rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Amor e creatividade: unha complicada relación [CURSO DE HISTORIA DA ARTE]

Amor e creatividade: unha complicada relación [CURSO DE HISTORIA DA ARTE]

Datas: 
27 outubro 2021 - 25 maio 2022
Horario: 
MÉRCORES de 19.00 a 20.30
Lugar: 
Galería A3, planta baixa

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Total sesións: 23 

PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 5 de outubro

Prezo: 190€ (desconto do 20% para membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

AVANCE / PRESENTACIÓN

Tradicionalmente, a historia da arte non considerou a vida sentimental dos artistas como un asunto digno de estudo académico. Non obstante, algunhas das novas liñas de investigación abertas ou iniciadas nas últimas décadas do século XX, internáronse no estudo da importancia dos afectos na produción artística. Deste modo, demostrouse que a creación non sempre foi o resultado dun xenio solitario e masculino, estereotipo que toma moitos aspectos da figura do xenio romántico, senón que non foron poucos os creadores que optaron por traballar en parella, deixando a un lado a percepción individualista da práctica artística.

Este novo curso impartido por Ana Pereira, titulado “Amor e creatividade: unha complicada relación”, quere centrarse neste aspecto e ten como fío condutor o estudo da traxectoria vital e creativa das que traballaron en constante diálogo cos seus compañeiros de profesión e de vida, explorando as posibilidades desta dinámica.

Nalgúns casos, estes binomios creativos, que enfocaron a súa actividade en distintas canles expresivas, conseguiron traballar en pé de igualdade e así ser recoñecidos socialmente; pero na maioría das ocasións, mentres os varóns recibían o recoñecemento profesional e as súas obras eran premiadas e expostas sen cesar en museos e salas de exhibición de todo o mundo, a figura das súas compañeiras quedou esvaecida ou relegada a un papel secundario, malia establecer con eles diálogos moi fecundos.

Ao longo de diferentes sesións, este curso intentará despoxar a traxectoria profesional de parellas de creadores desa etiqueta simplista e redutora que adoita asignar sempre un papel secundario ás mulleres, intentando dar a cada artista a importancia que realmente tivo, para abandonar definitivamente esa manida senda na que un quedou coa fama, mentres outra caeu no esquecemento. 

AVANCE PROGRAMA / CALENDARIO
[No pdf. dispoñible para descarga]