rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina

Jose Dávila

Jose Dávila (Guadalajara, México, 1974)

As obras de Jose Dávila manifestan unha forte relación coa materia, a estrutura, o detalle arquitectónico dun lugar e o propio espazo; aspectos que revelan a súa formación de arquitecto. Crea fotografías, esculturas, instalacións e intervencións nas que interactúa cos espazos que habitamos, sempre poñendo en escena a representación arquitectónica, creando espazos propios que destacan as calidades intrínsecas das construcións. Así, leva a cabo obras como a realizada en Santiago de Chile en 2002, na que camufla formalmente unha das travesas de soporte do espazo expositivo cunha morea de caixas de cartón usadas, ou o Container realizado en Art Basel en Miami Beach no ano 2008, onde secciona un container en partes de igual tamaño para, posteriormente, substraer algúns anacos, creando unha instalación que nos remite aos clásicos Donald Judd; o container de transporte como obxecto que modifica e articula o espazo. Nas súas propostas para Camden Arts Center (Londres, 2001) e Casa de América (Madrid, 2005) duplica a fachada dos monumentos mediante estruturas de estadas e teas plásticas de revestimento de diversas cores, mediante as cales transforma a relación do transeúnte co edificio ao invitalo a saír polas escaleiras da estada. Trátase de pezas que mostran que a arquitectura e a súa representación constitúen o centro da súa obra, o seu campo de busca e de intervención.

Jose Dávila naceu en Guadalajara (México) en 1974. Tras licenciarse en Arquitectura no Instituto Tecnológico y de Estudios Superiores de Occidente TESO de Guadalajara, México (1998), completou a súa formación con apoios como a residencia Braziers Intl. Workshop en Oxford, Reino Unido (2000); residencia en Camden Arts Centre (2001) como premio de The Andy Warhol Foundation; residencia en Kunswerke, Berlín, Alemaña (2003-2004); ou a máis recente residencia no MAM de São Paulo, Brasil (2009). A súa traxectoria foi recoñecida con varias bolsas e premios como a selección para a III Bienal Iberoamericana de Arquitectura en Santiago de Chile (2002), Premio Jóvenes Creadores, FONCA, México (2001), selección para a Bienal de Monterrey, membro de Ediciones El Chino (2001), ou a bolsa para participar no seminario ‘Estudios de Arte Contemporáneo’, FARCO A.C., Guadalajara, México (1998). Watch your Step foi a súa primeira exposición individual na Galería NAP, Guadalajara, México (1998), á que seguiron moitas outras como Temporality is a Question of Survival en Camden Arts Centre, Londres, Reino Unido (2001); Erasing Memory, Galería Enrique Guerrero, México (2002); Project Room en ARCO 04, Madrid (2004); Nomadic Platform, Casa de América, Madrid (2005); The Illegal Architect, Studio d’Arte contemporanea D’abbeni, Lugano, Italia (2006); Hechiso, Valenzuela & Klenner, Bogotá, Colombia (2007); Studies for Future Buildings, Renwick Gallery, Nova York (2008); Container, Renwick Gallery Art Positions, Art Basel, Miami Beach, Florida (2008); Flying City, COMMA'03, Bloomberg SPACE, Londres, Reino Unido (2009); Dos más dos igual a cinco, Travesia Cuatro, Madrid (2009). Entre as colectivas destacan Selección Bancomer, Museo de Arte Moderno, México (2003); Light and Atmosphere, Miami Art Museum, Miami, USA (2004); To Build, to Dwell, to Think, IVAM, Valencia (2008); PRETHUNDERDOME comisariada por Matthew Strauss, White Flag Projects, St Louis, USA (2009); Colección Jumex, Bass Museum, Miami (2009); Hecho en casa, comisariada por Osvaldo Sánchez, Museo de Arte Moderno, México (2009); y Panorama, Bienal de Arte Brasileira, comisariada por Adriano Pedrosa, Museo de Arte Moderno de São Paulo, Brasil (2009).