rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Barham
Cesarco
Dubois
Kacero
Lamelas
Mancuska
Mancuska
Mirra
Partum
Morel
Mouraud
Sandison

FORMAS BREVES, OUTRAS, 25

Ficha

Datas: 
1 xuño 2012 - 14 outubro 2012
Lugar: 
primeiro andar
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo/ FRAC Lorraine, Metz
Comisariado: 
Anja Isabel Schneider

ARTISTAS


Anna Barham (Sutton Coldfield, Reino Unido, 1974; vive e traballa en Londres, Reino Unido)
Nina Beier & Marie Lund (Aarhus, Dinamarca, 1975; vive e traballa en Berlín, Alemaña / Hundested, Dinamarca, 1976; vive e traballa en Londres, Reino Unido)
Alejandro Cesarco (Montevideo, Uruguai, 1975; vive e traballa en Nova York, EUA)
Amélie Dubois (Corbeil-Essonnes, Francia, 1983; vive e traballa en París, Francia)
Dora García (Valladolid, 1965; vive e traballa en Barcelona)
Fabio Kacero (Bos Aires, Arxentina, 1961; vive e traballa en Bos Aires)
David Lamelas (Bos Aires, Arxentina, 1946; vive e traballa en Bos Aires e Os Anxeles, EUA)
Ján Mančuška (Bratislava, Eslovaquia, 1972 - Praga, República Checa, 2011)
Helen Mirra (Rochester, EUA, 1970; vive e traballa en Cambridge, Massachusetts, EUA)
Claire Morel (Gerardmer, Francia, 1980; vive e traballa en París e Mulhouse, Francia)
Tania Mouraud (París, Francia, 1942; vive e traballa en París)
Ewa Partum (Grodzisk Mazowiecki, Polonia, 1945; vive e traballa en Berlín, Alemaña)
Charles Sandison (Haltwhistle, Reino Unido, 1969); vive e traballa en Tampere, Finlandia)

OBRAS EN EXPOSICIÓN


‘FORMAS BREVES, OUTRAS, 25’, un proxecto da nova comisaria Anja Isabel Schneider, é unha coprodución do MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia. A través das obras de 14 artistas, esta mostra explora a noción de lectura nas súas múltiples modalidades de experimentación, experiencia e estrutura. A proposta, que inclúe pezas da colección do FRAC, foi concibida como un todo e á vez con características especiais para cada sede. Así, do conxunto de obras que conforman a exposición, o palimpsesto sonoro El balcón, de Amélie Dubois, é unha produción específica para o MARCO, e dúas das obras de Alejandro Cesarco —Footnote #5, e o vídeo The Two Stories— inclúense só na mostra de Vigo.

INFORMACIÓN XERAL

PREMIO MARCO/FRAC LORRAINE PARA NOVOS COMISARIOS

‘FORMAS BREVES, OUTRAS, 25’, é o proxecto gañador da máis recente edición do Premio para novos comisarios (2011), que por segunda vez consecutiva foi convocado conxuntamente polo MARCO de Vigo e o FRAC Lorraine de Metz, Francia, e que ten como obxecto a realización dun proxecto expositivo para ambas as dúas sedes.

Non é a primeira vez que o MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, e os FRAC (Fonds Régional d’Art Contemporain), se unen nun proxecto de coprodución e promoción da arte contemporánea alén das súas fronteiras territoriais. Nesta ocasión, o interese común por apoiar a novas xeracións de profesionais ten inspirado a cuarta edición do Premio para novos comisarios. O proxecto gañador é unha proposta de Anja Isabel Schneider (Reutlingen, Alemaña, 1976), crítica de arte e comisaria independente residente en Londres.

ITINERANCIA EN AMBAS SEDES

Unha vez exhibida en Metz —do 27 de xaneiro ao 8 de abril de 2012— a exposición inaugúrase agora no MARCO de Vigo, adaptada aos espazos expositivos do primeiro andar, onde permanecerá ata o 14 de outubro.

INFORMACIÓN E VISITAS


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto

Por outra banda, pedireiche que interrompas a lectura deste libro o maior número posible de veces: tal vez, case seguro, o que ti penses neses intervalos, sexa o mellor deste libro.
[Felisberto Hernández, Filosofía de gángster, Obras completas, vol. 1, México, Siglo XXI Editores, p. 98]

Libro dixital, libro electrónico ou e-book, son termos que serven para designar as novas formas que adquire o libro en papel, o libro de peto, o material impreso ou o manuscrito. A creación e distribución de novas ferramentas de lectura está subvertindo os modelos tradicionais de escritura e lectura, que hoxe en día afrontan un gran desafío.

Con esta exposición, Anja Isabel Schneider invítanos a entrar nun libro tridimensional. ‘FORMAS BREVES, OUTRAS, 25’ está concibida como unha lectura en si mesma, suxeita a puntos suspensivos e interrupcións causadas pola propia arquitectura do espazo expositivo. As obras seleccionadas analizan as relacións e interaccións entre texto e lector, a condición, o acto, e o proceso de lectura, creador do significado.

Das formes brèves no espazo de Ján Mančuška aos poemas conceptuais de Ewa Partum, dos palimpsestos sonoros de Amélie Dubois á taxonomía das palabras inventadas por Fabio Kacero, dos xogos de palabras de Anna Barham ao baile de palabras de Charles Sandison, da performance oral de Nina Beier & Marie Lund ás relecturas de Alejandro Cesarco, do índice poético de Helen Mirra ás constelacións de Claire Morel, do proxecto participativo de Dora García á película de David Lamelas... as obras reunidas nesta mostra parecen vaticinar os cambios nos comportamentos do lector na era dixital.

‘FORMAS BREVES, OUTRAS, 25’ explora a noción de lectura nas súas múltiples modalidades de experimentación, experiencia e estrutura.. En particular, esta mostra analiza a lectura ‘fragmentaria’ ou evasiva, aquela que resiste e inquieta ao lector. Así, outórgaselle a cada lector/espectador un papel crucial: o de lector activo. Como forma literaria secular, a forma breve salienta certos xéneros artísticos: a dedicatoria, o poema de circunstancias, o fragmento, o índice, o xogo de palabras, a ocurrencia, o haiku, a máxima, etc. Demanda a imaxinación do lector, que deixa de ser público pasivo para se converter en produtor.

Esta exposición ten o seu pre-texto no escritor e pianista uruguaio Felisberto Hernández (1902-1964). Lido en forma de liña tomada dun índice (imaxinario), o título formas breves, outras, 25 fai referencia aos escritos deste autor, verdadeiro punto de partida da mostra.

Así, entre os textos e os seus lectores, os espazos xerados por formas breves — espazos latentes, ou en branco — transfórmanse en pausa, en momento de reflexión. Producida especificamente para as salas do FRAC Lorraine e do MARCO, esta exposición invita o espectador a discernir, descifrar, construír, e imaxinar.

Texto curatorial

NOTA: os subtítulos que estruturan este texto —de prólogo, 15 a notas ao pé, 73, escritos en forma de índice— son citas tomadas de Index, (a reading), 2007-08, de Alejandro Cesarco, obra incluída na exposición.

prólogo, 15

Ultimamente houbo unha proliferación de exposicións que revisitan achegas conceptuais á lectura e a escritura, así como ás publicacións [...] No momento actual, non obstante, repleto como está de linguaxe dixital, onde os i-pads e outros e-readers reclaman literalmente ser lidos, os modelos tradicionais de lectura e escritura están a afrontar un reto moito máis profundo.

Sen dúbida, hai unha urxencia no discurso, en parte provocada, por un lado, por unha crecente aceleración de novas in(ter)vencións tecnolóxicas e, por outro, por unha postura elexíaca cara aos modelos tradicionais de lectura e escritura. Parece pertinente, pois, volverse cara á propia obra e reflexionar sobre a orixe do significado a través do propio proceso de lectura. Entre outros, o concepto de lectura volve tratar temas como a (in)materialidade e o espazo, a lectura como actividade pública/privada, individual/colectiva, en silencio e en voz alta. A experiencia de atoparse coas obras dentro das sedes diferenciadas da mostra tamén forma parte do proceso de lectura. Un proceso construtivo e ata ‘performativo’ que dá lugar a asociacións e ideas propias.

art, 10, 37, 66; como práctica de lectura, 1-3, 17

Lido en forma de liña tomada dun índice (imaxinario), o título da exposición fai referencia en primeiro lugar e por riba de todo aos escritos do autor uruguaio Felisberto Hernández (1902-1964), punto de partida da mostra. Mentres a publicación de 1997 Obras completas reagrupa a obra de Hernández polas súas ‘afinidades poéticas’, FORMAS BREVES, OUTRAS, 25 débese entender como un intento por ir máis aló de calquera clasificación literaria, ao introducir espazos de indeterminación. Ademais, esta exposición trata de analizar a noción de lectura, en especial a lectura ‘fragmentaria’ ou evasiva, aquela que se resiste e interrompe o ritmo de lectura, mentres que ao mesmo tempo lle asigna a cada lector individual un papel activo e crucial. Este último non é receptor unicamente, senón tamén produtor.

lectura, 6, 14, 23, 58, 59, 72; como acto creativo, 27

En Las formas breves de Felisberto Hernández y de Juan Carlos Onetti, Norah Giraldi dei Cas trata sobre as ‘formas breves’ na obra de Hernández, facendo fincapé na asociación de ideas (...), así como nos cortes e puntos suspensivos que delimitan, como silencios, os espazos breves da súa escritura (...). Do Latín forma brevis, a ‘forma breve’ literaria é unha forma de escritura abreviada, que saca á luz a imaxinación creativa do lector. Wolfgang Iser, en El proceso de lectura. Una perspectiva fenomenológica, afirma que ‘o lector só obtén satisfacción cando pon en xogo a súa produtividade, e isto só ocorre cando o texto ofrece a posibilidade de exercitar as nosas capacidades’.

lectura (cont.); posta en escena de, 75

O percorrido da exposición pódese considerar como unha lectura en si mesma, suxeita a puntos suspensivos e interrupcións causadas pola disposición arquitectónica do espazo expositivo, o que permite intervalos nos que o lector atopa a súa propia relación e ritmo de lectura. Na cita introdutoria, Felisberto Hernández diríxese directamente ao lector, ao que lle pide que interrompa, tanto como lle sexa posible, o proceso último de lectura. Para o narrador, estes momentos nos cales a lectura se detén, representan unha parte vital da súa escritura. Entre o texto e o lector os espazos ábrense á imaxinación. Un espazo en branco é tamén unha pausa, unha pausa para a reflexión.

índices, 76

Un índice utilízase habitualmente para facilitar unha (re)lectura, para axudar e orientar ao lector, cunha lista alfabética de nomes ou outras categorías, en referencia ás páxinas nas cales se poden atopar. De forma fragmentada, illado da súa fonte, un índice é sobre todo asociativo. Pódese considerar como un método interpretativo para un relato novelesco (Alejandro Cesarco), ou lerse simplemente como poesía (Helen Mirra).

diálogo, 2

Créanse diálogos adicionais entre as obras, que demandan a complicidade do lector, cando se atopa, por exemplo, cunha nota ao pé —sacada de (con)texto— nun muro en branco (Cesarco). Unha serie de debuxos compostos a partir de anagramas ofrecen unha dobre lectura que oscila entre texto e imaxe (Anna Barham). Para engrenar completamente coa escritura tridimensional, os contratipos de letras —literalmente atadas entre si— piden ser descifrados (Tania Mouraud). Poemas conceptuais compostos por letras individuais (Ewa Partum), esparexidas, dispersadas, lanzadas ao aire, cara ao mar.

Aquí a escritura pode contemplarse como un proceso de lectura, e a lectura como un proceso de reescritura, malia á frecuente natureza ‘ilexible’ das obras: unha lista arquivística de palabras inventadas (Fabio Kacero), ou páxinas de libro compostas unicamente por signos de puntuación (Claire Morel).

Se nos centramos no proceso de lectura en función de certa composición espacial, o lector —dependendo da súa disposición a seguir a colocación das pezas— literalmente ‘activa a obra e se activa a si mesmo’ (Ján Mančuška). Palabras e fragmentos de texto proxéctanse no espazo a unha velocidade acelerada, sen rumbo, nun movemento non lineal polas paredes e o chan (Charles Sandison).

lectura (cont.); en silencio e en voz alta, 8-11

A lectura non só se limita a experiencias visuais, senón tamén auditivas, procesos de recitado e escoita (repetida). Cómpre sinalar que Felisberto Hernández ‘compuxo’ os seus textos para que fosen lidos en alto. Nos seus escritos autorreflexivos atópanse descricións de sensacións auditivas e de recitais ante o público. Pero que acontece se o texto literario recitado non pode entenderse completamente (Amélie Dubois; David Lamelas)? Este aspecto performativo da ‘lectura’ pódese atopar noutras ‘formas breves’, aquí profusamente compostas de varias liñas —como as breves e continuadas achegas de Todas Las Historias (Dora García). Outras formas breves aínda seguen esperando ser transmitidas (Nina Beier & Marie Lund), propoñendo non só lecturas adicionais, senón tamén posibles transformacións ou malas interpretacións deliberadas.

notas ao pé, 73

1
2
3
4
5
6
7
8

Anja Isabel Schneider
[Comisaria da exposición]

Comisariado

Anja Isabel Schneider


Anja Isabel Schneider (Reutlingen, Alemania, 1976), é crítica de arte e comisaria independente. Formouse como historiadora da arte en Estados Unidos (UCLA, Brentwood, California), en Alemaña (Eberhard-Karls-Universität, Tübingen), e no Reino Unido (The Courtauld Institute of Art, Londres). Na actualidade reside e traballa en Londres, onde está a rematar os seus estudos de posgrao (MFA Comisariado de Exposicións, Goldsmiths, University of London).

Actividades

Exposición bibliográfica "Formas breves, outras, 25"

Exposición bibliográfica "Formas breves, outras, 25"

Datas: 
1 xuño 2012 - 14 outubro 2012
Horario: 
martes a venres, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00, agás festivos
Lugar: 
Biblioteca-Centro de Documentación


Nesta ocasión, acompañando aos catálogos individuais, elaboramos unha serie de dossieres recollendo a abundante presenza dixital dos artistas e a súa repercusión nos medios.

Descarga: