rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
La familia. Serie A flor de piel, 2017. Acuarela, carbón, grafito e collage sobre papel. Foto: cortesía do artista
A Job. Serie A flor de piel, 2017. Acuarela e bolígrafo sobre papel. Foto: cortesía do artista
Alice Clarke. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, carbón e collage sobre papel. Foto: cortesía artista
Doroth e Mort. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, carbón e azulexos sobre papel. Foto: cortesía artista
Phyllis Carmier “HUME”.Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018.Acuarela, carbón e collage sobre papel. Foto: cortesía artista
Clara Randall.Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, po de grafito e polímero sobre papel. Foto: cortesía artista
Jean Wilson. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, carbón sobre papel. Foto: cortesía do artista
Annie Gunderson. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, collage sobre papel. Foto: cortesía do artista
Nellie Cassidy. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, grafito, collage sobre papel. Foto: cortesía artista
Mary Harris. Serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, collage sobre papel. Foto: cortesía do artista
Philip Roth, 2018. Óleo, collage sobre papel. Foto: cortesía do artista
Neptuno I, 2015. Grafito sobre papel sobre Dibond. Foto: cortesía do artista

Eduardo Gruber. O salón dos espellos

Ficha

Datas: 
27 setembro 2019 - 1 marzo 2020
Lugar: 
Galería e sala perimetral do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Miguel Fernández-Cid

A partir do 27 de setembro, o MARCO retoma o seu programa expositivo coa inauguración de dúas mostras individuais — Eduardo Gruber e Jorge Martins— nas salas do primeiro andar. Ambas propostas teñen como fío condutor o debuxo e a obra sobre papel, a través de pezas e estéticas moi diferenciadas: o relato de Gruber ao carón da voz poética de Martins.

Eduardo Gruber (Santander, 1949)  é un pintor a quen sempre tentou o debuxo e a obra sobre papel, non como bosquexo senón como obra final. Artista polifacético, ten realizado esculturas, intervencións no espazo, instalacións, escenografía (de ópera para Pilar Miró), e ten publicado varias novelas.

A mostra do MARCO reúne unha selección de obras recentes, debuxos e obra sobre papel, na que resulta central a presenza da palabra, do relato, da literatura. Faise especial fincapé na relación entre literatura, pensamento e imaxe, tan presente na súa obra como a paixón pola metáfora. Obras co fío condutor do azar, ese límite case imperceptible, ese espello que, unha vez traspasado, nos permite vivir outra vida, habitar outro escenario. En suma, uhna selección de pezas, a modo de pequeno salón de afirmacións, ecos e reflexos, que permite percibir o xeito de traballar dun artista que, dende a pintura, sempre tenta a obra total.

Exposición bibliográfica / Documentación

Eduardo Gruber / Jorge Martins
27 setembro 2019 – 1 marzo 2020

A partir da inauguración da exposición, a Biblioteca-Centro de Documentación do MARCO presenta unha mostra bibliográfica e documental con selección de catálogos e publicacións de Eduardo Gruber e Jorge Martins. O dossier documental, que reúne enlaces a artigos, audios, vídeos, e outra información sobre os artistas, estará accesible para consulta no propio espazo ou dende a web do MARCO www.marcovigo.com nos apartados Biblioteca/Novas e Exposicións/Actuais.

Información e visitas guiadas

O persoal de salas está dispoñible para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

Todos os días ás 18.00
Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita nos tel. 986 113900 / 986 113904

Visitas e obradoiros para escolares

Para grupos de educación Infantil, Secundaria, Bacharelato, e outros centros de formación.

Colabora: Obra Social “la Caixa”
A partir do 15 de outubro de 2019
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30 / Previa cita no tel. 986 113900/113904

Foto de portada: Eduardo Gruber. Jean Wilson. Da serie Femme fatale-amores platónicos, 2018. Acuarela, carbón sobre papel, 179 x 149 cm

Texto curatorial

Debuxo, grafito, papel. A idea e o proceso en Eduardo Gruber

“Resulta posible establecer unha clasificación dos debuxos segundo o ánimo e intención que os guía. Os de arquitectos son inconfundibles porque sinalan un lugar e resaltan unhas liñas que sintetizan volumes, arquitecturas reais ou imaxinadas. Os de escultores centran un interese, unha condición: peso, forza, volume; ou a súa ausencia: levidade, síntese, oco. Nos debuxos de pintores cremos ver despuntar dunha idea e falamos de bosquexos, apuntamentos.

Os debuxos de Eduardo Gruber (Santander, 1949) resultan especiais porque conteñen todo o proceso de traballo. Parten dun motivo, con frecuencia prestado pero apropiado, a partir do cal desprega e desenvolve a obra. Debuxa, escribe, engade ou resta, busca a escala ideal. Só na acuarela procede leve e preciso, limpo e atinado. Sempre é audaz, áxil levando o espectador cara á imaxe desexada, que contén buscas e pegadas. Moitos dos seus debuxos teñen ritmo cinematográfico ou semellan intensos contos curtos e longas sagas noveladas. Ás veces son pequenos, en ocasións murais, pero sempre enigmáticos, misteriosos, confesionais, sutís.

O salón dos espellos reúne traballos recentes sobre papel nos que conviven a liña, o texto e a grafía. Arranca cunha reflexión sobre o azar, ese fino espello que separa ou une realidade e fantasía, violencia e placidez. Como na Alicia de Lewis Carroll. Despréganse a continuación un libro de libros, resultado de anotar os da súa biblioteca, en aparente e sincero descoido; retratos apaixonados de escritores, unha sutil e evocadora historia de sombras, e un estraño cadáver exquisito. Ao seu carón, un mural máxico, por se alguén pensaba que o debuxo era unha ocupación fugaz, pasaxeira, de entreactos.

A exposición péchase cunha serie, Femme fatale, na que, a partir dunhas fichas policiais que lle chegan case por azar, Gruber actualiza retratos e suxire novas vidas, traspasando o espello da realidade. Hai moito de Carroll, de inventor de historias, mesmo de fabulador romántico. Quizais por iso, a exposición se abre cun cisne que arranca o voo, a piques de ser devorado, aseteado por cubertos de alpaca. ‘Tórcelle o pescozo ao cisne de enganoso plumaxe / que dá a súa nota branca ao azul da fonte’, escribiu o poeta; pero esa é outra historia e, se cadra, outra mostra.”

 

Miguel Fernández-Cid
Comisario da exposición

Texto artista


A SORTE E O AZAR. Unha aproximación ao proxecto Femme fatale-amores platónicos

“Non lle preguntes a un filósofo pola sorte, non che contestará, se cadra si a algo co que a adoitamos identificar: o azar. Poranche o exemplo do testo que cae ao teu paso. Do azar si falaba Aristóteles referíndose a el como unha parte inescrutable da existencia humana que ten que ver con aspectos conxunturais ou accidentais que nos acontecen nas nosas vidas cotiás. Non obstante, o azar non é tan popular como o é a sorte. A boa ou a mala sorte está presente habitualmente no noso vocabulario cotián e só coa súa oportuna mención, a miúdo damos resposta ao noso percorrido vital, mesmo opinamos, sen a menor dúbida, sobre o acontecido aos outros. Quizais a sorte ten que ver cunha especie de valoración persoal da propia existencia, coa convicción de que as circunstancias que a provoca sobreviñeron como regaladas contribuíndo así á felicidade ou, por que non, á desgracia. Aquí, a pregunta é se a sorte está no que se ten ou no que se desexa.

Nesa busca que explicase o misterio que a acompaña, unha páxina de internet levoume a outra, ata chegar a "Femme Fatale", e de aí a "Justice & Police Museum", un enlace á historia de Sidney con imaxes de arquivos dos anos vinte do século pasado do que denominaban women prisoner, prisioneiras. Decenas de fichas policiais nas que rostros de mulleres de todas as idades, fotografadas cunha inquietante e desgarradora nitidez, acompañaban un conciso texto –a súa ficha policial, rexistro do delito– deixando en min unha fonda pegada. Este interese que espertaron en min, este amor platónico por cada unha delas, levoume a un compromiso persoal, o de contar a súa outra historia que, lonxe de concibila como ficticia, imaxinei como posible en tanto en canto a "boa sorte" aparecese nas súas vidas. Non podía ser que eses rostros, fotografados nese preciso instante, quedasen como única mostra do seu paso pola incrible vivencia anónima que cada ser humano ten achegado no seu tránsito pola nosa historia.

Femme fatale-amores platónicos é unha serie de nove obras de 180x150 cm realizadas sobre papel con técnica mixta (acuarela, carbón, grafito ou colaxe) que une, neste caso, o meu traballo como artista plástico ao de escritor "oculto". Nove relatos curtos que acompañan dunha forma indivisible a cada unha das obras ata formar un todo. Para a súa realización, houbo dous únicos condicionantes de xeito que o relato se cinguise conceptualmente á idea xerminal: o nome e a imaxe fotográfica do rostro de cada unha delas. Mary Harris, Eileen O 'Connor, Jean Wilson, Alice Clarke, Dorothy Mort, Clara Randall, Phyllis Carmier "HUME", Nellie Cassidy e Annie Gunderson, son os meus amores platónicos, as protagonistas deste traballo. Na súa elección primou o que cada un dos seus rostros me inspirou, rostros cansos, tristes en moitos dos casos, todos eles transmitindo a idea de que a mala sorte as ten vencido.”

Eduardo Gruber

UN INSTANTE CREACIONAL

“Jan Asselijn e Carl Orff non teñen nada en común. Jan foi un pintor barroco holandés do século XVII, mentres que Carl Orff foi un compositor alemán do século XX pertencente ao neoclasicismo musical.

Aos artistas lembrámolos, basicamente, polo legado que deixan coas súas obras. Son os alleos os que, usando a súa sensibilidade como chave, fan que a obra mude inmortal. Se cadra ambos os dous artistas si teñan unha cousa en común; son artistas dunha soa obra. En realidade, sabemos que ambos os dous teñen unha extensa obra detrás, pero mentres que a Jan Asselijn coñecémolo polo magnetismo do seu cadro Cisne ameazado, Carl Orff ten en Carmina Burana o seu alter ego, o seu igual, case o seu pseudónimo.

Recordo unha visita, hai anos, ao Rijksmuseum en Amsterdam, era unha visita cunha razón fundamental: ver polo miúdo Early Age un autorretrato de Rembrandt novo para falar del nun capítulo da novela O devorador íntimo, que estaba a escribir daquela, e como adoita acontecer cando visitas un museo, sen saber ben porque, atopeime absorto contemplando o cadro Cisne ameazado, converténdose nese instante nun dos meus cadros favoritos e dende ese día, a imaxe dese poderoso cadro está, entre recortes e apuntamentos, na parede dun canto do estudio.

Todo o que te rodea no taller, todo, ten unha influencia dun modo ou outro no teu traballo. Hai dous anos os meus ollos repararon, cunha mirada diferente, no cisne, e seguindo ao pé da letra unha premisa que marca o meu traballo —"se tes unha boa idea e a podes facer, faina!"— fíxeno. A idea inicial foi realizar unha escultura a tamaño natural, como está pintado no cadro, do Cisne ameazado. No mundo da arte, ou mellor, no mundo dos artistas, as casualidades, a miúdo, inflúen de xeito importante no resultado final da obra, e este é un bo exemplo diso. Pintar acompañado de música é frecuente nos talleres. Ese día aliñáronse, como dous astros, a imaxe do Cisne ameazado e a música de Carmina Burana. Nese instante o cisne fíxome recordar algo que lera sobre a obra de Orff. Carl recorre a unha colección de cantos goliardos dos séculos XII e XIII para inspirarse e elixe entre eles, ao chou, unha serie de crúas cancións para solistas e coros que acompañados de instrumentos e máxicas imaxes, fan que o oínte experimente a música como unha forza primitiva e abafadora.

Un dos cantos goliardos, quizais o máis representativo de Carmina Burana é o ‘Cignus ustus cantat’.

...Noutro tempo eu vivía no lago,

Noutro tempo eu era fermoso,

Cando eu era un cisne...

...Agora atópome nunha bandexa

E non podo volver voar lonxe.

Vexo dentes impacientes...

Quéixase o cisne cun ton sorprendentemente humorístico para un texto do século XII.

Dez comensais é unha escultura con vocación de instalación, na que un cisne é vítima da violencia como metáfora da, a miúdo, innobre relación do ser humano coa natureza.

Eduardo Gruber