rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Talleres infantís
Talleres infantís
Talleres infantís
Visitas
Visitas
Visitas
Lampíricos
Lampíricos
Concertos alumnado Conservatorio Profesional de Música
Concertos alumnado Conservatorio Profesional de Música
Rescrómica
MARCO Restaurante&Café

FESTA DIM 2013

Datas: 
17 maio 2013 - 19 maio 2013
Horario: 
venres e sábado, de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00. Domingo, de 11.00 a 15.00
Prezo: 
Entrada libre e gratuita


FESTA DIM. Día Internacional do Museo 2013. “Museos (memoria+creatividade)=progreso social”


Dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) invita aos museos de todo o mundo a celebrar o 18 de maio o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. Nesta edición 2013 o DIM ten como lema “Museos (memoria+creatividade)=progreso social”. Unha ecuación que nos fala de conceptos esenciais para definir o Museo de hoxe en día, como a necesidade de conciliar a súa misión tradicional de conservación da memoria, coa creatividade necesaria para a súa renovación e para o desenvolvemento cultural.

Como é habitual, o MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial o venres 17 (Día das Letras Galegas), sábado 18 e domingo 19 de maio, con actividades para públicos de todas as idades, que se suman ás exposicións que se mostran en salas:

‘O BOSQUEXO DO MUNDO’, na planta baixa


‘O BOSQUEXO DO MUNDO’ ofrece a posibilidade dunha visita a ese crisol de formas que é o taller do artista, e trae ao museo un conxunto de útiles e documentos, tamén obras e os seus antecedentes que, como pezas dun crebacabezas en perpetuo movemento, proporciona sustento e alimenta as creacións. Unha montaxe que pon en escena o estatus ambiguo do ‘bosquexo’: camiña cara á obra pero non é obra aínda... ou se cadra xa si.

‘HUM. Massimo Bartolini’, no primeiro andar

En HUM, Massimo Bartolini rende homenaxe a unha das personalidades máis xeniais e visionarias do século XX, Glenn Gould (1932-1982). As dúas instalaciones sonoras están construídas en torno a dúas obras de Gould: as vogalizacións ou tarareos [humming] do músico canadiense na súa segunda gravación das Variacións Goldberg de Bach (1981); e o texto radiofónico The Idea of North (1967), un programa de entrevistas producido por Gould sobre o concepto xeográfico —e filosófico— do norte.

[Serán os últimos días para visitar esta mostra, que se clausura o domingo 19 de maio]

Xunto ás visitas guiadas ás exposicións, a programación do DIM 2013 no MARCO inclúe talleres infantís para público familiar, concertos de música de cámara en colaboración co Conservatorio Profesional de Música de Vigo, e a presentación da performance ‘Lampíricos’, do creador galego Antón Lopo. Ademais, a tenda-libraría Rescrómica ofrecerá no vestíbulo principal libros e catálogos a prezos especiais.


PROGRAMACIÓN E ACTIVIDADES

 

‘Micromundos’. Obradoiros infantís


Para nenos/as a partir de 3 anos sós ou acompañados de adultos
Data: venres 17, sábado 18 e domingo 19
Horario: de 12.00 a 14.00
Lugar: Laboratorio das Artes (1º andar)

O equipo de didáctica do MARCO preparou para esta fin de semana actividades moi especiais para compartir cos visitantes máis novos e as súas familias. Contacontos, xogos e experimentos creativos en torno a varias das obras presentes na exposición ‘O bosquexo do mundo’, como as de Marta Bran, Din Matamoro, Tamara Feijoo, Bosco Caride ou Ignacio Pérez Jofre. Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, o nexo de unión son os libros, en distintos formatos ou apariencias, que se transforman en xogos de letras, peculiares esculturas, e historias animadas.

‘Bosquexos e sons’. Visitas guiadas ás exposicións


Para público en xeral
Data: venres 17, sábado 18 e domingo 19
Horario: ás 13.00, ás 17.00 e ás 20.00
Lugar: salas de exposición da planta baixa e do 1º andar

O persoal de salas acompañará aos visitantes en percorridos guiados polas instalacións sonoras de Massimo Bartolini no primeiro andar, e polas diferentes propostas dos artistas participantes na exposición ‘O bosquexo do mundo’, nos espazos da planta baixa.

Antón Lopo. ‘Lampíricos’
Performance


Para público adulto
Data: venres 17 e sábado 18
Horario: ás 19.00
Lugar: salón de actos

Antón Lopo. ‘Lampíricos’
Duración: 80’
Música: David Granha, Davide Salvado e Pixi Arnoso
Iluminación: Antón Lopo e María Salvado
Coreografía: Antón Lopo e Eloy Lesmills
Vídeos: Antón Lopo e Pixi Arnoso
Cámaras: Pixi Arnoso, Xoán Villar e Antón Lopo
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Manolo Martínez

Lampíricos é a nova proposta de Antón Lopo, alcume co que se coñece a unha das voces máis radicais da poesía galega actual. En Lampíricos conflúen varias liñas de traballo que Lopo despregou nos últimos anos; desde a oralidade e a poesía textual, á videocreación e a poesía conceptual, pasando pola performance ou a lírica salvaxe.

Lampíricos é palabra e luz. Corpo e poesía. Espazo e atmosfera. Performance e acción. Sobre todo, preguntas: preguntas sucesivas que tecen unha estrutura inquietante. Antón Lopo comezou a traballar en Lampíricos —a súa nova proposta oral tras a convulsión de Prestidixitador— sobre uns textos elaborados nunha longa estadía en Essaouira, un dos banzos fortes do sufismo marroquí. Desa experiencia, e da deriva que atopa ao seu regreso, xurden textos que indagan nunha contemporaneidade quebrada, cun corpus social rebentado e unha aturdida parálise individual. Pero Lampíricos non é soamentes a crónica dese saqueo, senón tamén unha paisaxe de impulsos e sentimentos que atrapa o espectador-lector nunha acción implacable.

“Adéntrase no espazo un home que camiña coa súa propia luz. O son ambiental delimita as arestas do discurso. ‘Este é o noso exilio’. O home preséntase como un poeta disconforme, dismoderno’, e, polo que di, acompáñano ‘fumadores, mestres sufís, mulleres en loita’ ou seres que se alimentan de ‘maxia e hurís’. A partir dese instante, o home comeza a desenvolver as voces que oíu durante a súa propia desaparición, nunha viaxe que ás veces é un combate e, outras veces, unha prácida tarde de Martinis [...]” 

Concertos alumnado Conservatorio Profesional de Música


Para público en xeral
Horario: venres ás 18.00; sábado ás 12.00 e ás 18.00
Lugar: rotonda central (panóptico), planta baixa / Fachada principal
Organiza: Conservatorio Profesional de Música de Vigo, en colaboración co MARCO

Con ocasión da Festa DIM, e en liña co obxectivo de ampliar as súas actividades a outros espazos culturais da cidade, o Conservatorio Profesional de Música de Vigo colabora de novo co MARCO ofrecendo actuacións dos seus alumnos en lugares non habituais; espazos de tránsito de visitantes nos que a presenza do público se une ao son dos instrumentos.

Programa e intérpretes

VENRES 17 maio, ás 18.00
 

Concerto gaita
Lugar: fachada principal, R/ Príncipe

A miña burriña. Tradicional. Arranxo: Lois Prado
Lois Prado (gaita), Xurxo Gándara (gaita)

Dúo de gaitas para primeiro concerto fin de carreira. David Bellas
Lois Prado (gaita), Xurxo Gándara (gaita), Marina Fernández (tamboril) 

Olhos de auga. Paulo González
Xurxo Gándara (gaita) 

Postludio Indigestat. Pablo Torneiro. Arranxo: Lois Prado
Lois Prado (gaita) 

Cançón nona do mimo morto, olhai-olhai. Paulo González
Lois Prado (gaita), Xurxo Gándara (gaita), Xosé Miguélez (gaita) 

Canto de Pena. Milo Romero. Arranxo: Lois Prado
Lois Prado (gaita en Sol), Xurxo Gándara (gaita), Xosé Miguélez (gaita) 

Bretogal. Xurxo Fernández
Lois Prado (gaita), Xurxo Gándara (gaita), Marina Fernández (tamboril)

SÁBADO 18 maio, ás 12.00

Dúo frauta e clarinete
Lugar: rotonda central (panóptico), planta baixa

Dúo. Kummer
Choros nº 2. H. Villalobos
Elegía. I. Stravinsky
Andrés Montenegro (frauta), Paula Lago (clarinete) 

Dúo clarinete e fagot
Lugar: rotonda central (panóptico), planta baixa

Dúo WoO27. L. V. Beethoven
Sofie-Vals. A. Dich
Elia Veloso (clarinete), Sabina Portela (fagot)

SABADO 18 maio, ás 18.00

Quinteto de vento
Lugar: rotonda central (panóptico), planta baixa 

Suite Le bourgeois gentilhomme. F. Bartos
Allegro. E.Sienicke
Opus Number ZOO. L. Berio [1. Danza campestre / 2. El Caballo / 3. El ratón / 4. El Gatito]
Pablo Rouco (frauta), Paula Davila (óboe), Ignacio Davila (clarinete), Isis Figueiras (fagot), Ángela Freiría, trompa

Tenda-libraría Rescrómica


Libros e catálogos a prezos especiais 
Data: venres 17, sábado 18 e domingo 19
Horario: venres e sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00; domingo de 11.00 a 14.00
Lugar: vestíbulo principal

Con ocasión da fin de semana do DIM, a tenda-librería RESCRÓMICA poñerá a disposición do público unha selección de publicacións a prezos especiais, incluíndo catálogos de exposicións, no vestíbulo principal.

MARCO restaurante&café


Servizo de cafetería e restaurante
Horario: venres de 17.00 a 20.00; sábado de 09.00 a 21.00; domingo de 11.00 a 15.00
Entrada por vestíbulo principal

O MARCO restaurante&café permanecerá aberto ao público durante a fin de semana, incluído o venres festivo (en horario de 17.00 a 21.00), sábado (de 09.00 a 21.00) e domingo (de 11.00 a 15.00).