rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Estrañamente familiares. Deseño e vida cotiá

Estrañamente familiares. Deseño e vida cotiá

Ficha

Datas: 
17 xuño 2005 - 25 setembro 2005
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
Martes a sábado (festivos incluídos), de 11.00 a 21.00. Domingos, de 11.00 a 15.00
Produción: 
Walker Art Center, Mineápolis, EEUU
Comisariado: 
Andrew Blauvelt

Obras en exposición

A exposición reúne máis de corenta obras entre proxectos arquitectónicos, obxectos de uso cotián, mobiliario doméstico e urbano, prendas de vestir e obras de deseño gráfico, entre outras áreas de investigación e creación que en ocasións dan como resultado pezas híbridas entre un e outro campo.

Itinerancia

  • Walker Art Center, Mineápolis, Minnesota, EEUU (do 8 de xuño ao 7 de setembro de 2003)
  • Carnegie Museum of Art, Pittsburgh, Pennsylvania, EEUU (do 8 de novembro de 2003 ao 15 de febreiro de 2004)
  • Lille 2004 Capital Europea da Cultura, Musée de l'Hospice Comtesse, Lille, Francia (do 4 de setembro ao 28 de novembro de 2005)
  • The Scottsdale Museum of Contemporary Art, Arizona, EEUU (do 29 de xaneiro ao 24 de abril de 2004)
  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, España (do 17 de xuño ao 25 de setembro de 2005)

Síntese do proxecto

Novamente, continuando unha liña de programación que trata das relacións entre arte e deseño –iniciada en 2003 coa mostra titulada “Indisciplinados. A posición da arte nas fronteiras do deseño”, e que en 2004 tivo como resultado “A creación do necesario”– MARCO de Vigo ofrece unha reflexión sobre un dos temas máis presentes na creación contemporánea, como son as relacións entre deseño e vida cotiá, a través dunha exposición temática de ámbito internacional. Nesta ocasión a mostra, da que MARCO é a súa única sede en España, está comisariada polo Director do Departamento de Deseño do Walker Art Center de Mineápolis, unha institución coa que este museo colaborou xa o pasado ano con “The Last Picture Show”.

Esta exposición fálanos da importancia do deseño nas nosas vidas, a través dun conxunto de obras insólitas, que inclúen pezas de arquitectura e produtos, mobiliario, moda, e deseño gráfico. Obxectos e proxectos que exploran o papel do usuario na súa concepción e na súa función, e que nalgúns casos requiren da intervención do espectador para a realización do produto final. Propostas orixinais que dan conta da reinvención do cotián por parte destes autores.

Unha luz que responde ao silencio, unha mesa que non sabe onde está, unha granxa de porcos do tamaño de un rañaceos, unha casa que colle nun peto... Estrañamente familiares recolle máis de corenta proxectos innovadores a nivel internacional que tocan diferentes campos: a arquitectura, o mundo do moble, a moda e o deseño gráfico. A través de pezas que cuestionan o común, transforman o cotián e desdebuxan as fronteiras entre a forma e a súa función, esta exposición desafía as nosas suposicións sobre o deseño dos obxectos e os espazos que nos rodean.

A mostra estrutúrase en torno a catro ideas principais que cuestionan as premisas convencionais sobre o deseño de obxectos e espazos:

1.    obxectos polémicos que nos obrigan a reconsiderar a relación que establecemos cos produtos, que ditan novos rituais de uso e expectativas

2.    estruturas portátiles que responden a condicións nómades de lixeireza e fugacidade e debilitan deste xeito pos principios arquitectónicos tradicionais de situación concreta e permanencia

3.    obxectos multifuncionais que cambian tanto de forma como de uso, diluíndo así a relación establecida tradicionalmente entre as chamadas “forma e función”

4.    deseños extraordinarios que remiten a obxectos e espazos que, sen a transformación á que os someten, serían normais e correntes, o que atrae a nosa atención cara ás condicións da vida cotiá.

1. Obxectos polémicos: rituais de uso

Moitos dos proxectos presentados en Estrañamente Familiares pretenden implicar ao usuario como figura central ou participante na creación dun deseño, analizando o seu comportamento en relación co obxecto deseñado, que pode adquirir formas diversas en función da interacción física ou se se reconsideran as rutinas diarias. A súa finalidade é incluír a participación, a personalización, a adaptación e mesmo o rexeitamento por parte do usuario como elemento vital da obra. Gardening Sukkah, de Allan Wexler, representa unha estrutura exterior que contén todos os instrumentos necesarios para cultivar, colleitar e preparar un xantar de celebración do Festival Sukkoth xudeu. O deseñador de produtos Michael Anatassiades desenvolve obxectos que ensalzan a interacción humana e a resposta do produto en si mesmo. Por exemplo, a súa obra Anti-Social Light representa unicamente a súa función ante a presenza ou ausencia de son. Anthony Dunne e Fiona Raby amósanse especialmente interesados polo xeito en que a xente interactúa e se adapta á electrónica. Na súa obra Placebo Project os usuarios teñen a posibilidade de vivir cun obxecto de nova creación como unha mesa con GPS que lle serve para coñecer a súa propia localización. Outros proxectos exploran o papel do deseño participativo ou o “fágao vostede mesmo”, como as series de produtos realizados polo colectivo Do Create, que requiren a interacción física do usuario para a súa realización final. É o caso de Do Hit, un cubo de metal que inclúe un mazo para convertelo nunha cadeira, ou de Do Break, un xerro de porcelana cun revestimento especial que permite ao usuario esmagalo sen que rompa.



2. Estruturas portátiles: mobilidade

Ademais da cidade, o fogar é un lugar importante para comprender o funcionamento da vida cotiá. Esta exposición explora as posibilidades nómades da vida contemporánea a través de diversos proxectos que propoñen vivendas portátiles, con estruturas que non só evidencian o desexo de mobilidade e liberdade, senón que tamén fan fronte á nosa necesidade de relación e sentimento de comunidade. A vivenda portátil supón igualmente un reto aos supostos arquitectónicos tradicionais relativos á permanencia e á estabilidade.
 
As vivendas e estruturas que se poden contemplar nesta exposición representan as diferentes variedades de fugacidade e permanencia nas mesmas: por exemplo, o Habitat Furtif de R & Sie…, unha unidade habitacional para unha soa persoa que viaxa pola cidade na procura dun refuxio seguro para o seu ocupante. E en tanto que o Kesä-Kontti de Markku Hedman está deseñado para breves escapadas ao bosque, coma unha especie de cabana móbil de fin de semana, a Mobile Dwelling Unit de LOT-EK está concibida como vivenda permanente. Jennifer Siegal ideou varios proxectos que utilizan estruturas portátiles, como a Portable House, unha versión máis flexible e ecolóxica da casa prefabricada convencional. Outros exemplos son os da vivenda portátil Etana, de Markku Hedman; a Prefabricated Wooden House de Alejandro Stöberl; os deseños de Shigeru Uchida dun trío de casas de té, ou a Paper Loghouse do arquitecto Shigeru Ban.

3. Obxectos multifuncionais: forma e función

O desexo de transportabilidade provén do interese que espertan os produtos con funcións múltiples, ou sexa, obxectos que fan un uso eficiente do espazo ou o peso, dúas consideracións fundamentais con respecto á mobilidade. Por iso non é de estrañar que tanto as pezas de roupa como o mobiliario se convertan nun campo de actividade e experimentación no que respecta á súa multifuncionalidade. Como exemplos, a Casa básica de Martín Ruíz de Azúa, ou a Tent de Moreno Ferrari, na que un impermeable se transforma en tenda de campaña.

Respecto ao deseño de mobiliario, Rugelah Chair de Julian Lion Boxenbaum reúne nun só moble multitude de posibilidades para sentarse, relaxarse e durmir. De maneira similar, el Cabriolet/Occasional Table de Paolo Ulian es a la vez sofá, espazo de almacenamento e mesa de café. Ou, no que a arquitectura se refire, Tumble House é unha estrutura de seis caras deseñada polos holandeses Koers, Zeinstra e Van Gelderen que permite que varias persoas a xiren ata conseguir seis posicións diferentes, cada unha das cales muda a funcionalidade dos elementos interiores (por exemplo, a porta pódese converter en fiestra ou en claraboia).

As investigacións acerca da multifuncionalidade demostran o desexo de ofrecer diferentes alternativas aos usuarios e permitir que as funcións estean supeditadas ás situacións. O obxecto multifuncional presenta características formais híbridas que se enfrontan coa filosofía de deseño convencional de “a forma segue á función”.

4. Deseños extraordinarios: transformar o cotián

Outro dos temas centrais da exposición é a re-presentación do cotián con proxectos extraordinarios. Por exemplo, o deseño de MVRDV para o pavillón holandés na feira de Hannover do ano 2000 transforma os elementos típicos da paisaxe neerlandesa. Unha granxa típica suíza convértese nun lugar en profunda transformación na proposta de Roche & Sie, Scrambled Flat. O universo cotián de obxectos é o tema de Elephant Design, que reinventa o teléfono tradicional, o fax ou a aspiradora a través da súa Insipid Collection, desposuíndo aos obxectos do superfluo ata levalos á súa mínima expresión. Moitos proxectos encarnan o cotián só para transformalo, como Kokon Chair de Jurgen Bey, un revestimento protector de resina de poliéster que oculta a fantasmagórica presenza da cadeira ordinaria que se encontra por debaixo, cunha táctica de desprazamento que converte o familiar en estraño. Tamén a transposición da escala –converter o pequeno en grande e o grande en pequeno– é un recurso importante para alterar a nosa percepción do cotián, como nos Airborne Snotty Vases de Marcel Wanders, ou a serie de miniaturas Buildings of Disaster de Constantin e Laurene Leon Boym.

Artistas

    Alejandro Stöberl
    Allan Wexler
    Anthony Dunne y Fiona Raby
    Atelier Bow-Wow
    Blu Dot Design
    Constantin Boym y Laurene Leon Boym
    Doug Garofalo
    Elephant Design
    Frank Tjepkema
    Jennifer Siegal
    Jop van Bennekom
    Julian Lion Boxenbaum
    Jurgen Bey
    Koers, Zeinstra, van Gelderen
    LOT-EK
    Marcel Wanders
    Marijn van der Poll
    Markku Hedman
    Martín Ruiz de Azúa
    Michael Anastassiades
    Moreno Ferrari
    MVRDV
    Nucleo
    Paolo Ulian
    Peter van der Jagt
    R & Sie...
    Rachel Whiteread
    Shigeru Ban
    Shigeru Uchida
    SU11 architecture + design
    Thomas Bernstrand
    www.fortunecookies.dk

Texto curatorial

“O deseño é unha presenza paradoxal nas nosas vidas: invisible e conspicuo, familiar e estraño. Atópase ao noso redor á vez que se fai borroso á vista, converténdose nun acto reflexo aparentemente incognoscible. Concibido a grandes trazos como o mundo dos artefactos creados polos homes, o deseño é omnipresente: as ferramentas que utilizamos, o mobiliario que nos rodea, a roupa que vestimos, o coche que conducimos, os libros que lemos, a casa en que vivimos, a oficina onde traballamos e a cidade en que residimos. Nin sequera a natureza pode escapar ao deseño, quer un parque, unha nova especie de planta ou a manipulación do corpo ou dos xenes humanos. Ao longo dun día normal, unha persoa calquera pódese atopar con centos de obxectos e miles de mensaxes, todos eles deseñados por alguén.

Malia que o cotián desenvolveu un papel fundamental na arte moderna e as ciencias sociais, cómpre subliñar a súa recente consideración como tema central dos debates sobre deseño, que cobraron forza durante a última década. Este retraso parece inverosímil se temos en conta o feito de que o deseño, no seu sentido máis básico, sempre se implica na construción do mundo cotián. Non obstante, unha cousa é formar parte do cotián, isto é, axudar a crealo, e outra moi distinta convertelo en suxeito de análise ou mesmo crítica. Non é casual que o cotián cobre interese a medida que a cultura de consumo contemporánea se mestura de xeito cada vez máis intricado con todos os aspectos da vida diaria.

A premisa desta exposición inverte as expectativas do cotián e o anónimo implícitas en palabras tan suxestivas como “deseño” e “vida cotiá”. Isto é necesario nun mundo en que xa non existe un consenso sobre a definición da vida cotiá nin tampouco se entende da mesma maneira en que se concibiu orixinariamente. Nesta estratexia está implícita a idea de que o deseño se pode adaptar aos matices do cotián sen renunciar á innovación, a inventiva, a orixinalidade ou a novidade.

Algúns propugnan un deseño anónimo ou típico firmemente arraigado na paisaxe da vida cotiá, concibido como única alternativa aceptable ao deseño ostentoso que xurdiu con tanta forza durante a década pasada. De feito, moitos apoian este ideal de deseño, sexa unha arquitectura modesta integrada no seu contexto ata o punto de pasar desapercibida, ou un rexeitamento categórico de toda a cultura material. Non obstante, estas estratexias de mimetismo e negación deixan pouca marxe para as enerxías creativas do deseño ou para a procura de inventiva. Os proxectos presentes nesta exposición salientan e destacan de entre o que chamamos vida cotiá. Deste modo, desenvolven unha acción autorreflexiva e presentan un contrapunto provocador ao habitual, o común ou o rutineiro, o que nos obriga a reconsiderar as nosas expectativas acerca do deseño e o noso enfoque cara á vida.

A exposición abrangue intencionadamente varios campos de acción e inclúe deseñadores de diferentes países cuns proxectos que varían en alcance e escala. Esta variedade de persoas, ideas e obras pretende reflectir a complexidade intrínseca ao deseño contemporáneo. Algunhas obras ofrécense ao mundo como produtos para seren comprados, mentres que outras existen só como propostas; A constancia e a fluidez do cotián aseguran a súa continuidade, mais non a súa sinxeleza. A tarefa do deseño consiste en concienciarnos dos seus efectos, facéndonos aceptar a súa omnipresencia cada vez máis predicible (a familiaridade do estraño) mediante o impedimento da súa inevitable absorción no cotián (a estrañeza do familiar)”.

Comisariado

Andrew Blauvelt

Andrew Blauvelt é Director do Departamento de Deseño do Walter Art Center de Mineápolis. Recibiu numerosos premios profesionais como deseñador gráfico e conta tamén con numerosas publicacións e exposicións. Blauvelt é autor de ensaios como crítico e historiador, colaborando ademais con varias publicacións na edición de números especiais sobre deseño e cultura, entre elas Emigré, Eye, Visible Language e o American Center for Design Journal.