rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
CURSO CINEMA. OS AMORES DIFÍCILES. Percorrido sensorial por un cinema a flor de pel

CURSO CINEMA. OS AMORES DIFÍCILES. Percorrido sensorial por un cinema a flor de pel

Datas: 
19 outubro 2017 - 3 maio 2018
Horario: 
xoves, de 19.30 a 21.00
Lugar: 
salón de actos

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López, coa colaboración de relatores convidados
Total número sesións: 23

PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 13 de setembro

Prezo: 190€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

PRESENTACIÓN

Dende que o cinema comezou a contar historias, o centro de atracción de infinidade de películas, independentemente do xénero ao que pertenzan, ocupouno a inevitable “historia de amor”. O corpo e o rostro das stars convertíronse nas principais incógnitas a despexar por cineastas e espectadores porque non é casual, nunca o foi, que as pelles do ser humano e do cinematógrafo —a pel e a película— proveñan dunha raíz común: ver coa pel, tocar cos ollos.

E coa chegada da modernidade foi a crise desa parella de amantes a que encarnou outra máis fonda: a das imaxes e sons do propio cinema. O fin do idilio, a fractura das grandes historias de amor e o cuestionamento do seu necesario final feliz foron tamén os do cinema moderno respecto ás estruturas clásicas.

Os amores difíciles deste curso serán tamén, así pois, os do cinema: o amor do cineasta polo seu oficio, polo corpo ou o rostro dun actor ou actriz; ou o amor do espectador ante un primeiro plano da súa estrela favorita (o que Serge Daney chamaba o encantamento, o pracer e a fascinación da mirada).

Este curso está composto por 23 sesións nas que os corpos, a pel, o carnal e pulsional ocuparán sempre o primeiro plano. Sesións dedicadas xenericamente a cineastas, por suposto, pero tamén a actrices e actores porque tamén eles son creadores que, película a película, pel a pel, levantan unha filmografía que termina adquirindo a forma do seu propio corpo.

Pódese consultar o programa no pdf. de descarga