gallery de Islandia ('Art against Architecture', Reykjavik, 2008); Pinakothek der Moderne, Múnic ('Female Trouble, The camera as mirror and stage of female projection in photography and video art', 2008); Bonnier Konsthall, Estocolmo; Sculpture Center, Long Island City, Nova York (2007), Kunstraum, Innsbruck; Galerie für Zeitgenössiche Kunst, Leipzig; Kunstmuseum, St Gallen; Museum Ludwig, Colonia; Bienal de São Paulo (2006); Museum Abteiberg, Monchengladbach; Hamburger Bahnhof, Berlín (2005); Migros Museum, Zúric; Sprengel Museum, Hannover (2004); New Museum, Nova York; Museum of Modern Art, Oxford; Tramway Glasgow; Secession, Viena (2003); Palais de Tokyo, París; Bienal de Shanghai, Shanghai Art Museum; Kunstmuseum Aahrus (2002); Magasin, Grenoble (2001); Kunsthaus Glarus, Glarus; Salzburger Kunstverein, Salzburgo (2000); Bienal de Venecia (1999, 2005); GAM, Turín (1999).

En 2007, Monica Bonvicini recibiu o encargo de realización da obra HUN LIGGER (SHE LIES), unha escultura site-specific flotante situada fronte á New Opera House de Oslo. No ano 2005 foi galardoada co Preis der Nationalgalerie für Junge Kunst de Berlín. Dende 2003 é profesora na Akademie der Bildenden Künste de Viena.

Tania Bruguera

(A Habana, Cuba, 1968; vive e traballa entre A Habana e Chicago, EUA)

Tania Bruguera é unha artista interdisciplinaria que traballa temas políticos principalmente mediante a arte de conduta, a performance, a instalación e o vídeo. Participou en Documenta, Performa, e en dúas ocasións nas bienais de Venecia, Kwangju e A Habana. A súa obra exhibiuse tamén en importantes museos de Europa e Estados Unidos, como a Tate Modern, The Whitechapel, Gallery PS1, ZKM, IVAM, Kunsthale Wien e The New Museum of Contemporary Art. As súas obras forman parte da colección da Tate Modern; Museum für Moderne Kunst; Darvos Foundation; Museum of Modern Art; Museo do Barrio; Bronx Museum; IVAM; Museo Nacional de Belas Artes, e Centro de Arte Contemporáneo Wifredo Lam. En 1998 foi seleccionada bolseira Guggenheim (EUA) e en 2008 obtivo o Premio Prince Claus.

As obras de Tania Bruguera céntranse na relación entre a arte, a política e a vida. Nelas, a arte concíbese como unha experiencia que debe atravesarse e como un espazo para a realización de proxectos utópicos. Interésalle en especial a inserción da arte na vida política cotiá. Dende 2002 -coa creación da Cátedra Arte de Conducta, un proxecto alternativo da escola de arte de A Habana- emprendeu unha serie de proxectos nos que traballa sobre a apropiación de estruturas e recursos de poder, e non só da linguaxe deste. Xa non lle interesa representar meramente situacións políticas, senón crealas poñendo en movemento na súa obra algunhas das mesmas estratexias usadas polos poderes políticos. O seu traballo, moitas veces de natureza efémera polo emprego de accións vivas, materiais fráxiles ou ambas as dúas cousas, reflicte a condición igualmente efémera de calquera verdade política.

Kendell Geers

(Germiston, Sudáfrica, 1968; vive e traballa en Bruxelas, Bélxica)

Kendell Geers é artista, performer, músico e cineasta. En 1993, con motivo de o a Bienal de Venecia, Kendell Geers cambiou a súa data de nacemento a maio de 1968. As súas obras expóñense en todo o mundo dende 1993 e participou en grande número de mostras, entre elas Documenta, The Carnegie International, La Bienal de La Habana, ou as de Kwang Ju, Taipei e Lión. Entre os seus monográficas atópase o CCA Cincinnati, o Stedelijk Museum voor Actuele Kunst Gent, o Baltic Centre for Contemporary Art, o Aspen Art Museum ou o CAC de Lión.

Durante os anos, Geers explorou con coherencia a vida, a historia contemporánea e as implicacións do abuso de poder, a violencia, a opresión, o control ou a caída de sistemas de pensamento e ideas con todos os medios ao seu alcance. Un proxecto de Geers é un ataque. É instintivo, directo e combate a brutalidade da sociedade contemporánea. Formúlalle ao espectador unha pregunta e pide un posicionamento, creando polo tanto un malestar decisivo. En 1988 Kendell Geers foi un de 143 mozos que se opuxeron publicamente a alistarse o Exército Surafricano, enfrontándose con iso a unha vida no exilio ou a cumprir unha condena de 6 anos nunha prisión do Estado. En 1989 foise de Sudáfrica e viviu durante un curto período de tempo exiliado no Reino Unido e Nova York, onde traballou como asistente do artista Richard Prince. En 1990, unha vez que Nelson Mandela fose desencarcerado e o Aparheid desmantelado oficialmente, Geers regresou a Johannesburgo, onde traballou como artista, crítico de arte, comisario e performer. A súa primeira obra de regreso a terras surafricanas foi Bloody Hell [Inferno sanguento], un ritual de limpeza do seu corpo branco de Boer Afrikaaner co seu propio sangue.

Entre 1999 e 2004 traballou como comisario e consultor de arte para Gencor, adquirida posteriormente por BHP Billiton. A colección estaba composta por artistas e obras de arte fundamentais para o espírito do Movemento anti Apartheid. En 1997, Geers editou e publicou Contemporary South African Art [Arte contemporánea surafricana], con textos de Okwui Enwezor, Olu Oguibe, Colin Richards, Elizabeth Rankin e Julia Charlton.

 

Thomas Hirschhorn

(Berna, Suíza, 1957; vive e traballa en París, Francia)

Thomas Hirschhorn é o artista máis veterano e de maior proxección internacional de entre os que integran esta exposición. Formouse como artista na Schule für Gestaltung de Zúric, e nos anos oitenta traballou en París como artista gráfico. Foi parte do grupo de deseñadores gráficos coñecido como Grapus, cunha grande implicación en temas políticos, sociais e culturais; as súas creacións e carteis publicitarios mostrábanse maioritariamente na rúa. Posteriormente abandonou o grupo e comezou a crear o tipo de instalacións polas que é coñecido, na súa maioría obras site-specific. As obras de Hirschhorn están concibidas en función do espazo ás que están destinadas, xa sexa o museo, a rúa ou un lugar concreto. As referencias á moda, a arte, a política e a filosofía entrelázanse no seu traballo, e destacan especialmente as homenaxes efémeras aos seus artistas e escritores favoritos do século XX, como os dedicados a Spinoza (Amsterdam, 1999), Deleuze (Avignon, 2000) ou Bataille (Kassel, 2002). Expuxo en centros de todo o mundo como a Kunsthalle de Berna (1998), o Centre Georges Pompidou de París (2001), o MACBA de Barcelona (2001) ou o Chicago Art Institute (2000). Recibiu o Premio Marcel Duchamp e o Premio Joseph Beuys en 2000-2001 e 2004, respectivamente. As súas obras están presentes en coleccións como as do Museum of Modern Art de Nova York, o Walker Art Center de Minneapolis e a Tate Modern de Londres.

Teresa Margolles

(Culiacán, México, 1963; vive e traballa en México D.F.)

Durante 15 anos Teresa Margolles ocupouse do que ela chama 'o seguimento do corpo despois da vida, e a apropiación dos elementos inertes do ser humano para entender a morte na súa dimensión social'. Perseguiu o devandito obxectivo investigando 'a vida do cadáver', isto é, a transformación física e social do que poderiamos chamar o corpo-despois e o seu poder metafórico. O seu traballo baséase sempre nun peculiar uso artístico dos vestixios da morte humana, ou do que con eles se asocia. Como dixeron Klaus Görner e Udo Kittelmann, 'a morte e as circunstancias que a acompañan non se representan, senón que se presentan'. Non obstante, para Margolles a morte non é o seu propósito senón o instrumento que utiliza para provocar unha resposta social: o seu obxectivo principal non é antropolóxico nin macabro: é político. O seu traballo é unha reacción á crecente violencia en todo o mundo, presente todos os días nos medios de comunicación. E máis concretamente, aos efectos da criminalidade en cidades do terceiro mundo, especialmente en México, onde polo xeral está vinculada ao tráfico de drogas e de seres humanos.

Neste sentido, a arte de Margolles fala das historias que están tras os corpos mortos, non da morte en abstracto, nin de cadáveres 'neutrais'. Historias de violencia e pobreza, cheas de trasfondo social. A súa investigación sistemática levouna dende unha aproximación directa, barroca e repulsiva, ao principio da súa carreira, ata unha maior sobriedade conceptual que caracteriza o seu traballo hoxe en día. Quere facernos conscientes de como a morte e a violencia forman parte da nosa vida diaria. As súas instalacións, vídeos e pezas sonoras son fermosos, limpas, elegantes, e a súa arte baséase cada vez máis no contraste entre beleza e terror, entre a estilización 'de cubo branco' e o horror.

Jorge Perianes

(Ourense, 1974; vive e traballa en Vigo)

Jorge Perianes pertence ás últimas xeracións de artistas procedentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, e realizou os seus estudios de doutorado no Departamento de pintura da mesma Facultade durante o bienio 2000-2002: Contemplarse para comprenderse: identidades múltiples en la creación artística en torno a la mirada. No ano 2007 obtivo a Bolsa de Creación Artística no estranxeiro VIII Mostra Unión Fenosa, que no último ano lle levou a combinar estadías de traballo en Londres e Berlín.

Realizou exposicións individuais en Galería Fúcares, Sala de proyectos, Madrid (2006); Galería adhoc, Vigo (2005), Sala Alterarte, Campus de Ourense (2004); Iniciativa Curva, Igrexa Universidade de Santiago (2000). Entre as súas exposicións colectivas, destacan 'Esculturismo', Consejería de Cultura e Turismo de la Comunidad de Madrid (2008); 'Figura humana y abstracción', Museo Würtz A Rioxa, Logroño (2007); ARCO'07, Stand Galería adhoc e Galería Fúcares; Project room ARCO'07, Galería adhoc e Galería Fúcares, Madrid; 'Contos dixitais', CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela (2006); ARCO'06, Stand galería adhoc, Madrid; 'Urbanitas', MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (2005); IV Premio Auditorio de Galicia. Novos artistas 2005, Santiago de Compostela; 'La doble vía', Forum de las Naciones, Barcelona (2005); ARCO'05, Stand Galería adhoc, Madrid; Generación 2005. Premios y Becas de Arte Cajamadrid, Madrid, Santander (2005); ART 11. The International Fair of Contemporary Art Stand Galería adhoc, Turín, Italia (2005); VIII Mostra Unión Fenosa. A Coruña (2004); ARCO'05, Stand Galería adhoc, Madrid. A súa obra atópase en coleccións como a Colección Caixanova (Vigo), MACUF, Museo de arte contemporánea Unión Fenosa (A Coruña), e Museo Würtz A Rioxa, (Logroño).

 

 

Fernando Sánchez Castillo

(Madrid, 1970; vive e traballa en Madrid)

Fernando Sánchez Castillo levou a cabo os seus estudos entre Madrid, París e Amsterdam. Entre as súas exposicións individuais en España e o estranxeiro destacan 'Anamnese', La Casa Encendida (2003); 'Ieder het Zijne / To Each His Own', Stedelijk Museum Schiedam, Róterdam, Centro de Arte Santa Mónica, Barcelona (2006); 'Manu Militari', Centro de Arte Santa Mónica, Barcelona (2006); 'Intelligence Down', Musac, León (2007); Wanas Foundation Sweden (2007); 'Parti de la Peur', Centre D'Art Contemporain (2007), e máis recentemente 'The Unresolved...', Vleeshal, Middleburg, Holanda (2008). Tamén participou en exposicións colectivas, como 'Abracadabra', Tate Gallery of Modern Art, London (1999); 'Appartement, Deichtorhallen', Hamburgo, Alemaña, (2001); 'The Real Royal Trip' (exposición itinerante), P.S.1. MOMA, Nova York (2003), Fundación NMAC; 'Registros contra el tiempo', Fundación Marcelino Botín, Santander (2006); 26ª Bienal de São Paulo (2004); 'Mercury Retrograde', De Appel Foundation, Amsterdam, 10ª Bienal de Istambul (2007); 'La Cuadratura del Cono - Borders Jam', Montevideo (2007). No ano 2008, as súas exposicións máis significativas foron 'Borders', Boijmans Van Beuningen, Róterdam; 'Geographic cross-overs in art', MART, Museo d 'Arte Moderna e Contemporánea di Trento e Rovereto; 'Lost Paradise - Der Blick des Engels', Zentrum Paul Klee, Berna; 'Sonsbeek 2008: grandeur Sonsbeek International Sculpture Exhibition, Arnhem; 'Paixóns privadas, visións públicas', MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo; 'Tiefenrausch O.K', Centrum Für Gegenwartskunst, Linz.

Fernando Sánchez Castillo traballa coa imaxe do público e, como esta, as súas obras están sometidas ao mesmo ritmo que a cidade ou o medio no que se transmiten. O consumo de imaxes fai que moitas delas non se dixiran perfectamente. O proceso da arte actúa como o estómago dun ruminante. Toma o máis estéril e desapercibido, regurxítao e prepárao para un novo proceso de dixestión, que non o último. O anecdótico, o lateral, convértese en icona. Moitas imaxes non foron destacadas polo discurso histórico dominante, pero agora son potentes imáns e preguntas para a sensibilidade da arte contemporánea. Outra liña de traballo son as ideas de progreso e o concepto dunha historia lineal, o como desapareceron da perspectiva do pensamento contemporáneo e, non obstante, funcionan como ferramentas de control e coerción das 'masas'. O uso destes flash-backs no seu traballo ten o obxectivo de dislocar, na xeración posterior á da situación ou do momento histórico referido, as verdades transmitidas e consolidadas. Utiliza a arte contemporánea como neuroconductor entre diferentes ámbitos sociais e de pensamento, paseándose polas gretas dos sistemas e levándonos a conclusións que nunca antes se puideran imaxinar ou recrear.

Young-Hae Chang Heavy Industries

[Fundado en 1998 por Young-Hae Chang (Corea) e Marc Voge (EUA); viven e traballan en Seúl, Corea]

Young-Hae Chang Heavy Industries é un colectivo de artistas con base en Corea do Sur, formado por Young-Hae Chang (Corea) e Marc Voge (EUA). O seu traballo en equipo comeza nos anos noventa, nos que fixaron as bases do seu estilo, doadamente recoñecible: textos xeralmente en negro -ás veces en vermello- sobre fondo branco, feitos en animación flash, seguindo todo tipo de ritmos musicais. Os seus traballos relaciónase directamente con Internet, coa esencia da comunicación actual, e prescinden de todo ornamento deconstruíndo o proceso de comunicación e resumíndoo en tres elementos esenciais: tipografía, ritmo e mensaxe. Prácticamente todos os seus proxectos están concibidos para a rede (www.yhchang.com)

Young-Hae Chang Heavy Industries participaron en moitas exposicións colectivas en museos de ámbito internacional, como o Whitney Museum, Nova York; Hiroshima City Museum of Contemporary Art, Hiroshima, e Musée d'Art Moderne de la Ville de París. As súas mostras individuais inclúen o Moderna Museet, Estocolmo ou o New Museum, Nova York, entre outros, e as súas obras forman parte das coleccións do Centre Pompidou en París, ou o Museum Jan Cunen en Holanda. Nestes momentos están a presentar en Beijing, China, a súa exposición 'The Cultural Revolution'.

 

 

Comisariado

Gerardo Mosquera

Crítico, historiador da arte e comisario independente, Gerardo Mosquera reside na Habana. É
curador adxunto do New Museum of Contemporary Art, Nova York; asesor da Academia de Belas
Artes do Estado de Holanda; membro dos consellos editoriais das revistas Art Nexus, Atlántica,
Calabar, Ideas & Ensaios, Nka e Third Text. Fundador da Bienal de La Habana e membro do equipo
organizador das súas tres primeiras edicións: 1984, 1986 e 1989.

Entre as súas exposicións máis recentes, inclúense ‘States of Exchange', INIVA, Londres, 2008; ‘La
cuadratura do Cono. Border Jam', Museo Nacional de Artes Visuais, Museo Municipal Juan Manuel
Blanes, Centro Cultural de España, Museo y Archivo Histórico Municipal (Cabido), espazo público,
Montevideo, 2007; ‘Transpacífico. Un encontro en Santiago', Centro Cultural Palacio de La Moneda,
Santiago de Chile, 2007; Liverpool Biennial International 2006; ‘Cordially Invited', BAK e Museo
Central de Utrecht, 2004; ‘Panorama da Arte Brasileira (Desarrumado). 19 Desarranjos', Museu da
Arte Moderna, São Paulo, 2003, Paço Imperial, Río de Janeiro, 2003, Museo de Arte Moderna Aloísio
Magalhães, Recife, 2004, MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 2005;
‘CiudadMúltipleCity. ArtePanamá 2003' (proxecto internacional de arte urbana); ‘Territorios
ausentes', Casa de América, Madrid, 2000; ‘No es sólo lo que ves. Pervirtiendo el minimalismo',
Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, 2000; ‘Cildo Meireles', New Museum, Nova York, 1999; ‘Cinco
continentes y una ciudad', Museo de la Ciudad de México, 1998 e 2000; ‘Important & Exportant', II
Bienal de Johannesburgo, 1997; ‘Wifredo Lam', XXIII Bienal de São Paulo, 1996; ‘Ante América',
Biblioteca Luis Angel Arango, Bogotá, 1992, Museo Alejandro Otero, Caracas, 1993, Queens
Museum, Nova York, 1993, Centro Cultural de la Raza, San Diego, 1993, Yerbabuena Center for the
Arts, San Francisco, 1994, Spencer Museum, University of Kansas, Lawrence, 1994, Museo de Arte y
Diseño Contemporáneo, San José, 1994.

Entre as súas publicacións, destacan Copiar el edén. Arte reciente en Chile (editor), Santiago de
Chile, 2006; ciudadMULTIPLEcity. Urban Art and Global Cities: an Experiment in Context (co editor),
Amsterdam, 2005; Over Here. International Perspectives on Art and Culture (co editor), Cambridge
e Londres, 2004; Beyond the Fantastic. Contemporary Art Criticism from Latin America (editor),
Londres, 1995; Contracandea, Caracas, 1995; Del pop al post (editor), A Habana, 1993; El diseño
se definió en Octubre, A Habana, 1989, Bogotá, 1992. Ademais, Gerardo Mosquera publicou máis de
600 ensaios, artigos e comentarios en libros, catálogos e publicacións periódicas de moitos países.
Organizou e participou en numerosos simposios internacionais, e ditou conferencias e seminarios en
universidades e outras institucións dun centenar de cidades. Recibiu a Bolsa Guggenheim, Nova
York, en 1990, e o premio aos dez mellores libros publicados en Cuba ese mesmo ano. En 1998 o
capítulo arxentino da Asociación Internacional de Críticos de Arte elixiuno como crítico
latinoamericano de máis importante traxectoria (ex aequo con Paulo Herkenhoff).