rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
AGUZAR O OÍDO 23 claves para escoitar a modernidade

AGUZAR O OÍDO 23 claves para escoitar a modernidade

Datas: 
16 outubro 2013 - 30 abril 2014
Horario: 
mércores de 20.00 a 21.00
Lugar: 
salón de actos

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con Vertixe Sonora 

Docente: Emilio Lede Abal, integrantes de Vertixe Sonora Ensemble, e relatores invitados

CONTIDOS:

Co curso titulado ‘AGUZAR O OÍDO. 23 claves para escoitar a modernidade’, o MARCO continúa o seu labor de divulgación da arte do noso tempo ofrecendo un novo espazo de achegamento á música contemporánea e ao resto de experiencias estéticas nas que o son é o centro de investigación artística. Son 23 sesións que percorren diferentes aspectos da arte musical en relatorios minuciosos, cunha linguaxe accesible, amena e didáctica que pretende suscitar debate entre os asistentes, espertar complicidades, habilitar espazos recónditos de emoción e escapar do academicismo abrindo novas vías de disfrute e proximidade á escoita. Organizado conxuntamente con Vertixe Sonora Ensemble, e coa participación de Emilio Lede como relator principal, conta coa colaboración de diversos especialistas na materia de ámbito estatal (xornalistas, musicólogos, investigadores, artistas sonoros, compositores, músicos) que complementan unha proposta que ten a vontade de abarcar a diversidade da paisaxe musical actual.

‘AGUZAR O OÍDO’ completarase con puntuais intervencións musicais a cargo dos solistas de Vertixe Sonora Ensemble, que permiten vivenciar experiencias de concertos de pequeno formato.

INFORMACIÓN PRÁCTICA

Prezo de matrícula

• 130€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes,previa acreditación), coa posibilidade de pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

• Descontos especiais por inscrición en 2 e 3 cursos

Para este curso, e no marco do convenio asinado pola Universidade de Vigo e a Fundación MARCO, está autorizado o recoñecemento de 1 crédito de libre elección e 23 horas computables por créditos ECTS para alumnado da Universidade de Vigo.

CALENDARIO E PROGRAMA

NOTA: durante a tempada 2013-14, por coincidir con festivos e outros eventos, non haberá curso os seguintes mércores: 6 e 13 de novembro, 4 e 25 de decembro, 1 de xaneiro, 16 de abril.

BLOQUE 1

Sesión 1 (mércores 16 outubro)
Como escoitar música contemporánea?

Sesión 2 (mércores 23 outubro)
As diversas tendencias do cambio de século

Sesión 3 (mércores 30 outubro)
Gustav Mahler, un compositor entre dous mundos

Sesión 4 (mércores 20 novembro)
Formas de arte total nunha nova era visual
Relatora invitada: Yolanda Uriz. Artista sonora

Sesión 5 (mércores 27 novembro)
O apolíneo e o dionisíaco, o “belo” e o “feo” na música e na arte de principios do século XX

Sesión 6 (mércores 11 decembro)
Paisaxe sonora e fonografía. Unha reflexión sobre a escoita
Relator invitado: Xoán-Xil López. Colectivo Escoitar

Sesión 7 (mércores 18 decembro)
Claude Debussy e Maurice Ravel: o timbre refinado e sensual, transparente e preciso

Sesión 8 (mércores 8 xaneiro)
O expresionismo da II Escola de Viena, exacerbación do pathos romántico alemán

Sesión 9 (mércores 15 xaneiro)
O Neoclasicismo: unha reacción contra a "expresividade" romántica. Os nacionalismos musicais, a idealización romántica da música popular

BLOQUE 2

Sesión 10 (mércores 22 xaneiro)
Igor Stravinsky, cosmopolita a contracorrente dende a periferia

Sesión 11 (mércores 29 xaneiro)
As vangardas convértense en academias. Que é a modernidade? Os que non son nin vangarda nin academia

Sesión 12 (mércores 5 febreiro)
Un proceso histórico: tonalidade - atonalidade - música dodecafónica - serialismo
Intervención Vertixe Sonora: Vadim Yikhnevich, acordeón
Nicolaus A. Huber. Auf Flügeln der Harfe (15')

Sesión 13 (mércores 12 febreiro)
Os cursos de Darmstadt nos anos 50 do século XX e a importancia da estrutura, do elemento arquitectónico na música
Intervención  Vertixe Sonora: Pablo Coello, saxo
Alexander Khubeev. Sax of One [estrea mundial] (6')

Sesión 14 (mércores 19 febreiro)
Pierre Boulez: líder da vangarda na posguerra, promotor do IRCAM e intérprete esclarecedor
Intervención Vertixe Sonora: Thomas Piel, cello
Milica Djordjevic. Fail (8')

Sesión 15 (mércores 26 febreiro)
O estudo (científico) do timbre e a música espectral
Intervención Vertixe Sonora: David Durán Arufe, piano
Stefan Prins. Piano Hero #1
(10')

BLOQUE 3

Sesión 16 (mércores 5 marzo)
Música no abismo: Doktor Faustus
Relator invitado: Enrique Gavilán

Doktor Faustus, la vida del compositor alemán Adrian Leverkühn (1943-47), a obra máis polémica de Thomas Mann (1875-1955), é tamén a novela máis importante que se escribiu xamais sobre música contemporánea. Nela formúlanse cuestións esenciais, e non só sobre estética; entre outras: ¿que produciu o cambio radical da primeira metade do século XX, cuxo arquetipo é o serialismo?, ¿que relación existe entre a paixón alemá pola música e o ascenso do nacional-socialismo?, ¿ofrece a música modelos para “escribir poesía despois de Auschwitz” sen caer na pornografía, na inxenuidade ou na barbarie?

Enrique Gavilán Domínguez é profesor de Historia medieval na Universidad de Valladolid, membro do grupo Sagunto, Grupo de investigación e acción teatral da Universidad de Valencia, e profesor invitado na Universidade de Bayreuth, Alemaña. O seu traballo céntrase na teoría da historia; en particular, as relacións entre teatro e historia. Entre as súas publicacións destaca a edición española de Sociología de la religión de Max Weber, así como Escúchame con atención. Liturgia del relato en Wagner (2007). Enrique Gavilán é autor de Otra historia del tiempo (2008) e Entre la historia y el mito: El tiempo en Wagner (2013), publicados pola editorial Akal.

Sesión 17 (mércores 12 marzo)
Sons do máis acá. Espazo interior, espazo exterior e desvaríos da escoita
Relator invitado: Ramón del Castillo

Profesor titular da UNED, especializado en Filosofía contemporánea e estudos culturais, Ramón del Castillo desenvolveu un amplo labor como difusor da música do século XX colaborando con entidades como a Escuela de Estudios Orquestales da Fundación Barenboim-Said, Radio Clásica de RTVE, Orquesta e Coro Nacional de España, Joven Orquesta Nacional de España, Centro para la Difusión de la Música Contemporánea, Teatro Real, Vicerrectorado de Extensión Universitaria da UNED, e cursos de difusión musical da Universidad de Cádiz, así como con distintos festivais. Dirixiu, entre outros, dezasete programas que RNE Radio Clásica dedicou ao compositor estadounidense Elliot Carter e ‘Sonidos, furias, ecos. Filmar la música y los músicos del siglo XX’, un ciclo de conferencias e proxeccións sobre música filmada, en CaixaForum (Barcelona). Actualmente imparte conferencias para o Master de Composición Electroacústica do Centro Superior de Enseñanza musical Katarina Gurska. Entre as súas publicacións, ‘Dichoso Ruido’, e ‘Prestar oído’ (sobre os libros de Alex Ross), ‘Piano, piano’ (sobre a música de piano na Nova York do século XX), ‘Sueño terminal’ e ‘El perfecto europeo’ (sobre a ópera The Perfect American, de Philip Glass) e ‘La idea de diálogo’, sobre Glenn Gould (para o ciclo ‘Diálogos’ da OCNE).

Sesión 18 (mércores 19 marzo)
O intérprete ante o espello
Relatoras invitadas: Angelica Vázquez Salvi e Emily King

Como pode un intérprete desenvolver a súa creatividade?, como pode abrirse camiño dentro do mundo contemporáneo?, como adaptarse a distintas propostas artísticas?, que pasos debe seguir para chegar a sortear calquera situación ou oportunidade performática que se lle presente coa maior seguridade e destreza posibles?, cales son as vantaxes dos proxectos en colaboración?

‘VIVO’. Peza para arpista e masaxista (40’)

Angelica Salvi e Emily King presentan ‘Vivo’ para arpista e masaxista; unha composición para 4 mans e un oínte/receptor. A peza está dividida en varias partes e narrativas de acordo coas distintas partes do corpo nas que se realiza a masaxe. Consta dunha estrutura determinada representada a través dunha partitura gráfica, dando espazo en determinados momentos para a improvisación, que se adaptará a cada oínte, para que a experiencia sexa o máis persoal posible. A reacción do oínte en tempo real influirá en factores como o tempo ou a intensidade. Esta peza non debe ser entendida como unha terapia por principio, senón como unha proposta universal co obxectivo de relaxarse e sentir a conexión dos sons producidos pola intérprete con cada un dos xestos e movementos realizados pola masaxista.

Emily King estudou masaxe na Escola de Masaxe de Biopulse, Francia, onde obtivo o seu certificado profesional en 2008. Dende entón traballou de xeito independente, desenvolvendo un estilo persoal que combina as súas influencias e inspiracións artísticas coas escalas técnicas e altos estándares desta arte dedicada ao confort humano e á saúde. A través dos seus talleres e colaboracións, explora estratexias creativas contemporáneas de masaxe por medio dun traballo na autoconfianza e o benestar. Vive entre Oporto e París.

Angelica Vazquez Salvi é unha arpista española que reside en Porto, Portugal. Finalizou os seus estudios de arpa clásica no Real Conservatorio Superior de Madrid, estudou Jazz en Arizona (USA) e realizou dous masters no Real conservatorio de La Haya (Holanda) especializándose en música contemporánea e experimental. É profesora de arpa do conservatorio de música de Oporto e dirixe o proxecto Female Effects. Actualmente colabora con diversas orquestras sinfónicas e é membro de Vertixe Sonora Ensemble.

Sesión 19 (mércores 26 marzo)
Breve Historia da Música Electrónica, I: ‘a versión oficial’
Relator invitado: Ángel Faraldo

Nesta primeira charla dedicada á Historia da Música Electrónica faremos un percorrido polas obras máis importantes do xénero, coa intención de revelar os presupostos, características, métodos e preocupacións fundamentais na orixe e evolución deste medio. 

Ángel Faraldo (Ferrol, 1980) é un músico experimental comprometido coa creación, a promoción e o ensino da música actual. Activo como compositor e improvisador, a súa obra complétase con instalacións sonoras, accións site-specific e deseño de son para teatro, danza e ópera. Está interesado na exploración sistemática de procesos que maximizan recursos mínimos, como se materializa no seu ciclo The Feedback Study Series (2010-2013), o seu sintetizador dixital MISS (2009) ou a súa concepción da no-input mixer. Ten colaborado con colectivos como POW Ensemble, Opera2day ou Modelo62 e artistas da talla de Ana Ladas, Matteo Marangoni, Ezequiel Menalled, Tanja Smit, Yolanda Uriz ou Raoul van der Weide. O seu traballo estivo presente en festivais e centros de Europa e Norteamérica, tales como Deep Wireless (CA), Spark (USA), Audio Art (PL), Gaudeamus Muziekweek, November Music, STEIM, Bimhuis, Koninklijke Schouwburg (NL), Biennial of Contemporary Music Koper (SI), SINKRO, In-Sonora, Via-Stellae, CGAC (ES), ElectroMediaWorks (GR), Le104 (FR) ou The Vortex (UK). Ademais, desenvolve un intenso labor como intérprete e realizador de música electrónica en vivo dende Vertixe Sonora Ensemble e dedícase ao asesoramento e desenvolvemento de ferramentas dixitais para instrumentistas e compositores. Dende 2010 é director do Instituto Galego de Sonoloxía, dende onde realiza labores de difusión e formación a través de concertos e obradoiros. Estudou no Real Conservatorio de Música de Madrid e no Instituto de Sonoloxía de La Haya (NL). Actualmente é estudante doctoral no Music Technology Group, Universitat Pompeu Fabra, Barcelona.

Sesión 20 (mércores 2 abril)
Breve Historia da Música Electrónica, II: ‘as outras Historias’
Relator invitado: Ángel Faraldo

Nas ‘outras Historias’ faremos un percorrido pola historia da música electrónica experimental, en busca de claves para entender numerosas prácticas musicais contemporáneas, como a electrónica en vivo, o circuit-bending ou o DIY

Sesión 21 (mércores 9 abril)
A invención da ópera moderna: Wozzeck e Lulu de Alban Berg
Relator invitado: Luis Gago

Nacido en Madrid, Luis Gago formouse na Universidad Complutense e no Conservatorio Superior de Música de Madrid. Foi Subdirector e Xefe de Programas de Radio 2 (RNE), membro do Grupo de Expertos de Música Seria da Unión Europea de Radiodifusión, Coordinador da Orquesta Sinfónica de RTVE, Editor do Teatro Real, e escribe habitualmente en El País. Realizou programas de radio para a BBC e é autor de numerosos artigos, monografías e notas ao programa, do libro Bach e da versión española do Diccionario Harvard de Música, ambos os dous publicados por Alianza Editorial. Traduciu La música y sus instrumentos, de Robert Donington; El códice musical de Las Huelgas, de Nicolas Bell; El Códice 25 de la Catedral de Toledo, de Michael Noone; Música y músicos en la corte de Fernando el Católico, de Tess Knighton; La interpretación histórica de la música, de Colin Lawson e Robin Stowell; El piano. Notas y vivencias e Música y sentimiento, de Charles Rosen; Bach, una herencia obligatoria, de Paul Hindemith; De Madonna al canto gregoriano, de Nicholas Cook; Apuntes biográficos de Joseph Haydn, de Georg August Griesinger; El ruido eterno e Escucha esto, de Alex Ross. Traduciu tamén os libretos de máis dun cento de óperas e oratorios, de Claudio Monteverdi a Wolfgang Rihm, incluídas as dez grandes óperas de Richard Wagner e un gran número de Lieder alemás. Colabora habitualmente con The Royal Opera House, Covent Garden (Londres), editou o libro Falla-Chopin. La música más pura, e escribiu e editou, para la Orquesta Nacional de España, os volumes monográficos dedicados á música da Viena de 1900, a inspirada polo Fausto de Goethe, o ciclo titulado Mirada a Oriente, un libro monográfico sobre o compositor estadounidense Elliott Carter e, en 2013, un libro titulado Diálogos. Impartiu clases na Academia de Estudios Orquestales da Fundación Barenboim-Said (Sevilla); é editor de Revista de Libros e director artístico do Liceo de Cámara da Fundación Caja Madrid. É o comisario da exposición conmemorativa do 25º aniversario do Auditorio Nacional de Música de Madrid.

Sesión 22 (mércores 23 abril)
A escoita e a memoria
Relator invitado: Álvaro Guibert

Se toda obra de arte é un mundo, unha creación que transcorre en paralelo á outra, á do Xénese, entón a apreciación artística require da memoria, a primeira das vellas potencias do alma, para a correcta avaliación dese paralelismo. Ademais, e por motivos diferentes, na música a memoria o é todo. A batalla musical da modernidade librouse no campo da memoria.

Álvaro Guibert (Madrid, 1959) é Director de Contenidos da Fundación Albéniz, crítico musical do diario La Razón, da revista El Cultural, onde mantén o blog "Qué raro es todo", e colaborador habitual de diversas publicacións. Tamén dirixiu e presentou en RNE Radio Clásica os programas ‘Hoy como ayer’ e ‘A la orilla’. Álvaro Guibert xa practicara a crítica musical en ABC, en Diario 16, e en revistas especializadas. Ten impartido conferencias e seminarios en Francia, Italia, Alemaña, Estados Unidos, e en institucións españolas como o Teatro Real, a Real Academia de Bellas Artes de San Fernando ou as Universidades de Granada, de Zaragoza e do País Vasco, entre outras. Deseñou e presentou concertos didácticos na Orquesta Nacional de España, Orquesta de RTVE, Orquesta Filarmónica de Gran Canaria e outras moitas. Foi coordinador do Centro para la Difusión de la Música Contemporánea, e xerente do Festival de Teatro Clásico de Almagro. Ata 1995 desenvolveu en España e no extranxeiro a súa vocación como compositor. Foi finalista do Premio SGAE para Nuevos Compositores e recibiu encargos de diversas orquestras, intérpretes e institucións. Paralelamente á súa formación musical, licenciouse en Ciencias Biolóxicas na Universidad Complutense, carreira que, con todo, non exerceu nunca. Actualmente dirixe o programa ‘'Música viva" en RNE Radio Clásica.

Sesión 23 (mércores 30 abril)
Helmut Lachenmann e Salvatore Sciarrino, dous xeitos complementarios de entender a composición
Relator: Emilio Lede

NOTA: tanto o programa xeral como as sesións a cargo de relatores invitados poden sufrir variacións nas súas datas e contidos, en función da dispoñibilidade dos relatores e do propio desenvolvemento do curso.