rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
ArtFutura 2009 na Biblioteca-Centro de Documentación

ArtFutura 2009 na Biblioteca-Centro de Documentación

27 xaneiro 2010 - 31 decembro 2010

 

Xa está dispoñible o material audiovisual de ArtFutura 2009, o festival de Cultura e Creatividade Dixital de referencia en España que reúne os proxectos e as ideas máis importantes xurdidas no panorama internacional do new media, o deseño de interacción, os videoxogos, a animación dixital e outras formas de interacción de medios. Nesta edición 2009, e como dende 2003, o MARCO foi un dos centros participantes.

Da Realidade Virtual ás Redes Sociais é o nome de ArtFutura 2009. Nesta edición abórdase o tema da comunicación a través das diversas ferramentas que nos aportan Internet e os medios dixitais. Novas canles que fan posible un desenvolvemento a velocidade de vertixe e que se poidan establecer accións simultáneas en diversos lugares do mundo. Novas formas de vivir, experimentar e relacionarse con outros individuos grazas a un mundo cada vez máis dixital.

Todo o material presentado en ArtFutura 2009, ben sexa de creación audiovisual (animación, videoclip, documental, 3D) ou performances, actuacións e conferencias recóllese agora en 12 DVD a disposición de calquera persoa que desexe visionalos na Biblioteca-Centro de Documentación.

Os títulos son os seguintes:

  • ArtFutura 2009. De la Realidad Virtual a las Redes Sociales. Traballos de Improv Everywhere.
  • Digital Kitchen. Documental sobre o coñecido estudio.
  • 3DFutura Show. O mellor 3D do ano.
  • Reality Bytes. Últimos traballos de animación.
  • Improv Everywhere. Famoso grupo creador das “flashmobs”.
  • PES. Traballos de “stop-motion” de Adam Pesapane.
  • Futura Graphics. Novas estéticas en animacións, curtas, virais, videoclips, etc.
  • Cibermedia. Retrospectiva de dous programas de ArtFutura 1991 e 1992.
  • Mente Global. Retrospectiva de dous programas de ArtFutura 1991 e 1992.
  • The Best of the Rest. Selección do mellor de 20 anos de ArtFutura.
  • Chris Landreth. Tres grandes obras de Landreth.
  • 3D en España. Premio á mellor obra 3D de España.

Ademais, lembramos que tamén está dispoñible o material audiovisual das pasadas edicións de ArtFutura nas que participou o MARCO, de 2003 ata 2008.