rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Gabriel Mascaro. "EBB & FLOW. A Onda Traz, o Vento Leva

Gabriel Mascaro. "EBB & FLOW. A Onda Traz, o Vento Leva

Datas: 
5 xuño 2012 - 30 xuño 2012
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Lugar: 
salón de actos

EBB & FLOW
por Gabriel Mascaro
Vídeo, HD, color, estéreo, 30 min
[Gañador da Bolsa 2011 da Fundación ArtAids para a produción audiovisual]
Produción: Fundación ArtAids
Co apoio de: Banco Sabadell
Colaboran: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo/MACBA, Museu d'Art Contemporani de Barcelona/La Casa Encendida, Madrid

Sinopse

Rodrigo é un rapaz xordo de Recife, no nordés de Brasil. Tras abandonalo a súa dona, Rodrigo enfróntase ao desafío de ter que educar só á súa filla de catro anos. Vive coa súa nai e traballa instalando radios para coche nun pequeno concesionario aos arredores da cidade. Malia a súa xordeira, o son logra penetrar na súa vida e aproveita as súas vibracións, sénteas e deixa que o ritmo corra polas súas veas.

Texto do artista

Cando a fundación ArtAids me propuxo o desafío de atopar un xeito para incorporar a miña investigación artística no debate en torno ao VIH e a sida, a primeira idea que me veu á mente foi a de tratar de establecer unha representación da realidade que a miúdo se perde no imaxinario das campañas de prevención. Quería explorar aspectos da vida cotiá, a "normalidade", a indiferenza, as idas e vindas, o banal. Así pois, a película non trata sobre o virus do VIH dende a perspectiva da patoloxía, senón que revela unha experiencia sensorial, corporal e emocional que interactúa coa xente, o tempo e o espazo.

O filme ten un enfoque experimental e incorpora técnicas híbridas que mesturan "realidade"/documental con narración/ficción. A elección estética de rodar con cámara fixa e prolongar os encadres ten a intención de transmitir as experiencias sensoriais de Rodrigo, que foi elixido como personaxe principal co fin de tecer unha rede de vibracións sonoras, ruídos, silencios, dúbidas e ambigüidades.

A cotidianeidade de Rodrigo serve como laboratorio para as pequenas accións nas que observamos o corpo en movemento, que representa xestos únicos no tempo. O seu corpo é forte e fráxil ao mesmo tempo. Sedúcenos sutilmente, convídanos a achegármonos, a debuxar os fonemas e os ideogramas no aire, desprazando os sentidos e interrompendo o silencio.

As accións cotiás de Rodrigo indúcennos a unha viaxe composta polas experiencias comúns nas que incomunicabilidade e diversidade se reforzan a través da súa alteridade. A través das miradas ao mundo de Rodrigo que recolle a película, establécense relacións entre as múltiples e fluídas identidades da súa personalidade e as diferentes capas que atravesa o seu ser durante a súa viaxe.

Gabriel Mascaro

NOTA
Proxección os días sinalados agás o 25, 26 e 27 de xullo