rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
DIN MATAMORO. Etérea

DIN MATAMORO. Etérea

Ficha

Datas: 
16 abril 2021 - 12 setembro 2021
Lugar: 
Primeiro andar (Salas frontais, galería B3)
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

Para a súa primeira exposición no MARCO, Din Matamoro (Vigo, 1958) toma como punto de partida unha célebre premisa de Kandinsky: “O branco é o gran silencio cheo de cousas posibles”. Esta mostra reúne unha selección da súa obra dos últimos anos, centrada no estudo da cor, acompañada doutras pezas de épocas anteriores que, como todo o traballo deste artista, implica todo un ensaio sobre a percepción, os seus mecanismos e emocións. A intención é que a súa obra se vexa íntima, completa, que o espectador poida sentir a aparición e a aproximación lenta da cor na súa mirada, a enerxía interior que hai detrás da pel de cada pintura, gardando entre elas un espazo xeneroso.

Pinturas que se moven, que non se conxelan no tempo despois de seren pintadas, que conservan un latexo, unha enerxía que se despraza ante a ollada, sutilmente, como a luz cenital ao longo do día, ou a luz e as cores que se moven nas pantallas de cine. Se nos paramos a contemplar, a cor cambiará de intensidade e descubriremos o seu carácter intimo, certo misterio, a súa forza interior e, a un tempo, o tráxico cósmico no que o humano non é máis ca un eco, unha resonancia.