rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CORPOS EFÍMEROS, MÁQUINAS PERFECTAS. Pequena historia do movemento, o tránsito e a transformación no cinema

CORPOS EFÍMEROS, MÁQUINAS PERFECTAS. Pequena historia do movemento, o tránsito e a transformación no cinema

Datas: 
29 outubro 2015 - 26 maio 2016
Horario: 
xoves, de 19.30 a 21.00
Lugar: 
Salón de Actos
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, coa colaboración de relatores invitados
“O feito é que ninguén, ata agora, determinou o que pode o corpo”, escribiu Spinoza na súa Ética. E a súa intuición segue sendo válida nun mundo contemporáneo aínda inmerso en irresoltos (e irresolubles) debates entre idealismo e materialismo, entre o psíquico e o orgánico, entre a mente e o soma, ese “colector” ao que Platón xa describía en Fedro como un corpo-prisión. A liberación e a potencialidade dese corpo (que o move) e dos seus afectos (que o conmove) é tamén unha das cuestións claves da (cin)ética do cinema, a arte do movemento, o tempo e a luz. O corpus fílmico nútrese dunha inacabable provisión de corpos (ficcionais, documentais, animados ou virtuais) que camiñan, saltan, corren, voan, xogan, falan, cantan, bailan, rin, berran, dormen, esperan, miran, tocan, aman, golpean, nacen e morren. Corpos fugaces convertidos en máquinas efémeras a través das que o cinema continúa preguntándose polo que pode o corpo ao tempo que explora a súa propia potencialidade, a das imaxes e sons en movemento.

Cineastas como Tex Avery, John Woo, Johnnie To, Aki Kaurismäki, Roy Andersson, Jacques Tati, Jacques Demy, Stanley Donen, Lucrecia Martel, Béla Tarr, Leos Carax, Kelly Reichardt ou João César Monteiro; e performers (algúns tamén cineastas) como Takeshi Kitano, Jerry Lewis, Dennis Lavant, Buster Keaton, Kristen Wiig, Louie CK, Gene Kelly, Cyd Charisse, Daniel Craig, Jason Statham, Bruce Lee, Jackie Chang, Sammo Hung ou Chow Yun-Fat, entre tantos outros, servirannos de guía neste curso que quere trazar un breve itinerario polo movemento, o tránsito e a transformación no cinema. Do gag cómico á introspección de certo cine nórdico ou oriental, do musical ao cinema de acción ou de artes marciais, da precisión marcial do loitador á inocencia lúdica do clown, do vagabundeo urbano á mística dos espazos abertos no western ou a road movie… Múltiples son os camiños posibles por unha plástica do movemento no cinema, pero no centro do plano, sempre, a gravidade dun corpo en tránsito e a levidade dos seus afectos.

PRAZAS LIMITADAS PREVIA INSCRICIÓN 

Prezo: 190€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

Modalidade asistencia:

Estase xestionando a posibilidade de recoñecemento de horas de formación permanente de profesorado por parte da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Para as persoas interesadas nesta modalidade, a asistencia ás sesións será obrigatoria, mediante sinatura e presentación do DNI.

CALENDARIO E PROGRAMA EN ARQUIVO DESCARGABLE.

Dende o MARCO de Vigo, grazas participantes!
Un breve percorrido polas sesións do curso de cinema nesta edición 2015-16, dirixido por José Manuel López.