rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
FESTA DIM Día Internacional do Museo 2011

FESTA DIM Día Internacional do Museo 2011

Datas: 
17 maio 2011
Horario: 
De 11.00 a 21.00
Lugar: 
Laboratorio das Artes, salas de exposicións e vestíbulo
Prezo: 
entrada libre e gratuíta

 

PRESENTACIÓN

Como cada ano dende 1977, o ICOM (Consello Internacional de Museos) convida aos museos do mundo enteiro a celebrar o Día Internacional do Museo, creado para promover o interese xeral pola xestión e as actividades dos museos e centros de arte. O lema deste ano 2011 é “Museo e memoria”, que alude á función de conservación do patrimonio cultural e natural, con actividades relacionadas coa memoria individual e colectiva.

Unha vez máis, o MARCO súmase a esta celebración e ofrece unha programación especial, que nesta ocasión se concentrará na xornada do martes 17 de maio, Día das Letras Galegas, incluíndo visitas guiadas ás exposicións temporais, obradoiros didácticos para público familiar, e una actividade específica relacionada coa memoria sonora de Vigo, realizada en colaboración con SinsalAudio, e que é parte dun proxecto producido polo Verbum - Casa das Palabras.

Como é habitual, o MARCO permanecerá aberto ao público durante toda a xornada do martes festivo, ininterrumpidamente de 11.00 a 21.00. Nestas datas, a programación de exposicións do MARCO inclúe a proposta de MARTIN CREED na planta baixa e nunca das salas do primeiro andar, a exposición de WILFREDO PRIETO no primeiro andar, e o proxecto HOTEL MARCO, de MICHAEL LIN e rvr arquitectos, no Espazo Anexo. Este último permanecerá aberto ao público como espazo expositivo ata o mércores 18 de mayo, xa que a partir do xoves 19 comezará o seu uso como cuarto de hotel.

DIM 2011. Programa de actividades

Obradoiros para familias – ‘A METADE DO AIRE’
Actividades didácticas ao redor da exposición de Martin Creed

Para nenos/as a partir de 3 anos acompañados de adultos
Lugar: Laboratorio das Artes (1º andar)
Horario: de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00

A exposición de MARTIN CREED e o traballo deste artista ofrecen múltiples posibilidades didácticas, de aprendizaxe e de desfrute para todas as idades. ‘A METADE DO AIRE’ é o título das actividades educativas nesta tempada, que teñen como eixe a percepción e os sentidos, a idea do aire como algo tanxible ou inmaterial, visible ou invisible, esencial para a vida, e que neste caso serviu para crear unha instalación artística. Durante a xornada do DIM realizaremos varias actividades para público familiar, que inclúen un obradoiro de reciclaxe de globos, e unha galería de retratos moi particular.

Visitas guiadas ás exposicións temporais
Percorridos guiados polas salas de exposición, na compaña dos monitores de sala

Para público en xeral
Lugar: salas de exposición da planta baixa, primeiro andar e Espazo Anexo
Horario: ás 13.00, 17.00 e 19.00

‘MARTIN CREED. Obras’
Toda a planta baixa está ocupada por unha soa obra, que inunda e á vez baleira o espazo expositivo. Work No. 247 Half the air in a given space [A metade do aire nun espazo dado], 2000, consiste en materializar a metade do aire contido nun espazo por medio de globos, modificando por completo a percepción do contorno. A exposición complétase cun conxunto de obras relacionadas coa música e o son, nunha das salas do primeiro andar.

AVISO: anímase ao público a circular libremente entre os globos por todos os espazos da planta baixa, sempre tendo en conta unha serie de indicacións e normas de seguridade, a disposición dos visitantes na taquilla e entrada a salas. Os nenos deberán estar en todo momento acompañados de adultos e está prohibido correr polas salas para evitar calquera posible risco.

‘WILFREDO PRIETO. Esquerda/Dereita’
A exposición de Wilfredo Prieto é a segunda proposta do ciclo ‘ENTRAR NA OBRA’, que se desenvolve ao longo de varios meses nas salas do primeiro andar. O título da súa intervención no MARCO, Esquerda/Dereita, alude á simetría bilateral do espazo do primeiro andar, con dúas salas laterais exactamente iguais nas súas dimensións e disposición, determina o percorrido e sitúa o espectador no dilema de elixir cara a onde dirixirse, cara á esquerda ou cara á dereita, para atoparse con dúas ‘esculturas’ idénticas de factura minimal, materiais cotiáns de evocación povera e a sutileza conceptual que definen a obra de Wilfredo Prieto.

‘HOTEL MARCO. Un proxecto de Michael Lin & rvr arquitectos’
A celebración do DIM coincide cos últimos días nos que este proxecto permanecerá aberto ao público como sala de exposición. O ‘Hotel MARCO’, do artista Michael Lin e rvr arquitectos, é unha proposta que consiste en transformar o Espazo Anexo nun cuarto de hotel con distintos usos, e que toma como punto de partida a propia estrutura do Anexo, as súas connotacións, e ese frutífero diálogo entre espazo público e privado.

Paneis ‘MÚSICA EN BRANCO. Memoria dunha cidade’
Para público en xeral

Lugar: vestíbulo principal
Horario: Do martes 17 ao sábado 21 de maio, de 11.00 a 21.00
Domingo 22 de maio, de 11.00 a 15.00
Produción: Verbum - Casa das Palabras, en colaboración con Sinsalaudio e Escoitar.org

A principios do mes de marzo inaugurouse no Verbum - Casa das Palabras, a exposición titulada ‘Música en branco. Memoria dunha cidade’, realizada en colaboración co colectivo Sinsalaudio. Unha iniciativa que tiña como obxectivo documentar a memoria sonora da cidadanía de Vigo, e que foi realizada a partir dun traballo de campo con entrevistas a máis de 500 persoas, mediante unha simple pregunta: ‘Que canción, melodía, sintonía de radio ou televisión, banda sonora, etc., ten para vostede un significado especial, e por que?’ O resultado mostrábase nunha instalación composta por seis peañas sonoras, cada unha cun altofalante que emitía en bucle estes testemuños, acompañados por fragmentos de cada canción elixida. Ademais, o público podía participar escribindo e debuxando sobre as peañas para deixar as súas impresións e opinións, engadindo así unha vertente de memoria gráfica a este proxecto sobre a memoria sonora.

Dende un principio, o proxecto ‘Música en branco’ foi concibido como obra en proceso, aberta a futuras itinerancias por distintos puntos da cidade. Dúas das peañas trasládanse agora ao MARCO con motivo do DIM, e durante varios días estarán a disposición do público no vestíbulo do Museo, ampliando así a difusión do proxecto, coa posibilidade de recoller máis testemuños gráficos e sonoros do público da cidade.