rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Do revés. Artistas contemporáneos de Israel

Do revés. Artistas contemporáneos de Israel

Ficha

Datas: 
7 xullo 2006 - 8 outubro 2006
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
martes a sábado (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Octavio Zaya

Obras en exposición

Esta mostra colectiva reúne un total de 54 obras: 45 fotografías (Adi Nes, Sharon Ya'ari, e as series de Keren Assaf, Ori Gersht, Miki Kratsman, e Rona Yefman), 4 instalacións (Varda Getzow, Eliezer Sonnenschein, Gal Weinstein, Nadav Weissman), 2 vídeos (Guy Ben-Ner, Sigalit Landau) e 3 videoinstalacións (Yael Bartana, Ori Gersht, Talia Keinan).

Síntese do proxecto

Completando a súa programación expositiva para os vindeiros meses, o MARCO de Vigo presenta a mostra colectiva DO REVÉS. Artistas contemporáneos de Israel, comisariada por Octavio Zaya, que se suma ás exposicións de produción propia –catro de cinco– organizadas até o momento polo museo no ano 2006. A mostra coincide coa conmemoración do vixésimo aniversario do establecemento de relacións diplomáticas entre España e Israel.

A selección do comisario inclúe un total de 14 artistas que non foron en modo algún elixidos como representantes da arte de Israel, senón como mostra da complexidade e diversidade da arte contemporánea dese país, con visións subxectivas, coas súas contradicións, múltiples sentidos e interpretacións. A intención é achegarse ao carácter e sentido das prácticas e produción artística dun grupo de creadores contemporáneos de orixe israelí. Lonxe de calquera discurso institucional ou intento de instrumentalización política, si existe en cambio unha clara intención de contribuír a unha mellor difusión da obra de artistas –na súa maioría emerxentes pero que empezan a despuntar internacionalmente– que por diversos motivos son practicamente descoñecidos en España.

O certo é que resulta difícil mencionar o nome de Israel sen que irremediablemente se asocie con cuestións que moi pouco ou nada teñen que ver coa intención do proxecto expositivo. “En realidade –tal como sinala o comisario no seu texto para o catálogo– todo o que se refire a Israel xa está marcado e significado dun modo ou outro na nosa conciencia moderna (...) Como todos sabemos, as realidades nas que se inspira e se debate, onde se atopa e se perde, as que transcende e ignora a arte contemporánea que se veu producindo en Israel —ou por artistas israelís en torno ás condicións e vicisitudes da práctica artística nun país en constante estado de emerxencia— son tráxicas e extraordinarias”.

Esta nova xeración de artistas parece ter superado a idea sionista de unidade de Israel, e sen embargo, un elemento en común das obras en exposición é a atención ao territorio e á paisaxe, que segue a ser unha constante. Paisaxes e visións da natureza que son paisaxes e visións do ser humano, nos que latexan ideas e planeamentos sobre a fraxilidade da existencia. Dende o sentido alegórico da tala de árbores na videoinstalación O bosque de Ori Gersht, até a paisaxe/memoria na instalación de Varda Getzow, unha presenza poderosa e chea de lembranzas que nos amosa que a natureza ten memoria do pasado. Da recreación de Gal Weinstein dun lugar mítico para os israelís como o Lago Huleh, á fotografía documental de Sharon Ya’ari, coa súa sensibilidade cara ao abandonado e o deserto, sobre o aparentemente vago e carente de singularidade. E a serie Territorio de Miki Kratsman, que non se entende fóra do contexto xeral do seu traballo nos territorios ocupados.
 
Por outra banda, a visión idealista e pintoresca do soño israelí-americano en Keren Assaf, o lugar do individuo nunha cidade como Tel Aviv no vídeo de Yael Bartana, o diario de Guy Ben-Her como náufrago, as imaxes esteticistas e simbólicas dos soldados do exército israelí de Adi Nes, ou as olladas de Rona Yefman sobre a sexualidade humana e sobre a relación dos individuos co seu corpo, coa paisaxe e co entorno social.

Por último, espazos máxicos como o bucle en permanente transición de Taila Keinan ou a maxia do equilibrio perfecto —que recoñecemos como un xogo— nas montañas de naipes de Eliezer Sonnenschein, cunha fraxilidade comparable á da instalación de Nadav Weissman, habitada por ‘personaxes’ que existen nunha dimensión intermedia entre a infancia e o mundo adulto. E tamén, as poéticas referencias á mortalidade, a vulnerabilidade, os límites, as fronteiras e, por extensión, á idea do territorio o conflito entre Israel e Palestina, no vídeo de Sigalit Landau.

Artistas

    Adi Nes
    Eliezer Sonnenschein
    Gal Weinstein
    Guy Ben-Ner
    Keren Assaf
    Miki Kratsman
    Nadav Weissman
    Ori Gersht
    Rona Yefman
    Sharon Ya’ari
    Sigalit Landau
    Talia Keinan
    Varda Getzow
    Yael Bartana

Texto curatorial

“Por unha banda, poderíase afirmar que a sociedade e a cultura na que agromou e que caracterizou a arte de Israel ata case finais da década de 1980 estiveron marcadas, dun xeito ou doutro, polos principios do ideal e do mito Sionista, a consecuente creación dunha identidade colectiva, a preservación e imposición dunha fronte ideolóxica uniforme, común, e o desenvolvemento do vasto e ambicioso proxecto dos asentamentos. Por outra, semella xa evidente que a sociedade e a cultura na que hoxe se artellan e se debaten os seus artistas contemporáneos xa non sacrifican nin as súas expresións de diferenza, nin as súas individualidades, nin os seus paradoxos, nin os seus conflitos, en beneficio dunha fachada idealista universal. En todo caso, a arte contemporánea de Israel que se ven urdindo particularmente a partir dos noventa, e que ten conseguido proxectarse no exterior durante a última década, desencadea o mesmo tipo de pluralidade, fragmentación, inestabilidade e contradicións que caracterizan ao de calquera outra sociedade moderna que experimenta e sofre o cuestionamento e transformación da súa identidade establecida e dominante propiciados polas continuas correntes migratorias, a globalización económica e cultural, e a diseminación e ubicuidade da información e das novas tecnoloxías.

Por iso, os artistas que aquí se presentan nin constitúen un bloque circunscrito a unha ideoloxía nacional, nin a unha visión colectiva ou a unha corrente estética uniforme. Alén das ideas preconcibidas e asuncións, dos prexuízos, presupostos e predisposicións, clixés e outras nocións que teñamos das súas creacións, ningunha podería identificarse especificamente como israelí, nin revelaría unhas características ou patróns identitarios que configuren unha idiosincrasia ou estereotipo cultural. En conxunto, a orixe e o contexto no que se desenvolven e proxectan estes artistas seleccionados, as súas prácticas e as súas creacións, as súas teimas e proxeccións xa non están invertidas, absortas, na esperanza ou nos soños dunha sociedade utópica común. Se acaso, a complexidade e a multiplicidade que manifestan as súas obras estarían inspiradas, decididas se cadra, por variadas e distintas condicións, circunstancias e factores que se relacionan e se caracterizan coas diversas culturas, linguas, relixións e visións políticas que compoñen hoxe Israel.

Se algo caracteriza a este grupo de artistas no seu conxunto, se hai algo que os identifique, é unha tensión entre a realidade na que viven, entre a realidade que padecen, que experimentan, que constrúen, que configuran e recrean nas súas obras e o barullo interno das súas subxectividades. Incluso cando se refiren a situacións e temas sociais e políticos, o que representan, o que proxectan, sempre é unha proposición inquietante, ás veces contida, ás veces silenciosa, de cote indirecta e sempre oblicua, sen linealidade, sen temporalidade, transcendendo sempre o particular e o específico ata transformar a concreción e realidade do Holocausto, a guerra, o terrorismo, a ocupación ou a inseguridade da vida diaria que confrontan, en ficcións de violencia, de temor, de morte e de ansiedade subxectivas, que nos implican a todos por igual. A interioridade vólvese do revés, expoñendo, revelando as entrañas da súa ansiedade.

Tal vez é a proximidade do trauma que ocasiona a cotío a realidade na que vive o artista israelí; tal vez é temor a simplificar, a explotar, a exotizar, a estetizar, a confundir a realidade coa ficción. Sexa o que sexa, ningún deles parece disposto a que o constante e arbitrario remuíño da realidade, o seu desacougo e a súa insuficiencia, socaven o extraordinario poder da imaxinación, a que a quimera desta sucumba ante o xugo daquela, como un máis dos seus instrumentos. Para todos estes creadores, a arte é un lugar de ambivalencia extrema. E por máis que tratemos tantas veces de arroupar esa ambivalencia cunha brecha diferente, e cambiemos o empeño en describir e conter o sublime por un argumento das implicacións políticas do poder e a utilidade da arte, sempre continuaremos arrastrados cara á arte como se fora un espectro, o pantasma dun pasado que aínda nos conmove e a persistente posibilidade dun futuro que pensamos que desexamos. Contra a narrativa, estes artistas israelís eclipsan a temporalidade mesma incluso cando tratan de historizala. E como o obxecto imposible da conciencia, a arte que aquí presentamos, esta arte do revés, vaise flotando no aire como ausencia. Se non fose así, só sería a presenza do seu fondo fracaso”.

Octavio Zaya
Comisario da exposición
[Fragmentos do texto “DO REVÉS: Desacougos sen ilusións
Entre un final e un principio, entre ansiedade e especulación”, no catálogo da mostra]

Comisariado

Octavio Zaya

Octavio Zaya naceu nas Illas Canarias e vive en Nova York dende 1978. Comisario independente, é asesor do Museo de Arte Contemporáneo de Castilla y León, MUSAC; co-director da revista Atlántica, publicada polo CAAM de Las Palmas; membro do consello editorial de NKA Journal of Contemporary African Art (Cornell University, N.Y.), da publicación de arte electrónica para a web Lab 71 (N.Y.), e corresponsal de Flash Art en Estados Unidos. Foi un dos comisarios da Documenta 11 (2002) como parte do equipo curatorial dirixido por Okwui Enwezor, así como un dos comisarios da primeira e segunda edición da Bienal de Johannesburgo (1995 e 1997).

Durante o ano 2005, presentou varias exposicións: After the Revolution. Contemporary Artists from Iran (Koldo Mitxelena, San Sebastián, 2005 e Kunstforeningen, Copenhague, 2006), Carmela García: the Hole in Space (CAAM, Las Palmas, e Centro Juan Ismael, Fuerteventura, 2005), e Shirin Neshat: La última palabra (MUSAC, 2005; CAAM, 2006). Na actualidade está a preparar unha exposición dos vídeos/curtas de Jesper Just e un completo repaso das videoinstalacións de Candice Breitz. Ademais, está organizando a I Bienal de Fotografía en Petach-Tikva, Israel.