rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Ángela de la Cruz

Ángela de la Cruz

Ficha

Datas: 
24 setembro 2004 - 5 decembro 2004
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a domingo (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Carlota Álvarez Basso

Obras en exposición

 O primeiro proxecto do Espacio Anexo consiste en dúas obras "in situ" realizadas pola artista Ángela de la Cruz. Trátase da primeira exposición individual en España dunha artista, galega de nacemento, da que a obra é moito máis coñecida no ámbito internacional.
Tanto Larger than Life (Máis grande ca vida) como Stuck (Incrustado) son pinturas-esculturas realizadas a medida para as dúas salas do Espacio Anexo, que xogan co sentido do espacio e dos seus límites en sentido real e figurado. Unha invade literalmente a sala principal impedindo o acceso do espectador a este espacio, mentres a outra, ao incrustarse na entrada do corredor de acceso á segunda sala, bloquea o paso á mesma.

Síntese do proxecto

"Ata agora, o meu traballo consistiu en varias liñas de investigación pictórica moi definidas que se poden agrupar dentro das seguintes categorías: Everyday Paintings (Pinturas do cotián), que interactúan con outras obras para crear pinturas-obxecto; Site-specific Paintings (Pinturas para un espacio concreto), que abandonan o plano vertical tradicional e a presentación moderna da pintura greenbergiana; Commodity Paintings (Liña básica: Ready-to-Wear, Loose Fit e Minimum), que salientan os conceptos de serie e repetición; Recycled Paintings (Pinturas recicladas), que reutilizan o bastidor ou o lenzo ata o infinito pintando sobre pintado a partir doutras pinturas; e Still-life Paintings (natura morta), que incorporan un obxecto.

As Still-life Paintings e Recycled Paintings constitúen a base dunha nova linguaxe, baseada no apropiacionismo na pintura: as obras son autoreferenciais e son conscientes da historia da pintura. Obras e obxectos aparecen distorsionados, inseridos un no outro, ou impulsados por outros traballos.

A última obra, Clutter (amoreamento), volve a introduci-lo uso do aluminio e dos obxectos de metal; os marcos metálicos convértense en contedores doutras pinturas; os lenzos transfórmanse en algo así como contedores de restos para reciclar.

Neste proxecto para o MARCO, volvo a considerar dous conceptos de obras anteriores: Larger than Life (Máis grande ca vida), que se presentou por vez primeira en 1998, e Stuck (Incrustado), de 2001. Durante os últimos anos, o meu traballo reflexiona sobre a "acumulación" de pinturas e o exceso de produción que, convertido en obra individual, adquire singularidade. Larger than Life (2004) e Stuck (2004) comparten similitudes conceptuais, se ben teñen máis que ver coa singularidade e a expresión que cos traballos en serie.

Ámbolos dous traballos fan referencia ao espacio. Son "site-specific", producidos especificamente para este espacio en concreto. O primeiro encáixase no seu interior e, a un tempo, ao facelo excede os límites do Espacio Anexo; o segundo incrústase no oco que dá acceso á máis pequena das dúas salas, sen poder entrar ou saír do espacio.

O Anexo ou sala de proxectos é un espacio situado na praza peonil posterior do museo, que un podería considerar como un "engadido". A idea de utilizalo como "contedor" de obras está vencellado a temas presentes nos meus traballos, como Parasite (Parasito, 1998) ou Clutter (Amoreamento, 2003); nestes casos, unha pintura contén outras. Deste xeito, arquitectura e pintura fúndense nunha única peza. O resultado final será un espacio-pintura transformado nun espacio-obxecto de natureza parasitaria onde ambos anulan os seus roles tradicionais.

A cor e a escala utilízanse tamén para representar a tradición pictórica e a arquitectura. A cor é un elemento importante nestas obras, xa que fai referencia á pintura histórica española, e á identidade do propio Espacio Anexo".


Ángela de la Cruz, 2004

Artistas

Ángela de la Cruz

Ángela de la Cruz (A Coruña, 1965), galega de nacemento, leva máis de quince anos residindo no Reino Unido. Despois de ter realizado estudios de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, trasládase a Londres, onde cursa estudios en diversas escolas de arte (Chelsea College of Art; Goldsmith's College; Master en Escultura e Teoría da Arte en Slade School of Art) e comeza unha prometedora carreira artística, que lle levou nos últimos anos a ser considerada unha das artistas máis interesantes da súa xeración. Na actualidade vive e traballa en Londres, e desenvolve actividades docentes na Chelsea School of Art, The Ruskin School, Oxford University.

Ángela de la Cruz ten exposto a súa obra por moitos países, pero a súa presenza en España foi moi limitada, e a mostra do MARCO supón a súa primeira exposición individual no ámbito español. Con ela continúa os seus proxectos para este ano 2004, no que, tras unha interesante proposta nun dos project room de ARCO'04, foi seleccionada para participar en "Manifesta" -que nesta edición tivo como sede a cidade de San Sebastián- e no Forum Barcelona 2004. No mes de xuño deste ano inaugurou a súa primeira exposición individual na mítica Lisson Gallery de Londres, a galería que actualmente a representa, xunto coa Galerie Krinzinger de Viena e Anna Schwartz Gallery de Australia.

Comisariado

Carlota Álvarez Basso

Carlota Álvarez Basso (Vigo, 1964) estudou Socioloxía na Universidade de Nanterre, en París. Entre 1992 e 1999 foi xefa do Departamento de Obras de Arte Audiovisuais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Foi tamén directora do Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra de 1999 a 2001 e deseñou e puxo en marcha o proxecto museístico do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, do que foi directora ata o ano 2005.

Foi membro de varios comités de honra e consellos asesores de institucións culturais e participou en xurados de premios e festivais. Ofreceu conferencias e mesas redondas de ámbito nacional e internacional, ademais de ser autora de grande variedade de textos críticos para catálogos e revistas.