rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Ángela de la Cruz

Ángela de la Cruz (A Coruña, 1965), galega de nacemento, leva máis de quince anos residindo no Reino Unido. Despois de ter realizado estudios de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela, trasládase a Londres, onde cursa estudios en diversas escolas de arte (Chelsea College of Art; Goldsmith's College; Master en Escultura e Teoría da Arte en Slade School of Art) e comeza unha prometedora carreira artística, que lle levou nos últimos anos a ser considerada unha das artistas máis interesantes da súa xeración. Na actualidade vive e traballa en Londres, e desenvolve actividades docentes na Chelsea School of Art, The Ruskin School, Oxford University.

Ángela de la Cruz ten exposto a súa obra por moitos países, pero a súa presenza en España foi moi limitada, e a mostra do MARCO supón a súa primeira exposición individual no ámbito español. Con ela continúa os seus proxectos para este ano 2004, no que, tras unha interesante proposta nun dos project room de ARCO'04, foi seleccionada para participar en "Manifesta" -que nesta edición tivo como sede a cidade de San Sebastián- e no Forum Barcelona 2004. No mes de xuño deste ano inaugurou a súa primeira exposición individual na mítica Lisson Gallery de Londres, a galería que actualmente a representa, xunto coa Galerie Krinzinger de Viena e Anna Schwartz Gallery de Australia.