rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Bad boys. Vídeos de artistas españois

Bad boys. Vídeos de artistas españois

Ficha

Datas: 
25 xuño 2004 - 5 setembro 2004
Lugar: 
Planta Baixa e Salón de Actos
Horario: 
Horario proxecións: 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 (pases ás 11.00, 12.30, 17.00 e 18.30)
Produción: 
Ministerio Español de Asuntos Exteriores
Comisariado: 
Agustín Pérez Rubio


Obras na exposición

A exposición consta de 14 vídeos en soporte DVD (dous por cada artista participante), que se exhibirán en proxeción monocanal, en continuidade, no Salón de Actos do MARCO. Preséntanse dúas pezas de cada artista: un traballo xa coñecido, e unha obra realizada ex-nuovo para o proxecto producido polo Ministerio Español de Asuntos Exteriores e presentado na Bienal de Venecia do pasado ano.

Itinerancia

  • 50 Bienal de Venecia. Fontego dei Tedeschi (13 xuño - 10 xullo 2003)
  • Centros Culturais de España en México, Lima, Montevideo, San José de Costa Rica e Santiago de Chile, dentro da Rede de Centros e Oficinas de Cooperación Cultural de España en Latinoamérica (agosto 2003 - maio 2004)
  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (25 xuño - 5 setembro 2004)

 

Síntese do proxecto

Dentro da programación do MARCO de Vigo, a eleción desta mostra non é casual. Tanto na súa programación de exposicións temporais como nos ciclos programados no Salón de Actos, o vídeo supón unha deliberada opción pola contemporaneidade. En consonanza co lugar cada vez máis destacado que o audiovisual ocupa nas nosas vidas, as producións videográficas sírvense das novas tecnoloxías non só como vehículo de comunicación, senón tamén como reflexión sobre os límites da arte e a súa repercusión. Neste caso, o espazo que habitualmente se dedica á proxeción de ciclos de cine, acolle unha exposición temporal, establecendo así unha conexión entre este ámbito e as salas de exposición.

Desde hai xa algún tempo, temos asistido en España a unha grande proliferación de obras de arte en formato videográfico. Isto débese a varias razóns, entre elas a inclusión de artistas españois dentro de parámetros e estéticas internacionais que asimilan a producción videográfica como unha ferramenta máis á hora de comunicar e expresar os conceptos nos que se basea a súa aposta artística. Por outra banda, o vídeo ofrece, como o cine, un modo de achegamento a estados, problemas e representacións do ser humano en tódalas súas vertentes. Non é de estrañar que os artistas utilicen o vídeo como presentación fiel e directa, creando unha atmosfera máis real nas súas acións ou narracións, tanto a través do son como da imaxe.

En España, moitos dos artistas que durante os anos setenta e oitenta proviñan de disciplinas como a escultura, a pintura ou a fotografía, adoptaron o medio videográfico e a súa rápida, eficaz e espectacular expresión para os seus traballos. Logo destes primeiros iniciadores, os herdeiros destes postulados, enraizados xa de pleno no manexo, producción e edición de pezas videográficas, e nas súas diversas vertentes narrativas, experimentais, cinematográficas, documentais, etc., comezan a obter excelentes resultados. O panorama español vaise nutrindo dunha boa canteira de artistas que empezan a gozar do respecto internacional, e que en moitos dos seus traballos fusionan o vídeo con outros medios artísticos. Por iso non é de estrañar que a maior parte destes artistas, ademais do vídeo, traballen noutros formatos como fotografía, escultura, performances ou instalacións.

Desde o punto de vista temático, BAD BOYS supón unha arriscada aposta por temas algo olvidados ou pode que non ben plantexados nos ensaios teóricos dos últimos tempos. Estes artistas baséanse na súa propia identidade, condición, xénero e experiencias, como presentacións desde onde buscar parte da súa propia identidade. A través das súas obsesións, desexos, inquedanzas, loitas, etc., extráese toda esta rebeldía, ironía, ousadía, e ata travesura, mais cada un deles ten unha vertente e un motivo diferente.

BAD BOYS presenta os traballos destes artistas intentando observar os principios e inquedanzas que reflicten a todos eles, e tamén a unha xeración que, como eles, non é allea ás cuestións políticas, á televisión, á música, ó propio mundo da arte, ós debates de xénero, ós nuevos sistemas dixitais, á desmitificación de roles, ó concepto de amizade, e a esa perda da inocenza adolescente. A súa forte actitude non deixa ó público indiferente, porque tratan, desde os seus diferentes mundos, de ser partícipes da mesma sociedade que lles rodea, e que ás veces lles fai sentir como eses Bad Boys de películas ou series de televisión, entre a ironía, o risco e o humor.

Artistas

    Carles Congost
    Fernando Sánchez Castillo
    Joan Morey
    Jon Mikel Euba
    Manu Arregui
    Pepo Salazar
    Sergio Prego

Texto curatorial

Sobre o porqué destes artistas

Manu Arregui centra o seu traballo no labor de creación dixital, e máis concretamente no modelado en 3D. Os seus temas son os xogos perversos coa adolescenza, transferidos a un mundo adulto onde a morte e os cadáveres, ou ben o sexual, a través do cuestionamiento da masculinidade, se dan a man en obras de pretendida factura xuvenil, como xogos de vídeo-consola, ou imaxes de ficción utilizadas na industria cinematográfica americana dedicada ó entretenemento xuvenil.

O traballo de Carles Congost versou desde sempre sobre a perda da inocenza dentro do universo adolescente, inmiscuído no que podemos denominar como cultura de club, e en todo o mundo de groupies e fans que conleva. Pero só formalmente, xa que ó final a súa crítica se cimenta corrosivamente no propio mundo da arte, na crítica e no papel autárquico do comisario.

Os vídeos de Jon Mikel Euba presentan fortes referencias cinematográficas, pero en esencia moitos deles semellan xogar coa idea dos rapaces cuadrilleiros, terroristas, delincuentes, ou semellan cuestionarse de xeito cómico e irónico as imaxes en si mesmas, a diferencia entre o que parece que observamos e o que realmente estamos a ver.

A través da súa marca STP> Soy tu Puta, Joan Morey creou sempre imaxes impactantes á hora de deconstruír a idea da masculinidade, utilizando drag-queens, ou ben amosando a alteridade sexual de forma explícita e sen enganos. Pero ademáis, a marca é un reflexo malintencionado a través do cal o artista cuestiona as formas de sometemento e dominación do mundo da arte ao propio artista contemporáneo.

Sergio Prego amósanos a súa pasión polos heroes do cómic, pola ciencia fición e pola aparataxe cinematográfica. En moitas das súas obras el mesmo pretende ser un pequeno heroe máis, tentando fazañas de imposible factura, que pasan por desafiar as leis da gravidade, ou deter o tempo. Aínda así, os seus traballos non deixan de ter unha grande forza visual, converténdose en verdadeiros espectáculos.

Pepo Salazar é outro dos artistas que, influídos pola performance e polo vídeo-clip, amosa a irreverencia dos comportamentos xuvenís. Dende skaters ou rapaces da rúa facendo pinchacarneiros coas súas bicicletas nun espacio artístico, ata actos vandálicos como o xogo con extintores de incendio, as imaxes case parecen sacadas dun noticiario logo dun grave incidente.

Para rematar, Fernando Sánchez Castillo utiliza a idea do xogo nos seus traballos, pero dende unha visión e cun cariz político-social. Así, os seus vídeos amosan por unha banda a idea do artista como executor político para a toma de golpes de estado -co seu camión-tanqueta ao máis puro estilo republicano- ou ben, noutros traballos, a destreza dos estudiantes dos anos setenta á hora de expulsar e impedir o paso nas facultades á policía franquista a cabalo.

 

Comisariado

Agustín Pérez Rubio


Agustín Pérez Rubio é director artístico de MALBA, Museo de Arte Latinoamericano de Bos Aires. Licenciouse en Historia da Arte pola Universidade de Valencia. Foi curador de máis de 90 exposicións en diferentes institucións como o MNCARS, Madrid; a 50ª Bienal de Venecia; Mucsarnok, Budapest; CGAC, Santiago de Compostela; Santralistambul, Estambul; Museo Nacional de Belas Artes, Bos Aires; Chalottenborg Kunsthalle, Copenhague; EACC, Castellón; 9 Bienal de Nicaragua, Managua; e Sesc-Pompeia - Videobrasil, São Paulo.

Pérez Rubio desenvolveu o seu traballo curatorial máis relevante no MUSAC, incluíndo destacadas exposicións monográficas dedicadas a artistas como Pierre Huyghe, Julie Mehretu, Dora García, Pipilotti Rist, Sejima + Nishizawa /SANAA, Elmgreen & Dragset, Harun Farocki, Dave Muller, Ana Laura Aláez, Ugo Rondinone, Azucena Vieites e Lara Almarcegui, entre outros. Tamén foi co-curador con Octavio Zaya e María Inés Rodríguez da exposición MODEL KITS. Pensar Latinoamérica dende a Colección MUSAC. Máis recentemente esta curando exposicións individuais de artistas como Superflex, Sophie Calle, Néstor Sanmiguel Diest, Rosângela Rennó ou Carlos Garaicoa, entre outros.

El foi o creador e director co-fundador de RADAR, diario do MUSAC de Arte e Pensamento, e director da colección de libros AA (Arte e Arquitectura MUSAC). Tamén é autor de varios libros de arte e catálogos de exposición, e contribuíu a diversas publicacións de arte. Por último, foi director de innumerables seminarios, xornadas e congresos, ademais de conferenciante en diversos simposios internacionais.