rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Loreto Blanco Salgueiro. Atlántico, 2014
María Castellanos Vicente. Corpo-realidad, 2013 (detalle) Instalación
John Coplans. Self Portrait, Lying Figure, Holding Leg —Four panels— 1990
Fernando García Correa. Sombra de Bosque (L), 2010
Anne Heyvaert. Replis Selon Plis, 2014 (detalle)
Elena Lapeña. Serie Corintia. Laserpitium siler, 2013
Juan Loeck. Proceso nº 52: Construcciones P/A. Construcción con vientos, 1986
Juan Carlos Meana. Naturaleza por morir, 2014
Gambierdiscus excentricus, 2014. Fotografía
Mónica Ortuzar. Miembro clan, 1999
Esclerocronoloxía. Otólitos, 2006-2012. Fotografía
Ignacio Pérez-Jofre. Lluvia, 2014

EIDOS DA IMAXE. Grafías dos feitos e do pensamento

Ficha

Datas: 
6 xuño 2014 - 12 outubro 2014
Lugar: 
Salas de exposición do 1º andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingos de 11.00 a 14.30. Pechado luns
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Proxecto Baliza, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo
Comisariado: 
Alberto Ruiz de Samaniego


Comisario:
Alberto Ruiz de Samaniego
Coordinador: José Manuel Mouriño


 

Sempre existiu un vínculo entre a arte e o coñecemento ou o saber científico. Pero ademais, na nosa modernidade técnica, moitos dos resultados e procedementos do coñecemento científico dependen en boa medida da súa visualización e construción en imaxes. A miúdo, a proba física destes procesos de experimentación, a súa proba experimental tanxible, desemboca na imaxe. Este proxecto expositivo mostra como artistas e investigadores comparten a necesidade de obter resolucións gráficas e figurativas dos acontecementos ou dos feitos físicos do mundo.

Ramiro Álvarez Clavero (Servizo de Teledetección, CACTI, UVigo); Alessandro Benedetti (Departamento de Física Aplicada, CACTI, UVigo); Loreto Blanco Salgueiro (Facultade de BBAA, UVigo); Fernando Casás (Facultade de BBAA, UVigo); María Castellanos Vicente (Facultade de BBAA, UVigo); John Coplans; Román Corbato (Facultade de BBAA, UVigo); Santiago Fraga (Instituto Español de Oceanografía, Centro Oceanográfico de Vigo); Silvia García (Facultade de BBAA, UVigo); Christian García Bello (Facultade de BBAA, UVigo); Fernando García Correa; Fran Herbello e Manuel Sendón (Facultade de BBAA, UVigo); Yolanda Herranz Pascual (Facultade de BBAA, UVigo); Anne Heyvaert (Facultade de BBAA, UVigo); Juan Fernando de Laiglesia (Facultade de BBAA, UVigo); Elena Lapeña (Facultade de BBAA, UVigo); Juan Loeck (Facultade de BBAA, UVigo); Lola Marazuela e Paco Mesa; Juan Carlos Meana (Facultade de BBAA, UVigo); Gonzalo Méndez Martínez e Aida Ovejero (Departamento de Xeociencias Mariñas e O. T., UVigo); Beatriz Mouriño e Denise McGillicuddy (Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, UVigo / Woods Hole Oceanographic Institution, EUA); Arturo Moya; Mónica Ortuzar (Facultade de BBAA, UVigo); Juan J. Pasantes, Concepción Pérez-García e Paloma Morán (Departamento de Bioquímica, Xenética e Inmunoloxía, UVigo); Perejaume; Ignacio Pérez-Jofre (Facultade de BBAA, UVigo); Rubén Ramos Balsa; Francisco de Sales Covelo; Carmen Serra Rodríguez (Servizo de Nanotecnoloxía e Análises de Superficies, CACTI, UVigo); Ana Soler (Facultade de BBAA, UVigo); Jesús S. Troncoso (Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal, UVigo); Grupo de Ecoloxía Pesqueira (Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, IIM-CSIC); Grupo de Investigación XM1 (Irene Alejo, Susana Costas, Guillermo Francés, Rita González-Villanueva, Miguel A. Nombela, Marta Pérez-Arlucea, Corinne Pérez-Estévez - Departamento de Xeociencias Mariñas, UVigo); Grupo de Tecnoloxías Multimedia (Centro Tecnolóxico AtlanTIC, UVigo)

INFORMACIÓN E VISITAS

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

 

‘EIDOS DA IMAXE. GRAFÍAS DOS FEITOS E DO PENSAMENTO’ é froito da colaboración entre o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e a Universidade de Vigo. O Proxecto BALIZA, desenvolvido na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e integrado en Campus do Mar. Knowledge in Depth, forma parte das accións financiadas polo Ministerio de Educación, Cultura y Deporte no marco do Subprograma de Fortalecemento de Campus de Excelencia Internacional. Trátase dun programa cuxo fin é aumentar a internacionalización e a creación de estruturas estables capaces de conxugar o mundo universitario co territorio, a administración cívica, a sociedade civil e o mundo empresarial. Neste contexto, o Ministerio de Educación xunto coa Secretaría de Universidades, impulsou a publicación do documento 'A arte como criterio de excelencia', destinada especificamente á introdución de iniciativas artísticas dentro dos proxectos de Campus de Excelencia Internacional. Nesta liña de actuación enmárcase o Proxecto BALIZA, cuxo obxectivo é deseñar un plan de actuación a medio prazo relativo á investigación no campo das Belas Artes: seminarios, xornadas, foros de debate, desenvolvemento de recursos e ferramentas específicas, son algunhas das actuacións levadas a cabo dende o ano 2012, e este proxecto expositivo significa un paso esencial na exploración e visibilidade do binomio arte-ciencia.

Mostrar que arte e ciencia non están tan separadas como podemos pensar é un dos obxectivos da exposición ‘EIDOS DA IMAXE. GRAFÍAS DOS FEITOS E DO PENSAMENTO’, comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego. A historia da cultura occidental está chea de exemplos que mostran os vínculos entre un sistema de percepción e medida técnico, e a imaxe plástica. Tanto no plano científico como no artístico, existen determinados procesos de investigación que precisan da súa manifestación en forma de imaxe. A partir desta idea, esta mostra colectiva reúne traballos desenvolvidos por grupos de investigación científica da Universidade, artistas da Facultade de Belas Artes, e varios creadores invitados. Todos eles expoñen nun plano de igualdade os seus procesos de investigación en torno ás imaxes, nunha mostra que se define pola súa versatilidade.

O título da exposición cobra especial sentido se atendemos ao significado literal do termo. ‘EIDOS da imaxe’ remite, por unha banda, á idea de campos e territorios —incluso sentidos— de traballo e exploración. Por outra banda, alude tamén a un concepto filosófico e científico de grande tradición na historia do coñecemento: o vocablo grego εἶδος / Eidos [aspecto da realidade condensado nunha forma ou nun concepto], usado por Platón, Aristóteles, ou Husserl —o pai da fenomenoloxía— no século XX.

O proxecto concibiuse segundo sete vías de desenvolvemento, que se corresponden coa montaxe da exposición nas salas do MARCO: Morfografías, Xeografías, Cronografías, Anatomografías, Micrografías, Macrografías e Espectrografías.

Morfografías reúne os traballos relacionados coa análise e creación de formas. Trata de configuracións dinámicas do acto creativo, tanto na natureza como na arte. Baixo o epígrafe Xeografías móstranse obras que teñen que ver con medicións e cambios de escala, co estudo do litoral, do relevo, dos volumes; con expedicións xeográficas, coa perspectiva. A sección Cronografías relaciónase coas medicións e rexistros no tempo ou do tempo, tal como Anatomografías se refire ás medicións e rexistros do corpo. As Micrografías —procesos de captación de imaxes de obxectos non visibles mediante instrumentos ópticos ou electrónicos como lupas e microscopios— e Macrografías —obtención de imaxes ou rexistros gráficos de orde maior en relación co obxecto seleccionado— son o eixe noutros dous apartados. Por último, baixo o título Espectrografías móstranse imaxes obtidas no proceso de analizar o espectro de frecuencias característico dun movemento ondulatorio (sonoro, luminoso ou electromagnético). A descomposición espectral de frecuencias pode aplicarse a calquera concepto asociado con frecuencia ou movementos ondulatorios como son as cores, as notas musicais, as ondas electromagnéticas de radio ou televisión, e mesmo a rotación regular da terra.

En cada unha das seccións incluíronse, xunto ás obras de artistas e investigadores, materiais históricos e pezas documentais que funcionan como modelos e principios de uso da imaxe-signo, e mostras de procesos experimentais contemporáneos.

Texto curatorial


Sempre existiu un vínculo entre a arte e o coñecemento ou o saber científico. Se pensamos nun momento crucial da historia da arte en Occidente, o Renacemento, non podemos esquecer o papel relevante que a perspectiva, por exemplo, tivo no Quattrocento como instrumento para aplicar unha concepción do espazo tridimensional. Por outro lado, moitos artistas non desestimarían a consideración do creador ao xeito de Leonardo, en tanto que alguén dedicado a investigar os segredos da Natureza e a rexistrar as súas dinámicas. Vínculos similares entre un sistema de percepción e medida técnico e a imaxe plástica podemos atopar en outros momentos da historia da cultura, como o nacemento da fotografía, no posterior desenvolvemento das posibilidades da imaxe en movemento ou nas colaboracións, por exemplo, dun pintor como Fuseli con Lavater, ilustrando os seus Ensaios sobre Fisiognómica, ou nas magníficas ilustracións —talvez debidas a Tiziano— dos estudos anatómicos de Vesalio. Algo parecido poderiamos dicir das tentativas plásticas de investigadores científicos como o propio Goethe, Dahl, un botánico debuxante como Linneo ou, no noso ámbito cultural, figuras como Simon Peter Pallas ou Ramón y Cajal.

Pero, ademais, na nosa modernidade técnica habemos de concluír que moitos dos resultados e procedementos do coñecemento científico dependen en boa medida da súa visualización e construción nun universo de imaxes. A miúdo, a proba física destes procesos de experimentación, a súa proba experimental tanxible, desemboca na imaxe. Os exemplos son innumerables, citemos algúns: os debuxos de micropartículas estudados e desenvolvidos por Robert Hooke, as experimentacións co movemento dos corpos por parte de Muybridge e Marey, a propia invención do cinematógrafo polos irmáns Lumière, as cristalografías de Snowdon, as probas de relación entre o son e a imaxe en Edison, a radiografía pioneira dos raios X de Röntgen coa man da súa muller, o test de Rorscharch ou, finalmente, as imaxes realizadas por Franklin e Gosling sobre a difracción de cristais de fibras de ADN, que axudaron de xeito determinante para establecer a estrutura do código xenético e o modelo da dobre hélice.

Partimos da idea de que o coñecemento —non só científico— responde á nosa vontade de medir (o) todo. O tema máis abstracto que podemos achar no sistema científico é a medida, comparatio, e a súa formación como signo. A observación dun fenómeno e o seu traslado. Neste sentido, un tema engloba a nosa reflexión sobre as conexións entre a arte e o coñecemento experimental: medidas e grafías. Resolucións gráficas e figurativas dos acontecementos ou dos feitos físicos do mundo. Formulamos, polo tanto, unha catalogación de medidas posibles e de sistemas de fixación (gráficos, grafías) deses signos, feitos procesos físicos. Nese xogo metonímico e metamórfico —metafórico, mesmo: é dicir, trasladar condicións entre sistemas de signos— é onde entran en xogo, xunto cos sistemas de observación experimental, os artistas.

Propoñemos sete vías de desenvolvemento do proxecto expositivo, sustentadas nas diferentes figuras e posicionamentos que, en relación co fenómeno físico, a súa observación e o seu rexistro, podemos contemplar. En cada unha destas vías incorporáronse materiais históricos que funcionan como modelos —regulativos— e principios de uso da imaxe-signo. Así mesmo, invitamos a artistas externos á Universidade de Vigo a que participen no seu desenvolvemento, ao tempo que incluímos procesos experimentais específicos e contemporáneos que se incardinan en cada un destes tratamentos.

Alberto Ruiz de Samaniego
[Comisario da exposición]

Comisariado

Alberto Ruiz de Samaniego


Profesor titular de Estética e Teoría das Artes da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego é doutor en Filosofía pola Universidad Autónoma de Madrid. Coordinador do Máster de Arte Contemporánea: investigación e creación, da Universidade de Vigo, foi director da Fundación Luis Seoane da Coruña (2008-2011). Como crítico cultural e comisario de exposicións, recibiu o Premio Espais á crítica de arte, e foi comisario do Pavillón Español da 52ª Edición da Bienal de Arte de Venecia. Ten publicado, entre outros, os seguintes libros: Maurice Blanchot: una estética de lo neutro (1999), Semillas del tiempo (1999), La inflexión posmoderna: los márgenes de la modernidad (2004), James Casebere (2005), Belleza de otro mundo. Apuntes sobre algunas poéticas del inmovilismo (2005), Paisaje fotográfico. Entre Dios y la fotografía (2007), e Ser y no ser. Figuras en el dominio de lo espectral (2013). Ten comisariado exposicións dos artistas Antón Lamazares, Luis Seoane, Xesús Vázquez, Chema de Luelmo e Manuel Vilariño, e diversas colectivas de arte contemporánea (La Isla Futura: arte joven cubano; Arte y nihilismo; 5000 años de arte moderno; Arte y enfermedad), así como as mostras Georges Perec: Tentativa de inventario; Atlantikwall. Arquitecturas bélicas en las playas del oeste; Andrei Tarkovski: fidelidad a una obsesión; La escultura en Fritz Lang; Unterwegs: al paso de Walter Benjamin; e Cabañas para pensar.

Actividades

ACTIVIDADES PARALELAS EXPOSICIÓN "EIDOS DA IMAXE". OBRADOIROS PARA ESTUDANTES UVIGO

ACTIVIDADES PARALELAS EXPOSICIÓN "EIDOS DA IMAXE". OBRADOIROS PARA ESTUDANTES UVIGO

Datas: 
30 setembro 2014 - 10 outubro 2014
Horario: 
varios horarios (ver detalle)
Lugar: 
Salón de actos e salas de exposición do 1º andar
Prezo: 
GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN. Prazas limitadas ata completar aforo

Durante a derradeira semana de setembro e primeira de outubro, terán lugar no MARCO dous encontros concibidos como actividades paralelas da exposición ‘EIDOS DA IMAXE. Grafías dos feitos e do pensamento’,que se clausurará o 12 de outubro nas salas do 1º andar. 

Trátase de dous obradoiros organizados pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra e Campus do Mar, no marco do Proxecto Baliza (Universidade de Vigo), que produce a mostra. En liña cos contidos da exposición, o obxectivo é afondar no coñecemento das relacións entre arte e ciencia, mostrando como artistas e investigadores comparten a necesidade de obter resolucións gráficas e figurativas dos acontecementos ou dos feitos físicos do mundo.

Para iso, ambos os dous obradoiros contan coa participación de artistas, científicos e grupos de investigación vinculados á Universidade de Vigo, xunto a outros expertos invitados. Dirixidos principalmente a estudantes da Universidade de Vigo, a inscrición é gratuíta, se ben as prazas son limitadas e haberá unha lista de espera en función do número de solicitudes recibidas.

As persoas interesadas poden solicitar as fichas de inscrición na taquilla do MARCO, ou a través do email marta.viana@marcovigo.com.

OBRADOIRO    

‘Imaxe científica: representación e abstracción’

Coordinador: José Pintado Valverde (Instituto de Investigacións Mariñas-CSIC)

Datas: martes 30 setembro, mércores 1 e xoves 2 de outubro

Lugar: salón de actos e salas de exposición do 1º andar

Participantes: Clara Cerviño (Ilustradora científica e estudante de doutoramento da Universidade de Aveiro, Portugal); Sonia Valladares (IIM-CSIC); Isabel Teixeira (IIM-CSIC); Diego Germade (arquitecto, doctorando da Facultade de BB.AA., UVigo)

Dirixido a: estudantes da Universidade de Vigo

GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN. Prazas limitadas ata completar aforo

Número de asistentes: 20 persoas

[A lista de asistentes realizarase por orde de inscrición. Unha vez completado o aforo haberá unha lista de espera e poderase ampliar a asistencia a outras persoas interesadas, en función das solicitudes recibidas.]

PROGRAMA E CALENDARIO

SESIÓN

DATA + HORARIO

PARTICIPANTE

CONTIDO / TÍTULO

Martes 30 ás 18.00

Clara Cerviño

A ilustración científica. Contexto histórico

Martes 30 ás 20.00

Alberto Ruiz de Samaniego

Visita guiada á exposición ‘EIDOS DA IMAXE’

Mércores 1 ás 18.00

Diego Germade

Cronografía: desenvolvemento dunha obra a partir de Marey

Mércores 1 ás 19.30

Sonia Valladares

Morfografía e cronografía dun peixe

Xoves 2 ás 18.00

Isabel Teixeira

Macro, micro e morfografías de fitoplancton

Xoves 2 ás 19.30

Clara Cerviño

Revisión de traballos prácticos

OBRADOIRO

‘Imaxes da arte, imaxes do coñecemento.

Desprazamentos e sintonías entre a investigación artística e a científica’

Actividade do Programa de Doutoramento Campus do Mar e Belas Artes

Coordinadores: Alberto Ruiz de Samaniego e Juan Carlos Meana (Facultade de BB.AA., Uvigo)

Datas: martes 7, mércores 8 e venres 10 de outubro

Lugar: salón de actos e salas de exposición do 1º andar

Participantes: Juan Pimentel (CSIC); Juan Loeck (Facultade de BB.AA., UVigo); Jesús S. Troncoso (Dpto. Ecoloxía e Bioloxía Animal, UVigo); Irene Alejo (Departamento Xeociencias Mariñas, UVigo); Román Corbato (arquitecto, doutorando da Facultade de BB.AA., UVigo)

Dirixido a: estudantes Programa Doutoramento Campus do Mar e Belas Artes, e estudantes da Universidade de Vigo

GRATUÍTO, PREVIA INSCRICIÓN. Prazas limitadas ata completar aforo

Número de asistentes: 50 persoas

[A lista de asistentes realizarase por orde de inscrición. Unha vez completado o aforo haberá unha lista de espera e poderase ampliar a asistencia a outras persoas interesadas, en función das solicitudes recibidas].

PROGRAMA E CALENDARIO

SESIÓN

DATA + HORARIO

PARTICIPANTE

CONTIDO / TÍTULO

Martes 7 ás 18.00

Juan Pimentel

Conferencia: Anatomías de todo o visible e o invisible. Sobre o papel das imaxes na historia da ciencia

Martes 7 ás 19.30

Alberto Ruiz de Samaniego

Visita guiada á exposición ‘EIDOS DA IMAXE’

Mércores 8 ás 18.00

Juan Loeck

Cronografía: a dimensión científica da obra de arte

Mércores 8 ás 19.30

Jesús S. Troncoso

Investigacións e expedicións científicas mariñas

Venres 10 ás 18.00

Irene Alejo

Análise de ecosistemas

Venres 10 ás 19.30

Román Corbato

Sistemas de orde do lugar