9 filmes de Grace Schwindt
*Os filmes proxéctanse en V.O. (inglés/alemán con subtítulos en inglés)
Este ciclo retrospectivo recolle a produción fílmica de Grace Schwindt, artista que utiliza medios diversos como o cinema, a performance ou a escultura para abordar temas relacionados coa memoria e a construción das relacións sociais ou os sistemas de poder. Nas súas pezas, cunha forte compoñente teatral, intenta desmontar os sistemas establecidos implicando a audiencia no cuestionamento da contorna: ser conscientes de como se comportan os nosos corpos dentro de certos esquemas alértanos sobre a súa fraxilidade.
Schwindt utiliza recursos da danza e o teatro cunha clara inuencia do construtivismo, a Bauhaus ou o teatro vangardista ruso. Sitúa os actores, entre os que se atopa ela mesma, en escenografías minimalistas, como parte dunha coreografía que elabora a partir de entrevistas con outros individuos.
Os diálogos entre os actores, os movementos e os obxectos xeran un novo espazo social no que as fronteiras entre a cción e a realidade se dilúen. A realidade móstrase como unha construción social.
Unha das súas derradeiras películas, Only a Free Individual can Create a Free Society (2014), supón unha reexión sobre a imposibilidade de comportarnos libremente dentro do capitalismo, sistema organizado baixo unha moralidade que favorece as relacións de alienación, dominación e opresión. É unha peza elaborada a partir dunha entrevista cun activista alemán que militou nos movementos estudantís de esquerda dos anos sesenta e setenta; conversas a partir das cales a artista crea os diálogos, ccionados, nos que se cuestiona a posibilidade dun pensamento autónomo obxectivo dentro dos partidos políticos.
O traballo de Grace Schwindt está impregnado dunha dimensión crítica que podemos remitir ás temperás inuencias da súa contorna máis próxima: creceu na rexión de Frankfurt, rodeada dun ambiente impregnado das ideas centrais da Escola de Frankfurt e consciente da necesidade de defender un pensamento crítico e reexivo, un dos piares da Escola inspirado no pensamento marxista.
Un compromiso emancipador e o interese por descubrir o que os instrumentos ideolóxicos esconden rastréxanse no traballo de Grace Schwindt, que dende as súas primeiras películas formula unha revisión das narrativas ociais a partir da recuperación de pequenos relatos, historias cotiás ou singulares que nos mostran como as narrativas persoais afectan ás narracións do colectivo. En Meeting Florchen Gordon (2008) o seu avó comparte, mediante unha entrevista, o recordo que ten dunha veciña xudía durante o ascenso do nazismo, e en The Chair (2008) é a súa avoa a que conta a súa experiencia durante a ocupación de Berlín de 1945.
En ambos os dous traballos, cunha forte carga social e unha marcada crítica aos roles de xénero, a artista dilúe as fronteiras entre a acción e a realidade. Tanto nestas pezas, coma en Counterpoint 1, Part 1: Individual Accounts (2010) ou Tenant (2012), volve sobre a historia recente de Alemaña, os factores materiais que definen as sociedades humanas ou os procesos históricos, evidenciando as contradicións que estes relatos conteñen.
O traballo de Grace Schwindt supón unha crítica aos sistemas establecidos cuestionando a suposta liberdade individual que propugna o capitalismo, así como o código moral que rexe as súas formas de actuar. Mediante a deconstrución destes sistemas de poder —o aparato familiar, a comunidade, o Estado ou os sistemas de crenzas—, a artista convídanos a pensar en como se xeran as estruturas sociopolíticas ás que pertencemos. Nos seus filmes tamén revisa os documentos que rexen o funcionamento dos gobernos e como determinados signicados se proxectan en diferentes contextos. Certas xeografías, como os Alpes, están ligadas á identidade alemá —cuestión que aborda en Clean Air (2013)— e as fronteiras poden ser revisadas dende unha perspectiva militar, como acontece en The Signal (2011), unha peza na que a historia narrada en primeira persoa dun soldado lle serve de punto de partida para abordar as construcións xeopolíticas.
Agar Ledo
"Emprego decorados teatrais cos mínimos elementos arquitectónicos necesarios para delimitar unha localización. Sitúo persoas nestes espazos, incluída eu mesma, e utilizo unha coreografía guionizada, moi precisa, na cal cada movemento se relaciona con diferentes sistemas institucionalizados, que están sempre baseados en procesos de exclusión e destrución. As entrevistas que fago ás persoas adoitan servir de punto de partida para os diálogos ficcionados que posteriormente interpretan os diferentes performers.
Cando trato de representar un sistema, tento deconstruílo utilizando os mesmos mecanismos que uso para construílo: corpos, movementos, discurso, mobiliario e vestiario. Por exemplo, a película Tenant describe as rutinas que teñen lugar no fogar familiar, tales como comer xuntos, facer os deberes ou o momento do baño. Estas rutinas, á súa vez, insírense dentro dun contexto histórico e social máis amplo, e interrómpense repetidamente na obra cando aparece unha performer que cae polas escaleiras no preciso instante no que alcanza o cume. Na miña obra, o corpo transfórmase nun fráxil soporte en perigo constante.
Grace Schwindt
PROGRAMA
Mañá: 11.15-14.00h.
Meeting Florchen Gordon, 2008
00:04:49
Nesta obra o avó da artista recorda o momento no que coñeceu unha veciña xudía en Berlín durante o alzamento da Alemaña nazi. Conta a historia mentres a ilustra cun debuxo.
The Chair, 2008
00:10:08
Schwindt entrevista a súa avoa sobre a súa experiencia durante a ocupación de Berlín en 1945, facendo fincapé no compromiso social e nas políticas de xénero.
Counterpoint 1, Part 1: Individual Accounts, 2010
00:46:12
Esta peza representa a documentación en vídeo da performance do mesmo título, representada por vez primeira no Institute of Contemporary Arts de Londres en xuño de 2010. Mediante a produción de vídeos, instalacións e obras de texto, Schwindt investiga as negociacións persoais, contemporáneas, na historia alemá. A obra ten o seu xerme nunha anterior serie de traballos titulada Counterpoint, que xira ao redor dunha serie de entrevistas realizadas pola artista a once alemáns que vivían en Nova York. Ao volver presentar estas entrevistas con axuda de actores, establécese unha relación entre o malestar físico e a situación violenta. Nace a representación sociopolítica.
The Signal, 2011
00:30:27
Tomando como punto de partida o relato dun soldado, a obra explora o signicado dentro da estratexia militar da paisaxe e do potencial do corpo humano.
Reading from a Ribbon, 2012
00:26:45
Reading from a Ribbon analiza desexos e posibilidades á hora de crear igualdade nas relacións sociais. A peza parte dun monólogo que toma forma de carta. O texto preséntase de varias maneiras: cosido a un lazo de doce metros que se desdobra lentamente, escrito nun disfrace, e falado por un performer. Unha tensa coreografía permite que o texto se desdobre durante 24 minutos, nos cales unha audiencia é testemuña de varias fases dunha narrativa desenvolvida con teatralidade.
A peza está composta de catro performers: unha muller de 50 anos, un home de 70, unha nena de 12 e a propia artista. Os diferentes papeis tamén representan distintas relacións sociais posibles, descritas no texto como nai ou pai ou filla, relacións románticas, ou irmás. Os performers case sempre aparecen en solitario, para atoparse tan só nalgúns momentos, nos cales se mostra unha dependencia mutua.
Glass and Honey, 2012
00:34:08
Glass and Honey versa sobre a mercantilización das relacións sociais e a alienación na sociedade capitalista. O personaxe «Artista» recita o texto a través dun micrófono e a continuación escríbeo sobre o muro de atrás. A artista move bloques de construción situados contra ese muro e colócaos arredor do outro personaxe, «50 F». Esta actividade é interrompida por breves interaccións entre dous performers que actúan illados o un do outro. Chegado un punto, a «Artista» coloca a cabeza sobre o colo de «50 F», quen á súa vez lle arrinca un pelo.
Tarde: 17.15-20.30h.
Tenant, 2012
01:18:00
En Tenant, o fogar familiar convértese en escenario para recrear un diálogo guionizado que toma como punto de partida a historia sobre a Sra. Schumacher, inquilina do avó da artista en Berlín durante a Segunda Guerra Mundial. De convicción comunista, axudou a Vladimir Lenin a cruzar de Suíza a Rusia en 1917, tras o estalido da Revolución de Febreiro. A relación entre a linguaxe e os movementos do corpo analiza o papel que ambos os dous elementos desempeñan na creación do coñecemento e as relacións sociais. Tenant describe as rutinas que se producen no ámbito familiar como son comer xuntos, facer os deberes ou o momento do baño, que á súa vez se insiren dentro dun contexto histórico e social, e se interrompen repetidamente, por exemplo, por unha performer que cae polas escaleiras no preciso instante no que alcanza o cume. «Na miña obra, o corpo transfórmase nun fráxil soporte en perigo constante. Ogallá puidese baleirar de signicado os espazos institucionalizados; non obstante, isto non levaría á neutralidade senón que se volvería cargar máis con connotacións de xénero, idade, raza ou clase».
Clean Air, 2013
00:26:15
Clean Air analiza a proxección do signicado na paisaxe. Por exemplo, os Alpes están ligados ao poder, a pureza ou a limpeza, termos tamén empregados para referirse á identidade alemá a partir da década de 1920.
Dúas mulleres performers de xeracións diferentes responden ante esta estrutura mental cunha coreografía de danza, música, disfraces, leite e calceta.
Only a Free Individual can Create a Free Society, 2014
01:20:00
En Only a Free Individual can Create a Free Society, Schwindt recupera discusións das que fora testemuña de nena rodeada de persoas en Frankfurt. O diálogo da película está extraído dunha entrevista que a artista realizou a un activista de esquerdas influenciado polo panorama político das décadas de 1960 e 1970, configurado pola Escola de Frankfurt, a oposición extraparlamentaria e a Baader Meinhof Gang.
A longametraxe Only a Free Individual can Create a Free Society é resultado dun extenso período de ensaios (5 semanas) con once bailaríns e un dramaturgo, durante o cal se empregaron diagramas para elaborar unha minuciosa coreografía. A película mostra vestimentas de corte xeométrico e de cores variadas, realizadas con aluminio, cartón, seda e veludo, ademais dun inxente traballo de posprodución no que se creou unha narrativa que cuestiona como se entendeu e se entende o concepto de liberdade, quen ten acceso a ela e como as estruturas sociais e políticas deben comportarse para construír unha sociedade libre.
Grace Schwindt (Alemaña, 1979) estudou fotografía na University of Westminster e un MA in Fine Arts na Slade School of Fine Art, Londres. Actualmente imparte clases en Goldsmiths, Londres. Os seus traballos puideron verse, recentemente, en South London Gallery, Institute of Contemporary Arts, ou Whitechapel Gallery, Londres; Collective Gallery, Edimburgo; Wiels - Centre for Contemporary Arts en Bruxelas; a 14ª Bienal de Istambul ou en White Columns, Nova York.
Fotografía de portada: Tenant, 2012. Cortesía da artista e Zeno X Gallery, Antuerpen