rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Isto, antes, era o mundo. Ficcións contemporáneas da extrañeza (2001-2021) [CURSO DE CINEMA]

Isto, antes, era o mundo. Ficcións contemporáneas da extrañeza (2001-2021) [CURSO DE CINEMA]

Datas: 
21 outubro 2021 - 19 maio 2022
Horario: 
XOVES de 19.30 a 21.00
Lugar: 
salón de actos


Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: José Manuel López
Total sesións: 23 + 1 sesión a cargo de relatora convidada (por determinar)

PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 5 de outubro

Prezio: 190€ (desconto do 20% para membros da AAM Agrupación Amiga do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pagamento fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.

“Foi un día moi estraño... e estase a volver aínda máis estraño”
Mulholland Drive (David Lynch, 2001)

“Sería esta estraña realidade unha alucinación, tan real como o agora?”
O estranho caso de Angélica (Manoel de Oliveira, 2010)

Cando o século XXI non se volvera aínda definitivamente anómalo, o cinema xa incubaba o xerme dunha indefinible estrañeza finisecular que se colaba polas xunturas dos seus relatos fragmentados. Os cineastas había tempo que sentían, como todos nós, que algo no mundo contemporáneo estaba desaxustado e que, de xeito moitas veces inadvertido, se sucedían os “glitches” na matriz da realidade.

Neste curso analizaremos algunhas películas que nas últimas dúas décadas trataron de capturar esa confusión ou perplexidade ante o noso presente: alteridades e anomalías, alienacións e desdobramentos, desexos e fantasmagorías, amnesias ou prospeccións... Manifestacións, todas elas, do insólito e do estraño que, en ocasións, se internan no territorio do fantástico, ou polo menos, do inexplicable racionalmente, e colocan os personaxes fronte a novas realidades.

Unha parte do cinema do século XXI nace desa fenda ontolóxica entre unha realidade aparentemente cotiá e a súa imposible representación sen un factor de inestabilidade que a enturbe. Ese é o momento taxativo que buscaremos neste curso; cando a grecha se abre e permite albiscar o outro lado, ese momento que o cambia todo e que coloca os personaxes fronte á necesidade de aceptar e dar forma a outros mundos (que sempre están neste, como dicía Paul Éluard). Porque se unha idea cobrou forza nos anos transcorridos entre a crise financeira de 2008 e a crise sanitaria iniciada en 2020, é a necesidade de reclamar un horizonte e un porvir dos que fomos desposuídos. Visitemos, pois, outros mundos e aceptemos definitivamente a estrañeza como a “nova normalidade”.

AVANCE PROGRAMA / CALENDARIO
[No pdf. dispoñible para descarga]