rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Diego Santomé. Traballos temporais

Diego Santomé. Traballos temporais

Ficha

Datas: 
23 xuño 2006 - 3 setembro 2006
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábado (festivos incluídos), de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.00 .
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Iñaki Martínez Antelo

Obras en exposición

A proposta de Diego Santomé para o Espazo Anexo do MARCO é un traballo en proceso concebido en varias fases, que ten o seu reflexo na sala de exposición a través da proxección do filme TRABALLOS TEMPORAIS, ofrecido ao público en varios pases diarios.

Traballos temporais, 2006
Duración: 48' 30''
Un filme de Diego Santomé
Escrito e realizado por Diego Santomé e Víctor Hugo Seoane
Música de Jesús Campos Ruíz
Producido por MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo

Colaboran: Master Cadena, Concellería de Cultura do Concello de Nigrán, Concellería de Benestar Social do Concello de Vigo
Coa colaboración especial de María Rodríguez e Xacobo Sanmartín
As accións incluídas no filme foron realizadas con persoas usuarias das UBAS (Unidades de Benestar e Acción Social) de Teis, de O Castro, de Lavadores, de Litoral e co asesoramento do Gabinete de Accesibilidade do Concello de Vigo
Protagonistas: Geseica, Mauricio, Ángel, Trini, Adrián, e Asociación A.P.A.M.P.

Síntese do proxecto

Hai na traxectoria de Diego Santomé (Vigo, 1966) unha actitude perante a obra de arte que nos obriga a replanearmos o sentido de moitos dos discursos artísticos do noso tempo. Todo no seu pensamento e accións xira ao redor de preguntas como: para que serve a arte? a quen chega a arte contemporánea? en que consiste ser artista? ou cal é a función que a arte pode ou debe desempeñar na sociedade de hoxe?

Dende un principio, cando se planea a posibilidade de realización dun proxecto para o Espazo Anexo do MARCO, o artista toma a decisión de traspasar as marxes habituais do espazo e tempo expositivos, de ir máis aló e desenvolver unha obra en proceso con varias fases consecutivas, baseándose nunha reflexión sobre a relación entre arte e vida, en como un artista pode partir de la realidade social máis inmediata para dar sentido ás súas obras.

O eixo do proxecto, ou máis ben o seu punto de partida, é a realización de accións cun beneficio social concreto e con consecuencias directas sobre persoas e colectivos. Para isto destinou unha parte dos recursos previstos para a produción da exposición á mellora de aspectos materiais na vida de varias persoas. Individuos con nomes e apelidos para cuxa localización e colaboración contou co asesoramento de distintas entidades, principalmente o equipo multidisciplinar do Departamento de Benestar Social do Concello de Vigo. O contacto directo e continuado cos protagonistas favoreceu un achegamento e familiaridade que está moi lonxe de calquera indiscreción ou paternalismo, riscos inevitablemente latentes nun proxecto desta natureza.

A partir destas reflexións sobre a función da arte e do artista, e coas accións desenvolvidas nas vivendas dos protagonistas como materia prima, Diego Santomé constrúe o relato cinematográfico titulado TRABALLOS TEMPORAIS, que se exhibe na sala do Espazo Anexo.

Todo o proxecto se levou a cabo coa rutina temporal dun traballo de campo: reunións con asistentes sociais, visitas aos domicilios e sedes, entrevistas, planificación de tarefas, etc. E sempre na compaña da súa cámara mini DV de alta definición. A fase de traballo nas vivendas, que se prolongou durante varios meses, íase entretecendo co traballo de gravación e pos-produción das imaxes. A mostra no Anexo conforma a segunda etapa do proxecto, que concluirá coa publicación dun catálogo que inclúa, ademais de textos sobre Diego Santomé e da copia do filme en dvd, unha serie de debuxos realizados polo artista ao longo de todo o proceso, apuntes en papel que completan as secuencias deste relato en imaxes.

O título TRABALLOS TEMPORAIS leva implícitos varios aspectos chave que son comúns a toda a obra de Santomé: por unha banda, a idea do artista como obreiro, como traballador autónomo –a rutina cotiá, o espertador que soa, o desprazamento ao lugar de traballo– e tamén o convencemento de que a arte a facemos entre todos (artistas, xestores, espectadores) e do museo como produtor de cultura. Por outra banda –como ben sinala Javier Pérez Buján no texto que prepara para o catálogo, do que a continuación ofrecemos un parágrafo– o sentido do tempo, verdadeiro protagonista da exposición e do relato cinematográfico, coa rutina diaria como articuladora da estrutura temporal da narración, composta basicamente de cinco xornadas laborais:

“Diego Santomé optou polo camiño máis difícil, pero tamén o máis lúcido, isto é, realizar as accións, contribuír a mellorar a vida dalgunhas persoas e, con ese motivo, realizar unha peza que transcende o contido das accións en si. Fálanos delas, pero tamén as utiliza como material para algo máis complexo: para transformar o espazo físico da exposición nunha sala de cine onde a única posta en escena é a creación das condicións óptimas de proxección para contemplar o tempo. O tempo do proxecto, o tempo do artista, o tempo da cámara, o tempo do que olla… o tempo que escorrega entre os nosos dedos e que Diego Santomé captura, acouta, resitúa e ‘esculpe’, como dicía Tarkovski, un dos seus cineastas de referencia.” [Javier Buján, para o catálogo da mostra de Diego Santomé no Espazo Anexo do MARCO]

En aparencia, historias ‘reais’ próximas ao xénero documental, que se articulan nun tempo e lugar determinados. E nembargante, nada máis lonxe da realidade. Dende o primeiro fotograma comeza un fascinante xogo entre realidade e ficción, composto por ‘ficcións de realidades’ habitadas, producidas e construídas polo artista, no que todo o que estamos a ver –cada secuencia medida, cada fotograma– forma parte do relato que el elixiu contarnos. De momento, o que se nos ofrece é un espazo convertido en sala de cine e un filme de 50 minutos que condensa toda a súa experiencia creativa dos últimos meses. Unha experiencia, unha percepción da non-realidade, unha ‘habitación dos desexos’ –así se titulaba a peza nun primeiro momento– da que todos, en especial os espectadores, somos protagonistas.

Artistas

Diego Santomé

Diego Santomé (Vigo, 1966)

EXPOSICIÓNS INDIVIDUAIS (selección)

2006 Diego Santomé. Espazo Anexo do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
2005 Un teléfono para hablar conmigo. Galería Pilar Parra & Romero, Madrid
2004 Diego Santomé. ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo, Vitoria
2002 Fundación Diego Santomé. Galería Bacelos, Vigo

PERFORMANCES (selección)

2005 75kg. 400gr. MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
2001 Corte de pelo e outras accións. Galería Bacelos, Vigo (con Ignacio Pérez-Jofre)

EXPOSICIÓNS COLECTIVAS (selección)

2006 Sen xeración, Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela
Destino: Santiago. Colección Centro Galego de Arte Contemporánea. Instituto Cervantes, Sofía     (Bulgaria), Milán (Italia), Berlín (Alemaña), Praga (República Checa)
2005 Take Me to Portugal, Take Me To Spain. The Netherlands Instituut voor Mediakunst: Montevideo Time Based Arts, Amsterdam, Holanda
Outras arquitecturas, outros artistas... outras alternativas. Galería Carlos Carvalho. Lisboa, Portugal
Video Zone. The 2 International Video-Art Bienal in Israel. Center for Contemporary
Art; Digital ArtLab Holon; Herziliya Museum of Art; Cinematheque Tel Aviv, Israel
A arañeira. 100 artistas da Colección CGAC. Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela
Quinzaine Hispanique. Art´Boss, Space culturel du lycée Bossuet, Toulouse, Francia
2003 Indisciplinados. A posición da arte nas fronteiras do deseño. MARCO, Museo de Arte
Contemporánea de Vigo
2002 Novos Valores. Museo de Pontevedra

BIBLIOGRAFÍA (selección)

  • BARRO, David, Sen xeración (cat.); Santiago de Compostela, Auditorio de Galicia, 2006

  • LENS, Xosé Manuel, ‘Entrevista con Diego Santomé'; entrevista 30/30 da serie Diálogos Búmerang, en www.culturagalega.org, 31 marzo 2006

  • HONTORIA, Javier, ‘Diego Santomé', en El Cultural de El Mundo, 5 xaneiro 2006

  • DÍAZ-GUARDIOLA, Javier, ‘Entrevista con Diego Santomé', en ABCD las Artes y las Letras, 28 decembro 2005

  • VVAA, Making off (cat); Vitoria, ARTIUM, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo, 2004

  • VVAA, Indisciplinados. A posición da arte nas fronteiras do deseño (cat.); MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 2003

Texto artista

"TRABALLOS TEMPORAIS responde ao desexo de vencellar arte e vida de xeito directo, a partir dunha reflexión sobre a inmaterialidade da obra de arte e dos procesos de produción artística. En formato cinematográfico, esta peza narra as accións levadas a cabo nas casas de Ángel, Trini, Adrián, Mauricio e Geseica, e na Asociación A.P.A.M.P.; accións que, concluídas ou non, son proba da fraxilidade dos límites entre a experiencia artística e a experiencia vital.

Desde un primeiro momento, a idea era levar o traballo fóra do museo. A exposición propiamente dita ten lugar nos domicilios dos protagonistas. É nestes lugares privados onde se revela a función social da arte, mediante relacións abertas, imprevisibles, que se xeran entre o público -a propia familia e o meu traballo- e o espazo cotián, convertido en sala de exposicións.

Unha vez mergullado no proceso decidín que tiña que atopar a maneira de amosar o tempo en lugar do obxecto. Para conseguir ser coherente coa idea de inmaterialidade que tanto me interesa, e evitar calquera interpretación frívola, a sala de exposicións do MARCO non debía conter obxectos, senón unha idea do tempo que só permite o formato cinematográfico: aquel no que se desenvolve cada unha das cinco accións nas que suplanto outra profesión para mostrar o meu traballo".

 

Diego Santomé
Vigo, xuño 2006

 

Comisariado

Iñaki Martínez Antelo


Iñaki Martínez Antelo (Santiago de Compostela, 1969) é director do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, dende o 18 de novembro de 2005. É licenciado en Historia da Arte Contemporáneo pola Universidade de Santiago de Compostela, e máster en Estética e Teoría da Arte polo Instituto de Estética adscrito á Universidade Autónoma de Madrid. Tras o seu paso polo Centro Galego de Arte Contemporánea de Santiago de Compostela (1996-1998), foi coordinador de exposicións no Auditorio de Galicia (1998-2002) e coordinador de actividades culturais en Casa Asia, Barcelona (2002-2003). Dende o ano 2003, pouco despois da súa inauguración, viña desempeñando o cargo de responsable de exposicións do MARCO, ata que, tras un concurso público, foi designado director a finais de 2005. En febreiro de 2011 é elixido presidente da Asociación de Directores de Arte Contemporáneo de España.