rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
‘9 x MARCO’

‘9 x MARCO’

Datas: 
11 novembro 2011 - 13 novembro 2011
Prezo: 
entrada libre

O domingo 13 de novembro, o MARCO cumpre nove anos dende a súa apertura ao público en 2002. Con motivo desta celebración, o venres 11, sábado 12 e domingo 13 de novembro terá lugar a festa do 9º aniversario, cun programa de actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que se mostran en salas:

   YOU ARE NOT ALONE, na planta baixa

Coproducida entre a Fundación ArtAids, a Fundació Joan Miró e o MARCO de Vigo, esta mostra colectiva reúne a 18 artistas contemporáneos de todo o mundo que contribúen á loita contra a estigmatización cunha mirada innovadora sobre a causa, as consecuencias e o contexto actual da sida, así como sobre as formas para combatelo.

   KARMELO BERMEJO, no primeiro andar

A partir da idea do museo como xerador de valor, a exposición de Karmelo Bermejo —cuarta proposta do ciclo ‘Entrar na obra’— provoca unha reflexión sobre os xogos de poder que rodean á obra de arte, á súa produción e á súa recepción por parte do público. A mostra, titulada ., reúne un total de 10 pezas, dúas das cales se sitúan fóra do espazo físico das salas.

Para esta especial ocasión, o museo permanecerá aberto ao público nun horario máis amplo do habitual, incluíndo a noite e madrugada da fin de semana: dende as 11.00 da mañá do sábado ata as 03.00 do domingo, e reanudándose dende as 11.00 ata as 21.00 do domingo.

PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES

Resistencias. Días de acción e pensamento


Creación escénica europea contemporánea con Olga de Soto e Juan Domínguez, nunha iniciativa comisariada por Pablo Fidalgo Lareo

Horario: Una introducción, por Olga de Soto: venres ás 21.00
            Todos los buenos espías tienen mi edad, por Juan Domínguez: sábado ás 20.00
Lugar: salón de actos
Entrada gratuíta ata completar aforo, previa recollida en taquilla a partir das 17.00, o mesmo día         de cada función

Resistencias. Días de acción e pensamento é un proxecto comisariado por Pablo Fidalgo Lareo para o MARCO. Esta iniciativa nace para atraer a Galicia a creación escénica europea contemporánea e dar lugar a unha nova relación entre comisarios, artistas e públicos, que posibilite un novo contexto en Vigo para a acción e o pensamento escénico. Repensamos o espazo do Museo como lugar idóneo para presentar a arte en vivo, o corpo, o movemento e a palabra. Nesta primeira edición programamos dous dos coreógrafos españois máis recoñecidos internacionalmente: Olga de Soto, residente en Bruxelas, presenta Una introducción, e Juan Domínguez, residente en Berlín, mostra Todos los buenos espías tienen mi edad.

“Todos los buenos espías tienen mi edad, de Juan Domínguez, invítanos a vivir o antes, o durante e o despois da produción dunha obra, e todo iso, de forma simultánea. O presente é futuro, é pasado. Propón aos espectadores que espíen os intervalos entre a emerxencia de ideas para coreografías e a coreografía destas ideas. Necesitamos os procesos de identificación implícitos nas actuacións en vivo? As accións resaltan as relacións entre a escritura e a lectura da propia obra. Lanzan os espectadores dentro da galaxia das alucinacións, do mundo dos soños, do espazo da imaxinación. Ou será no espazo dos pensamentos onde nos mesturamos nun contacto íntimo co coreógrafo? O dispositivo parece propoñer distancia pero, finalmente, temos a sensación de facer o amor cos pensamentos do artista, connosco mesmos, con ambos os dous á vez”. (Texto de Anne Passant). Juan Domínguez ofrece esta obra en Vigo despois de presentala en países de todo o mundo dende o ano 2002.

Olga de Soto prosegue o seu traballo de investigación coreográfica cuxos vectores principais son a historia da danza e a percepción, dirixindo a súa mirada cara a La Mesa Verde, do coreógrafo alemán Kurt Jooss, considerado un dos espectáculos politicamente máis comprometidos xamais realizados, no que o coreógrafo denuncia o auxe do fascismo e a guerra. Que recordan dunha obra escénica aqueles que realizaron un espectáculo hai moito tempo, ou aqueles que permiten, grazas ao seu labor, que continúe existindo hoxe en día? En que consiste o traballo de transmisión? Que é ser intérprete? Cal é o sitio que ocupan e o papel que xogan os bailaríns, os intérpretes na historia da danza? Como evoluciona unha obra dentro da súa propia historia? E no seo da Historia? Que impacto ten unha obra politicamente comprometida na memoria do público? Achados inesperados, recollidos ao longo dun camiño dramatúrxico rico que se articula en dirección dunha memoria colectiva emocionante. A peza chega a Vigo despois de presentarse no Culturgest de Lisboa e antes de facelo no Museo George Pompidou de París.

Paseo sonoro co Cuarteto Caramuxo


Catro intérpretes de clarinete, unha percusionista tradicional e un acordeonista

Horario: sábado ás 23.00
Lugar: vestíbulo principal
Patricia Cela, Alonso Caxade, Felipe Agell, Oscar Prieto, Xoán Carlos Vazquez e Fernando Abreu

O Cuarteto Caramuxo vén de publicar o seu primeiro traballo discográfico co título de TIRURIRU. O camiño percorrido dende a súa formación ata este traballo foi moi diverso, comezando dende o máis clásico ata chegar ao repertorio actual —de carácter popular— co que gozan plenamente, dándolle ós seus concertos un aire festivo que contaxia ó público e que intensifica o seu valor. A súa coidada posta en escena tende máis cara a un espectáculo teatral cá un concerto ó xeito tradicional. As claves da singularidade do Cuarteto Caramuxo residen en dous feitos fundamentais: por unha banda, a instrumentación e, pola outra, os arranxos. Catro intérpretes de clarinete —que abranguen toda a familia do instrumento—, unha percusionista tradicional e un acordeonista, todos eles cunha variada formación académica que vai dende a música antiga ata a contemporánea, pasando pola música tradicional, a pedagoxía ou a musicoterapia. A mestura de todos estes elementos nuns arranxos colectivos onde cada un achega a súa propia personalidade e bagaxe musical, dan como resultado unha música fresca e orixinal que non persigue estilos nin referentes musicais alleos.

Chámalle X. VIII Xornadas de Arte de Acción

‘Nyam, nyam’, de Lucía Peiró


Lugar: panóptico, planta baixa
Horario: venres ás 20.00
Organiza: Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo

O MARCO colabora coa nova edición 2011 de Chámalle X, acollendo unha performance da valenciana Lucía Peiró, que dende principios dos anos noventa está involucrada na arte interdisciplinar e de acción, a poesia visual, as intervencións e as manobras artísticas. No seu traballo performativo a voz é parte importante no desenvolvemento da acción, pero non como un exercicio puramente fonético, senón como punto de partida e inflexión para unha proposta de cuestionamiento público. Actualmente forma parte do grupo Simberifora A. C., traballando coa xestión e autoxestión de artistas interdisciplinares e de arte de acción.

‘Arte & Vida’. Talleres para familias


Actividades para público familiar en torno á exposición ‘YOU ARE NOT ALONE’

Para nenos/as a partir de 3 anos acompañados de persoas adultas
Lugar: Laboratorio das Artes
Horario: sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00

Como cada ano nesta ocasión, o departamento educativo do MARCO ten preparada unha programación especial de talleres e actividades para público familiar. Neste 9º aniversario realizouse unha selección e adaptación das actividades que nestes meses se centran na exposición YOU ARE NOT ALONE. Baixo o título ‘Arte & Vida’, combinamos diferentes xogos e procesos creativos analizando as obras dos artistas presentes nesta mostra colectiva, con atención especial á súa dimensión social e solidaria. Deseños de pratos, papeis que brillan, post-it de cores, figuras de arame, caixas-escenario... A partir de sinxelas accións e materiais creamos as nosas propias obras, individualmente e en grupo, para un resultado de gran visibilidade. Todo iso no Laboratorio das Artes, o espazo de didáctica do primeiro andar.

Maratón ArtFutura 2010. ‘Repasando o futuro’


Proxección en continuidade do programa audiovisual desta edición

Lugar: salón de actos
Horario: domingo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00
PROGRAMAS· De 12.00 a 14.00 Programa A· De 17.00 a 21.00 Programas B e C

A edición deste ano ten como protagonistas dous novos documentais sobre a cultura dixital: Connected e PressPausePlay. Connected, dirixido por Tiffany Shlain, é un fascinante documental onde Shlain crea vínculos sorprendentes entre as abellas do mel e o estrés, as hormonas e a felicidade, a tecnoloxía e a natureza, e o progreso e as súas consecuencias no mundo actual. O resultado é unha película persoal con resonancia universal. PressPausePlay, pola súa banda, está dirixido por David Dworsky e Victor Köhler e cobre tanto o campo musical como o do deseño e new media. Con máis de 150 horas de metraxe, o documental inclúe entrevistas con algúns dos máis influentes creadores da era dixital. Músicos e creativos como Moby, Bill Drummond, Ane Hilde (Wire Magazine), Brenda Walker, Christopher Weingarten (Rolling Stone Magazine), entre outros.

Música e Coctelería sólida e líquida no MARCO restaurante&café


Coctelería ofrecida por Miguel Oliveira e acompañada por música electrónica de Tamara Vaquero

Lugar: MARCO restaurante&café
Horario: sábado a partir das 23.00

O MARCO restaurante&café únese á programación da Festa Aniversario para celebrar co público nove anos de apertura. A coctelería especial de Miguel Oliveira estará acompañada por música electrónica de Tamara Vaquero, dende o ‘ambient’ e o ‘trip-hop’ a horas máis temperás, ata o electro e ‘dubstep’ conforme a noite avance.

O MARCO por dentro


Visitas guiadas ás exposicións, na compaña dos monitores de sala

Lugar: salas de exposición
Horario: sábado e domingo ás 13.00 e ás 17.00

Durante toda a fin de semana, o persoal de salas estará a disposición dos visitantes para realizar percorridos comentados polos espazos expositivos: a mostra colectiva ‘YOU ARE NOT ALONE’, na planta baixa; e a individual de KARMELO BERMEJO no primeiro andar.

Mercadillo do libro


Libros e catálogos a prezos especiais

Lugar: tenda-librería PLAXIO (vestíbulo principal)
Horario: venres e domingo de 17.00 a 21.00; sábado de 11.00 a 21.00

Co gallo do Aniversario, a tenda-librería PLAXIO ofrece unha selección de fondos con importantes descontos sobre o prezo de venda ao público: catálogos do MARCO, libros de deseño, arquitectura, fotografía e literatura infantil, nunha oferta realmente especial, a disposición dos visitantes no vestíbulo do museo.

Descarga: