rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Chikaku. Tempo e memoria en Xapón. Arte xaponesa contemporánea

Chikaku. Tempo e memoria en Xapón. Arte xaponesa contemporánea

Ficha

Datas: 
7 outubro 2005 - 22 xaneiro 2006
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
Martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
The Japan Foundation/MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, coa colaboración de Casa Asia, Barcelona
Comisariado: 
Toshiharu Ito coa colaboración de Miki Okabe

Obras en exposición

A exposición, da que a única sede en España será o MARCO de Vigo, reúne obras dos últimos 50 anos procedentes de diversos ámbitos creativos e en distintos soportes -pinturas, esculturas, instalacións, fotografías, vídeos, cine e arquitectura- o que a convirte na máis importante mostra colectiva de artistas xaponeses contemporáneos realizada ata agora no noso país.

 

 

Síntese do proxecto

A palabra xaponesa chikaku, a cotío traducida como “percepción”, é un composto de dous caracteres: chi [coñecemento] e kaku [sensación]. Chi ten un significado lóxico, coma cando forma parte da palabra chie ou “sabedoría”. Kaku utilízase para crear a palabra kankaku ou “sensación”. A combinación destes elementos, chi e kaku, ten como resultado unha única palabra, chikaku, que representa tanto o pensamento coma a sensación. Chikaku ten sido sempre unha palabra con dous significados diferentes.

Este é o título da mostra que o MARCO de Vigo presenta en exclusiva para España; unha exposición que analiza a evolución da arte xaponesa dos últimos cincuenta anos, con obras procedentes de diversos ámbitos creativos e en distintos soportes: pinturas, esculturas, instalacións, fotografías, vídeos, cine e arquitectura. Todo isto convírtea na máis importante mostra colectiva de arte xaponés contemporánea realizada ata agora no noso país, con obras de 16 artistas de distintas xeracións, e cun especial enfoque que toma como base tres conceptos: as formas de percepción, o sentido do tempo, e as estruturas da memoria.

Dende finais do século XIX, tras case 300 anos de illamento, Xapón embárcase nunha carreira de modernización extremadamente acelerada. O importante crecemento acadado durante tres períodos chave –a reconstrución social da posguerra nos anos 50, o rápido crecemento económico dos 70 e a revolución das tecnoloxías da información nos 90– o teñen convertido nun país vangardista que destaca polo seu poderío económico e o seu desenvolvemento tecnolóxico.

A rápida saída da cultura xaponesa do seu illamento histórico ten provocado que o mundo da arte se vexa marcado por unha forma extraordinariamente diferente de entender a existencia. A arte xaponesa contemporánea créase baixo a complexa influencia da modernización e o desenvolvemento tecnolóxico. Sen embargo, e a pesar destes cambios vertixinosos, os xaponeses aínda conservan o seu propio estilo de vida con fondas raíces físicas e culturais; a confrontación entre o mundo dos valores tradicionais e o da modernidade máis futurista aparecen reflectidos nas obras dos principais artistas deste país.

Tradicionalmente, a ollada do mundo occidental sobre un país tan fascinante e contraditorio coma Xapón non estivo exenta de visións tópicas e incluso míticas. Ao carón da gran cantidade de comentarios sobre o seu éxito económico e diferenzas culturais en xeral, o certo é que o noso coñecemento sobre outros aspectos da cultura xaponesa é de cote fragmentario e demasiado condicionado por certos clixés.

Ao tempo que se analizan estes temas fundamentais na evolución da arte xaponesa dos últimos cincuenta anos, explóranse novas dimensións da actividade artística. Así, a exposición tenta volver a analizar os valores estéticos occidentais, a reconsiderar o significado da arte no século XXI, e a identificar novas posibilidades para a arte xaponesa no complexo marco da vida contemporánea, especialmente á vista das recentes transformacións artísticas nos sistemas de comunicación e multimedia, e do papel dos avances tecnolóxicos, cada vez máis presentes no noso quefacer diario.
 
O período que abrangue a mostra, dende os anos cincuenta ata os nosos días, ofrece por si mesmo unha grande variedade de obras, nun intento por identificar e establecer novos nexos de unión entre diferentes xeracións e ámbitos creativos: dende os históricos fotógrafos Taro Okamoto, Takuma Nakahira e Daido Moriyama, ata o novo Motohiko Odani coas súas espectaculares instalacións que parecen restos abandonados nunha paisaxe postnuclear, pasando polos artistas de sona internacional Hiroshi Sugimoto –que nas súas fotografías investiga de xeito moi persoal o tempo e os recordos– Yayoi Kusama, que sorprende polo barroquismo formal das súas pezas, tan afastado a priori da percepción xaponesa, e Yutaka Sone, que inventa lugares cargados de poesía que nin sequera existen.

Hai artistas que reinterpretan a tradición, como Rieko Hidaka –que nas súas delicadas pinturas une a precisión do debuxo a lapis coa pintura xaponesa Nihonga– as de Yoshihiro Suda, experto na talla tradicional en madeira, que reproduce meticulosamente plantas de xardín a tamaño natural; ou Tetsuya Nakamura, cunhas enormes esculturas de formas caprichosas que representan bañeiras e lavabos que en realidade non funcionan, pintadas con esmaltes tradicionais xaponeses. Por outra banda, sorprende o uso das novas tecnoloxías na obra de Hiroyuki Moriwaki, que crea obxectos de luz “viventes” e interactivos, que escintilan ou se atenúan cando as persoas se achegan, un comportamento determinado pola percepción que os xaponeses teñen da natureza. Miwa Yanagi fai uso tamén das tecnoloxías dixitais para explorar novas dimensións do tempo e dos recordos, aínda que con resultados ben diferentes. A medio camiño entre a instalación e a performance sitúase Emiko Kasahara, que realiza estudos sobre o corpo e de xénero a través das súas pezas.

A mostra inclúe vídeos tan diferentes como os de Takashi Ito –un conxunto de películas y vídeos experimentais que levan ao espectador por un labirinto na súa retina– ou a obra da cineasta vietnamita Trinh T. Minh-ha, única artista da exposición que non naceu en Xapón, que no seu filme The Fourth Dimension [A cuarta dimensión] presenta a súa propia visión sobre o país e sonda as profundidades da vida cotiá xaponesa, dende unha perspectiva totalmente afastada de calquera estereotipo.

No tocante á montaxe, tívose coidado especialmente na presentación das obras en sala, cunha distribución espacial deseñada para a ocasión polo arquitecto Makoto Sei Watanabe, que nesta exposición desempeña un dobre papel: como arquitecto encargado do seu deseño, e como artista participante. No seu texto para o catálogo, o propio Watanabe describe as solucións ideadas para potenciar ao máximo a capacidade de percepción dos espectadores, que teñen como elemento máis salientable a súa intervención no panóptico central:

“O meu obxectivo era que todas as salas de exposición fosen visibles para o visitante que contemplase o espazo. Por isto decidín simular unha abertura nas paredes para que o público puidese ver unha representación das salas situadas tras elas. Este trompe l’oeil dilúe a presenza das paredes e como resultado xurde unha perspectiva que se expande radialmente como nos planos orixinais. Así renace un mecanismo do pasado que permanecía esquecido, o mecanismo de evocar chikaku”.

Artistas

 Daido Moriyama
 Emiko Kasahara
 Hiroshi Sugimoto
 Hiroyuki Moriwaki
 Makoto Sei Watanabe
 Miwa Yanagi
 Motohiko Odani
 Rieko Hidaka
 Takashi Ito
 Takuma Nakahira
 Taro Okamoto
 Tetsuya Nakamura
 Trinh T. Minh-ha
 Yayoi Kusama
 Yoshihiro Suda
 Yutaka Sone

Texto curatorial

“Dende a Restauración Meiji en 1868, Xapón ven sendo o país asiático que antes deu inicio á súa modernización e o ten feito de xeito máis rápido; en particular dende a II Guerra Mundial, Xapón sufriu transformacións sen precedentes e deu lugar a novas realidades económicas a unha velocidade vertixinosa. Nembargante, e malia estes rápidos cambios, os xaponeses aínda conservan o seu propio estilo de vida con raíces físicas e culturais. (...) A transformación da velocidade nun tempo prolongado, ten moito que ver coa percepción e o subconsciente colectivo tipicamente xaponeses, e se fai cada vez máis lento asintoticamente cara á intemporalidade. Velocidade e eternidade son dous polos opostos que coexisten na mente xaponesa, unha dualidade presente en diferentes xestos e comportamentos.

A arte xaponesa tamén se veu sometida aos rápidos cambios que tiveron lugar na velocidade e o espazo entre finais do século XX e principios do século XXI, e atopou diversas maneiras de expresar esta dualidade. É precisamente o feito de contemplalo todo a través de tales estruturas perceptuais duais o que parece constituír o principal aspecto distintivo da arte xaponesa. A fusión dun fluxo vibrante coa inmutabilidade nunha sensación vertixinosa desta dos intricados, as transformacións e distorsións dunha contraperspectiva, o rexistro material dos recordos, o interese especial polo baleiro e o espazo en negativo, a visión simultánea do pasado e o presente, a interacción da realidade e a fantasía… Estas características especiais, idiosincrasia da arte xaponesa, quizais deriven do estilo de vida multimodal de Xapón. Esta exposición explora dende diferentes puntos de vista estas características especiais da arte xaponesa dos últimos cincuenta anos para descubrir o significado renovado que ten na actualidade.

(...)

Na longametraxe titulada The Fourth Dimension [A cuarta dimensión], a coñecida escritora e directora de cine Trinh T. Minh-ha, nacida en Vietnam, sonda as profundidades da vida cotiá xaponesa dende unha perspectiva moi afastada de calquera estereotipo sobre Xapón, e examina os xestos, os costumes cheos de lembranzas e os rituais inconscientes que tan arraigados están nos nipóns, co obxectivo de revelar as actitudes subxacentes de cara ao tempo e recuperar elementos esquecidos hai tempo por mor do desenfreo do país pola modernización (...) En The Fourth Dimension, a artista amósanos unha sociedade en busca da dixitalización, a eficiencia e a comodidade en todos os aspectos da vida que persegue un soño hiperreal a penas albiscable entre un avance tecnolóxico e o seguinte e se fragmenta no acto físico de tentar adiantarse mesmo aos limiares do tempo.

Estes aspectos estresantes da percepción xaponesa actual poden parecer máis pronunciados perante os seus ollos alleos a este país, se ben os artistas xaponeses que teñen crecido nesta sociedade tamén compartirán ata certo punto tal visión (...) O cine é a experiencia do tempo e da luz, agora levado ao mundo dun “tempo intensificado” grazas ás últimas tecnoloxías dixitais. Neste aspecto, a arte xaponesa empezou a loitar para adaptarse a estas condicións se cadra antes que calquera outro país; por iso, a percepción deste tempo fíxose cada vez máis evidente nas correntes da modernidade e o postmodernismo xaponeses.

Nos últimos cincuenta anos a arte xaponesa ven traballando baixo un tipo especial de gravitación, unha forza que enfronta continuamente aos artistas e infórmanos sobre a estrutura, as características e os formatos da súa expresión. Esta evolución dinámica que vive a arte xaponesa de finais do século XX e do século XXI está moi ligada a asuntos relativos á percepción, o tempo e as memorias.
 
A arte xaponesa está dividida entre o corpo e a velocidade en medio dunha veloz modernización e industrialización sen precedentes, e explora os complexos camiños que levan a cuestións que afectan á humanidade e ao contorno. E precisamente agora que estas circunstancias deixaron de ser especiais e parecen ter un alcance cada vez máis global, é cando debemos deducir a problemática esencial desta historia e atopar indicacións que nos conduzan cara un novo poder de expresión e novas dimensións de creatividade. É este o obxectivo da nosa exposición: habemos de volver examinar os valores da arte occidental e reconsiderar o seu significado no século XXI, para sinalar o camiño que teñen que seguir as novas posibilidades da arte xaponesa nesta era de cambios radicais nos medios de comunicación e as infraestruturas e a personalización da tecnoloxía na vida cotiá”.


Toshiharu Ito
Comisario da exposición
[Do texto “A cuarta dimensión da percepción: novas coordenadas para a arte xaponesa contemporánea”,
no catálogo da mostra]

Comisariado

Toshiharu Ito coa colaboración de Miki Okabe

Nado en Toquio en 1953, Toshiharu Ito é historiador de arte, teórico de arte e comunicación e comisario de exposicións. Entre 1990 e 2001 foi Catedrático na Tama Art University de Toquio, e dende o ano 2001 na Tokyo National University of Fine Arts and Music. Entre 1992 e 1998 foi comisario no Inter Communication Center de Toquio, e dende 1995 é Director Artístico no Intermedia Institute de Osaka, e; entre os anos 2000 e 2003 traballou como Director Artístico no Tokyo AAD Studio de Toquio. Unha selección das súas publicacións inclúe os seguintes títulos: History of 20th Century Photography (Toquio, Chikuma Shobo Pub., 1988); Machine Art (Toquio, Iwanami Pub., 1991); Electronic Art (Toquio, NTT Press, 1999).