rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Prestige
Man
Dion
Haacke
Hazoumè
Hemauer & Keller
Ortega
Osodi
Patiño
Sekula
Sendón
Tiravanija

A Balea Negra. X Aniversario do MARCO

Ficha

Datas: 
5 outubro 2012 - 31 marzo 2013
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Pedro de Llano

Vídeo de: Xurxo Chirro e Miguel Matamoro


PRESENTACIÓN

A BALEA NEGRA é un proxecto expositivo que toma como punto de partida a crise provocada polo accidente do buque Prestige o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o MARCO, para documentar e rememorar aqueles días convulsos e para abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.

OBRAS EN EXPOSICIÓN


A exposición está concibida en varios eixes temáticos que se van entrecruzando nos espazos da planta baixa, e combina abundante material documental —prensa, fotografías, obxectos, testemuños, vídeos, pezas gráficas...— con máis de cincuenta propostas artísticas en diversos soportes, dende pezas históricas ata obras máis recentes de pintura, fotografía, escultura, vídeo, cinema, debuxo, e instalacións.

Actuación Obradoiro Vocal A Vila de Ponteareas

O venres 5 de outubro, ás 21.00, durante a xornada inaugural, terá lugar nuhha das salas de exposición unha actuación do coro ‘Obradoiro Vocal A Vila de Ponteareas’, dirixido por Alberto Abal, como activación da obra The Postpetrolistic Internationale [A Internacional Postpetroleira] (2009-2012), dos artistas Christina Hemauer & Roman Keller.

ARTISTAS

Alexander Apóstol (Caracas, Venezuela, 1969. Vive e traballa en Madrid e Caracas)
Marcela Armas (Durango, México, 1976. Vive e traballa en México D. F.)
Bernadette Corporation (Colectivo fundado en 1994 en Manhattan, Nova York)
Bernardo Bertolucci (Parma, Italia, 1941)
Ursula Biemann (Zúric, Suíza, 1955. Vive e traballa en Zúric)
Andrea Bowers (Wilmington, Ohio, 1965. Vive e traballa nos Ánxeles, California)
CLUI [Center for the Land Use Interpretation] (Colectivo fundado en 1994 nos Ánxeles, California)
Mark Dion (New Bedford, Massachusetts,1961. Vive e traballa en Nova York)
Carles Guerra (Amposta, Tarragona, 1965. Vive e traballa en Barcelona)
Hans Haacke (Colonia, Alemaña, 1936. Vive e traballa en Nova York)
Romuald Hazoumè (Porto Novo, República de Benin, 1962. Vive e traballa en Porto Novo)
Drew Heitzler (Charleston, South Carolina, 1972. Vive e traballa nos Ánxeles, California)
Christina Hemauer & Roman Keller (Zúric, Suíza, 1973/1979. Viven e traballan en Zúric)
Werner Herzog (Múnic, Alemaña, 1942. Vive e traballa en Múnic)
Peter Hutton (Detroit, Michigan, 1944. Vive e traballa en Tivoli, Nova York)
Iratxe Jaio & Klaas van Gorkum (Markina-Xemein, Biscaia, 1976 / Delft, Holanda, 1975. Viven e traballan en Róterdan, Holanda)
Xurxo Lobato (A Coruña, 1956. Vive e traballa na Coruña)
Man [Manfred Gnädinger] (Radolfzell, Alemaña, 1936 - Camelle, A Coruña, 2002)
Damián Ortega (México D.F., 1967. Vive e traballa en Berlín, Alemaña)
Georges Osodi (Lagos, Nixeria, 1974. Vive e traballa en Lagos e Londres, Reino Unido)
Alberte Pagán (O Carballiño, Ourense, 1965. Vive e traballa en Porto do Son, A Coruña)
Antón Patiño (Monforte de Lemos, Lugo, 1957. Vive e traballa en Madrid)
El Roto (Madrid, 1947. Vive e traballa en Madrid)
Analia Saban (Bos Aires, Arxentina, 1980. Vive e traballa nos Ánxeles, California)
Ken Saro-Wiwa (Bori, Nixeria, 1941 – Lagos, Nixeria, 1995)
Allan Sekula (Erie, Pensilvania, 1951. Vive e traballa nos Ánxeles, California)
Manuel Sendón (A Coruña, 1951. Vive e traballa en Vigo)
Robert Smithson (Passaic, Nova Jersey, 1938 – Amarillo, Texas, 1973)
Phel Steinmetz (Des Plaines, Illinois. Vive e traballa nos Ánxeles, California)
Michael Stevenson (Inglewood, Nova Zelanda, 1964. Vive e traballa en Berlín)
Rirkrit Tiravanija (Bos Aires, Arxentina, 1961. Vive e traballa en Nova York, Berlín e Bangkok)
The Yes Men (Andy Bichlbaum & Mike Bonanno)
xurban_collective [Guven Incirlioglu & Hakan Topal] (Colectivo creado en 2000. Viven e traballan en Nova York, Izmir e Istambul)

Síntese do proxecto


Neste ano 2012, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, cumprirá dez anos dende a súa apertura ao público. A BALEA NEGRA é un proxecto concibido como conmemoración do décimo aniversario do Museo, que toma como punto de partida a coincidencia desa data co afundimento do petroleiro Prestige nas costas de Galicia, 240 millas ao oeste de Fisterra, o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o MARCO. 

Dez anos despois, a crise provocada pola catástrofe do Prestige adquire unha dimensión museística servindo como punto de partida e catalizador deste proxecto expositivo. A BALEA NEGRA toma como base este acontecemento histórico para documentar e rememorar aqueles días convulsos, e para abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.

A exposición está organizada en varios eixes espaciais e temporais que se van entrelazando ao longo do percorrido polas salas da planta baixa, combinando a presenza das obras con abundante material documental. O punto de partida sitúase no vestíbulo de entrada, con dúas pezas de grande carga simbólica: un cranio de cetáceo intervido por Man —o ‘alemán de Camelle’ cuxo soño premonitorio serviu de inspiración para o título A balea negra—, xunto ao único fragmento que se conserva do petroleiro.

A partir de aquí, a rotonda do panóptico acolle a escultura de Damián Ortega como peza central, xunto á que se despregan distintos traballos que aluden a precedentes históricos da década dos setenta (Steinmetz, Hutton) e acontecementos actuais (Saban). As obras de Ortega e Saban mostran unha inquietante capacidade visionaria que conecta inesperadamente o equilibrio precario dunha sociedade dependente do petróleo co colapso da economía financeira, e anuncian tamén outros traballos de artistas latinoamericanos presentes na exposición.

A primeira sala está dedicada ao Prestige como acontecemento histórico; o seu contexto, naufraxio e efectos. Pinturas de Antón Patiño dos anos oitenta dialogan coa famosa fotografía de Xurxo Lobato e con todo un conxunto de materiais —vídeos, recortes de prensa, publicacións, obxectos, escritos, pezas gráficas— que serven como base documental e como eixe de varias liñas que conflúen noutros espazos. Unha delas conduce ás obras da seguinte sala, que aluden a episodios relacionados coa industria petrolífera no continente americano (CLUI, Armas, Apóstol), o seu impacto sobre as comunidades, e os seus efectos sobre a paisaxe.

Outro núcleo do relato expositivo sitúase no segundo patio, co trasfondo das obras de Allan Sekula — que contextualiza o accidente do Prestige nun momento histórico crucial, o do cambio de século— e que se presenta xunto á serie fotográfica de Manuel Sendón, a pancarta de Bowers e Müller como emblema do activismo en Alasca, e a carga crítica da película de Alberte Pagán, que se exhibe ao fondo da sala.

A mirada de Herzog na súa película Lessons of Darkness actúa como pano de fondo na seguinte galería, con varias propostas relacionadas con Oriente Medio (Biemann, xurban_collective), e a serie documental de Bertolucci, que se pode ler como antecedente simbólico deste contexto.

Xunto a pezas testemuñais sobre a pesca da balea e os debuxos de El Roto, o terceiro patio acolle a serie escultórica de animais cubertos de chapapote de Mark Dion, que se combina coa visión de Robert Smithson sobre os conceptos de sedimento e memoria, e que contribúe a realzar a idea do petróleo como mito dunha sociedade que será irrecoñecible unha vez que esta materia prima desapareza.

Outra sala pon o acento sobre o continente africano, coa obra de Hans Haacke e os traballos de autores como Osodi e Hazoumè, que trataron os abusos das compañías petrolíferas en Nixeria, nunha sección que se articula en torno á figura do poeta e escritor nixeriano Ken Saro-Wiwa. As imaxes de Osodi e Hazoumè traducen en imaxes a realidade á que Saro-Wiwa se enfrontou e actualizan a problemática que Haacke detectou a principios dos oitenta. Ao fondo desta sala, o mural de Tiravanija coa lenda ‘Less Oil More Courage’ funciona como utópica chamada á esperanza e á acción nun futuro cheo de incertezas.

A exposición conclúe cunha selección de obras e materiais documentais sobre a figura de Man, acompañados polo vídeo de Michael Stevenson, que transforma o real en fábula. As imaxes dos últimos traballos de Man antes da súa morte, o 28 de decembro de 2002, personifican a amargura do artista e de toda unha sociedade. O home que durante corenta anos viviu como un anacoreta nunha illa deserta, e que sufriu cando a temible ‘balea negra’ arrasou o seu paraíso, marca tamén o punto final do percorrido expositivo.

Texto curatorial

“A BALEA NEGRA é un proxecto expositivo que xorde da crise provocada polo accidente do buque Prestige. Nun primeiro momento, o seu propósito é rememorar e documentar un acontecemento que resultou crucial para Galicia e para España, no décimo aniversario do afundimento do petroleiro, 240 millas ao oeste de Fisterra. A marea negra que arrasou e contaminou as costas galegas —a partir de novembro de 2002 e ata ben entrado 2003— foi o detonante dunha mobilización social que esixiu que ‘nunca máis’ volvese acontecer algo parecido. As protestas que se sucederon en Galicia durante meses foron paralelas ao ciclo de manifestacións que se viviron daquela en España en contra da intervención na segunda guerra de Iraq, provocada, en boa medida, polo control dos recursos petrolíferos en Oriente Medio.

A exposición parte desta realidade concreta —que, como nos demostran as hemerotecas, foi un dos momentos, social e politicamente, máis intensos das últimas décadas— para contextualizarla e interpretala nun marco máis amplo. Así, tomando á industria petrolífera e os múltiples factores que a rodean como unha das principais manifestacións visibles das sociedades contemporáneas, o proxecto ábrese a temas diversos como a explotación da natureza, o colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización ou a guerra.

A partir desta formulación, a exposición desenvolve estes contidos en senllos eixes espaciais e temporais que se entrelazan ao longo dun percorrido no que se combinan obras de arte e materiais documentais. Xunto a episodios relacionados con Galicia —dende o accidente do Urquiola en 1976 ata o presente, facendo fincapé na crise do Prestige— o proxecto reúne obras vinculadas a lugares tan dispares como Alasca, Estados Unidos, Iraq, México, Venezuela, o Cáucaso ou Nixeria.

Dende o punto de vista temporal, remite a múltiples momentos históricos que van dende o pasado remoto no que se orixina o petróleo (‘ese podredoiro arcano que orienta e acaudilla aínda a xeopolítica dos nosos días’, en palabras de Rubert de Ventós), ata un futuro de ciencia-ficción. Esta simultaneidade de tempos extrema confire ao proxecto unha singular riqueza de significados, xa que nel coexisten os discursos xeolóxicos, arqueolóxicos e entrópicos de Robert Smithson, coa visión alucinada da Apocalipse que o cineasta Werner Herzog filmou ao documentar os pozos kuwaitís en chamas ou a crítica social, máis enraizada no presente, de autores como Allan Sekula, Alberte Pagán ou Ursula Biemann, entre outros.

Esta combinación de espazo e tempo favorece que xurda da exposición toda unha constelación de significados que superan amplamente a simple actividade da explotación e distribución petrolífera: cuestións ambientais, ecolóxicas, xeopolíticas, económicas, coloniais ou activistas, aparecen asociadas a nocións máis poéticas como o risco, a decadencia, a épica da busca de recursos en horizontes cada vez máis improbables, ou a tarefa destinada ao fracaso, pero heroica —como no mito de Sísifo— dos que loitaron contra as traxedias que vertidos reincidentes de fuel provocaron en lugares como Galicia, Alasca, a costa francesa ou o Golfo de México.

Coa referencia constante, repetitiva e asfixiante dun elemento tan vulgar, viscoso e pesado na súa materialidade como atractivo plasticamente, e simbólico dende o punto de vista do significado, a suma dos traballos dos artistas constitúe un conxunto no que o visual se alía coa narración, coa teatralidade e o cinematográfico; unha experiencia sinestésica que transmite con dramatismo, emoción e contundencia toda unha trama de discursos e contidos que afectan a algunhas das cuestións máis urxentes do noso tempo.

Así, a mirada orixinaria a un acontecemento local remata por se converter nunha visión panorámica do mundo contemporáneo, do seu pasado recente e remoto e do seu incerto porvir. O naufraxio do Prestige e a catástrofe que provocou no litoral de Fisterra transfórmanse así nun mito universal. A exposición parte do material, dun feito físico, comprobado, para elaborar un discurso ou relato que se sitúa a medio camiño entre a obxectividade da historia e a subxectividade das visións críticas, épicas, románticas e ata sublimes dos artistas.

O título da mostra trata de sintetizar todas estas dimensións e as numerosas capas de significado achegadas polas obras. ‘A balea negra’ é unha expresión tomada dunha entrevista concedida polo ‘alemán de Camelle’ (tamén coñecido como ‘Man’). Nesa entrevista Man contaba que, tempo atrás, unha xigantesca balea negra se lle aparecera en soños, arrasando a Costa da Morte, como un Godzilla occidental. Un soño que resultou premonitorio cando o Prestige naufragou no medio dun temporal, navegou sen rumbo durante uns días, derramou a súa carga de chapapote a destro e sinistro e afundiu, finalmente, nun abismo de 4.000 metros de profundidade no océano Atlántico. A imaxe dunha besta mitolóxica, que recorda ás criaturas monstruosas que o historiador romano Estrabón situaba nos mares de Fisterra, ou á balea branca da novela Moby Dick en tempos máis modernos, aparece así como unha representación chea de simbolismo do petroleiro, do seu estado ruinoso e do seu fatal destino.

O mesmo que na novela de Herman Melville a busca incansable da balea representaba, por un lado, a ansia por cruzar todas as fronteiras coñecidas en nome do progreso —o aceite de balea era unha das materias primas máis demandada na época—, e a loucura e soberbia á que pode chegar o ser humano ao medirse coa natureza, por outro; casos como o do Prestige ou o máis recente da plataforma Deepwater Horizon traen ao presente a mesma amálgama de obsesión, cobiza, explotación e arrogancia que caracterizou o capitán Ahab, aos mariñeiros que o seguiron cegamente na súa vertixinosa odisea cara ao desastre e, dende un punto de vista máis alegórico, á propia sociedade á que pertencían.

Seguindo o espírito de Moby Dick e das obras dos artistas presentes na exposición, A BALEA NEGRA non pretende ser un discurso moralizante sobre o medio, senón unha metáfora da complexa relación do home coa natureza. Traer ao presente a historia do Prestige reanima este debate, enlaza co ciclo de protestas actual e pon de manifesto a fraxilidade do noso modelo de progreso nun momento crítico chamado a redefinir a idea da modernidade, así como unha escala de valores alternativa”.

 

Pedro de Llano
Comisario da exposición

Comisariado

Pedro de Llano

 

Pedro de Llano (Santiago de Compostela, 1977) é historiador da arte e comisario de exposicións. Realizou a súa tese de doutoramento na Universidade de Santiago de Compostela a partir dunha investigación dedicada á crítica materialista de Clement Greenberg, levada a cabo no Getty Research Institute, Os Anxeles (EUA). Participa noutros proxectos de investigación no grupo de arte contemporánea da mesma universidade e coordina o Máster en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas. Editou os libros En tiempo real: El arte mientras tiene lugar (Fundación Luis Seoane, A Coruña, 2001 —en colaboración con Xosé Lois Gutiérrez) e Wrong Site: Arte e globalización (Fundación Luis Seoane, 2008). Colaborou coas revistas Exit Express (Madrid), Carta (Madrid), Afterall online (Londres) e Texte zur Kunst (Berlín), e con xornais como La Vanguardia (Barcelona). Escribiu textos sobre os artistas Tino Sehgal (Serralves, O Porto, 2005), Fernando José Pereira (Anamnese, O Porto, 2005), Hans Schabus (A cidade interpretada, 2006), John Knight (Afterall online, 2008), Sergio Prego (Galería Soledad Lorenzo, 2009), Stephen Prina (Afterall online, 2009) ou Mauro Cerqueira (Exit Express, 2011). Como comisario realizou os proxectos El medio es el museo (MARCO de Vigo e Koldo Mitxelena de San Sebastián, 2008 —en colaboración con Pablo Fanego) e In Search of the Miraculous, trinta anos despois, sobre o proxecto póstumo do artista holandés Bas Jan Ader (CGAC, Santiago de Compostela, 2010). Actualmente prepara un libro sobre Bas Jan Ader que se publicará en 2013.

Actividades

MISIÓN BALEA (acción!). Actividades para escolares

MISIÓN BALEA (acción!). Actividades para escolares

Datas: 
16 outubro 2012 - 29 marzo 2013
Horario: 
martes, mércores, xoves e venres, de 11.00 a 13.30
Lugar: 
Salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)


Visitas e obradoiros para escolares.
Para grupos de infantil, primaria, secundaria e bacharelato

Contacto: Pilar Souto
Previa cita no tel. 986 113903  

MISIÓN BALEA (acción!). Actividades para público familiar

MISIÓN BALEA (acción!). Actividades para público familiar

Datas: 
13 outubro 2012 - 31 marzo 2013
Horario: 
sábados e domingos de 12.00 a 14.00
Lugar: 
Salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)


Obradoiros infantís para familias en torno á exposición A BALEA NEGRA
Para nenos/as a partir de 3 anos, sós ou acompañados de persoas adultas
Entrada libre ata completar aforo

Patrocinado por:

Logotipo DKV Seguros

Exposición bibliográfica e dixital ‘A balea negra. X Aniversario do MARCO’

Exposición bibliográfica e dixital ‘A balea negra. X Aniversario do MARCO’

Datas: 
5 outubro 2012 - 31 marzo 2013
Horario: 
martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00
Lugar: 
Biblioteca-Centro de Documentación


Selección dos libros e catálogos máis representativos escritos en relación ao acontencido coa catástrofe do Prestige.

En formato dixital, selección dos catálogos individuais e colectivos dos artistas e direccións web coas entrevistas, artigos e vídeos máis relevantes.