rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Actividades e obradoiros para usuarios de Fundación Aldaba

Actividades e obradoiros para usuarios de Fundación Aldaba

Datas: 
14 xuño 2017 - 14 xullo 2017
Horario: 
mércores e venres de 11.00 a 12.30 e de 12.30 a 14.00
Lugar: 
Laboratorio das Artes (1º andar)

Colaboración da área de Didáctica do MARCO con Fundación Aldaba
O Museo desenvolve un programa de obradoiros en torno á obra de Ánxel Huete dirixidos a adultos e menores en situación de vulnerabilidade.

As actividades inscríbense na colaboración da Obra Social “la Caixa” con ambas as dúas entidades.

Ao longo destes meses, o programa educativo do MARCO desenvólvese en paralelo ás exposicións temporais, sacando partido da presenza das obras en salas e das súas posibilidades didácticas, con visitas e obradoiros específicos dirixidos a escolares e outros grupos destinatarios. Neste ano 2017, esta programación veuse reforzada polo apoio da Obra Social “la Caixa”, cun incremento tanto no número de visitas e participantes, como nas posibilidades de atención a grupos con necesidades especiais. 

No contexto deste programa, a partir de mediados de xuño —unha vez finalizado o curso escolar— estableceuse unha nova liña de colaboración con 
Fundación Aldaba, entidade sen ánimo de lucro con ampia traxectoria e experiencia no traballo con persoas e colectivos en risco de exclusión.https://fundacion-aldaba.org/

A iniciativa materializouse na posta en marcha dunha serie de obradoiros destinados a persoas e colectivos en situación de vulnerabilidade —concretamente persoas adultas tuteladas con enfermidade mental e/ou discapacidade intelectual, e menores — usuarios dos programas “A su lado”, “Encontro”, e “Caixaproinfancia”, desenvolvidos por Fundación Aldaba, no ámbito da acción tutelar de adultos e o reforzo educativo de menores en situación de risco ou desamparo.

Deseñados conxuntamente e conducidos por persoal de Didáctica do Museo e técnicos responsables de Fundación Aldaba, os obradoiros xiran en torno ás obras da exposición “ÁNXEL HUETE. Unha revisión crítica”, que nestes meses ocupa os espazos da planta baixa.

Durante os obradoiros, combinados con visitas a salas, os participantes convírtense en protagonistas activos, recreando e poñendo en práctica técnicas e conceptos directamente relacionados coas obras en exposición. Tomando algunhas como exemplo, reflexionamos sobre o binomio figuración/abstracción, sobre signos e referentes icónicos, sobre os cambios na percepción da imaxe e recursos de ocultación e descubrimento, sobre o cadro como obxecto real. Simultaneamente, experimentamos con xestos e trazos pictóricos, con técnicas como o dripping ou chorreo en capas; con esponxas, fumigadores, cintas de pintor, e outros instrumentos en lugar do pincel clásico.

Nas últimas sesións, o stencil ou plantilla é o medio utilizado para a realización dun mural na propia sala de Didáctica (“Laboratorio das Artes”), conducido por Dudi Villanueva, en sintonía con proxectos similares que Fundación Aldaba ten desenvolvido ao longo deste ano con outros grupos de usuarios.