rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Carlos Rodríguez-Méndez

Carlos Rodríguez-Méndez

Ficha

Datas: 
18 marzo 2005 - 19 xuño 2005
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
De martes a sábado, de 11.00 a 14.00, e de 17.00 a 21.00. Domingo, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

Obras en exposición

Para a presentación no Espacio Anexo do MARCO da que será a súa primeira exposición en Galicia, Carlos Rodríguez-Méndez (As Neves, Pontevedra, 1968) creou dous tipos de obras: por unha banda as súas esculturas Columnas (2004) e Canal XIV (2004-2005), e pola outra as series Construír procesos (2003-2005) e Traballos de fóra (2004-2005), mostradas en DVD.

 

Síntese do proxecto

Para a presentación no Espacio Anexo do MARCO da que será a súa primeira exposición en Galicia, Carlos Rodríguez-Méndez (As Neves, Pontevedra, 1968) creou dous tipos de obras: por unha banda as súas esculturas Columnas (2004) e Canal XIV (2004-2005), grupos escultóricos realizados a base de estruturas recubertas de turba. Pola outra, a continuación en Vigo de dúas series comezadas en Madrid, que por estaren feitas na nosa cidade dan especial sentido á presentación da súa obra no MARCO. Estas series, mostradas en DVD, son Construír procesos (2003-2005) -construcións efémeras realizadas a pé de rúa con materiais de desfeito que proveñen de contedores de obras- e Traballos de fóra (2004-2005), nos que se fotografía a si mesmo dentro de buratos xa existentes na cidade.

Se hai algo que sorprende nun primeiro achegamento ao traballo de Carlos Rodríguez-Méndez é o seu moi particular xeito de se enfrontar ao acto creativo, dende o momento de construción da obra no taller ata a súa instalación no espazo expositivo, entendido como parte fundamental dese proceso. As súas rotundas esculturas de turba non só se sitúan nese ámbito, senón que o van habitando, como negándose a se limitar a unha única e definitiva colocación. Este proceso é rexistrado polo artista en vídeo, cun claro obxectivo documental que considera tan importante como a escultura en si mesma, e que permite máis dunha lectura da obra.

As súas esculturas, herdeiras dalgún xeito da tradición da arte povera, dun material tan precario y efémero como a terra, e co forte compoñente de repetición seriada que as podería enlazar coa arte minimal, dispóñense finalmente no Espacio Anexo invadindo a sala, e obrigando ao espectador a rodealas para poder acceder ao interior. Se as dimensións da obra de Ángela de la Cruz impedían ao público percorrer a sala, as enormes pezas de Carlos Rodríguez-Méndez buscan un efecto similar, aínda que con recursos moi diferentes, de invasión completa do espazo.

O factor tempo é outro elemento chave neste proceso creativo: as súas grandes columnas ou bloques de terra precisan dun longo intervalo de secado, que o artista aproveita para realizar unha serie de accións nas que sempre está presente a idea de construción: traballa co espazo e cos materiais que este lle ofrece, como os refugallos dunha obra en contedores (Construír procesos), ou os ocos que atopamos na rúa, dos que se apropia e aos que outorga un carácter artístico co simple xesto de fotografarse canda eles (Traballos de fóra). Outras veces constrúese a si mesmo, e deforma o seu corpo meténdose obxectos baixo a roupa, ou pasa as horas en sitios abandonados, baleiros, ou a piques de seren derruídos, nun intento de "pertencer" ou formar parte da memoria deses espazos. Nestas accións, el mesmo se comporta igual cas súas esculturas, se apropia de cada lugar -da súa historia, do seu significado, da súa razón de ser, da súa relación co home e co medio- e reflexiona sobre o feito artístico, traballando con obxectos encontrados, completamente diferentes dos que realiza no seu taller. Ou, se cadra, non tan diferentes.


Iñaki Martínez Antelo
Comisario da exposición

 

Artistas

Carlos Rodríguez-Méndez

(As Neves, Pontevedra, 1968)

Licenciado en Belas Artes pola Universidad Complutense de Madrid, 1995

Exposiciós individuais

2004

  • Galería KA, Madrid
  • Columnas de tierra, instalación, Ateneo, Madrid (bolseiro pola Fundación Arte y Derecho)

2003

  • Pseudomorfosis del Amor, 20 de junio 6 de julio del 2003, Los29Enchufes, Madrid
  • Relación=Recibo (coa poeta Maite Dono), Red de Arte Joven de Madrid, Ateneo, Madrid

2002

  • Restablecer, Espacio f, Madrid
  • Reenvío, Catálogo General, Bilbao
  • Concierto para tres esculturas, Concejalía de Cultura, Las Pedroñeras, Cuenca


Exposicións colectivas

2005

  • En algún lugar alguien está volando furiosamente hacia ti, Inéditos 2005, La Casa Encendida, Madrid (en preparación)
  • III Bienal de escultura Riofisa, Madrid (en preparación)

2004

  • Guasipichai, Los29enchufes, Madrid
  • Extensión sobre una segunda morfología privada, Casas y calles 04, Madrid

2003

  • Expresa 2003, Arte y Cultura Contemporánea, Ciudadela, Pamplona
  • Generación 2003, La Casa Encendida, Madrid. Itinerante a Barcelona, Sevilla, Cascais, Santiago de Compostela
  • Catálogo General, Bilbao
  • Galería Artificial, Madrid

2002

  • Catálogo General, Bilbao
  • Exposición Internacional de Artes Plásticas, Valdepeñas

2001

  • Presentación de los artistas de la temporada 2002, Espacio f, Madrid

1998

  • Ciento y... postalicas a Federico García Lorca, Fórum Filatélico, Madrid

 

Texto artista

Sobre o meu traballo

Unha significativa produción da miña obra xira en torno ao material escultórico; á terra-turba coa que manteño unha intensa vinculación e cun potencial tal, que nos últimos anos ten derivado cara á construción de pezas ideadas para alcanzar unha experiencia física con esa materia. De aí que considere a obra acabada só se esta se completa co corpo, ata o extremo de interpretar un bo número de pezas como instrumentos, cunhas características particulares que permiten ser usadas.

Polo tanto, o interese de concluír unha obra como peza final e única desvíase, por unha banda, cara a labor, cara o proceso en si mesmo -así se manifesta no caso das últimas obras, mediante o traballo en serie, sistemático; unha repetición formal que contribúe a sinalar ese aspecto procesual, atendendo ao feito de construír, do traballo- e por outro, cara ao deseño de lugares "habitables", tomando como referente a medida humana e indicando como dispor as pezas para seren usadas. Alcanzo así a experiencia consciente dos materiais: o corpo e a terra.

Este valor instrumental das obras engádelles unha nova condición; con cada unha das accións queda subliñado o proceso: "Non hai evento sen exercicio; non hai situación sen repetición. O que se impón como o mellor para nós debe ser repetido, elaborado, transformado no que queremos subxectivamente (...) Desta estética do evento nace a idea da arte como exercicio: (...) o que conta no pensamento estoico non é a obra de arte senón o exercicio, isto é, o momento procesual que conduce á mesma, o movemento produtivo que a realiza". (Mario Perniola, El arte y su sombra, 2000). Completarse coas pezas mediante a acción de usalas provoca unha relación privada coas características que se achan na súa materia. Son estas características as que inciden sobre o home "usador" para crear esa tensión nomeada por Hölderlin, e para intensificar con ela a conciencia.

Sobre a construcción de columnas

Hai dous aspectos fundamentais que me interesan para continuar na construción de columnas de terra. O primeiro fai referencia ao sostén, á inestabilidade e ao corpo como base. O segundo á intrusión nos espazos, á fusión empática de chan e teito, e á convivencia como proceso para desenvolve un sentido de pertenza.

Poño atención na inestabilidade que a carencia de base produce nos piares. Se recorro a un grande número de columnas como elementos simbólicos de inestabilidade, as presento sen base, de xeito que a primeira idea de sustentabilidade transfórmase nunha manifestación do absurdo e do desalento. Tamén utilizo columnas interpretadas como elementos sostén. Por exemplo, fixadas no teito de xeito que queden suspendidas sobre o chan a unha distancia que permita, no que sería a súa base, o espazo exacto para o seu uso. Os piares de terra presentan ese asento da obra que só se verá cumprido no momento no que o home o ocupe corporeamente; dese xeito, este convértese na base das columnas, no responsable da súa propia estabilidade. Base e columna forman un todo imposible, e ironicamente, cada vez que o corpo abandone a súa condición de base se restablecerá a inestabilidade revelando unha fráxil firmeza. Só unha convivencia sistemática, entendida como proceso que relaciona o habitar co uso antes descrita, consegue finalmente provocar unha intensificación da conciencia e da pertenza.


CARLOS RODRÍGUEZ-MÉNDEZ
Vigo, marzo 2005

 

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.