rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Cardinales

Cardinales

Ficha

Datas: 
15 novembro 2002 - 23 febreiro 2003
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a domingo (festivos incluidos): de 11:00h a 20:00h. Venres de 11:00h a 23:00h.
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Bartomeu Marí
Comisariado: 
Dirk Snauwaert

Obras na exposición

Debuxos orixinais do panóptico de Jeremy Bentham (1791): 5
Esculturas: 10                                                                                    Instalacións vídeo: 7
Fotografías: 5                                                                                      Instalacións fotográficas: 2
Series fotográficas: 4                                                                        Instalacións diapositivas: 2
Debuxos: 12                                                                                        Proxeccións película: 1
Gravados, cianotipos: 17                                                                  Proxeccións vídeo: 3
Instalacións: 2                                                                                     Instalacións sonoras: 1
Maquetas: 2

 

Síntese do proxecto

A metamorfose do edificio do Museo de Arte Contemporánea de Vigo, de centro penitenciario e sede dos xulgados en centro de arte, é o argumento que tomaron os comisarios, Bartomeu Marí e Dirk Snauwaert, para estructurar unha das exposicións inaugurais, de xeito que o museo abre as súas portas cunha mostra dedicada ó seu propio edificio. Ámbolos dous consideraron que a súa particular historia, a súa estructura panóptica, baseada nun concepto orixinal de Jeremy Bentham (1748-1832), a súa actual remodelación e maila súa transformación en museo eran temas suxestivos que podían seren un bo motivo ó redor do cal articular unha exposición de arte contemporánea internacional. rnA montaxe da mostra, de carácter narrativo, baséase nese tránsito. Nas primeiras salas vanse amosar obras relacionadas co universo da reclusión e coa arquitectura panóptica. Nela inclúense 5 gravados orixinais dictados por Bentham ó seu debuxante, prestados pola University College of London.

As salas e patios que seguen reúnen obras de arte con exemplos de diferentes dispositivos da visión: instalaciones que tratan sobre a tecnoloxía destinada ó control e á vixilancia, a tecnoloxía que traballa sobre a deconstrucción da imaxe, instalacións realizadas con microscopios, instalacións de vídeo, etc.

Para remata-lo percorrido dedicouse unha sala ó sentimento lúdico, á escapada e á procura de liberdade.

O atractivo do tema e mailo interese da proposta quedan manifestos no elenco de artistas participantes, que ofrece un excelente rastrexo da diversidade da producción artística actual, ó tempo que actúa sen prexuízos de idade, de fronteiras, ou de soportes: 26 artistas de 13 países (Albania, Alemaña, Arxentina, Brasil, España, EEUU, Finlandia, Francia, Holanda, Polonia, Portugal, Reino Unido e Suecia) que abranguen diferentes xeneracións, dende Nicolas Schöffer, nado en Kolocsc (Hungría) en 1912, ata Anri Sala, nado en Triana (Albania) en 1974.

É tamén unha muestra transecular, xa que inclúe dende os gravados de Bentham (1791) ata as últimas produccións en vídeo de Sergio Prego —creacións de 2002 que se exhiben nun televisor de plasma— pasando por fotografías, proxeccións de vídeo ou de diapositivas, debuxos a carbón, esculturas, instalacións, etc.

 

Artistas

    Alberto Simon
    Annika Larsson
    Anri Sala
    Bas Jan Ader
    Ceryth Wyn Evans
    Constant Nieuwenhuis
    Esko Männikkö
    Eulàlia Valldosera
    Gregor Schneider
    Gustavo Romano
    Harun Farocki
    James Casebere
    Johannes Kahrs
    Jorge Barbi
    Langlands & Bell
    Michaela Melian
    Montserrat Soto
    Muntadas
    Nicolas Schöffer
    Pawel Althamer
    Pedro Tudela
    Rui Chafes
    Sergio Prego
    Tacita Dean
    Tony Oursler
    Valerie Jouve

Texto curatorial

“Situado en pleno corazón da cidade, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, atópase inserido na zona comercial por excelencia. Escaparates, galerías comerciais e espacios públicos rodean o que ata 1976 foi un lugar asociado coa orde, a administración da xustiza e mailo castigo. O novo museo repite a tipoloxía arquitectónica, a estructura orixinal da prisión en forma de panóptico radial, cunha entrada frontal e un punto central dende onde arrancan as galerías, separadas por patios de dimensións xenerosas.

A exposición CARDINALES inspírase nesta tipoloxía arquitectónica, no seu significado e nas súas implicacións históricas. Pretende celebra-la transformación do uso do edificio, así como a noción de museo de arte contemporánea como espacio de liberdade, de sociabilidade e de obtención de coñecemento e pracer. De lugar de reclusión a espacio de deleite, de estar destinado a illar individuos da sociedade a reunilos nunha actividade eminentemente participativa.

Conecta-la nova actividade do edificio coa vida cotiá da cidadanía e mailos visitantes é unha das intencións principais que animan a inauguración da institución. A exposición contén un carácter metafórico en relación á tradición mariñeira de Vigo, á orientación na navegación e, polo tanto, á mirada, á visión e ós seus avatares.

A noción de “cardinal” remítenos á rosa dos ventos, á cuadrícula imposta no espacio e á regulación do tempo. rnCARDINALES desprégase en tres seccións que van dándose paso as unhas ás outras no percorrido das salas do museo, dende o seu centro visual e arquitectónico cara ás galerías e, finalmente, os grandes patios acristalados.

A primeira sección está dedicada ós fenómenos de control, vixilancia e orde na sociedade. Facéndose eco da formulación orixinal de Jeremy Bentham (1748-1832), a prisión panóptica é un instrumento para reinserir na sociedade a aqueles individuos cunha conducta que os fai excluíbles. A prisión é un instrumento de control e punición organizado sobre a economía do espacio e maila eficacia da vixilancia. Esta vixilancia é ocular, e sitúa ó vixilante na posición de poder controlar dende un único punto o contido e maila evolución do conxunto. O panóptico é unha estructura estática. Nesta sección podemos atopar obras como as esculturas e instalacións dos británicos Langlands & Bell, vídeos de Annika Larsson, debuxo do panóptico de Jeremy Bentham, ou unha instalación multi-media de Harun Farocki. Outros artistas relacionados con esta sección son: Muntadas, Tony Oursler, Montserrat Soto, Rui Chafes e James Casebere.

Oposta á primeira, unha nova sección abordará o tema da escapada, a fuxida cara a un novo horizonte, o desexo de liberdade e maila viaxe a outra parte. Oposto á opacidade e á inmobilidade na que vive o recluso, atoparemos ó individuo na procura de novas metas, a paisaxe aberta e maila experiencia dun tempo en constante movemento, abrupto, trepidante. Poderemos gozar aquí de obras como as series fotográficas de Esko Männikkö, unha obra cinematográfica de Tacita Dean, documentos de Constant Nieuwenhuis sobre a súa cidade-mundo ideal New Babylon, a catedral do pracer de Nicolas Schöffer, ou Bas Jan Ader e Jorge Barbi.

Entroncadas coa estructura do panóptico e mailo seu particular resumo do tempo, unha serie de obras exemplificarán a importancia que o dispositivo visual, a máquina de ver e mailos aparellos escenográficos adquiriron na creación contemporánea. Obras de Eulalia Valldosera, Sergio Prego, Anri Sala e Pavel Althamer, entre outros. Dende a relación interior - exterior, a visión panorámica será introducida como correlato negativo do panóptico, a arquitectura circular estará considerada como un loop espacial, e a sucesión de imaxes como materialización do desexo de totalidade.

CARDINALES non é unha exposición demostrativa, senón evolutiva e representativa. Será evolutiva porque vai estructurarse en forma de vaivéns visuais e de contido, fuxindo da linealidade. Será representativa porque vai aborda-la necesidade actual de relectura da historia recente da arte, fóra de cánones oficiais e aberta a novas perspectivas formais e intelectuais. A exposición non busca instituír novos nortes na arte de hoxe, senón ser un punto de encontro dende onde mirar arredor dun mesmo, cando o mundo creceu tanto que a súa cartografía se volveu case imposible.“

 

Comisariado

Bartomeu Marí

Responsable do proxecto do Centro Internacional de Cultura Contemporánea en Donostia-San Sebastián. Entre 1996 e 2002 foi director do Witte de With de Rotterdam.Dirk Snauwaert: comisario de exposicións no Institut d'Art Contemporain de Villeurbane. Ex-director da Kunstverein de Munich.

Dirk Snauwaert