rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

En calquera lugar, en ningún lugar

Ficha

Datas: 
30 xaneiro 2009 - 19 abril 2009
Lugar: 
Primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Centre d’Art La Panera, Lleida
Comisariado: 
José Miguel G. Cortés

Obras en exposición

Coproducida polo MARCO de Vigo e o Centre d'Art La Panera de Lleida, a exposición 'EN CALQUERA LUGAR, EN NINGÚN LUGAR' analiza as relacións entre artes visuais, cinema e literatura, establecendo vínculos entre a película París-Texas, de Wim Wenders, a novela No camiño de Jack Kerouac, obras dos artistas Edward Ruscha, Bernd & Hilla Becher, Sophie Calle, Alberto García-Alix, Philip-Lorca diCorcia, Francesco Jodice, Chantal Akerman ou Candida Höfer; os cineastas Jacques Tati, Alain Tanner ou Wong Kar-Wai, e autores como Paul Auster, Ray Loriga, Georges Perec, Edgar Allan Poe, William S. Burroughs, Santiago Gamboa ou Jorge Luis Borges.

Itinerancia

  • Centre d'Art La Panera, Lleida: 22 outubro 2008 - 4 xaneiro 2009
  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo: 30 xaneiro - 19 abril 2009

Catálogo

Síntese do proxecto

A converxencia de disciplinas artísticas co fin de construír un relato expositivo no que conflúan imaxe, arquitectura e literatura; ou tempo, lugar e memoria, é o leitmotiv que guiou o proxecto que José Miguel G. Cortés elaborou especialmente para o Centre d'Art La Panera de Lleida e o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo. A exposición 'EN CALQUERA LUGAR, EN NINGÚN LUGAR', coproducida por ambos os dous centros, móstrase a partir do 30 de xaneiro nas salas do primeiro andar do MARCO.

Os vínculos que as artes visuais estableceron co cinema e a literatura ao longo das últimas décadas foron numerosos e moi diversos, e así nolo demostra esta exposición, onde artistas, cineastas e literatos presentan a súa visión da viaxe, dos espazos urbanos, da homoxeneización dos lugares, da soidade do ser humano ou do exilio persoal e afectivo. Trátase dun proxecto expositivo que constrúe unha armazón complexa pero precisa e rica en suxestións, derivas e desprazamentos entre disciplinas, que permiten gozar de moitas posibilidades para achegarse a algunhas reflexións sobre a sociedade actual, as cidades nas que esta vive, os protagonistas que nelas actúan e os efectos que un mundo globalizado causa en todo iso.

Tanto no caso de La Panera coma no MARCO, a montaxe das pezas en sala, con cinco espazos diferenciados e conectados entre si, segue fielmente o fío argumental do comisario. 'EN CALQUERA LUGAR, EN NINGÚN LUGAR' construíuse ao xeito dun ensaio literario, coma se dun libro de relatos se tratase, cun prólogo, tres capítulos e un epílogo, nos cales arte, literatura e cinema converxen nun diálogo visual e conceptual no que o espectador pode participar activamente.

A primeira sala, 'En calquera lugar' -a xeito de prólogo, como incitación á viaxe- inclúe os libros de artista dos anos sesenta/setenta de Edward Ruscha, xunto a fragmentos da película Paris-Texas de Wim Wenders, e a novela No camiño, de Jack Kerouac. A continuación, 'Escenarios urbanos' reúne fotografías de Sophie Calle e de Alberto García-Alix, as novelas A Triloxía de Nova York de Paul Auster e Heroes de Ray Loriga, e fragmentos da película Na cidade branca de Alain Tanner, nunha lectura poliédrica do que poida significar hoxe a vida na cidade. 'Paisaxes cidadás' incide na repetición dos espazos, na similitude das experiencias, a través das fotografías de Bernd & Hilla Becher e de Candida Höfer, de fragmentos da película Playtime de Jacques Tati, e das novelas Especies de espazos de Georges Perec e A Biblioteca de Babel de Jorge Luis Borges. 'Mapas incertos' fala da falta de comunicación, da imposibilidade de compartir escenarios e experiencias, con fotografías de Philip-Lorca diCorcia e de Francesco Jodice, fragmentos da película Happy Together de Wong Kar-Wai, e os contos Un home na multitude de Edgar Allan Poe, e Cidades da noite vermella de William S. Burroughs. Por último, baixo o título 'En ningún lugar', dúas obras de Chantal Akerman -D 'Est e Une voix dans le désert- e a novela O síndrome de Ulises, de Santiago Gamboa, pechan o percorrido a xeito de epílogo.

Artistas

Chantal Akerman (Bruxelas, Bélxica, 1950)
Paul Auster (Newark, Nova Jersey, 1947)
Bernd & Hilla Becher (Siegen, Alemaña, 1931; Woeben, Alemaña, 1934)
Jorge Luis Borges (Bos Aires, Arxentina, 1899 – Xenebra, Suíza, 1986)
William S. Burroughs (St. Louis, Missouri, EUA, 1914 – Kansas, EUA, 1997)
Sophie Calle (París, Francia, 1953)
Philip-Lorca diCorcia (Hartford, EUA, 1951)
Santiago Gamboa (Bogotá, Colombia, 1965)
Alberto García-Alix (León, 1956)
Candida Höfer (Eberwalde, Alemaña, 1944)
Francesco Jodice (Nápoles, Italia, 1967)
Wong Kar-Wai (Shangai, China, 1958)
Jack Kerouac (Lowell, Massachussets, EUA, 1922 – St. Petersburg, Florida, EUA, 1969)
Ray Loriga (Madrid, 1967)
Georges Perec (Burdeos, Francia, 1936 - París, Francia, 1982)
Edgar Allan Poe (Boston, EUA, 1809 - Baltimore, EUA, 1849)
Edward Ruscha (Omaha, EUA, 1937)
Alain Tanner (Xenebra, Suíza, 1929)
Jacques Tati (Le Pecq, Francia, 1908 - París, Francia, 1982)
Wim Wenders (Düsseldorf, Alemaña, 1945)

Texto curatorial

"Este é un proxecto que trata, dun modo un tanto caótico e fragmentado, da conexión entre tempo, memoria e lugar (ou, se se quere, entre fotografía/cinema, literatura e cidade); un proxecto que intenta comprender de que modo os espazos marcan o tempo e están vinculados á memoria do lugar. E iso, a través da convivencia entre imaxes e textos, mediante o desexo de que ambos os dous se poidan retroalimentar e convivan paralelamente de xeito que, tal e como escribe W. G. Sebald, 'a escritura reconstrúa a imaxe visual e a imaxe visual deconstrúa o texto'. Deste modo, este proxecto é un cúmulo de lugares (literarios, fílmicos e espaciais), máis ou menos próximos, máis ou menos desconectados entre si, que veñen a chamar a atención sobre a fragmentación da experiencia humana, a incapacidade de comprender o conxunto social e a imperfección do coñecemento. Aquí reúnense un conxunto de 'historias' referidas a lugares anódinos e a seres solitarios ou desarraigados; 'historias' sobre todos aqueles que non atopan 'o seu lugar' por moito que viaxen, camiñen ou busquen, por moito que soñen, revivan ou experimenten. Dalgúns deses espazos e dalgunhas desas persoas fálase aquí, lemos fragmentos dos seus textos, visionamos fotogramas ou contemplamos fotografías de individuos que marchan na procura de 'algo' que non se sabe moi ben que é e de lugares que non sabemos moi ben onde se atopan. En definitiva, este proxecto desexa falar dalgunhas desas persoas que se senten estranxeiras en calquera lugar e deses lugares que case ninguén menciona.

Este proxecto hai que entendelo no marco do proceso de globalización económica e revolución informacional permanente no que o planeta tende a unha urbanización xeneralizada (articulada territorialmente en torno a redes de cidades) que vai modificar radicalmente a estrutura espacial e social da vida cidadá. Neste sentido, e tal como sinala o filósofo Paul Virilio, a arquitectura é un instrumento de medida, unha suma de saber capaz, ao medírmonos co contorno natural, de organizar o espazo e o tempo das sociedades. Por iso, deberiamos ampliar os nosos conceptos arquitectónicos e entender o espazo edificado, non soamente o ocasionado polo efecto material e concreto das estruturas construídas senón tamén todos aqueles aspectos que afectan, coa conciencia do tempo e as distancias, á percepción do contorno. Baixo este punto de vista, podemos asegurar que as cidades deixaron de ser un lugar estable, unha forma claramente determinada ou un movemento coherente, para converterse en espazos de estruturas complexas onde a mobilidade e a mutación (suxeita a constantes colisións) son algúns dos seus trazos máis significativos. As cidades estanse a transformar en enormes concentracións urbanas, metrópoles, que se adscriben non só a un territorio, senón a un arrevesado conxunto de relacións económicas e sociais que demandan novas maneiras de achegarse a elas.

Comisariado

José Miguel G. Cortés

José Miguel G. Cortés é Doctor en Filosofía e profesor de Teoría da Arte na Facultade de Bellas Artes de Valencia. Foi Director do Espai d´art Contemporani de Castelló (E.A.C.C.) dende 1998 a 2003. É autor de libros como: Espacios Diferenciales. Experiencias Urbanas entre el Arte y la Arquitectura, 2008; Gilbert & George. Escenarios Urbanos, 2007; Políticas del espacio. Arquitectura, Género y Control Social, 2006; Hombres de Mármol. Códigos de representación y estrategias de poder de la masculinidad, 2004; Orden y Caos. Una historia cultural sobre lo monstruoso en el Arte (finalista Premio Anagrama de Ensayo), 1997; El Rostro Velado. Travestismo e identidad en el arte, 1997; El Cuerpo Mutilado o la angustia de muerte en el arte, 1996. Editor de libros como: Bajo los adoquines la playa. Mutaciones y disidencias en la ciudad contemporánea, 2007; Ciudades Negadas, 1. Visualizando espacios urbanos ausentes, 2006, ou Ciudades Negadas, 2. Recuperando espacios urbanos olvidados, 2007. Así mesmo, participou en numerosos libros colectivos e catálogos de arte contemporánea, e comisariou moi diversas exposicións temáticas, entre elas: Cartografías Disidentes; En calquera lugar. En ningún lugar; Micropolíticas. Arte y Cotidianidad 2001-1968; Contra la Arquitectura: La necesidad de (re)construir la ciudad; Lugares de la Memoria; Ciudades Invisibles; Héroes Caídos: Masculinidad y Representación, ou exposicións individuais de artistas como Jeff Wall, Pepe Espaliú, Gilbert & George e Christian Boltanski entre outros.