rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Avance exposicións 2021

Avance exposicións 2021

Datas: 
2 febreiro 2021 - 31 marzo 2021

O MARCO fai balance dos últimos meses e avanza a súa programación de exposicións para o primeiro semestre de 2021, aprobada na recente reunión do Padroado da Fundación MARCO.

A reapertura ao público dos espazos da planta baixa —cos proxectos de Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador Cidrás/Juan Cidrás, e Mar Vicente— e a individual de Din Matamoro nas salas do primeiro andar, todas elas de produción propia, xunto á colaboración con outros museos e institucións —como o MEIAC de Badaxoz para itinerancia das exposicións de Glenda León e Celeste Garrido— son algunhas das chaves deste novo período.

O xoves 28 de xaneiro de 2021 tivo lugar por vía telemática a reunión do Padroado da Fundación MARCO que, entre outros asuntos de relevancia, fixo balance de 2020 e aprobou a programación de exposicións previstas para 2021, sempre que a situación sanitaria o permita. A Dirección do Museo fixo énfase na necesidade de continuar a liña de traballo iniciada a finais de 2019, mantendo activa a programación e dando prioridade ás necesarias tarefas de mantemento do edificio e da súa infraestrutura.

Nun balance positivo tras un ano especialmente complexo, ao longo deste 2020 conseguiuse manter a actividade cultural en condicións sanitarias seguras, e paralelamente avanzar en tareas prioritarias a medio e longo prazo: reparación de cubertas, acondicionamento de distintos espazos, instalación de novos sistemas de peche, e establecemento de criterios de eficiencia e control de gasto enerxético, en liña coas directrices do ICOM e os seus Obxectivos para un Desenvolvemento Sostible.

Ao mesmo tempo, avanzouse na colaboración con outras institucións (Universidade de Vigo, Fundação Carmona e Costa, Instituto Camões, AC/E, Fundación “la Caixa”, Fundación Sabadell, Fundación ABANCA) e museos, nomeadamente o MEIAC de Badaxoz para a coprodución e itinerancia das exposicións de Celeste Garrido e Glenda León en ambas as dúas sedes.

Cara ás perspectivas de futuro e programación de 2021, un dos feitos máis relevantes é a próxima reapertura das salas de exposición da planta baixa, o que —sempre que a situación o permita— recuperará para o público algúns dos espazos máis singulares do edificio. Para esta especial ocasión, a proposta reúne “4 PROXECTOS” dos artistas Mónica Alonso, Rosendo Cid, Salvador Cidrás/Juan Cidrás, e Mar Vicente, concibidos específicamente para cada un dos espazos da planta baixa.

A partir de mediados de abril, reforzando este interese e compromiso polas mostras de producción propia, a individual de Din Matamoro centrará a programación nas salas do primeiro andar. Un percorrido pola obra máis recente e evocadora dun artista esencial, que coincidirá no tempo coa mostra de Glenda León, posible grazas á colaboración co MEIAC de Badaxoz; Museo que comparte co MARCO o seu pasado como cárcere, un feito co que establecen un diálogo algunhas das obras presentes nesta exposición.

AVANCE EXPOSICIÓNS 2021

PLANTA BAIXA

10 abril - 12 setembro

“4 PROXECTOS”

Mónica Alonso

Rosendo Cid

Salvador Cidrás e Juan Cidrás

Mar Vicente

PRIMEIRO ANDAR

Din Matamoro

4 xuño - 7 novembro 2021

Glenda León

18 xuño - outubro 2021

PLANTA BAIXA

Manuel Quintana Martelo

outubro 2021 - febreiro 2022

PRIMEIRO ANDAR

Alfredo Alcain

novembro 2021 - marzo 2022

XXV Maratón Fotográfico “Concello de Vigo”

Outubro - decembro 2021

 

“4 PROXECTOS”

SALAS DE EXPOSICIÓN DA PLANTA BAIXA
10 abril – 12 setembro 2021 

Coa colaboración de: MÓNICA ALONSO


PLANTA BAIXA (Panóptico)

MÓNICA ALONSO
A maxia do colibrí.
6 casos desesperados 

Mónica Alonso (A Fonsagrada, Lugo, 1970) centra a súa primeira mostra individual no MARCO nunha única peza, baixo o título A maxia do colibrí. 6 casos desesperados. Unha obra que naceu en 2015, durante a estadía da artista en México, e que precisou de todo este tempo para madurar, escribirse e reescribirse. Nese ano Alonso presentou en México a obra O colibrí vermello, que está no xerme deste proxecto, vencellado coas historias e rituais máxicos asociados ao colibrí nas culturas precolombinas, e moi en liña co interese da artista sobre as relacións entre ciencia e superstición.

A maxia do colibrí reúne seis relatos de seis persoas angustiadas, con medos e obsesións comúns a outros seres humanos, a quen a través dunha médium se lles ofrece a posibilidade de curar os seus males (cada un deles asociado a unha cor) a través da morte dun colibrí. A obra está conformada pola reprodución dos colibrís como obxecto, xunto aos seis textos que relatan cada unha das historias. O conflicto xurde á hora de matar a un ser vivo. E, finalmente, todo pacto ten un prezo. 

PLANTA BAIXA (Patio A3, Galería A3, Perimetral A3) 

ROSENDO CID
Todo aquilo que sucede e con todo non é

Sobre o seu proxecto específico para o MARCO, sinala Rosendo Cid: “A partir do título albíscase a intención chave deste proxecto expositivo, desviándome do meramente descritivo para afondar no feito mesmo de todo acto creativo como mero ocorrer, como acontecemento, sendo consciente de todo aquilo que aconteza antes de que a peza estea completada pero que igualmente está implícito cando se finaliza.”

As pezas e montaxes de Rosendo Cid responden a esta idea, talvez abstracta, talvez poética, empregando –como na maioría dos seus traballos– materiais atopados ou desfeitos, algúns procedentes do seu propio taller. Atoparemos pezas escultóricas, fotográficas, e algunhas próximas ao pictórico, así como outras nas que o texto é parte fundamental, según a súa noción de que a palabra é tan importante como a peza ou o obxecto en si mesmo.

PLANTA BAIXA (Patio A2, Galería A2, Perimetral A2)

SALVADOR CIDRÁS e JUAN CIDRÁS
As formas partilladas

Salvador Cidrás (Vigo, 1968) e Juan Cidrás (Moaña, 1965) forman, dende 2015, un colectivo artístico que investiga o medio cerámico e téxtil dende unha perspectiva escultórica e pictórica, respectivamente. “O noso traballo céntrase na forma e o concepto de ‘aberrante’, aquilo que se aparta do que se considera normal, natural ou correcto, en oposición ao que se aferra –a convención– ou o que é formal. As pezas maniféstanse capaces de establecer relacións entre elas e mudar, xa sexa a través da forma, a cor ou a súa instalación no espazo.”

Pintar con lá, é o medio que lles permite explorar a liña, a mancha e a cor, usando o tecido sen necesidade de imprimar nin superpoñer materia sobre el. As pezas téxtiles evidencian a unión, o ensamblado, e fan que as fibras adquiran formas xeométricas; volumetrías que xeran marañas e sombras na parede. As pezas de cerámica exploran a súa natureza precaria e a manufactura vólvese inesperada tras a cocción. É precisamente esa calidade de transformación a que enriquece de matices o acto creativo. O proxecto para o MARCO incide nese carácter ‘aberrante’, implicando ao espectador e provocando percorridos e miradas cambiantes.

PLANTA BAIXA (Patio A1 e Galería A1)

MAR VICENTE
Sombras e cor 

Mar Vicente (Lugo, 1979) propón un proxecto específico para os espazos do MARCO, en sintonía cun traballo que se caracteriza pola economía de elementos cromáticos e compositivos, e pola experimentación coa forma vencellada á transformación do soporte pictórico. O punto de partida é o cadrado, que a artista desenvolve cara a terceira dimensión. O cubo, como o seu volume máis directo, adopta actitudes non convencionais que, xunto á iluminación cambiante e o punto dende onde se observa, afectan á percepción dos volumes e dos espazos.

A mostra do MARCO inclúe, xunto á unha selección de obxectos escultóricos, dúas intervencións específicas nas que as ilusións ópticas e a teoría da cor se conxugan para dar lugar a novas versións do mesmo espazo, xerando distintas experiencias. O espectador é o elemento activo que orixina diversas escenas, e quen fai que a experiencia da obra se multiplique e prolongue indefinidamente.

SALAS DE EXPOSICIÓN DO PRIMEIRO ANDAR

PRIMEIRO ANDAR (Salas frontais, Galería B3)

DIN MATAMORO


A mirada acesa  
4 xuño – 7 novembro 2021
Comisariado: Miguel Fernández-Cid
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Para a súa primeira exposición no MARCO, Din Matamoro (Vigo, 1958) toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é o gran silencio cheo de cousas posibles”. Esta mostra reúne unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que, como todo o traballo deste artista, implica todo un ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións. A intención é que a súa obra se vexa íntima, completa, que o espectador poida sentir a aparición e a aproximación lenta da cor na súa mirada, a enerxía interior que hai detrás da pel de cada pintura, gardando entre elas un espazo xeneroso.

Pinturas que se moven, que non se conxelan no tempo despois de seren pintadas, que conservan un latexo, unha enerxía que se despraza ante a ollada, sutilmente, como a luz cenital ao longo do día, ou a luz e as cores que se moven nas pantallas de cine. Se nos paramos a contemplar, a cor cambiará de intensidade e descubriremos o seu carácter intimo, certo misterio, a súa forza interior e, a un tempo, o tráxico cósmico no que o humano non é máis ca un eco, unha resonancia.

PRIMERA PLANTA (Sala de proyectos)

GLENDA LEÓN


Música das formas
18 xuño – outubro 2021
Comisariado: José Jiménez
Produción: MEIAC, Museo Extremeño e Iberoamericano de Arte Contemporáneo / MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Coa colaboración de:



Glenda León (A Habana, Cuba, 1976), que estudou ballet clásico, filoloxía e historia da arte na Habana, comezou a expoñer en 1999. A propia artista sinalaba nunha entrevista en 2013: “A música foi unha fonte de inspiración para min dende noviña. Por iso quixen ser coreógrafa durante moitos anos. Entón decateime de que o ingrediente principal destas ideas coreográficas da época era o visual". Ese é o núcleo deste proxecto e da súa obra; a síntese entre os sons e o visual.

En palabras do comisario da mostra, José Jiménez, “hai un dinamismo que brota do diálogo coas formas do son, da música, que está xa presente dende a época en que se produxo a invención cultural da arte, na Grecia Clásica. E é tamén nese contexto onde se percibe a relación entre os sons musicais e os movementos dos astros, o que Pitágoras denominou “armonía do cosmos” ou “música das esferas”. A música das esferas lévanos á música deste mundo, no que vivimos: de arriba abaixo, e de abaixo arriba. Son estas cuestións centrali para situar a traxectoria e o traballo artístico de Glenda León”.

SALAS DE EXPOSICIÓN DE LA PLANTA BAJA

MANUEL QUINTANA MARTELO


Containers 
Outubro 2021 – febreiro 2022
Comisariado: Juan Manuel Bonet
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Esta exposición reúne por vez primeira a serie Containers, na que Manuel Quintana Martelo (Roxos, 1946) leva traballando sen interrupción dende 2012, practicamente inédita.

Durante os últimos sete anos, Quintana Martelo centrouse nunha serie de cadros nos que o motivo, o gatillo, a escusa, son os colectores que atopa nas cidades que visita. Todos teñen un trazo común que consegue chamar a atención: inicialmente, unha presenza escultórica definida, unha composición atractiva e un impacto visual. A serie está baseada nun conxunto de colectores, tratados como presenzas escultóricas, pero tamén como bodegóns urbáns. Trátase da primeira exposición individual de Quintana Martelo en Vigo dende 2010.

A mostra reúne bosquexos, debuxos preparatorios, debuxos e acuarelas de grande escala, e cadros en diferentes formatos. Así, se pode seguir o modo de traballar do artista e a súa resposta ante distintos soportes.

SALAS DE EXPOSICIÓN DO PRIMEIRO ANDAR

PRIMEIRO ANDAR (Salas frontais, Galería B3)

ALFREDO ALCAIN


Novembro 2021 – marzo 2022
Comisariado: Miguel Fernández-Cid
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Para comprender a verdadeira singularidade de Alfredo Alcain (Madrid, 1936) hai que recordar que, como pintor, parte do ambiente figurativo madrileño, aínda que moi pronto introduce un elemento diferenciador: un humor fino, sutil, esixente e autocrítico, mesmo corrosivo, cos principios que lle parecen máis estables. Sabe ficar como ninguén nese espazo difícil que é o límite entre a tradición e a modernidade, porque Alcain, fiel á pouca pintura, é un deses artistas que sempre aparecen, se paran e analizan unha novidade ou un cambio de rumbo nos discursos expositivos, aínda que ás veces está guiado por certo –e lóxico– escepticismo. Consciente da súa condición de pintor-pintor, é irredutible: na súa vida, na súa actividade, non busca escusas nin propón pasos intermedios, e fai que todo xire arredor da pintura.

SALAS DE EXPOSICIÓN DO PRIMEIRO ANDAR

PRIMEIRO ANDAR (Sala de proxectos)

XXV MARATÓN FOTOGRÁFICO “Concello de Vigo”


Outubro – decembro 2021
Comisariado: AFG Agrupación Fotográfica Galega
Produción: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo 

Dende que en 1995 a AFG Agrupación Fotográfica Galega organizase o seu primeiro Maratón Fotográfico “Concello de Vigo”, este evento nunca deixou de celebrarse, se ben cambiou varias veces de espazo expositivo, evolucionou no seu formato e duración, e se adaptou aos cambios derivados dos avances técnicos e da fotografía dixital. Hoxe en día, aberto á participación de calquera persoa afeccionada á fotografía, o certame articúlase en torno a catro eixes: 24 horas de duración, 4 temas propostos pola organización, 20/25 series seleccionadas, e 3 series gañadoras.

As obras finalistas do Maratón Fotográfico Concello de Vigo exhibíronse en 2018 e 2019 no Espazo Anexo do MARCO. En 2020 celebrouse a XXV edición do certame e, con ese motivo, a súa sede trasladarase ao interior do edificio do Museo, formulada como unha dobre exposición. Nunha primeira fase (18 setembro -1 novembro) farase balance da súa traxectoria e percorrido, mostrando as obras gañadoras nas distintas edicións, en impresión individual, nunha mostra que poderá visitarse antes da celebración da xornada do XXV maratón. Aos resultados desta edición dedicarase a seguinte exposición, mostrando as obras seleccionadas como finalistas, de modo que o xurado elixirá as gañadoras o día da inauguración, e esas serán expostas en paneis ou en edición individual enmarcada.