rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Espazo en espera. Accións e intervencións en torno á palabra, á imaxe, o son e o movemento

Espazo en espera. Accións e intervencións en torno á palabra, á imaxe, o son e o movemento

Datas: 
19 setembro 2019 - 22 setembro 2019
Horario: 
de 18.00 a 21.00 (xoves, venres e sábado) e de 12.00 a 14.00 (domingo)
Lugar: 
salas do 1º andar do MARCO
Prezo: 
Entrada LIBRE E GRATUÍTA ata completar capacidade


Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Dirixido por A Artística, coa participación de:
Mónica de Nut, Laura Iturralde, Avelina Pérez, Diego Buceta, Silvia Penas, Xavier Bértolo, Olga Cameselle, Alfredo Rodríguez, Miriam Rodríguez, Ailén Kendelman, La Canalla (Francisco e Patricia Soto Gil)

Presentación

A partir do xoves 19 de setembro, e durante catro días consecutivos, os espazos do primeiro andar do MARCO ábrense a unha experiencia escénica e participativa, a través dunha proposta dirixida por A Artística (Olga Cameselle e Alfredo Rodríguez), coa colaboración de dez artistas convidados.

ESPAZO EN ESPERA é o título dun proxecto que reúne varias disciplinas artísticas. Nesta proposta colectiva, o obxectivo é reflexionar sobre o propio lugar, converter as salas en lugares de acumulación de experiencias, nun “espazo en espera”, a través de distintas accións, performances e intervencións baseadas na imaxe, no son, no movemento e na palabra.

A proposta procura a participación do público, considerando o Museo como lugar de intervención cidadá e de encontro, alén da súa visión como espazo expositivo. Doce artistas de linguaxes diferentes —audiovisual, musical, plástico, téxtil, escénico, literario— ofrecerán claves e acompañarán aos visitantes/participantes a construír unha persoal e nova visión dese espazo.

“SE AS PAREDES FALASEN’ / ‘SE FALAN, TAMÉN ESCOITAN”

Durante as accións formularanse preguntas, pensando neses espazos baleiros que se ocupan. As intervencións funcionarán en continuidade, e queda aberta a posibilidade de que as pegadas e materiais que se poidan ir xerando se utilicen nas seguintes sesións, como acumulación das experiencias e visións das persoas participantes.

O MARCO será falado, pintado, visionado, musicado, interpretado, danzado e vestido coas accións dos artistas e de todas as persoas que queiran participar. O xoves, Laura Iturralde, Avelina Pérez e Mónica de Nut irrompen en escena con Belial. Desobediencia e vandalismo. Ao día seguinte, Silvia Penas, Xavier Bértolo e Diego Buceta ofrecerán a súa propia visión do espazo como forma de espera, mediante experiencias centradas na percepción sonora e visual. O sábado, Alfredo Rodríguez, Ailén Kendelman, Miriam Rodríguez e Olga Cameselle introducen a idea de xogo, creando un bucle de palabras, sons e movementos. Pecharase o programa cunha sesión matinal o domingo, a cargo de La Canalla (Francisco e Patricia Soto Gil), e o seu obradoiro nómade centrado na costura e o material téxtil.

XOVES 19 setembro
De 18.00 a 21.00


BELIAL. Desobediencia e vandalismo 

 

Somos quen de sosternos nun espazo baleiro? Cómpre dotalo dun significado? Procuramos no espazo o sentido que el nos ofrece? Ou, como humanas, intervimos constantemente? Somos quen de aturar a quietude? Sempre temos algo que dicir ou que facer?

Quizais —especialmente nestes momentos sociais— non somos quen de parar quietas, empeñadas en deixar pegadas, en estampar selos, en pensar e crer que temos algo do noso máis importante có silencio.

Sería boa cousa deixar descansar un espazo?

Nós non imos facer iso, non.

Laura Iturralde, Avelina Pérez, Mónica de Nut

VENRES 20 setembro
De 18.00 a 21.00

EPOCHÉ DO FUTURO

 

Partindo das funcións que albergou a arquitectura deste edificio (xulgado, cárcere e museo), como lugar con todo o seu peso histórico, local, identitario, cultural e simbólico fronte aos non-lugares posmodernos, Epoché do futuro pretende crear un novo lugar que non espera, senón que é a propia espera, a experimentación da espera.

Formulamos diversas formas de espera —nun xulgado, nun cárcere e nun museo— levadas a unha experiencia poética e perceptiva, que permita atravesalas, antes que interpretalas. De aí o termo epoché (“suspender o xuízo”), usado no sentido fenomenolóxico de Husserl: a proposta é a acción artística como vivencia, recollendo a idea de existir no espazo. Trátase de “suspender” a realidade para analizala dende un punto de vista que non xulga, que está libre dos modos cotiáns de decodificación, onde interveñen os sentidos e as emocións a través da percepción (sonora, visual, etc.), onde a imaxe poética da espera se proxecta inevitablemente cara ao futuro, e crea resonancias para re-orixinar o lugar e transformalo.

Nunha sociedade que parece vivir nun presente eterno e nun espazo fragmentado, imaxinamos un espazo continuo de experiencias e un tempo delimitado inscrito no devir: recollemos o pasado e o rastro do día anterior para o que se tecerá despois no futuro.

Silvia Penas, Xavier Bértolo, Diego Buceta

SÁBADO 21 setembro
De 18.00 a 21.00

Se o espazo entra en apnea, nós xogamos azarosamente como elementos de inhalación-exhalación

Esperar non é outra cousa que unha apnea no tempo.

Inhalar ou ver, percibir, recibir, incorporar…

Exhalar ou ser visto, soltar, facer, invadir…

O espazo como un contedor en suspensión no que se suceden accións referidas á memoria (ou non), en fractal respiración, que se repregan unha e outra vez sobre si mesmas, e que se conectan con todo elemento que alí acontece unha e outra vez, nun xogo azaroso ou tempo subxuntivo.

O presente suspéndese nunha acción auto-replicada, imperfecta. Como no dito popular, “o mañá aínda non o viu ninguén”. O que toca agora é mergullarse no xogo azaroso que ofrecen as múltiples posibilidades de acción co público participante, entre quen propón e quen é proposto. O discurso fica encapsulado na propia apnea, e a respiración continuará e sucederase inevitablemente, aínda que non teñamos a certeza da súa forma.

Alfredo Rodríguez, Ailén Kedelman, Miriam Rodríguez, Olga Cameselle

DOMINGO 22 setembro
De 12.00 a 14.00

Vísteme a modo que teño présa 

Imos ocupar o espazo do MARCO cun taller nómade e efémero. Levaremos as nosas máquinas de coser e útiles de costura. Utilizaremos materiais de refugallo que permanecen no almacén do Museo.

“Vísteme a modo que teño présa” é unha frase do refraneiro paterno. Baldomero legounos que paga a pena —e as alegrías— facer as cousas ben e con cariño, reflexionando.

As artistas xa traen respostas, e ás persoas que nos acompañen nesta experiencia farémoslles unha pregunta: con que encherías este baleiro?

Pasaremos dúas horas de vermú cosendo as palabras das artistas e das persoas que teñan a ben colaborar. Ao rematar quedará a pegada das súas reflexións en formato palabra. O que se faga con elas non é a nosa responsabilidade, ou si…?

La Canalla (Francisco e Patricia Soto Gil)