rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
FESTA 8º ANIVERSARIO ‘8 x MARCO’

FESTA 8º ANIVERSARIO ‘8 x MARCO’

Datas: 
12 novembro 2010 - 14 novembro 2010
Horario: 
dende as 11.00 da mañá do sábado ata altas horas da madrugada do domingo, e reanudándose dende as 11.00 ata as 21.00 do domingo.
Lugar: 
Salas de exposicións do MARCO e MARCO restaurante&café
Prezo: 
Entrada libre

O sábado 13 de novembro, o MARCO cumpre oito anos dende a súa apertura ao público en 2002. Con motivo desta celebración, o venres 12, sábado 13 e domingo 14 de novembro terá lugar a festa do 8º aniversario, cun programa de actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que se mostran en salas:

VIRXILIO VIEITEZ, na planta baixa
MÁIS QUE A VIDA. Vasco Araújo – Javier Téllez, no primeiro andar
ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA. Pattern Panóptico, no vestíbulo

A obra Pattern Panóptico, de Almudena Fernández Fariña, concibida especificamente para o MARCO, preséntase con motivo do Aniversario e quedará instalada no vestíbulo a partir desas datas.

Para esta especial ocasión, o museo permanecerá aberto ao público nun horario máis amplo do habitual, incluíndo a noite e madrugada da fin de semana: dende as 11.00 da mañá do sábado ata altas horas da madrugada do domingo, e reanudándose dende as 11.00 ata as 21.00 do domingo.

PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES

PATTERN PANÓTICO, DE ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA
Intervención in situ concibida para os espazos do MARCO

Lugar: vestíbulo principal Horario: en continuidade· Sábado ás 12.00: charla da artista sobre a obra, aberta ao público


Pattern Panóptico é unha proposta da artista Almudena Fernández Fariña pensada para osespazos do MARCO, que formula unha pintura fóra do formato pechado do “cadro”; unha pintura que busca o diálogo co contexto, que intenta ser cómplice da especificidade do lugar. Nesta peza é o espazo o que dita as pautas, os atributos formais, á pintura, que é totalmente dependente, indisociable do espazo que a contén. A arquitectura convértese en soporte da pintura, substituíndo o soporte do cadro/obxecto pechado, transportable e autónomo. Pero ademais do soporte, a arquitectura é tamén o obxecto de reflexión.

A intervención xorde a partir dunha forma atopada no espazo (a planta do Museo), convertida nun elemento-patrón que ao multiplicarse, seguindo un esquema compositivo predeterminado de simetría, rotación, repetición sistematizada, xera unha trama gráfica que tapiza a superficie do muro frontal do vestíbulo. Así, ademais de cuestionar os límites do cadro e apoiarse no ámbito mural da arquitectura, incídese na referencia apropiacionista, no recurso de adoptar un motivo atopado no espazo para vincular a pintura/debuxo ao contexto onde se incribe.

En Pattern Panóptico as pautas formais están marcadas polo deseño arquitectónico do edificio —un antigo cárcere— cuxa estrutura responde ao ideal deseñado por Jeremy Bentham en 1791: o Panóptico. O panóptico, concibido inicialmente para centros penitenciarios, faise visible, perde a súa utilidade (vixiar sen ser visto), convértese nun elemento ornamental que mostra e á vez disimula, nun deslizamento decorativo, a memoria do espazo.

Os motivos reproducidos sobre papel, cun proceso de impresión dixital, desmitifican o acto creativo asociado á pintura, e cuestionan a aurática presenza da man, a mestría e virtuosismo que tradicionalmente se asocia ao oficio do pintor.

‘A MIÑA FOTO FAVORITA’
Convocatoria aberta a intervencións do público, sobre unha fotografía elixida da exposición de Virxilio Vieitez 

Lugar: salas de exposición da planta baixa
Horario: sábado e domingo de 17.00 a 21.00, en quendas asignadas previamente (máx. 15’)

Nesta actividade pode participar calquera persoa interesada, e consiste en elixir unha das fotografías presentes na exposición, para falar dela á vista do público, durante un máximo de 15 minutos. O tema da charla pode estar relacionado con calquera aspecto desa fotografía —sexa unha experiencia persoal ou familiar, unha lembranza, unha historia, un obxecto presente na imaxe, un comentario sobre a época na que foi tomada a fotografía, un texto literario, unha análise estética...— polo que está aberto a múltiples posibilidades. As intervencións terán lugar nas propias salas de exposición, á vista do público, e organizaranse en quendas dun máximo de 15 minutos, durante a tarde do sábado e domingo. As persoas interesadas poden inscribirse ata o venres 12, na taquilla do MARCO, por correo-e (departamento.exposiciones@marcovigo.com), ou por teléfono. Todos os participantes recibirán un catálogo da exposición, unha vez publicado.

‘A NOITE DE VIRXILIO VIEITEZ’
Visita á exposición guiada por Keta Vieitez, filla do fotógrafo

Lugar: salas de exposición da planta baixa
Horario: madrugada do sábado ao domingo, ás 00.00

A exposición de Virxilio Vieitez ten lugar dous anos despois da súa morte e cando se cumpriría o octoxésimo aniversario do nacemento do fotógrafo. O arquivo de Virxilio Vieitez conforma un importante patrimonio cultural conservado en Soutelo de Montes (Pontevedra), o pobo no que naceu en 1930 e no que traballou case toda a súa vida. A súa filla, Keta Vieitez, expuxo por primeira vez as fotografías do seu pai nunha mostra autoproducida e presentada en 1997 no seu pobo natal, e que incluía algunhas das que posteriormente serían consideradas as grandes obras de Vieitez. Na madrugada do sábado ao domingo, Keta Vieitez acompañará ao público nunha visita guiada na que ofrecerá a súa propia visión da mostra.

SOSOAUDIO: ‘ÉRASE UNA VEZ UN SURCO’, POR SINSALAUDIO
Sesión musical e proxeccións sobre a historia do rexistro sonoro, por Julio Gómez e Luis Campos

Lugar:
salón de actos· 
Horario: venres ás 20.00· Produción: SINSALaudio

SOSOaudio, o selo fonográfico da promotora galega SINSALaudio, é a primeira iniciativa internacional especializada na recuperación dos soportes sonoros que fixeron posible a historia da música. Recuperar a historia do rexistro sonoro e analizar a súa incidencia na estética musical é un dos principais obxectivos deste proxecto. Paralelamente ao selo, SOSOaudio presenta unha serie de accións nas que desenvolve os seus conceptos teóricos. A primeira é unha sesión audiovisual onde repasa algúns dos documentos musicais máis importantes da historia da música enlatada, así como o uso de reprodutores analóxicos, dende o fonógrafo de finais do século XIX ata os tocadiscos de xoguete. A segunda consiste na creación dunha obra colectiva na que se leva o concepto de “Música de Mobiliario” de Erik Satie ata as súas últimas consecuencias. Coa participación do público, fórranse con vinilos mobles vellos ou estruturas arquitectónicas en clara alusión ao uso e abuso da música como un obxecto de decoración máis.

‘GRAFFITI DIXITAL’
Realización de graffiti con lapis óptico sobre a fachada do MARCO 

Lugar:
fachada do MARCO, r/ Príncipe
Horario: sábado ás 20.00· Producción: CEO ABERTO S.L. (Mónica Moure, David Ballesteros, David Rodríguez)Acción subvencionada polo Ministerio de Ciencia y Tecnología, a través de FECYT (Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología

Con motivo da Semana da Ciencia 2010, CEO ABERTO, empresa relacionada co mundo creativo e da comunicación, está levando a cabo un innovador proxecto en itinerancia, subvencionado polo Ministerio de Ciencia y Tecnología. Coincidindo co Aniversario do MARCO, preséntase en Vigo este ‘Graffiti dixital’, que consiste na realización de graffiti con lapis óptico sobre a fachada principal, nunha acción aberta á participación do público que queira experimentar con esta nova tecnoloxía, axudando entre todos a ‘pintar’ a fachada do MARCO. Coa axuda dun sistema informático formado por un portátil, unha cámara astronómica, un proxector de vídeo e un punteiro, deséñanse estes graffiti (mensaxes, imaxes) que aparecen proxectados sobre o edificio. Cada imaxe ou mensaxe pódese borrar en calquera momento, para deixar paso a unha nova creación …

‘WARNING! THIS BAG IS NOT A TOY’ [ATENCIÓN! ESTA BOLSA NON É UN XOGUETE]
Proposta interactiva na que o espazo non é o que parece...

Lugar: salón de actos
Horario: sábado ás 23.30· Gena Baamonde, Olga Cameselle, La Canalla (Patricia e Francisco Soto Gil), Anabel Gago, Rocío González, Alfredo Rodríguez, Álvaro Sanz, Lupe Piñera

“Unha proposta interactiva na que o espazo non é o que parece, na que acción a desenvolver se presenta como un convite a participar dun espectáculo que máis ben é unha experiencia irrepetible. Cando viaxamos esiximos, de xeito totalmente inocente e alleo á lóxica establecida, non sofrer percances que nos incomoden (tsunamis, furacáns, terremotos, perda de equipaxe, doenzas gastrointestinais, retrasos…). Queremos asistir a un espectáculo de luz, cor e vida sen ter que pagar peaxe ningunha. Os turistas somos así de irresponsables. Comportámonos como menores que cren que o mundo é un lugar ameno, divertido, encantador, transparente, prístino, cordial, ordeado, accesible, gratis, xeneroso… Con esta instalación interactiva propoñemos testar que toda viaxe é camiño e cambio. Que aínda que algunhas cousas semellen bolsas mesmo cando as volvemos do revés: WARNING! THIS BAG IS NOT A TOY”.

CONCERTOS NO MARCO RESTAURANTE&CAFÉ
Actuacións en directo e música en continuidade 

Lugar: MARCO restaurante&café
Horario: dende as 23.00 do sábado ata as 04.00 do domingo

PROGRAMA

00.00 UNICORNIBOT_ psicodelia e rock progresivo
01.00 CRÓ!_ rock alternativo

O MARCO restaurante&café únese á programación da Festa Aniversario para celebrar co público oito anos de apertura e boa música, nunha sesión que se prolongará ata as 4 da madrugada, con dous concertos dos grupos Unicornibot e Cró!, e música en continuidade. Dende a psicodelia e o rock progresivo ata o rock clásico, pasando polo math rock e o harcore, Unicornibot (Pontevedra, 2008) ofrece un directo irresistible que quedou plasmado no seu primeiro LP, Hare Krishna. Pola súa parte, Cró! —o berro que a banda usa para definirse a si mesma— non é só unha mestura de estilos musicais. Música e vídeo únense para xerar sensacións e ambientes que envolven o público durante todo o espectáculo. A improvisación musical e visual xoga un importante papel, con momentos de espontaneidade creativa que fan que cada concerto sexa diferente do anterior.

‘O INSTANTE DETIDO’. OBRADOIROS PARA FAMILIAS
Actividades para público familiar en torno á exposición de Virxilio Vieitez

Para nenos/as a partir de 3 anos acompañados de persoas adultas
Lugar: Laboratorio das Artes
Horario: sábado e domingo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00

Como cada ano nesta ocasión, o departamento educativo do MARCO ten preparada unha programación especial de obradoiros e actividades para familias. Para este 8º aniversario realizouse unha adaptación dos programas que nestes meses se centran na exposición de Virxilio Vieitez. Baixo o título ‘O instante detido’ analízanse distintas formas de captar e percibir a realidade a través do ollo dunha cámara, con especial atención ao xénero do retrato dentro da fotografía. O título fai referencia á capacidade do fotógrafo para fixar e captar un momento, pero tamén á posibilidade de deternos para observar e falar do que vemos; para analizar e reflexionar sobre unha imaxe fotográfica. Un convite a descubrir o que unha imaxe nos pode contar. Todo iso no Laboratorio das Artes, o espazo de didáctica do 1º andar.

MARATÓN ARTFUTURA 2010. ‘WE LIVE IN PUBLIC’
Proxección en continuidade do programa audiovisual desta edición

Lugar: salón de actos
Horario: venres de 17.00 a 19.30; sábado de 11.00 a 20.30; domingo de 11.00 a 21.00

       PROGRAMAS

      Venres 12 We Live in Public (Programa A) + 3D ArtFutura Show (Programa B)
      Sábado 13 Programas A, B, C, D completos + We Live in Public (Programa A)
      Domingo 14 Programas D, C, B, A completos + Flux Music Video Showcase (Programa D) + Futura
      Graphics (Programa C)

ArtFutura 2010 ten como protagonista o documental ‘We Live in Public’, un extraordinario filme sobre as redes sociais e a privacidade en Internet. Ademais, o programa deste ano inclúe o Making off da película ‘Chico y Rita’, os mellores traballos de 3D dos últimos años, un especial dedicado a Passion Pictures, a selección Futura Graphics (motiongraphics, virais e videoclips) e a nova sección World Wide Work, dedicada á creatividade en Internet.

O MARCO POR DENTRO
Visitas guiadas ás exposicións, na compaña dos monitores de sala

Lugar: salas de exposición
Horario: sábado e domingo ás 13.00, ás 17.00 e ás 19.00

Durante toda a fin de semana, o persoal de salas estará a disposición dos visitantes para realizar percorridos comentados polos espazos expositivos: a mostra titulada ‘MÁIS QUE A VIDA’, dos artistas VASCO ARAÚJO e JAVIER TÉLLEZ, no primeiro andar; e a retrospectiva do fotógrafo VIRXILIO VIEITEZ na planta baixa.

MERCADILLO DO LIBRO
Libros e catálogos a precios especiais

Lugar: tenda-librería PLAXIO (vestíbulo principal)
Horario: sábado e domingo, de 11.00 a 21.00

Con motivo do Aniversario, a tenda-librería PLAXIO ofrece unha selección de fondos con importantes descontos sobre o prezo de venda ao público: catálogos do MARCO, libros de deseño, arquitectura, fotografía e literatura infantil, nunha oferta realmente especial, a disposición dos visitantes no vestíbulo do museo.