rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CAROLINA BONFIM. 90 movementos sobre TECHNOGYM G6508D.  Ciclo PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

CAROLINA BONFIM. 90 movementos sobre TECHNOGYM G6508D. Ciclo PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ficha

Datas: 
20 xaneiro 2017 - 2 abril 2017
Lugar: 
Anexo [vestíbulo principal]
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo
Comisariado: 
Chus Martínez Domínguez


Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 20 de xaneiro ás 19.30 terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público entre Carolina Bonfim e a comisaria do proxecto, Chus Martínez Domínguez. A continuación, a partir das 20.00 a artista levará a cabo unha performance, como activación da peza, no propio espazo expositivo.

PROBLEMÁTICAS
Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

O 29 de abril estreouse un novo ciclo expositivo no Anexo do MARCO, un lugar que dende 2015 foi convertido en sala de proxectos. Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Nesta ocasión, e ao longo de 2016, a crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez presenta o ciclo ‘PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto’.

Tomando como punto de partida as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achega, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

Un programa articulado nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Xaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.

O Anexo do MARCO convértese na metáfora idónea dos espazos nos que demasiadas veces operan as creadoras; nas marxes, na resistencia, nos cantos do sistema. Este proxecto, non obstante, quere volver preguntar e insistir neses lugares, transformalos en relatos guionizados polas propias artistas, enfrontándose a eles como un escenario no que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática.

Programación e calendario


Mónica Cabo
29 abril – 26 xuño 2016

Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios
8 xullo – 11 setembro 2016

Xisela Franco
23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017

Carolina Bonfim
20 xaneiro – 2 abril 2017

Información e visitas

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Artistas

Carolina Bonfim


Carolina Bonfim
(São Paulo, Brasil, 1982) vive e traballa en Bruxelas. O seu traballo xira ao redor dos códigos que rexen os xestos e as posibilidades de representar o corpo, ao cuestionar a mirada e a presenza deste. As relacións interpersoais, o voyeurismo, a alteridade e a relación coa audiencia son temas recorrentes e formalizados en intervencións espaciais, performances, fotografías, bailes e vídeos.

Nos últimos anos expuxo e presentou o seu traballo en centros e institucións tales como CNDC (Angers, Francia), Lugar a dudas (Cali, Colombia), Galería A Gentil Carioca (Río de Xaneiro), Arts Santa Mònica (Barcelona), Fundació Miró (Barcelona), Centre d’art contemporani Fabra i Coats (Barcelona) e Can Xalant (Mataró). Actualmente é doctoranda en Artes Visuais na École Nationale Supérieure des Arts Visuels La Cambre e Université Libre de Bruxelas.

www.carolinabonfim.com

Texto curatorial


Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982) explícase con claridade. Sutil e directa, rebusca no que acontece ao seu redor, no que pode observar de preto, o que lle afecta. Cuestiona a “normalidade do cotián” desde variables que atinxen á relación da mirada sobre o corpo que non é o propio, desde a cantidade de posibilidades pechadas neste binomio: ausencia e presenza, xestualidade, relacións interpersoais, comunicación cos públicos ou voyerismo, entre outros. Cando se instalou en España hai seis anos, a súa práctica performática foise dirixindo cara a unha posición respecto ao Outro, xirando ao redor de conceptos como a alteridade e o apropiacionismo, con traballos que seguían unha observación activa do estudo dos xestos, movementos, afectos e ritmos contextualizados en accións físicas, intranscendentes pola súa asimilación mecánica e obvia: na acción Here, Please (2012) reproducía con exactitude os movementos dalgunhas coreografías relacionadas coa cultura pop; en Remake of Movements in Night Clubs (2012) observaba os movementos de baile no club Moog de Barcelona para reproducilos mimeticamente como diálogo con outras persoas; Corazón 190 (2013) foi concibida para que un espectador-participante único recibise indicacións da artista, coa que se comunicaba na distancia mediante o móbil; en Balmes 88 (2014) executa unha performance nun local que noutrora fora un club after e que se estaba transformando na galería de arte Cyan.

No traballo específico para o espazo Anexo, titulado 90 movementos sobre TECHNOGYM G6508D, a artista volve poñerse noutra pel para indagar que hai de único e especial en cada corpo, movéndose nas marxes do biolóxico e do cultural, tendo asumido a heteroxeneidade da fisicidade nun tempo de mestizaxe e de diversidade. Para este estudo, a artista escolle o ximnasio como lugar privilexiado para aproximarse ao corporal; enmarcado nun imaxinario de necesidades e desexos, de ilusións e sacrificios para a consecución de determinadas metas estéticas. Unha sorte de vitrina, de escaparate, no que o físico se exhibe combinando sacralidade e fetichismo. Durante 90 días Carolina Bonfim observou, mentres corría na cinta modelo TECHNOGYM G6508D, o modo en que os demais corpos corrían diante dos seus ollos, iniciando, deste xeito, un proceso de aprendizaxe baseado na imitación deses movementos, incorporados e interpretados posteriormente polo seu propio corpo. Formas físicas concretas que reelabora e rexistra en diferentes soportes. Na sala, un vídeo recolle a artista reproducindo as 90 dinámicas executadas por eses corpos estudados. Mediante a acción performativa, a complexión de Bonfim transfórmase temporalmente, ligada ao xesto actúa ou representa un papel, moitos roles, tentando discernir o que hai de único e singular nesa xestualidade. Travístese como se fose partícipe dalgún tipo de xogo, incluso de parodia, para exorcizar o que lle intimida e vulnera como corporalidade política, afectada, influenciable e cambiante.

Nas imaxes hai emocións encontradas: humor e malestar, disciplina e continxencia. Tamén planea a sombra de certa idea distópica na representación da artista como anti-heroina, afastada do modelo ideal, cuxo efecto teatral debuxa unha imaxe imperfecta, absurda incluso, a través da repetición sistemática do exercicio, correr sempre no mesmo lugar, sen espazo para avanzar, pechada no paradoxo que proxecta o acto de performar un corpo que performa a diario. Así mesmo, descompón o espazo corporal en planos-detalle de cada un dos exercicios realizados para articular colaxes que presenta en cinco grupos de fotografías que atenden a cada parte da anatomía. Finalmente, pon á disposición do público un dossier de fichas con información relativa ás particularidades de cada corpo observado e a cada rutina, con descricións da execución do movemento similares ás que se ofrecen nas instrucións estandarizadas dos movementos “ideais”. O fío condutor de todos estes traballos é mostrar a corporeidade como un arquivo plural, transformando á artista nunha cartografía de experiencias, contaminada por corpos anónimos, alleos.

O corpo, a súa centralidade na vida social e no eido intelectual contemporáneos, continúa a ser analizado neste traballo de Carolina Bonfim, ofrecendo novos materiais cos que continuar investigando sobre como a corporalidade e a subxectividade poden ser pensadas, manipuladas, transmitidas e vividas, neste sistema de creacións e relacións problemáticas.

Chus Martínez Domínguez

Texto artista


“O 13 de maio de 2016, ás 18:32, comecei a correr na cinta modelo TECHNOGYM G6508D. Sobre esta cinta botei a correr durante 90 días e desde unha observación activa, estudei os corpos que corrían diante miña.

A elección de realizar este estudo no ximnasio non foi aleatoria. O ximnasio é por excelencia un espazo dedicado á corporeidade, onde o corpo/suxeito está en movemento constante, que performa para seguir performando, 24h, 7 días/semana, 365 días/ano. A súa arquitectura está pensada como un escaparate de corpos, onde moitos alí depositan a procura de sentido por medio da práctica do movemento corporal. Como o corpo e a subxectividade poden ser pensados, manipulados, transmitidos e vividos a través dunha actividade física?

Neste estudo quixen poñer o foco na acción ‘correr’ e levala ao extremo: fragmentala, arquivala, incorporala, evidenciar o que hai de único e propio en cada maneira de moverse. Desde o meu corpo vivín e experimentei 90 maneiras de correr. Cada día elixía un corpo e a dinámica deste traballo era unha mestura entre encarnación-comportamento-contorna. Para cada corpo, o mesmo guión: incorporaba cada movemento in situ, sobre a cinta de correr e posteriormente, fóra do ximnasio, repetíao varias veces. Como metodoloxía para a aprehensión do movemento, utilicei diferentes técnicas (fotografía, texto, vídeo e colaxes) creando así partituras, esquemas, fichas e detalles de cada un dos corpos observados. O resultado é un arquivo de ‘correr’ de corpos de descoñecidos no ximnasio.

Este proxecto continúa unha liña de traballo que veño desenvolvendo desde 2010 e que ten que ver co estudo de accións tratadas como triviais, é dicir; andar, marchar, nadar, correr, beber, mirar, bailar, sentar e desprazarse, entre outras. Aínda que as realizamos como actos físicos ou mecánicos ‘naturais’, son en realidade o resultado da dimensión cultural onde está inscrito o individuo e a súa aprendizaxe está baseada especialmente na imitación. Cada corpo representa un sistema simbólico particular, unha estrutura lingüística que ‘fala’ e revela unha infinidade de informacións a través da súa xestualidade.

Busco experimentar a xestualidade do Outro no meu corpo desde a miña subxectividade, expandir o meu repertorio corporal e manter activa a capacidade de ter un corpo mestizo e plural”.

Carolina Bonfim

Comisariado

Chus Martínez Domínguez


Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Chus Martínez Domínguez (Tui, 1976) é especialista en artes visuais contemporáneas. Na súa actividade profesional salienta o seu labor como crítica de arte, sendo colaboradora habitual do suplemento cultural Babelia do xornal El País e da revista Tempos Novos, ademais de ter colaborado noutras publicacións especializadas galegas e estatais, como ArtNotes, Arte y Parte e Artecontexto. É autora de textos e ensaios de investigación no ámbito da creación contemporánea e da muller no sistema da arte, participando en diferentes proxectos de investigación, catálogos e ensaios de institucións públicas e privadas como o Centro Galego de Arte Contemporánea, Consello da Cultura Galega, Museo Barjola de Xixón, Deputación de Ourense, Deputación de Lugo, Universidade de Vigo, Universidade de Santiago ou Universidade da Coruña. Exerce como comisaria independente de exposicións, experiencia que tivo como resultado as mostras no CGAC, Auditorio de Galicia, Sala Alterarte e Casa da Parra, entre outras. Destaca o seu labor como coordinadora do espazo www.espazodocumental.net (CGAC, 2008), un sitio web pioneiro dedicado a artistas galegos e editora da publicación homónima que deu como resultado espazodocumental.net. Pertence desde 2012 á Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.