rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
INTRODUCIÓN Á FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA. Documentos, paisaxes, corpos e memorias

INTRODUCIÓN Á FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA. Documentos, paisaxes, corpos e memorias

Datas: 
30 abril 2019 - 28 maio 2019
Horario: 
19.30 a 21.00
Lugar: 
salón de actos
Prezo: 
45€ (40€ para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación)

Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Vítor Vaqueiro
Datas: martes 30 abril, 7, 14, 21 e 28 maio 2019 (5 sesións)
Horario: de 19.30 a 21.00
Lugar: salón de actos
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 27 de marzo
Prezo: 45€ (40€ para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación)

AVANCE / PRESENTACIÓN

Nas súas liñas xerais, este curso formúlase como un primeiro acceso á fotografía contemporánea, entendendo por tal a que, desenvolvéndose a partir de finais dos anos sesenta, chega até os nosos días.

A proposta articúlase en cinco sesións, necesariamente sintéticas, que funcionan como unidades temáticas ou fíos condutores: unha primeira de Presentación, na que se pasa revista á evolución fotográfica ao longo do medio século tratado para, a continuación, abordar catro grandes apartados —DocumentosPaisaxesCorpos, e Memorias—, analizando a obra dos autores e autoras considerados fundamentais para cada corrente ou tendencia.

CALENDARIO E PROGRAMA

INTRODUCIÓN Á FOTOGRAFÍA CONTEMPORÁNEA
Documentos, paisaxes, corpos e memorias

SESIÓN 1 (martes 30 abril)
Presentación

Achegamento xeral á fotografía contemporánea. Elementos basilares constitutivos da contemporaneidade. A evolución do pensamento fotográfico: da idea de mímese á de índice. Fotografía, verosimilitude e verdade. As novas formas do acto fotográfico. A pos-modernidade.

SESIÓN 2 (martes 7 maio) 
Documentos

A tradición do xénero do documentario e a súa relación con outras disciplinas: historia, socioloxía, xornalismo, educación, arte. A reportaxe. A subxectividade e a concretización do proxecto documentario. As novas propostas e os substractos ideolóxicos subxacentes.

SESIÓN 3 (martes 14 maio) 
Paisaxes

A representación. “Terra” e “paisaxe”: a construción ideolóxica. A paisaxe urbana. A “prosa” do mundo. Puntos de vista sobre a cidade, a arquitectura e o cotiá.

SESIÓN 4 (martes 21 maio)
Corpos

O corpo, a súa codificación e a súa representación. O Eu e as novas formas de retrato/auto-retrato. O confronto co espello. A fragmentación pos-moderna. A interpelación e o activismo social. A constitución da identidade, a psicanálise e o pensamento feminista: o corpo como campo de batalla.


SESIÓN 5 (MARTES 28 maio)
Memorias 

A ollada ao pasado: contidos, usos, temas. A reestruturación da lembranza: do álbum familiar ao arquivo histórico. O persoal e o político. O esgotamento da mirada e as súas consecuencias: apropiacionismo e reciclaxe. A redefinición do medio: exploración, subversión, interrupción. Remakes.

Vitor Vaqueiro

Licenciado en Química e doutor en Ciencias da Comunicación pola Universidade de Santiago de Compostela, onde foi profesor de Fotografía (Departamento de Comunicación Audiovisual) e Fotoxornalismo (Departamento de Xornalismo). Conferenciante sobre temas de fotografía, e autor de numerosos artigos nas principais revistas galegas e anuarios internacionais. É autor dos libros de fotografía Galicia (texto introdutorio de Camilo José Cela), Celanova (textos introdutorios de Xosé Luis Méndez Ferrín e Benito Reza) e Rituais (textos introdutorios de Margarita Ledo e X. M. González Reboredo). Ten ademais publicado unha vintena de libros de poesía, narrativa, ensaio e etnografía, e foi galardoado cos premios Esquío, de la Crítica española, e Irmandade do Libro.

Créditos fotográficos: 
Portada: Allan Sekula. Volunteer watching, volunteer smiling (Illa de Ons, 19.12.02)
Miniatura: Christian Boltanski. Les suisses morts, 1990