rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Escoitar.org. Laboratorio de audio

Escoitar.org. Laboratorio de audio

Ficha

Datas: 
9 marzo 2007 - 13 maio 2007
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
De martes a sábados (festivos incluidos), de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 14.00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Departamento de Exposicións do MARCO

Resumo do proxecto

A partir do taller Paisaxe Sonora de Vigo, o Colectivo Escoitar.org continúa o seu traballo na cidade para atopar aqueles sons que a identifican, e constrúe no Espazo Anexo do MARCO un Audiolab (Hacklab) como lugar de experimentación aberto e público, no que se leven a cabo traballos de investigación, difusión, e toda unha serie de actividades paralelas. Partindo da experiencia sonora como medio de coñecemento, proponse unha reflexión sobre as formas acústicas de sociabilidade repensando o espazo urbano e as relacións sociais. Nesta ocasión, o núcleo do proxecto consiste en coñecer as paisaxes sonoras de Vigo a través de orellas alleas, como un exercicio de estrañamento no que o eixo fundamental será o traballo cos colectivos de inmigrantes.

Escoitar.org

Célula principal de traballo
Chiu Longina (antropólogo), Juan-Gil López (musicólogo), Julio Gómez (xestor cultural), Horacio González (artista e programador), Berio Molina (artista e programador), Xesús Otero (enxeñeiro), Carlos Suárez (musicólogo)

Colaboradores
Ao longo do proxecto, este grupo principal de traballo contará co apoio de múltiples colaboradores, moitos deles participantes no obradoiro Paisaxe Sonora de Vigo, organizado no MARCO en novembro de 2006.

Síntese do proxecto

O proxecto: presentación e contidos

Laboratorio de audio (Audio Hacklab Escoitar.org)
O termo hacklab ven da fusión entre as palabras hacker e laboratorio. Trátase dun espazo físico onde se reúne un grupo de xente para investigar, debater e difundir temas relacionados coa rede, as novas tecnoloxías, o audio e os dereitos civís neses ámbitos, dende un punto de vista social. Nun hacklab adoita utilizarse un sistema de organización e aprendizaxe cooperativo e úsase software libre.

Escoitar.org transforma o Espazo Anexo nun hacklab temporal aberto a calquera persoa ou grupo que teña interese no fenómeno sonoro (artistas, grupos, asociacións culturais, particulares, etc.) Os contidos teñen relación directa cun debate aberto por Escoitar.org dende a súa creación: as formas acústicas de sociabilidade, a necesidade de incorporar o son ás historias dos lugares, os debates relacionados cos novos soportes na publicación e distribución de audio, os arquivos sonoros públicos e accesibles universalmente, ou as discusións sobre a configuración do patrimonio cultural inmaterial dos lugares, entre outros aspectos.

Obxectivos
A comprensión da cidade contemporánea precisa da articulación de novas estratexias que superen as limitacións dunha aproximación cuantitativa: “hai que aprender a xulgar a unha sociedade polos seus ruídos, pola súa arte e polas súas festas máis que polas súas estatísticas” (Jacques Attali).

Neste contexto, e partindo da experiencia sonora como medio de coñecemento, Escoitar.org propón —paralelamente ao laboratorio de audio— unha reflexión sobre as formas acústicas de sociabilidade repensando o espazo urbano e as relacións sociais. O contexto urbano, cada vez máis hetereoxéneo, configúrase a través dun proceso de interculturalidade e transculturalidade propiciado polo fenómeno da inmigración —na actualidade un dos factores chave do crecemento demográfico— que se presenta como unha valiosa fonte para comprender o espazo que habitamos a través da escoita allea.

O proxecto de Escoitar.org consiste en traballar con colectivos de inmigrantes e investigar sobre a súa percepción dos sons que predominan na cidade ou que teñen un especial significado, a través de enquisas e doutros medios. Un achegamento a esa obxectividade imposible que, contrastada coa opinión da cidadanía de Vigo, axudará a definir a identidade acústica da cidade, dende a diferenza. A proposta convértese así nun exercicio de “estrañamento” que busca recuperar, na medida do posible, a escoita inocente da paisaxe sonora na que estamos inmersos, establecendo simultaneamente un diálogo entre culturas.
 
A transformación do Espazo Anexo

O exterior
Dende o exterior, o propósito é procurar unha coherencia entre a imaxe e os contidos e funcións do espazo como Laboratorio de Audio. Para iso se utilizan varios elementos:

  • A rotulación e identificación do lugar como Audiolab Hacklab Escoitar.org

  • O revestimento dos módulos laterais con vinilos autoadhesivos simulando dous altofalantes xigantes.

  • As ‘escoitarillas’ —versión sonora das ‘mirillas’— como instrumentos para a escoita situados nos laterais. Arrimando a orella a estas pequenas iconas poderanse escoitar pezas sonoras baseadas no son ambiental de Vigo.

  • O cristal da fachada como altofalante: mediante o uso de tecnoloxías que permiten transformar calquera superficie lisa nun elemento vibrante e xerador de son, o escaparate do Anexo convértese nun emisor de audio que poderá ser utilizado para determinadas demos e accións.

O interior
O interior é un laboratorio de audio aberto e público no que os integrantes do proxecto traballarán durante as nove semanas da exposición. Unha sala equipada con medios audiovisuais e cos instrumentos necesarios para realizar investigacións, experimentos e traballos de carácter científico ou técnico, todos relacionados coa escoita e o fenómeno sonoro en xeral.

Como tal laboratorio, está dotado de instrumentos de medida, proceso, xestión e outros elementos precisos para o traballo co audio, e dispón das condicións ambientais axeitadas e controladas para asegurar que non se altere o resultado dos experimentos ou medicións, e garantir que os experimentos se poidan repetir noutro laboratorio para obter o mesmo resultado: a normalización.

Ordenadores públicos con acceso á rede

Dous ordenadores públicos con acceso a Internet servirán para o traballo co software de audio e para acceder ao mapa sonoro de Vigo a través de Google-Map-Escoitar. Un deles terá conectada unha impresora e gravador de dvd/cd para reprodución de documentación relacionada co proxecto, que calquera persoa poderá solicitar.

Sala de proxección e plató de TV

Nesta sala proxectaranse traballos relacionados coa paisaxe sonora, o software libre, o copyleft e outros vídeos que teñen en común o de seren publicados con licencias que permiten a exhibición pública sen custos. Polas mañás proxectarase o mapa interactivo da Paisaxe Sonora de Vigo, con tecnoloxía Google-Map. A sala servirá tamén como plató de TV para gravación en vídeo das enquisas feitas aos participantes no proxecto.
 
Cámara de Atención Auditiva (CDAA)

Cámara ou sala de audicións cun equipo de cadrafonía. Unha sala escura coa única presenza dunha pequena luz, onde o espectador poderá gozar do fluxo sonoro como aparello funcional, como obxecto decorativo. Neste espazo poderanse escoitar paisaxes sonoras de Vigo en calidade cadrafónica, e servirá tamén de sala de ensaio para os experimentos sonoros do laboratorio.

Roupa de traballo

Seguindo a idea de simulación das condicións ideais dun laboratorio científico, a artista Montse Rego deseñou unha roupa de traballo que levarán posta todas as persoas que formen parte do equipo do proxecto ou que traballen dentro deste espazo.

Pantalla con novas sobre Fonografía

A modo de panel informativo, no cristal exterior situarase unha pantalla de plasma na que irá aparecendo información dinámica con novas e titulares sobre fonografía.

O proceso: o traballo cos colectivos de inmigrantes e persoas doutros lugares

A proposta de Escoitar.org no Espazo Anexo continuará desenvolvéndose no marco do Proxecto-Edición, coproducido polo MARCO, o CGAC e a Fundación Luis Seoane. O punto de partida é a cidade de Vigo, e posteriormente desenvolverase en Santiago de Compostela e A Coruña. O traballo cos colectivos de inmigrantes —referente común aos tres núcleos de poboación— é unha liña de actuación global que despois seguirá diversas coordenadas definidas polas especifidades de cada cidade.

A documentación

Nesta primeira fase o obxectivo é a documentación e clasificación de material audiovisual, que despois será utilizado para a publicación de resultados. Entrarase en contacto con grupos e colectivos de inmigrantes, e persoas de fóra de Vigo, cidadáns adaptados á súa nova vida, e convidaráselles a participar no proxecto acudindo durante uns minutos ao plató do Hacklab, onde se fará unha gravación de audio e outra de vídeo-fotografía mentres cada persoa dá resposta a unha serie de preguntas.

Paralelamente aos contactos cos colectivos de inmigrantes, e a fin de que a documentación sexa o máis completa e contrastada posible, obterase información ‘a pé de rúa’, especialmente con inmigrantes ilegais que están de paso pola cidade, e tamén con habitantes de Vigo que coa súa opinión axuden a configurar o carácter acústico da cidade.
 
As entrevistas


No caso da poboación inmigrante, o principal medio de obtención da información é unha entrevista sobre a cidade de Vigo, en dúas fases, coa intención de documentar as paisaxes sonoras de Vigo e dos lugares de orixe:
1ª parte: enquisa (con respostas en galego ou castelán)
1. Nome e país/lugar de orixe
2. Motivo polo que veu a Vigo
3. Que foi o primeiro que escoitou cando chegou?
4. Cal foi o derradeiro son que lembra (do seu país) antes da súa viaxe?
5. A que lle soa Vigo?
6. Que sons lembra do seu país/lugar de orixe?
7. Que son se levaría de Vigo para o seu país?
8. Que son se traería do seu país e lle gustaría escoitar en Vigo?

2ª parte:
1. Reproducir un son do seu país/lugar de orixe, ou no seu defecto unha canción
2.  Conxugar en galego calquera tempo verbal do verbo ‘soar’ ou ‘escoitar’, por exemplo: eu soo, ti soas, el/ela soa, nós soamos, vós soades, eles/elas soan. Eu escoito, ti escoitas, el/ela escoita, nós escoitamos, vós escoitades, eles/elas escoitan.
3.  Conxugar no seu idioma natural calquera tempo verbal do verbo ‘soar’ ou ‘escoitar’ (o non elixido no punto anterior)

No caso da poboación local, o instrumento é unha enquisa anónima sobre o carácter acústico de Vigo, que contén preguntas relacionadas coa memoria sonora, os sons de Vigo, a ecoloxía acústica e a definición de ruído.

O resultado: a publicación

Neste espazo, o lugar onde os participantes e a cidadanía colaborarán na construción da Paisaxe Sonora da cidade, comezarase a elaborar a publicación que servirá como testemuño do traballo feito e ao mesmo tempo como recurso de ensino. Un traballo arredor do son e das súas representacións sociais, un achegamento á escoita que os cidadáns fan do seu espazo urbano, sinalando e documentando aquelas paisaxes sonoras que cómpre protexer ou criticar para poñer en común unha nova forma de relacionarse coa sociedade acústica do século XXI.

+ info en:
www.escoitar.org
www.proxecto-edicion.net

Artistas

    Berio Molina
    Carlos Suárez
    Chiu Longina
    Horacio González
    Juan-Gil López
    Julio Gómez
    Xesús Otero

Texto curatorial

A Emigración: o altofalante do século XXI


“Unha das grandes preocupacións na sociedade contemporánea, xa advertidas polo investigador Murray Schaefer na década dos setenta, é a facilidade coa que o ser humano perde conexión coa realidade sonora que está a vivir. Estamos tan ‘contaminados’ pola hexemonía do visual e pola velocidade tecnolóxica da era industrial que o noso contorno vital, incluso na intimidade do fogar, camiña cara á escuridade, á sombra do silencio virtual: un illamento sonoro que pretende agochar falsos paraísos acústicos mentres incitamos, provocamos e contaminamos o máis valioso: a paisaxe sonora. Esta fuxida cara adiante afóganos fronte á incapacidade de decatarnos do noso ben máis prezado, a natureza. E mentres non sexamos capaces de exercitar os nosos oxidados sentidos mal chamados secundarios —entre eles o oído— non seremos quen de principiar a combatir unha batalla na que o pior inimigo non é o decibelio, como tradicionalmente se cre, senón a homoxeneidade do son que a sociedade de consumo ten comercializado para todos nós.

E por iso —detrás desta declaración de principios baseada en grandes investigadores como Barry Truax— na sociedade de hoxe en día un dos valores máis seguros para achegármonos ata a nosa paisaxe sonora non está tanto nos nativos de cada cidade como naquelas persoas que por diversas circunstancias tiveron que viaxar ata nós para compartir este paraíso acústico. Os INMIGRANTES, traballadoras e traballadores doutras partes do mundo, son con toda seguridade os principais valedores para saber como soamos? e a que soamos?

Elas e eles son os que mellor poden retratar, fotografar, a nosa realidade acústica; e con elas e eles queremos traballar a paisaxe sonora local de cada unha das cidades, pero sen perder de vista outra das grandes peculiaridades da sociedade acústica do noso tempo: a mestizaxe sonora. Sabemos que existe unha sociedade cosmopolita onde as cores expresan unha diversidade cromática produto de sucesivas unións entre individuos de distintas razas. Sen embargo, aquí temos outro claro indicador de ata que punto o poder do visual se sitúa por riba da identidade sonora: somos quen de falar de mestizaxe de razas e culturas, pero non somos capaces de recoñecer que o son da lingua coa que se comunican as persoas é o primeiro sinal de identidade das migracións cando emprenden ese duro camiño de adaptarse á fala do país de destino. A mestizaxe lingüística é o primeiro sinal de identidade na sociedade contemporánea. Un grande puzzle ou colaxe sonoro onde as linguas e os seus acentos van traballando novas texturas sonoras”.

Comisariado

Departamento de Exposicións do MARCO