rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CICLO CINEMA E MULLER. CHARLAS NO MARCO

CICLO CINEMA E MULLER. CHARLAS NO MARCO

Datas: 
17 marzo 2016 - 18 marzo 2016
Horario: 
xoves 17 e venres 18 de marzo, de 10.30 a 14.00
Lugar: 
salón de actos

Cinema e muller

A Deputación de Pontevedra lanza o proxecto "Cinema e muller" coa vontade de visibilizar as creadoras do audiovisual e fomentar así unha maior participación das mulleres na creación da cultura e da arte.

A iniciativa inclúe varias accións, o mapeo de mulleres realizadoras vinculadas á provincia, a organización dunhas charlas sobre cinema e xénero no salón de actos do MARCO, unha mostra de cinema galego e a estrea dunha película colaborativa realizada por dez cineastas. A programación desenvólvese entre os días 11 e 18 de marzo, nas cidades de Pontevedra e Vigo.

O cinema feito en Galicia atravesa un bo momento e está a obter recoñecementos nos festivais internacionais independentes, de xeito que xa se fala do Novo Cinema Galego como un movemento de vangarda. Neste agromar do audiovisual os filmes creados por mulleres presentan unha especifidade propia, que se manifesta nun discurso da diferenza ou da diversidade e na intersección coa arte. Trátase dun cinema que se atopa cómodo preto da obra de autora, do experimental e do documental comprometido.

"Cinema e muller" é un exemplo do que se pode facer para fomentar a construción de discursos narrados por mulleres. Porque se a linguaxe constrúe o mundo, e o audiovisual é unha linguaxe que hoxe sabemos esencial, ás mulleres quédalles por definir unha boa parte da súa historia. A realidade é que sen creadoras o imaxinario audiovisual propio das mulleres se atopa amputado, silenciado, desexando pronunciarse para achegar ao cinema a súa voz e para crear unha sociedade máis xusta.

No programa de charlas desenvolvidas no MARCO, quérese contribuír ao debate teórico a través de seis profesoras e investigadoras do ámbito universitario, feministas e especialistas en cine e xénero que exporán aspectos clave do cinema feito por mulleres no marco galego. Denúnciase a falta de visibilidade pero tamén se presenta o gran potencial creador existente para ofrecer horizontes posibles.

+info: http://www.depo.es/cinema-e-muller