rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Este venres 15 de novembro no MARCO

Este venres 15 de novembro no MARCO

Datas: 
15 novembro 2019

Presentación catálogo exposición MULLERES DO SILENCIO, editado pola Deputación de Pontevedra (18.00, sala Mediateca) 

Inauguración exposición MARATÓN FOTOGRÁFICO e entrega de premios desta edición 2019 (20.00, Espazo Anexo) 

Nova sesión Clube Lectura #BiblioMARCO (19.00, Biblioteca-Centro de Documentación)

2ª sesión do Ciclo de proxeccións Historia do Cine en colaboración con Cineclub Sunset Boulevard (18.00, salón de actos)

Actividades para escolares (11.00, Laboratorio das Artes) e visitas guiadas ás exposicións de Jorge Martins e Eduardo Gruber (18.00, salas de exposición) 

Presentación catálogo exposición

Mulleres do silencio. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz
Publicado por Deputación de Pontevedra, 2019

Mónica Alonso, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Mª Carmen Corredoyra y Ruiz de Baro, Mª Antonia Dans, Angela de la Cruz, Mª Victoria de la Fuente, María Xosé Díaz, Dolores Díaz Baliño, Almudena Fernández Fariña, Mª Elena Fernández-Gago, Menchu Lamas, Maruja Mallo, Fina Mantiñán, Tatiana Medal, Julia Minguillón, Rosalía Pazo Maside, Soledad Penalta, Pamen Pereira, Beatriz Rey, Mercedes Ruibal

Este venres 15 de novembro, a Deputación de Pontevedra presenta o catálogo MULLERES DO SILENCIO. De Maruja Mallo a Angela de la Cruz, correspondente á exposición que tivo lugar no MARCO entre outubro de 2016 e abril de 2017. Unha mostra de produción propia comisariada por Rosario Sarmiento, na que se visibilizaba a obra e traxectoria de 19 artistas galegas. A presentación estará a cargo de Carmela Silva, presidenta da Deputación de Pontevedra, acompañada pola comisaria e promotora da publicación, Rosario Sarmiento.

O acto terá lugar ás 18.00 na sala denominada Mediateca no 1º andar, que proximamente pasará a integrarse na Biblioteca-Centro de Documentación, como parte dun proxecto de ampliación e remodelación de espazos que optimizará os servizos e funcións deste área cara a visitantes e usuarios.

+ INFO en

http://www.marcovigo.com/content/mulleres-do-silencio-de-maruja-mallo-angela-de-la-cruz

https://www.depo.gal/web/edepo/-/noticia-chega-o-catalogo-mulleres-do-silencio-editado-pola-deputacion-de-pontevedra-para-visibilizar-o-talento-das-artistas-galegas-do-seculo-xx


Exposición MARATÓN FOTOGRÁFICO

Concello de Vigo
XXIV edición 2019 

Organiza: AFG Agrupación Fotográfica Galega
MARCO, Espazo Anexo
Do 15 novembro 2019 ao 12 xaneiro 2020
Horario: de martes a venres de 17.00 a 21.00; sábados de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00; domingos de 11.00 a 14.30 [Pechado 24, 25 e 31 decembro; 1 xaneiro]

Presentación e entrega premios XXIV Edición Maratón Fotográfico

A partir do venres 15 de novembro, o Espazo Anexo do MARCO exhibirá os traballos presentados na máis recente convocatoria do Maratón Fotográfico "Concello de Vigo". Organizado pola AFG Agrupación Fotográfica Galega, o Maratón alcanzou neste ano 2019 a súa XXIV edición, que tivo lugar a finais do pasado mes de setembro (sábado 28 e domingo 29), ao longo de 24 horas e en torno a catro temas propostos pola organización.

A presentación terá lugar o propio venres 15, ás 20.00, no transcurso dun acto no que os membros do xurado darán a coñecer os traballos gañadores desta edición, e entregarán os premios, acompañados por representantes do Concello de Vigo e empresas colaboradoras.

A exposición: Simbiose, Sinerxía, Harmonía, Espertar

Tomando como punto de partida esta edición 2019, o Espazo Anexo do MARCO —situado na praza peonil posterior— acolle unha mostra dos traballos presentados nesta XXIV edición do Maratón en torno aos catro temas propostos: Simbiose, Sinerxía, Harmonía, Espertar. De todas as obras presentadas, un xurado de selección elixiu 17 series que se exporán en formato panel, xunto ás obras presentadas por todos os participantes, que se exhibirán tamén nun formato menor.

A mostra, que permanecerá aberta ata mediados de xaneiro, é un referente para grande cantidade de persoas afeccionadas á fotografía, participantes ou non no maratón. Unha oportunidade para gozar dun conxunto de imaxes diversas nas súas características formais e técnicas, e para comprobar o xeito en que cada participante elixiu representar os catro temas con orixinalidade e coherencia.

+ INFO en

http://www.marcovigo.com/content/marat-n-fotogr-fico-concello-de-vigo-xxiv-edici-n-2019 

CLUBE DE LECTURA

#BiblioMARCO

No mes de outubro tivo lugar a estrea de #BiblioMARCO, un novo Clube de lectura promovido dende a Biblioteca-Centro de Documentación do Museo, con periodicidade mensual. Entendido como espazo de encontro e intercambio de experiencias para aquelas persoas interesadas nas artes en xeral, os eixos argumentais das novelas están relacionados con distintas manifestacións artísticas.

Dado o éxito da convocatoria, e a fin de poder acoller máis participantes, as xuntanzas do Clube ampliáronse para dar cabida a tres grupos e tres sesións por mes. Así, este venres 15 de novembro ás 19.00 terá lugar unha das sesións no propio espazo da Biblioteca-Centro de Documentación.

+ INFO en

http://www.marcovigo.com/content/novas

Ciclo HISTORIA DO CINEMA

Proxeccións e sesións comentadas de grandes clásicos da historia do cinema

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, en colaboración con @cineclubsunset
Dirección, selección películas e charlas-coloquio: Alexandre Escariz Covelo, Jaime Fernández Gutiérrez, Álvaro Martín Gallego
Lugar: salón de actos
Horario: un venres ao mes, de 18.00 a 21.00
Datas: do 4 outubro 2019 ao 26 xuño 2020 (10 sesións)
Entrada LIBRE E GRATUÍTA ata completar capacidade

A partir do 4 de outubro, o MARCO iniciou unha nova actividade da man do cineclube Sunset Boulevard. Un ciclo de proxeccións de grandes clásicos da historia do cinema, unha vez ao mes, cun total de dez sesións repartidas entre outubro de 2019 e xuño de 2020. En cada sesión, a proxección do filme (VOSE) está precedida dunha presentación, e seguida dunha análise e coloquio durante o que se tratarán e debatirán os aspectos máis relevantes das obras, procurando un tono divulgativo e didáctico.

Sesión 2 (venres 15 novembro)
Ladrón de bicicletas [Ladri di biciclette, Vittorio de Sica, 1948]
Coloquio: “Un paseo polo Neorrealismo italiano”, con Jaime Fernández

+ INFO en

http://www.marcovigo.com/content/ciclo-historia-do-cinema-no-marco-proxecci-ns-e-sesi-ns-comentadas-de-grandes-cl-sicos-da-hi

VISITAS E OBRADOIROS PARA ESCOLARES

En torno ás exposicións de JORGE MARTINS e EDUARDO GRUBER

Para grupos de escolares de educación Infantil, Primaria, Secundaria e Bacharelato
Do 15 outubro ao 20 decembro 2019
Lugar: salas de exposición e Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario: de martes a venres de 11.00 a 13.30
Colabora:

Nesta tempada, a programación do MARCO para escolares xira ao redor de dúas novas exposicións que ocupan as salas do primeiro andar. Dúas mostras individuais que teñen o debuxo e a obra sobre papel como fío condutor, a través de estéticas moi diferenciadas: o relato de EDUARDO GRUBER (Santander, 1949) xunto á voz poética de JORGE MARTINS (Lisboa, 1940). Todo o programa educativo conta, unha vez máis, coa colaboración de Obra Social “la Caixa”.