rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Fran Herbello. Souvenir

Fran Herbello. Souvenir

Ficha

Datas: 
8 xullo 2005 - 2 outubro 2005
Lugar: 
Espazo Anexo
Horario: 
Martes a Sábado (festivos incluídos), de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00, e Domingos, de 11:00 a 14:00
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Comisariado: 
Carlota Álvarez Basso

Obras en exposición

Para a exposición do Espazo Anexo, e en contraste co seu medio máis habitual, que é a fotografía, Fran Herbello produciu dous tipos de obra: unha instalación visual e sonora (Souvenir 1) que ocupa a sala principal, realizada con céspede natural e sistema de son, e unha proxección de vídeo (Souvenir 2) que se activa mediante un detector de presenza.

 

Síntese do proxecto

Continuando a súa programación para este ano 2005, o Espazo Anexo do MARCO, concibido dende a súa orixe como sala de proxectos dedicada á produción de proxectos de artistas emerxentes galegos, acolle unha exposición individual dun artista novo que dende o ano 2000 ven participando en mostras colectivas e individuais dentro e fóra de Galicia.

Fran Herbello é sobre todo coñecido no panorama artístico polas súas fotografías en branco e negro, imaxes irreais construídas polo propio autor coma colaxes conceptuais, cuns elementos entre os que se establecen múltiples asociacións. Froito destas conxuncións, cada obra ofrece múltiples e numerosas lecturas, se ben o autor vai máis alá do simple xogo intelectual. Nestas imaxes a transmisión de sensacións non é só consciente, senón que revelan tamén relacións inconscientes, condicionadas polo estado anímico do observador.

Na mostra do Anexo, Herbello presenta dúas propostas –unha instalación e unha proxección de vídeo– realizadas especificamente para este ámbito, nas que introduce elementos e recursos pouco habituais na súa obra, e que o artista presenta coma un reto á hora de se enfrontar a un espazo coma o do Anexo.

A primeira, Souvenir 1, sitúase na sala principal, transformada en campo de herba que ocupa a totalidade do espazo, con dous altofalantes camuflados que emiten sons de grilos, variables no seu ton e intensidade, na procura dunha sensación de arbitrariedade que acentúa o carácter natural do son. Esta instalación poderíase entender como presentación dunha fotografía de viaxe, un escenario que ben paga unha foto-lembranza para que cada quen a individualice coa súa presenza. O campo de grilos é un lugar que nos evoca o pasado, que nos fai exercitar a memoria dun xeito similar a cando contemplamos imaxes da nosa infancia. O artista reproduce un escenario propio do rural que recordamos ao situarmos entre a explanada verde, o arrecendo a herba e o son dos grilos. Trae ao presente vivencias pasadas e traslada o campo á cidade, acollendo no museo un espazo para os domingos, para o lecer e o turismo, e facendo referencia aos decorados que moitas veces atopamos nos espazos naturais, xardíns de recreo onde a idea de atracción substitúe á de distracción. Non é casualidade que, por vez primeira, o muro frontal do Anexo se substitúa por unha parede de cristal, situando o escenario ao pé da rúa e convertendo o espazo expositivo nun escaparate aberto aos transeúntes.

Souvenir 2, o vídeo que se proxecta sobre a parede do fondo do corredor, amósanos un can durmindo. Cada vez que un visitante entra na sala e se achega á pantalla, se activa un detector de presenza e o can esperta, rompe a ladrar e volve durmir tras un curto período de tempo. Este can-actor ten a misión do cérbero, do can gardián que actúa como propietario da sala durante todo o período da exposición. Nesta peza, non exenta de humor e ironía, Herbello fala sobre a delimitación de espazos de seguridade nos museos e espazos urbanos, en contraste co mundo rural. No campo, os cans están para protexer o terreo; nas cidades dispoñemos alarmas para evitar roubos nas vivendas e lugares públicos. A terra desaparece como propiedade, substituída polo coche ou a vivenda. Tomando outra vez como punto de partida unha imaxe evocadora da súa infancia, o artista chama a nosa atención sobre o contraste da figura do can e sobre o valor da terra no medio rural e urbano: no campo, este animal funciona como voz de alarma para protexer o terreo; nas cidades dispoñemos alarmas electrónicas para evitar roubos nas vivendas e lugares públicos. A terra, e o seu valor esencial no mundo rural, desaparece como propiedade, substituída polo coche ou a vivenda.

Un mesmo título para dúas secuencias dunha obra. Souvenir é memoria pero tamén lembranza, e vista panorámica ou pintoresca dun lugar merecedor da nosa ollada.

Artistas

Fran Herbello

(Menziken, Suíza, 1977; dende 1978 vive e traballa en Aldán, Pontevedra)

Licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Pontevedra, 2000

Exposicións individuais

2005
- Fundación Torrente Ballester, Santiago de Compostela
2003
- Miradas virxes, Centro Torrente Ballester, Ferrol
2002
- Explorafoto 2002, Casa del Japón, Salamanca
- Encontros da Imagem 2002, Famalicão, Portugal
- Fundación Luis Seoane, A Coruña
- Galería Railowsky, Valencia
- Fundación Granell, Santiago de Compostela
2001
- Edificio da Xunta de Galicia, Lugo
- Teatro Principal, Pontevedra
- Galería Berini, Barcelona
- PhotoEspaña 2001, Sala Minerva, Círculo de Bellas Artes, Madrid
2000
- Outono fotográfico, Casa da Xuventude, Ourense

Exposicións colectivas

2005
- Detrás da Pel, Galería C5 Colección, Santiago de Compostela
- Galería Por Amor al Arte, Porto, Portugal
2002
- Poéticas fotográficas en la era digital. Ninfomanías-Infomanías, Centro Cultural Conde Duque, Madrid
- ARCO 2002, stand Galería Berini, Madrid
- Imaxes Maiores, Caixa Galicia. Exposición itinerante

Publicacións

- HERBELLO, Fran. Mal de Corpo, Vigo, C.E.F., 2005

- VV.AA. BLINK. 100 Photographers, 10 Curators, 10 Writers, Nova York, Phaidon, 2002

- "Fran Herbello", en Monografías Nº 2, A Coruña, 2002

- HERBELLO, Fran. A imaxe e semellanza, Vigo, C.E.F., 2000

 

 

Texto artista

"Ás veces, cando cruzo a ría para vir á cidade, atópome con escenas propias do rural que asocio con pequenas mostras arqueolóxicas, souvenirs do seu pasado.

Agora que o rural que coñezo se vai achegando ao souvenir, actualiza o recordo destas imaxes derivadas da intersección dos dous planos. Desta disolución xorden escenas propias de ámbitos surrealistas, dislocacións que moitas veces son dolorosas, pero que pola súa estrañeza chaman a atención; os elementos perden o seu lugar natural e os códigos que lle son propios tenden a desaparecer.

Na fala do rural, desenvólvense con destreza asociacións rápidas, manéxanse termos flexibles que se agrupan de xeitos múltiples para producir mensaxes cargadas de retórica.

Na cidade, a perda destes códigos transfórmase en recursos similares nalgúns dos anuncios publicitarios. A asociación de elementos que pertencen a distintos eidos é cousa bastante usada na estratexia de persuasión da publicidade. Tamén é un elemento usual nos circuítos surrealistas: buscan a colisión entre polos, atorden a mirada e abren outros campos de lectura.

Isto é algo que me interesa e aquí, no corte entre os dous planos, é onde me instalo para tentar desenvolver unha proposta baseada no produto desta obrigada relación".

Fran Herbello
Vigo, xuño 2005

 

Comisariado

Carlota Álvarez Basso

Carlota Álvarez Basso (Vigo, 1964) estudou Socioloxía na Universidade de Nanterre, en París. Entre 1992 e 1999 foi xefa do Departamento de Obras de Arte Audiovisuais do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid. Foi tamén directora do Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra de 1999 a 2001 e deseñou e puxo en marcha o proxecto museístico do MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, do que foi directora ata o ano 2005.

Foi membro de varios comités de honra e consellos asesores de institucións culturais e participou en xurados de premios e festivais. Ofreceu conferencias e mesas redondas de ámbito nacional e internacional, ademais de ser autora de grande variedade de textos críticos para catálogos e revistas.