rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CONFERENCIA “Isaac Peral e Vigo”, por Diego Quevedo Carmona  [Actividades paralelas exposición XULIO VERNE]

CONFERENCIA “Isaac Peral e Vigo”, por Diego Quevedo Carmona [Actividades paralelas exposición XULIO VERNE]

Datas: 
20 abril 2018
Horario: 
19.30
Lugar: 
Salón de actos
Prezo: 
ENTRADA LIBRE E GRATUITA ata completar aforo

Charla de Diego Quevedo con datos inéditos do inventor do submarino militar eléctrico e a súa relación con Vigo.

Presenta: Eduardo Rolland

Isaac Peral (1851-1895) foi o inventor do primeiro submarino torpedeiro de propulsión eléctrica. O seu enxeño foi botado en 1888 e resultou un éxito, aínda que as autoridades da época descartaron finalmente o proxecto. Retirado da Armada e enfermo, Peral iniciou a súa actividade como industrial, aproveitando os seus coñecementos científicos sobre a enerxía eléctrica. En 1890 recalou en Mondariz, onde se lle propuxo electrificar a vila balnearia. Alí coincidiu con Emilia Pardo Bazán, que o fixo protagonista dalgúns dos seus escritos. E en Vigo, converteuse nunha celebridade, que acudiu por exemplo á inauguración do monumento a outro mariño ilustre; D. Casto Méndez Núñez.

A figura de Peral é a dun científico apaixonado cunha idea, o que o relaciona directamente co universo de Xulio Verne. Con esta charla a cargo de Diego Quevedo, o MARCO inicia unha serie de actividades paralelas de ‘XULIO VERNE. Os límites da imaxinación’, a exposición de Fundación Telefónica que a partir do 19 de abril ocupa as salas da planta baixa.

Diego Quevedo Carmona, Oficial da Armada, investigador e autor de numerosos estudios sobre a figura de Isaac Peral, é prestador de varias pezas únicas presentes na exposición, procedentes da súa colección particular. Quevedo presentará nesta charla documentos inéditos sobre a relación entre Peral e Vigo, e achegaranos á formidable aventura da construción do submarino, botado vinte anos despois de que o Nautilus do capitán Nemo entrase na ría de Vigo, en 1868, segundo a novela Vinte mil leguas baixo dos mares.

Foto: Submarino Peral o día da súa botadura no Arsenal de La Carraca (San Fernando, Cádiz), 8 setembro 1888