rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
LINGUAXES ESCULTÓRICAS CONTEMPORÁNEAS. Do monumento conmemorativo á performance

LINGUAXES ESCULTÓRICAS CONTEMPORÁNEAS. Do monumento conmemorativo á performance

Datas: 
19 outubro 2016 - 31 maio 2017
Horario: 
Mércores de 19.30 a 21.00
Lugar: 
Salón de Actos
Prezo: 
190€ (desconto do 20% para membros da Agrupación de Amigos do MARCO e para estudantes, previa acreditación), coa posibilidade de pago fraccionado nos prazos e condicións sinalados na ficha de inscrición.
Organiza: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo
Docente: Ana Pereira Molares
Total número sesións: 23
PRAZAS LIMITADAS. Inscrición e matrícula a partir do 15 de setembro


AVANCE / PRESENTACIÓN

 

O obxecto deste curso é realizar unha aproximación ás linguaxes escultóricas contemporáneas que reflicta, non soamente os cambios experimentados pola propia práctica da escultura, ou a súa relación co contexto social, senón tamén as transformacións na percepción da obra por parte do seu receptor.

Na escultura o artista utiliza como medio de expresión a creación de figuras ou obxectos tridimensionais; é dicir volumes, que á súa vez conforman e definen espazos, e o fai a través linguaxes moi diversas que evolucionaron e cambiaron ao longo da historia. Coa chegada do século XX, momento en que vai a luz unha arte nova marcada por unha clara posición de ruptura respecto ao pasado, a escultura será a actividade artística que experimente os cambios máis revolucionarios, que serán xa imparables ao longo de toda unha centuria. Durante máis de 100 anos a escultura rompe con moitas cousas, pero será sobre todo en torno a dúas fases —1906-30 e 1960-70— cando se produza a verdadeira expansión do concepto escultórico.

Dende as vangardas ata a actualidade, as novas maneiras de entender o feito escultórico provocaron, con maior ou menor intensidade, os cambios máis transcendentais xamais acontecidos: máis que unha mera cuestión de formas novas, se trataba dunha arte nova. Ao longo do século XX a escultura non só abandona a lóxica do monumento e a súa localización, senón que experimenta ademais o declive do que parecía ser consubstancial á práctica escultórica: a súa natureza estatuaria. A independencia do contexto e a progresiva disolución de certos trazos como monumentalidade, naturalismo, etc., e dunhas funcións conmemorativo-narrativas que ata entón a definiran como tal, foron o comezo dunha serie de rupturas coas convencións conceptuais da escultura histórica.

Comeza así a conquista dunha liberdade negativa: non aos preceptos clásicos que lle asignaban un lugar, unha función e unha simboloxía; liberdade fronte a calquera contido posible; busca de novos materiais, de novos valores e linguaxes; trazos que son en certo modo símbolos dunha liberación. A historia da escultura moderna será pois a dun radical proceso de transformación que a apartou do seu carácter estatuario para se converter nunha práctica autónoma emancipada do lugar, do pedestal, de referencias simbólicas e de modelos. O concepto escultórico clásico será redefinido e analizado en toda a súa profundidade, iso si a través de exploracións plurais e camiños diversos. Ao longo desta traxectoria a escultura ensimésmase, emancípase ou faise maior, producíndose unha conquista estética do indefinido e un ensanchamento dos horizontes do obxecto escultórico que lle leva da cidade ao taller, do taller ao museo e do museo de novo á rúa, da que fuxira, dende unhas formulacións totalmente novidosas.