rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Fotografía e arte. Variacións en España 1900-1980

Fotografía e arte. Variacións en España 1900-1980

Ficha

Datas: 
6 febreiro 2004 - 16 maio 2004
Lugar: 
Planta Baixa
Horario: 
De martes a domingo (festivos incluidos): de 11.00 a 21.00 horas
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / CAAM, Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas de Gran Canaria/ La Fabrica-PhotoEspaña04
Comisariado: 
Horacio Fernández

Obras na exposición

A exposición consta aproximadamente dunha selección de 320 fotografías acompañadas de material documental de apoio: libros, catálogos, revistas e artigos de prensa.

Itinerancia

  • MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo (6 febreiro - 16 maio 2004)
  • PHOTOESPAÑA, Centro Cultural de la Villa de Madrid (2 xuño - 18 xullo 2004)
  • CAAM, Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas (28 setembro - 5 decembro 2004)

 

Síntese do proxecto

Tan so dúas semanas despois da inauguración da exposición O Feito Fotográfico, o MARCO de Vigo presenta esta nova mostra sobre fotografía, titulada FOTOGRAFÍA E ARTE. Variacións en España 1900-1980, coa que se completa a programación expositiva deste trimestre centrado na fotografía do século XX e na súa dimensión cultural e artística.

Nesta ocasión trátase dunha síntese da historia da fotografía en España entre 1900 e 1980. O subtítulo "Variacións en España" constitúe o eixo temático da exposición. En efecto, non se trata dunha mostra sobre fotógrafos españois, senón dunha exposición de fotografías realizadas en España (ou sobre España) en distintos momentos históricos, sexan ou non obras de autores estranxeiros, e nisto reside un dos seus grandes valores.

Os límites cronolóxicos da mostra son o comezo do século XX e os anos da transición á democracia, un peche escollido non so polo seu significado simbólico, senón tamén por ser o momento no que a historia da fotografía deixa de ter sentido como relato independente e pasa a se converter nun fragmento dunha narración máis ampla: a historia da cultura visual.

Os traballos mostrados -en boa parte inéditos, e moitos deles vintage ou fotos de época- proveñen de coleccións privadas, que adoitan ser as dos propios autores ou das súas familias, así como de coleccións públicas: Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares), Biblioteca Nacional (Madrid), Bill Brandt Archive (Londres), Center for Creative Photography (Tucson, Arizona), Fondo Fotográfico Universidad de Navarra (Pamplona), Georges Eastman House (Rochester, Reino Unido), Instituto de Crédito Oficial (Madrid), Instituto Valenciano de Arte Moderno (Valencia), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), Museu d'Art Contemporani de Barcelona, Museo de Pontevedra, Residencia de Estudiantes (Madrid).

Son 38 autores e máis de 300 obras que nos falan das relacións entre fotografía e arte, que nos ofrecen unha pluralidade de olladas desde e sobre o territorio español, que nos amosan os cruces entre distintos xéneros pictóricos/fotográficos como o retrato e a paisaxe, ou entre recursos plásticos e tecnolóxicos; que nos invitan a ser testemuñas do que aconteceu na arte da fotografía no derradeiro século.

Prefiriuse reducir a presencia de autores para conseguir mostrar conxuntos representativos do seu traballo e evitar a dispersión. A maioría deles conta cun amplo número de imaxes, na súa maior parte fotografías, pero tamén publicacións (revistas, foto-libros carteis) nas que as devanditas imaxes se publicaron no seu momento. Entre os temas tratados nas fotografías expostas podemos atopar as vistas urbanas, a paisaxe, os tipos populares, os tipos urbanos e marxinais, as esceas turísticas, os documentais etnográficos, as montaxes de propaganda política, as imaxes de prensa, os retratos e maila documentación de accións e procesos artísticos.

A montaxe das salas que segue unha ordenación en cinco apartados, a un tempo cronolóxicos e temáticos: desde as linguaxes fotográficas premodernas e as imaxes de tipos humanos e paisaxes de principios de século (Conde de la Ventosa, Campañá, Langdon Coburn, Mas, Ortiz Echagüe) pasando pola "fotografía moderna" dos anos trinta (Benítez, Bill Brandt, Cartier-Bresson, Casas, de Kaskel, Krull, Munkacsi, Paniagua, e o galego José Suárez), á importancia da fotografía como testemuño documental e vehículo de propaganda na guerra civil española (Heartfield, Ángel, Misiones Pedagógicas, Reuter, Renau, Val del Omar), e o grupo de fotógrafos da posguerra (Cualladó, Frank, Juanes, Maspons, Pérez Siquier, Smith, Virxilio Vieitez, Vielba), con atención especial ó grupo TMM (Terré, Miserachs, Masats), integrado por tres dos fotógrafos documentalistas máis importantes do noso país, e que realizaron dúas exposicións conxuntas en Barcelona en 1957 e 1959. A exposición remata con obras plásticas de artistas que utilizan a fotografía como vehículo expresivo a mediados dos anos setenta (Fontcuberta, García Rodero, Gordillo, Hidalgo, Llena, Millares, Pazos, e Valcárcel Medina).

Noutra das salas incluíuse tamén, polo seu grande valor documental e simbólico, a reproducción do fotomontaxe realizado para o Pavillón Español da Exposición Internacional de París de 1937, obra de Josep Renau e colaboradores, con dúas figuras femininas como imaxe do cambio esperanzador que naquel momento se producía.

Desde o punto de vista museístico, a importancia desta mostra reside non so na magnífica calidade das obras expostas e na variedade de documentación complementaria, senón tamén no que supuxo de esforzo de colaboración entre distintas entidades: a coproducción do Centro Atlántico de Arte Moderno de Las Palmas e o MARCO de Vigo, coa colaboración, neste caso indispensable, de La Fábrica / PhotoEspaña. Non en van o comisario, Horacio Fernández, é na actualidade director artístico de PhotoEspaña 2004, o máis importante festival de fotografía no ámbito nacional.

Artistas

    Adalberto Benítez
    Adolf Mas
    Antoni Campañá
    Antoni Llena
    Bill Brandt
    Carlos Pazos
    Carlos Pérez Siquier
    Cecilio Paniagua
    Cristina García Rodero
    Fina Miralles
    Gabriel Casas
    Gerardo Vielba
    Germaine Krull
    Gonzalo Juanes
    Henri Cartier-Bresson
    Isidoro Valcárcel Medina
    Jalón Ángel
    Joan Fontcuberta
    John Heartfield
    José María Álvarez de Toledo
    José Ortiz Echagüe
    José Suárez
    Josep Renau
    Juan Hidalgo
    Luis Gordillo
    Martin Munkacsi
    Misiones Pedagógicas
    Oriol Maspons
    Ramón Masats
    Ricard Terré
    Robert Frank
    Sibylle de Kaskel
    Virxilio Vieitez
    W. Eugene Smith
    Walter Reuter
    Xavier Miserachs

Texto curatorial

A exposición Fotografía e arte: Variacións en España é unha síntese da historia da fotografía en España entre 1900 e 1980.

Os límites cronolóxicos da mostra son o comezo do século XX e os anos da transición á democracia, un peche escollido non so polo seu significado simbólico, senón tamén por ser o momento no que a historia da fotografía deixa de ter sentido como relato independente e pasa a se converter nun fragmento dunha narración máis ampla: a historia da cultura visual.

Os traballos mostrados, en boa parte inéditos, proveñen de coleccións privadas, que adoitan ser as dos propios autores ou das súas familias, así como de coleccións públicas: Archivo General de la Administración (Alcalá de Henares), Biblioteca Nacional (Madrid), Bill Brandt Archive (Londres), Center for Creative Photography (Tucson, Arizona), Fondo Fotográfico Universidad de Navarra (Pamplona), Georges Eastman House (Rochester, Reino Unido), Instituto de Crédito Oficial (Madrid), Instituto Valenciano de Arte Moderno (Valencia), Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía (Madrid), Museu d’Art Contemporani de Barcelona, Museo de Pontevedra, Residencia de Estudiantes (Madrid).

A exposición conta co traballo de 38 autores. Prefiriuse reducir a presencia de autores para conseguir mostrar conxuntos representativos do seu traballo e deste xeito evitar a dispersión provocada por exposicións colectivas nas que o gran número de autores obriga á presentación de moi poucas obras de cada un deles. Por contra, en Fotografía e arte: Variacións en España a maioría dos autores conta cun amplo número de imaxes, na súa maior parte nas fotografías, pero tamén nas publicacións (revistas, foto-libros carteis) nas que as devanditas imaxes se publicaron no seu momento.
Entre os temas tratados nas fotografías expostas podemos atopar as vistas urbanas, a paisaxe, os tipos populares, os tipos urbanos e marxinais, as esceas turísticas, os documentais etnográficos, as montaxes de propaganda política, as imaxes de prensa, os retratos e maila documentación de accións e procesos artísticos.

A exposición presenta tres momentos distintos das relacións entre fotografía e arte:

- A fotografía subordinada ás artes plásticas
- A fotografía como linguaxe artística independente das artes plásticas
- A fotografía como ferramenta do traballo artístico

Estes aspectos desenvólvense en cinco bloques, que se corresponden coa ordenación da montaxe museolóxica no MARCO:

1. José María Álvarez de Toledo, conde de la Ventosa (1880-1951), Antoni Campañá (1906-1989), Alvin Langdon Coburn (1882-1966), Adolf Mas (1861-1936), José Ortiz Echagüe (1881-1980).

O primeiro capítulo amosa fotografías que son exemplos dos distintos modelos de linguaxes fotográficas premodernas: a representación de tipos humanos (raciais, nacionais, folclóricos, turísticos), a documentación arquivística e maila paisaxe. Na súa maioría, os fotógrafos deste periodo practican unha fotografía subordinada ás artes plásticas, a fotografía artística.
 
2. Adalberto Benítez (1893-1975), Bill Brandt (1904-1983), Henri Cartier-Bresson (1908), Gabriel Casas (1892-1973), Sibylle de Kaskel (1905), Germaine Krull (1897-1985), Martin Munkacsi (1896-1963), Cecilio Paniagua (1911-1978), José Suárez (1902-1974).

O segundo apartado está adicado á fotografía moderna, que se define pola aceptación das características peculiares da linguaxe fotográfica como únicos medios expresivos do fotógrafo. Desenvólvese nos anos trinta e nel aparecen autores que practican a fotografía precisa nas súas reportaxes sobre España (Brandt, Cartier-Bresson, Krull, Munkacsi), así como outros fotógrafos (Benítez, Casas, Kaskel, Paniagua, Suárez) que desenvolven especialidades como o retrato, as vistas urbanas, turísticas ou a reportaxe segundo os modelos internacionais do que se daquela se deu por chamar nova visión.

3. John Heartfield (1891-1968), Jalón Ángel (1898-1976), Misiones Pedagógicas, Walter Reuter (1906), Josep Renau (1907-1982).

As imaxes monumentais e optimistas de Misiones Pedagógicas, na súa maior parte de José Val del Omar, veñen salientadas neste capítulo como exemplo de fotografía colectiva que responde con calidade estética a un programa político e cultural. A recoñecida importancia da fotografía na imaxe da guerra civil española preséntase na mostra por medio de fotomontaxes en carteis e fotomurais de Renau, fotomontaxes en cubertas de revistas de Heartfield, imaxes de retagarda de Reuter e retratos enfáticos de militares de Jalón Ángel.

4. Gabriel Cualladó (1925-2000), Robert Frank (1924), Gonzalo Juanes (1923), Oriol Maspons (1928), Ramón Masats (1931), Xavier Miserachs (1937-1998), Carlos Pérez Siquier (1930), Eugene W. Smith (1918-1978), Ricard Terré (1928), Virxilio Vieitez (1930), Gerardo Vielba (1921-1992).

Tras o paréntese da posguerra, no siguiente capítulo exponse a obra dun novo grupo de fotógrafos de gran calidade, que traballan nos anos cincuenta e sesenta con personalidade propia preto das coordenadas do documentalismo internacional do momento. As obras organízanse en tres espacios conxugando criterios temáticos e cronolóxicos: o primero reúne obras dos anos cincuenta e sesenta. En segundo lugar, préstase especial atención ás exposicións Terré-Masats-Miserachs de 1957 e 1959, que significaron a ruptura co tipo de fotografía ata daquela dominante e a confirmación da validez da estética documental urbana. Unha parte daquelas exposicións reconstrúense na mostra. Un terceiro espacio presenta obras dos sesenta e setenta, nas que o elemento fundamental é a utilización da fotografía en cor.

5. Joan Fontcuberta (1955), Cristina García Rodero (1949), Luis Gordillo (1934), Juan Hidalgo (1927), Antoni Llena (1942), Fina Miralles (1950), Carlos Pazos (1949), Isidoro Valcárcel Medina (1937).

O peche, que se corresponde coa década dos setenta, presenta o cambio que determina un posible fin da historia da fotografía, motivado polo uso común da linguaxe fotográfica por artistas que non se chaman a sí mesmos fotógrafos nin fan fotografías. Para describir a nova situación exhíbense traballos de artistas que fan esculturas efémeras coa única pegada da fotografía (Llena) ou accións na arte da paisaxe (Miralles); doutros que interpretan discursos entre a poesía, o teatro e maila música (Hidalgo) ou protagonizan relatos (Pazos); e tamén daqueles que crean traballos secuenciais e interactivos con medios fotográficos (Valcárcel Medina) ou fan obras plásticas a partir do proceso de manipular e reordenar imaxes (Gordillo). Fronte a este importante cambio, cunhas consecuencias que forman parte da cultura visual do presente, algúns fotógrafos enfróntanse coa tradición fotográfica e comezan a desenvolver proxectos nos que a investigación ou a crítica do documento son determinantes. Os traballos seleccionados de Fontcuberta e García Rodero interpretan estas posibilidades.

Comisariado

Horacio Fernández

Horacio Fernández, na actualidade director artístico de PhotoEspaña, é historiador da arte e profesor titular na especialidade de Historia da Fotografía na Universidade de Castilla-La Mancha. Organizou exposicións sobre historia da fotografía entre as que cabe salientar Mexicana. La fotografía moderna en México 1923-1940 (IVAM, Valencia, 1998) ou Fotografía pública (MNCARS Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, Madrid, e Museo de Bellas Artes, Bilbao, 1999), cun catálogo como principal publicación. Colaborou como crítico de arte contemporánea en xornais como El Mundo e revistas como Buades, El Europeo e Kalias, e publicou multitude de ensaios sobre arte e fotografía.