rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Festa 10º Aniversario do MARCO

Datas: 
17 novembro 2012 - 18 novembro 2012
Horario: 
Horarios especiais de apertura: o sábado, de 11.00 a 14.30 e de 17.00 ata as tres da madrugada; e o domingo, de 11.00 a 14.30 e de 17.00 ata as 21.00.
Prezo: 
entrada libre e gratuíta

O 13 de novembro, o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, cumpre dez anos dende a súa apertura ao público. Unha data que coincide co accidente do petroleiro Prestige nas costas de Galicia, exactamente o 13 de novembro de 2002, o mesmo día que se inauguraba o Museo.

Con motivo desta celebración, para o sábado 17 e domingo 18 de novembro o MARCO organiza un programa de actividades para públicos de todas as idades, concibidas en torno á exposición ‘A BALEA NEGRA’, inaugurada o pasado 5 de outubro nas salas da planta baixa.

‘A BALEA NEGRA’ é un proxecto expositivo concibido como conmemoración deste 10º aniversario, que toma como punto de partida a crise provocada polo afundimento do Prestige para, a través de abundante material documental e máis de cincuenta propostas artísticas, rememorar aqueles días convulsos e abordar algunhas das cuestións máis incitantes do noso tempo: a explotación da natureza, o legado do colonialismo, a historia da modernidade, o mito do progreso indefinido, o comercio marítimo, a globalización, os movementos sociais ou a guerra.

PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES



Visita á exposición ‘A balea negra’ guiada por Pedro de Llano

Horario: sábado ás 18.00
Lugar: salas de exposición da planta baixa

O sábado pola tarde, o comisario da exposición, Pedro de Llano, acompañará aos visitantes nun percorrido guiado polas salas da planta baixa. Nesta ocasión estará acompañado por Mavis Müller, autora xunto con Andrea Bowers da pancarta ‘Alaskans Still Fighting for the Earth’, incluída na exposición, que estivo colgada dun barco de pesca na baía de Kachemak en protesta pola vertedura do Exxon Valdez, converténdose en emblema daquelas mobilizacións. A visita en salas servirá así como introdución á charla-conferencia que Mavis Müller ofrecerá a continuación no salón de actos.

‘A arte do activismo’
Charla-conferencia de Mavis Müller

Horario: sábado ás 19.00
Lugar: salón de actos

En conversación con Pedro de Llano, a activista Mavis Müller ofrecerá unha charla-conferencia sobre a súa propia visión do potencial comunicativo e ‘sanador’ da arte. Müller, que vive e traballa en Alasca, unirá pasado e futuro falando da súa propia experiencia nas accións postas en marcha con ocasión do verquido do Exxon Valdez en 1989, que aínda hoxe, case trinta anos despois, continúa tendo graves consecuencias para a comunidade e o seu contorno.

CUE & REVIEW, de Andrés Galeano
Festival Chámalle X. IX Xornadas de Arte de Acción

Horario: sábado ás 21.00
Lugar: sala frontal B1 (1º andar)
Organiza: Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo; en colaboración co MARCO

CUE & REVIEW, de Andrés Galeano (Mataró, 1980) trata de converter en performance o son de aves cantoras en catividade. Baséase en series de accións rápidas que interactúan con máis de vinte obxectos, moitas das cales son accións-citas provenientes do mundo aeronáutico e aviar, e da imaxinaría colectiva relacionada coa acción de voar e os seus mitos. Os movementos dun paxaro (engaiolado) e as veloces frases do seu canto dannos as claves da estrutura reiterativa, do repertorio de sons e do ritmo das accións desta performance humano-aviar.

‘A balea negra’
Diálogo sonoro entre obras
Obradoiro Vocal ‘A Vila’ (Ponteareas)

Horario: sábado ás 23.00
Lugar: salas de exposición da planta baixa

Nun especial itinerario polas salas da planta baixa, o coro Obradoiro Vocal ‘A Vila’ de Ponteareas, dirixido por Alberto Abal, ofrecerá ao público unha serie de pezas vogais do seu propio repertorio nun diálogo coas obras en exposición, incluíndo temas populares de Galicia, pezas de música clásica, cancións pop, bandas sonoras de cinema, e o himno ‘A Internacional postpetroleira’, dos suízos Christina Hemauer & Roman Keller, que o mesmo coro interpretou na xornada inaugural, situados na sala que acolle esta obra.

Misión balea (acción!)’
Obradoiros infantís para público familiar

Horario: sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00
Lugar: Laboratorio das Artes (1º andar)
Organiza: departamento educativo do MARCO, coa colaboración de Greenpeace

‘MISIÓN BALEA (acción!)’ é o nome xenérico do programa educativo que se desenvolve en paralelo á exposición A BALEA NEGRA, sacando partido dos contidos da mostra e das súas posibilidades didácticas. Para a festa aniversario do MARCO, o departamento educativo preparou unha serie de actividades e talleres dirixidos a público familar. Unha parte do programa realízase en colaboración coa delegación de Greenpeace en Pontevedra, con actividades de grupo como a creación dun mural de pintura de dedos, ou a reprodución do accidente do Prestige nun formato moi especial para público infantil.

Proxección do documental
Marea Blanca, de Isabel Coixet

España, 2012, 30 min.
Horario: domingo, proxección en continuidade, de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Lugar: salón de actos
Coa colaboración de: Greenpeace e Coronita Save the Beach

En 2002, máis de 125.000 persoas deixárono todo para realizar un traballo duro e ingrato: recoller coas súas propias mans as máis de 27.000 toneladas de verquidos tóxicos que chegaron ao litoral galego por causa do afundimento do buque petroleiro Prestige. Dez anos despois, Isabel Coixet conta nun documental esta heroica tarefa a través das vivencias e anécdotas dalgúns dos que estiveron alí. Pero Marea Blanca é moito máis que un documental: é unha plataforma creada por Save the Beach para render homenaxe a todos os voluntarios. ‘Coronita Save the Beach’ é un programa pioneiro de responsabilidade Social Corporativa que Coronita cervexa puxo en marcha en 2008 en Europa, e que ten como obxectivo informar e concienciar sobre o estado das praias europeas e sobre a necesidade de coidalas e preservalas.

Música, coctelería e Amigos no MARCO restaurante&café

Horario:
Sábado ás 21.30                Brindis da Agrupación de Amigos do MARCO
Sábado de 23.00 a 00.00    Sesión especial coctelería
Sábado a partir das 00.00   Concerto de Fei e a súa banda (Pepo, Rubén e Kalzonetti)
Lugar: MARCO restaurante&café

O MARCO restaurante&café súmase tamén á celebración do Aniversario, especialmente o sábado, día en que os membros de Agrupación de Amigos do MARCO se reunirán no restaurante&café para brindar por dez anos de proxectos e actividades conxuntas. Pola noite, os visitantes poden gozar dunha sesión de coctelería (especial SuperDos e canas low-cost) dende as 23.00, e a actuación en directo de Fei a partir da media noite. Fei, cantante e compositor procedente do grupo de rock-pop Cuaderno de Bitácora, pon en marcha dende 2010 un proxecto en solitario. Sempre acompañado do seu alter-ego Star Queen, aparece en Vigo unha nova visión do glam contemporáneo que se propón ser un referente do xénero. 

Obxectos editados por La Gran na tenda-libraría RESCRÓMICA

Horario: sábado e domingo, de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Lugar: Tenda-libraría RESCRÓMICA (vestíbulo principal)

A partir do 16 de novembro, coincidindo coas datas de celebración do aniversario do MARCO, a tenda-libraría RESCRÓMICA comeza a distribuír os obxectos de artista editados por La Gran. La Gran edita obxectos que contaxian na vida cotiá a intensidade e orixinalidade do traballo de relevantes artistas e arquitectos, entre os que destacan Enrique Marty, Marina Núñez, Mateo Matei, Bene Bergado, Rosalía Banet, Pedro Sequeira, Estefânia R. de Almeida, Assaad Awad e Los Profesionales (Elena Fernández Prada e Ignacio Pérez-Jofre).

‘10 anos do MARCO’. Visitas guiadas por salas

Horario: 
Sábado ás 12.00 y 19.30
Domingo ás 12.00, 17.30 e 19.30
Lugar: salas de exposición da planta baixa

Durante toda a fin de semana, o público terá ocasión de acudir ás visitas guiadas de grupo polas salas de exposición, na compaña dos monitores de sala.