rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Carlos Rial

Carlos Rial

Ficha

Datas: 
25 maio 2007 - 26 agosto 2007
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00; domingos, de 11:00 a 14:00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Agar Ledo

Obras en exposición

No seu proxecto para o Espazo Anexo, Carlos Rial investiga sobre as intervencións site-specific no contexto museístico. O artista intervén no lugar para devolvernos unha realidade alterada a partir de obxectos cotiáns: neste caso, cinco desatoadores xigantes que ocupan o espazo, adaptándose ao cubo branco no que, aparentemente, non lles correspondería estar.

Carlos Rial
Sen título, 2007
Instalación para o Espazo Anexo do MARCO
Escaiola, ferro galvanizado

Artistas

Carlos Rial

Carlos Rial (Lage, Alemaña, 1969; vive e traballa en Dena, Pontevedra)


Exposicións individuais (selección)
2007 Espazo Anexo do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
2005 Galería VGO, Vigo / Museo Barjola, Xixón
2003 Galería SCQ, Santiago de Compostela / Carlos Rial, 1991-2003, Centro Torrente Ballester, Ferrol
1999-2000 Escultura pública na Praza da Hispanidade, Vigo
1998 Sala de exposicións Caja Madrid, Pontevedra
1997 Atados, Transforma Espacio, Vitoria / Galería SCQ, Santiago de Compostela
1995 Embalaxes, Galería Sargadelos, Santiago de Compostela


Exposicións colectivas (selección)
2007 Mapas, cosmogonías e puntos de referencia, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela / Ununterbrochen, Die Linie, Basement. Viena, Austria
2006 Off/Fóra: Movementos imaxinarios entre Galicia e o Cono Sur, XXIX Bienal de Arte de Pontevedra / Arquivar tormentas. Coleccións ARCO e CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), Santiago de Compostela / Sen Xeración, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
2005 Identidades, II Encuentro Internacional de Artistas Independientes, Morelia, Michoacán, México / Adosados, Fundación Granell, Santiago de Compostela / Latitudes III, Fundación Caixa Galicia, Ferrol
2004 Galería Metta, Madrid
2003 De Novo, Galería Sargadelos, Santiago de Compostela
2002 Vinte anos vinte escultores. Galiciaescultura, Centro Torrente Ballester, Ferrol / Harlech Biennale of Contemporary Art, Harlech, Gales, Reino Unido
2001 VIII Bienal de Artes Plásticas "Ciudad de Pamplona", Pamplona
1999 VII Bienal de Artes Plásticas "Ciudad de Pamplona", Pamplona / Novos Camiñantes, Pazo de Congresos e Exposicións, Pontevedra / VI Mostra Unión Fenosa, Estación Marítima, A Coruña
1997 De Asorey ós noventa. A Escultura moderna en Galicia. Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
1995 e 1993 Novos Valores, Museo de Pontevedra

 

Texto curatorial

O feito de atopármonos fronte a un obxecto cotián nun contexto artístico é algo superado tras a asimilación das prácticas do readymade. O valor simbólico que adquire un obxecto a partir da súa descontextualización –polo feito de perder o seu carácter práctico e funcional– ocupou o pensamento de Carlos Rial dende a presentación dos seus primeiros traballos, nos que a figura humana funcionaba como metáfora da condición humana, das estruturas sociais, desa percepción dirixida que domina o noso xeito de ollar. Se hai algo que caracteriza a súa obra é a ironía, a intención subversiva e desafiante de emprazar ao espectador fronte a algo que lle resulta familiar e que, alterado –sempre dentro da herdanza minimalista que posúen os seus traballos– obrígao a cuestionar cal é a función, non do obxecto que ten perante si, senón de si mesmo como participante activo no contexto no que convive coa obra.

No seu afán por cuestionar a realidade dende a realidade mesma, o artista altera a natureza da escultura. Se ben parte daquela primeira intención subversiva do obxecto que, emprazado nun contexto museístico, adquiría novos significados, o seu traballo enténdese a partir do estudo da sala de exposición. Carlos Rial constrúe espazos, novidosos, intrigantes, ao modificar as coordenadas habituais e implicar ao espectador na loita contra a realidade preconcibida, a que evoca o obxecto cotián. O molde –que non está, pero estivo– suxire o baleiro, o intersticio entre ser e non ser, o paso da realidade ao simulacro –que o artista prefire chamar reflexo– que a suplanta, que a derroca. O proceso é parte fundamental do resultado, o fin último, entendido como o momento no que o obxecto fúndese co transfondo teórico que o artista manexa durante a creación, dende a primeira maqueta ata o encontro entre a peza e o espectador. O acto de esculpir, o manexo dos materiais e a relación espacial que cada unha das súas obras garda coa contorna para a que son creadas, definen o seu discurso entre o conceptual e o obxectual, sempre unido á tradición figurativa que defende dende o principio da súa carreira.

Neste proxecto específico para o Espazo Anexo, Carlos Rial investiga sobre o significado das intervencións site-specific no contexto museístico. O artista intervén no lugar para devolvernos unha realidade alterada, convidándonos a reflexionar a partir de obxectos cotiáns. Cinco desatoadores sobredimensionados aparecen adaptados ao espazo; non só o ocupan, préganse perante el mediante a presión e o baleiro, nun intento de cinguirse ao cubo branco no que, atendendo á súa natureza, non lles correspondería estar.

 
O cubo branco, como espazo neutro, nace na modernidade para potenciar a autonomía da obra de arte, illándoa do seu contexto, un contexto que non obstante está sempre ateigado de connotacións sociais e ideolóxicas; unha contorna que non é neutra, un cubo branco que non existe como tal. Os obxectos de Carlos Rial fanlle un chisco ao espectador, que percibe o esforzo por adaptalos ao lugar, por estaren dentro. Os conceptos ‘dentro’ e ‘fóra’, que o artista explora noutras pezas, están intimamente ligados ao museo como institución lexitimada para expor arte. O artista utilízaos como punto de partida nunha obra feita-especificamente-para-o-lugar, cuxo discurso se centra nas estruturas de poder institucionais. Paradoxalmente, o elemento elixido perde o seu poder ao musealizarse.

Botellas, chemineas, torres de vixilancia, dados ou peóns, veñen definido a produción artística de Rial dende os seus primeiros traballos. Aqueles obxectos recoñecibles suxerían sempre certa desconfianza pola aparencia que adquirían amoreados, aliñados, enfrontados entre si ou sitos no punto de fuga cara ao que o espectador dirixía a súa ollada. Agora, o que nos incomoda son ventosas; que hai senón ironía na elección? Rial xoga co uso predeterminado e único que entendemos posúen estes obxectos, abríndonos a posibilidade de buscar símiles ou referencias derivadas da elección do motivo (xa disfuncional), cuxa representación (resignificación) se nos ofrece para destruír a idea de escultura estática, illada, para romper a xerarquía piramidal establecida –o noso dominio perante o obxecto– e implicarnos nun xogo de poderes. Explorando as posibilidades e os límites da escultura, convídanos a cuestionar aquilo que queda tras o obxecto, indicios da presenza inmaterial, da realidade que existe tras o acto primeiro de mirar.


Agar Ledo Arias
Comisaria da exposición

Texto artista

"... para o proxecto do MARCO sigo xogando con elementos ‘desproporcionados' e de uso cotián, neste caso con desatoadores; provoco que unha peza entre dentro da outra, nunha especie de loita... Tamén intento xogar co espazo do Anexo a modo de contedor propio das pezas; ‘por iso esa dimensión'. Outra cousa que me parece importante é que tratei de reflectir isto mesmo noutras pezas, como por exemplo a botella, ou a garita na galería... dalgún xeito trátase de que a sobredimensión das pezas intimide ao espectador, como un elemento de uso cotián que todo o mundo coñece ou ten na casa, e que de súpeto se impón, se revela, deixando de ser un obxecto de aparencia desapercibida a obxecto impositor..."

 

Carlos Rial, abril 2007

Comisariado

Agar Ledo


Agar Ledo
é responsable de exposicións do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, onde ten dirixido e coordinado os proxectos expositivos durante unha década. Comisariou exposicións de artistas como Ánxel Huete, Grace Schwindt, Gintaras Didžiapetris, Patricia Esquivias, Pedro Barateiro, Carlos Bunga ou Diego Santomé, ademais de propostas centradas na análise da produción cultural en Galicia e nas implicacións sociais e políticas que rodean á práctica artística. Cun Mestrado en museoloxía e estancias de formación no Fred Jones Jr. Museum of Art (Norman, OK), Le Consortium (Dijon), Musée d’art contemporain de Lyon e no ICI-Independent Curators International (Nova York), a súa carreira profesional ten transcorrido en espazos como o CGAC (Santiago de Compostela, 1998-2004), a Fundación Luís Seoane (A Coruña, 2005) ou a primeira BIACS (Sevilla 2004-2005), onde traballou como coordinadora no equipo de quen foi un dos máis visionarios comisarios e historiadores da arte do século XX: Harald Szeemann. Escribe regularmente en publicacións especializadas e é membro do Consello de redacción da revista Grial. Imparte docencia en distintos cursos de posgrao, como o Mestrado en Arte Contemporánea, creación e investigación (UVigo, 2016-2017), o Curso de Experto Universitario en Xestión Cultural (USC, 2015-2017) ou o Mestrado en Arte, Museoloxía e Crítica Contemporáneas (USC, 2008-2012).