rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Eu museo. Centro de Arte EGO no Marco de Vigo

Ficha

Datas: 
17 decembro 2004 - 27 febreiro 2005
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
martes a sábado (festivos incluídos), de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00; Domingos, de 11:00 a 14:00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Carmen Cantón

Artistas e proxectos

A exposición colectiva "EU, MUSEO" é o resultado final dunha obra en proceso iniciada na primavera de 2004 coa selección de cinco proxectos presentados por seis artistas procedentes da Facultade de Belas Artes de Pontevedra.

Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979)
Proxecto: "Coleccionar coleccionistas"

Irene González e Diana Lores (Avilés, Asturias, 1978;
Serra de Outes, Noia, A Coruña, 1977)
Proxecto: "Véndese museo"

Cris Iglesias (Couso, Pontevedra, 1975)
Proxecto: "Proxecto de ampliación"

Carlos Latorre (Calahorra, La Rioja, 1977)
Proxecto: "Crear bosques"

Jorge Migoya (Arriondas, Asturias, 1975)
Proxecto: "Cinco dedos dentro (ou 5 dedos de ego)"

¿Que é o Centro de Arte "EGO"?

O Centro de Arte EGO, baixo a dirección de Carmen Cantón, que acolle as obras de diferentes artistas, é un espazo para a creación e a exhibición de propostas artísticas contemporáneas.

O seu único referente físico é un moble modular branco 280x70x45 construído en madeira e dividido en diferentes compartimentos que corresponden a diferentes salas de exposición. Preséntase como un museo itinerante e como un modelo transgresor do concepto de grandiosidade museística.

A construción orixinal de Carmen Cantón data de 1973. En 1994 Pelayo Varela convertía ese moble en museo. O Centro, como tal, inaugúrase en abril de 1995 na súa sede de Oviedo, coa exposición colectiva "La inmensidad íntima" comisariada por Carmen Cantón. Dende ese momento son moitos os artistas que nel veñen realizando exposicións, con máis de 70 actuacións e proxectos realizados tanto en España como no estranxeiro.

EGO conta ao mesmo tempo co vencello directo de diferentes persoas comprometidas coa súa labor dende o principio. Se en 2001 Luis Enguita propoñía o plan de ordenación do museo, cinco meses máis tarde o mesmo arquitecto definía as directrices para renovar o centro, transformando o moble nunha mesa de luz. A ampliación contempla a rehabilitación en salas de exposición. O 23 de maio de 2002 o venerado museo é cerimoniosamente destruído por Carmen Cantón e construído de novo -con intención de repetir esta acción cada 3 anos- seguindo con escrupulosa exactitude as especificacións da estrutura orixinal.

En EGO a labor do artista e a do comisario parten duns principios creativos comúns e superpóñense para desenvolver un proceso produtivo conxunto de índole estética. Deste xeito EGO tense desenvolvido como un mecanismo crítico orientado á necesaria reformulación das condicións de reprodución e difusión das novas prácticas artísticas.

EGO presenta exposicións que invitan á viaxe, á súa mobilidade. Os proxectos adáptanse aos nosos desexos de viaxar, lixeiros e portátiles ("o obxectivo é levar o museo canda seu alí onde vaiamos a través do mundo"). Unha sucursal de EGO pode quedar emprazada en calquera espazo real cunhas dimensións que así o permitan, sexa este público ou privado.

Proxectos do Centro de Arte EGO no eido internacional:

  • 12.06.01: Venecia, Italia. Bienal de Venecia: En torno al Arte Español Contemporáneo-Ofelia y Ulises
  • 24.06.01: Caracas, Venezuela. MACCSI, Museo de Arte Contemporáneo Sofía Imber 
  • 26.05.02: Duisburg, Alemaña. Museum Küppersmühle Sammlung Grothe
  • 23.03.03: Comeza o percorrido pola Rede de Embaixadas e Centros da Axencia Española de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores de España. O Centro de Arte EGO viaxou por 7 países, presentando obras in situ de 56 artistas locais:
  • 16.04.03: Lima, Perú. Centro Cultural da Embaixada de España en Lima (Director Ego en Lima: Jorge Villacorta)
  • 28.05.03: Asunción, Paraguai. Museo del Barro e Embaixada de España (Directores Ego en Paraguai: Lia Colombino, Fernando Moure e Fredy Casco')
  • 12.06.03: Córdoba, Arxentina. Centro Cultural de España ('Directoras Ego en Córdoba: Luz Novillo Corvarán e Soledad Sánchez)
  • 20.06.03: Rosario, Arxentina. Centro Cultural da Embaixada Parque España (Director Ego en Rosario: Juan Pablo Arbelache)
  • 26.07.03: Santo Domingo, República Dominicana. Embaixada de España (Directora Ego en Santo Domingo: Paula Gómez Jorge)
  • 30.09.03: Oaxaca, México. Museo de Arte Contemporáneo (Directora Ego en Oaxaca: Luna Maran Maran)
  • 07.10.03: México DF. Oficina Cultural da Embaixada de España (Directora Ego en México DF: Francisca Rivero-Lake)

.

Síntese do proxecto

O proxecto "EU, MUSEO", cuxo resultado final é a exposición colectiva que agora acolle o Espacio Anexo do MARCO, comisariada por Carmen Cantón, é unha obra en proceso iniciada na primavera de 2004. Unha experiencia de comunicación e creación que consolida a idea do Espacio Anexo do MARCO como sala de proxectos para artistas emerxentes, destinada á produción de obra in situ e con particular atención a creadores do eido local e autonómico.

O seu punto de partida é o Centro de Arte EGO, dirixido por Carmen Cantón: un "museo portátil", visualizado en forma de moble branco, concibido como espazo para a creación e a exhibición de propostas artísticas contemporáneas, e como modelo transgresor do concepto de grandiosidade museística.

EGO esixe que os artistas realicen obras producidas especificamente para cada proxecto. Unha obra única, pero tamén un proceso colectivo, unha cuestión aberta a múltiples ramificacións. O obxectivo é propoñer-promover un espazo de encontro, de reflexión, e presentar novas iniciativas dentro do marco das artes.

Cada un dos novos artistas participantes, formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, ten concibido a súa proposta individualmente, pero tendo ao mesmo tempo como fío condutor a idea do museo como espazo para a creación, dentro e fóra das salas de exposición e dos muros do MARCO.

Paradoxalmente todas as obras propostas para o MARCO de Vigo son, á súa vez, accións, en presente, en infinitivo: crear bosques, coleccionar coleccionistas, vender museos, ampliar museos, representar accións... teñen como común denominador o cuestionamento da institución museística ou dos "axentes" do mundo da arte. Desde o proxecto de ampliación museística de Cris Iglesias, ata o "bosque da arte", creado por Carlos Latorre co seu plan de repoboación forestal, pasando pola estratexia de marketing ideada por Irene González e Diana Lores, o arquivo documental de coleccionistas elaborado por Amaya González Reyes, ou as accións-intervencións de Jorge Migoya nos espazos do museo, todos eles son proxectos "abertos" e participativos, tanto no eido físico como no plano temporal, pola súa énfase na acción e na participación do público.

Baixo todas estas propostas latexa a identificación do museo como un ser con entidade propia, e a relación individuo-museo, museo-artista, tal como suxire o título da exposición. Ao fin e ao cabo, TODOS SOMOS "MUSEO".

Antecedentes e desenvolvemento

Esta é a primeira vez que un proxecto do Centro de Arte EGO se presenta nun museo español, tras un amplo currículo internacional coa presentación de proxectos en distintas institucións e centros de arte de Europa e América, en cidades como Venecia (Bienal de Venecia, xuño 2001), Caracas (Museo de Arte Contemporáneo Sofía Imber, xuño 2001), Duisburg, Alemaña (Museum Küppersmühle Sammlung Grothe, maio 2002), e a rede de Embaixadas e Centros da Axencia Española de Cooperación Internacional do Ministerio de Asuntos Exteriores durante o ano 2003: Perú, Paraguai, Arxentina, Santo Domingo, e México, entre outras.

O proxecto para o MARCO de Vigo iniciou na primavera de 2004 coa difusión desta iniciativa entre o alumnado da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, e a apertura dun prazo de presentación de propostas, que finalizou o día 4 de xuño. O mércores 9 de xuño de 2004 tivo lugar no Salón de Actos do MARCO a presentación do proxecto "EU, MUSEO" coa participación da comisaria, a directora do MARCO, a Decana da Facultade de Belas Artes, e os artistas seleccionados: seis persoas e cinco propostas.

A partir da presentación do proxecto iniciouse un intenso período de comunicación directa entre os artistas seleccionados e a comisaria, durante o que se definiron as obras a realizar, incluíndo dous obradoiros de produción a finais de setembro e mediados de outubro.

Se ben o resultado final era a exposición das obras, o proxecto tense concibido coma unha obra en proceso, en constante desenvolvemento. Precisamente a atención a este proceso, o seguimento das obras e dos seus creadores dende o instante mesmo no que xurde a proposta inicial, foi o motivo central da creación dun weblog, "pendurado" na web do MARCO, como instrumento de comunicación en tempo real entre os participantes, entre estes e a comisaria, e coa posibilidade de participación de todo o público interesado.

Artistas e proxectos

Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979),
"COLECCIONAR COLECCIONISTAS"

Coleccionar non é simplemente recompilar; é emprender o camiño do obxecto. Un obxecto é susceptible de ser coleccionado cando a variedade extrema das súas formas, cores ou presentacións non lle impiden ser recoñecido baixo un mesmo nome e unha mesma función. Coleccionar é construír unha historia, a nosa historia, a través da dos outros. A partir dun rastrexo de formas de coleccionismo privado -tales como cunchas, postais, obras de arte ou calquera obxecto- recollidas nun arquivo documental de fotografías e vídeos, Amaya desenvolve a súa propia colección de coleccionistas; un exercicio curatorial composto por estilos singulares. Obxectos pequenos, coma un puño, que se pechan en si mesmos, enlazados por un pretexto que os poña en común e os faga colección, isto é: expresión do colectivo.

Irene González / Diana Lores (Avilés, Asturias, 1978/ Serra de Outes, Noia, A Coruña, 1977),
"VÉNDESE MUSEO"

Diana Lores e Irene González, actuando como axentes de promoción de EGO, levan a cabo diversas accións centradas no seu aspecto máis público: o seu funcionamento en contornos puramente mass-media. EGO é mercadoría e, como tal, véndese. Pero o que se vende non é un obxecto senón unha experiencia. EGO é unha idea, unha imaxe, unha experiencia, unha forma de vida. Poña un EGO na súa vida e non se arrepentirá. Vostede pode ser o director do seu propio museo, pode crear artistas, pode comezar coleccións, pode vender obra. Viva a experiencia da arte dende dentro. Convértase en EGO.

Cris Iglesias (Couso, Pontevedra, 1975), "PROXECTO DE AMPLIACIÓN"

O Centro de Arte EGO é un espazo expositivo aberto cuns límites trazados constantemente. A proposta de Cris Iglesias insiste neste concepto de non límite do museo: facer crecer EGO, desmaterializar as súas fronteiras, transformalas en sinalizacións en desprazamento. O seu "Concurso de Ideas para Ampliación do Centro de Arte EGO" busca a participación do público interesado e a presentación de propostas para a súa posterior exhibición no Espacio Anexo.

Carlos Latorre (Calahorra, La Rioja, 1977), "CREAR BOSQUES"

A plantación de 200 árbores no Campus da Universidade de Vigo, é a conclusión dunha das partes do proxecto "Crear bosques". A cada unha das persoas que apadriñan as árbores -axentes da arte (directores de museo, galeristas, comisarios, críticos e artistas) que teñen enviado ao museo as súas "tarxetas de apadriñamento", elixindo unha especie autóctona das 11 dispoñibles- fáiselles entrega dun documento coa localización da súa árbore no mapa topográfico deste "bosque da arte". A proposta complétase cunha acción simbólica do propio artista, a primeira árbore da plantación, que se planta a si mesmo no terreo do Campus, nunha representación do bosque como lugar de probas, de iniciación e de desacougo, e da renovación e reencarnación do artista, que abandona a súa identidade anterior para reencontrarse co seu lado máis humano.

Jorge Migoya (Arriondas, Asturias, 1975), "CINCO DEDOS DENTRO (OU 5 DEDOS DE EGO)"

A intervención de Jorge Migoya para o centro de arte EGO consiste en cinco accións no espazo do MARCO. Estas accións, cargadas de alusións a obras de artistas históricos -tales como Beuys, Duchamp, ou Anish Kappoor- cunha iconografía facilmente recoñecible, funcionan como unha especie de "trasnadas", de transgresións cara á inmaculada brancura do cubo branco do museo. A arquitectura do museo é percorrida, apalpada, humedecida, sometida a tensións de superficie. O artista é seducido polo museo e mantén con el unha relación que quebranta os códigos normalizados. Un encontro que, sen dúbida ningunha, deixará pegadas nos dous participantes: o museo machucado polas rabuñaduras xestuais do artista, desprotexido da súa aura inmaculada, e o artista cuberto polo po branco dos muros do MARCO, integrado neles, fagocitado por eles.

Artistas

    Amaya González Reyes
    Carlos Latorre
    Cris Iglesias
    Irene González y Diana Lores
    Jorge Migoya

Texto curatorial

Ego parte dunha idea de proxección do íntimo cara ao espazo público. Un exercicio de exhibición, que evidentemente se achega ao concepto de exposición, no sentido de que amosa partes integrantes da subxectividade. Esta analoxía que vai dende o individual á súa proxección pública convértenos en comisarios do noso propio traballo, comisarios do traballo dos nosos amigos, nun proceso de articulación do social que non ten fin. É por isto que Ego consiste nun sistema nómade que ten a súa razón de ser polas relacións afectivas que establece en cada lugar no que se coloca.

Como museo portátil, Ego continúa unha tradición iniciada polas vangardas europeas desenvolvida por Marcel Duchamp e as súas Boîtes, que consistían nun exercicio artístico á vez que nun modelo curatorial. A través da reprodución das súas obras e a súa “exposición” nun maletín, Duchamp establecía as condicións polas que desexaba que a súa obra fose lida. A diferenza esencial entre este modelo portátil e Ego, é que este ofrécese como espazo neutro, como canle de comunicación cun contido que depende das variables culturais inseridas en cada lugar no que se instala e baixo os actores que representan a súa imaxinería; Ego é unha función (case no sentido teatral do termo). As posibilidades para que este canle se converta nun medio de comunicación activo atópanse no seu USO. E é nisto no que insiste Ego, nun “úsame conforme o teu xeito de entender o mundo, e quedará reflectido en Ego como forma de arte”.

Carmen Cantón

Comisaria do proxecto

Comisariado

Carmen Cantón

Carmen Cantón - Centro de Arte Ego (Oviedo, 1955), vive e traballa en Madrid. Artista polifacética, en 1994 crea xunto a Pelayo Varela o Centro de Arte Ego, centro de arte activo que ten na súa orixe e como ubicación un moble disposto no salón da súa propia casa. En 1995 crea e dirixe La Ruta del Sentido , publicación anual asociada a Ego que compila diversas propostas de artistas contemporáneos españois. Carmen Cantón, como artista independente dos seus propios proxectos, ten realizado exposicións individuais e colectivas. Na actualidade traballa en proxectos como "Crear bosques" ou "Carmen Cantón Gallery", co que promove obra de comisarios de arte.