rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Conversa Perfomativa PAN DE CONA. Rita Caoba & Electroqueer

Conversa Perfomativa PAN DE CONA. Rita Caoba & Electroqueer

Datas: 
10 novembro 2017
Horario: 
19.00
Lugar: 
#SalondoMARCO


As memorias de vida, as hipocresías da sociedade, o cárcere, as putas, os yonkis, a prostitución ou a xentrificación dos barrios e corpos serán algúns dos temas que se tratarán na Conversa Perfomativa Pan de Cona, que terá lugar este venres 10 de novembro ás 19.00 no #salóndoMARCO

As conversas performativas articúlanse como unha práctica artística expandida que hibrida as conferencias tradicionais co propio movemento. Este dispositivo procura experimentar novos xeitos de facer onde o discurso xoga co propio corpo. A voz, o movemento, as imaxes, van creando outros soportes nos que poder interactuar co público, superando vellas distancias do ensinante-alumno. A través da conversa e dos pensamentos de fronteira, ou do borderline, xogarase cunha mistura de vídeos e diálogo grazas á interacción de ElectroQueer e Rita Caoba e o seu alter ego Bette Pardo.

Con Pan de Cona preténdese facer un exercizo de cuestionamento do que é a tolemia e do que non é, das mentiras da realidade ou das memorias efémeras. ”Sempre me chamaron tola” di Rita Caoba. Pan de Cona é, tamén, unha conversa onde poder visibilizar a realidade social duns corpos e vidas non normativas: putas, travestis, chaperos, peixeiras, perruqueiras, migrantes, convivían nos barrios chinos de cidades mariñeiras como Vigo ou A Coruña; unhas vidas e economías en común que foron arrasadas no boom urbanístico anterior á crise. A xentrificación destes barrios ten como resultado o desprazamento destes corpos e o esquecemento destas relacións.

No encontro participan Pablo Andrade (aka Electroqueer), fotógrafo, dj e activista queer feminista no cultural, que conta cunha acreditada experiencia no desenvolvemento de proxectos artísticos de intervención social no ámbito queer; e Rita Caoba, activista e loitadora na defensa da sustentabilidade da vida. O seu alter ego Bette Pardo acaba de lanzar a canción-performance Fecaloma. Xuntas teñen colaborado dende mani*festa*accións coas maribolheras precárias, ata festas performativas e sesións visuais con música.

Descarga: