rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
Luis Seoane Figuras estáticas, 1959. Col. Fundación Luis Seoane Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane Grave figura sentada, 1963. Col. Fundación Luis Seoane Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane O mantón violeta, 1973. Col. Fundación Luis Seoane. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane. As remolachas, 1959. Col. Fundación Luis Seoane. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane Cinzano, ca. 1952. Col. Fundación Luis Seoane. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane. Lúa chea, ca. 1956. Col. Fundación Luis Seoane. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane. Estudo para o mural ‘Figuras rosas e negras’, 1958. Col. Fundación Luis Seoane.Foto: cortesía F. Luis Seoane
Luis Seoane. O actor Robert Atkins en ‘The Tempest’, 1949. Col. Fundación Luis Seoane. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane. Unha gran dama impasible, 1961. Col. Fundación Luis Seoane. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane. Semella ser importante. Proba para a serie Insectario, ca. 1975. Col. Fund. Luis Seoane/Cortesía Fund. Luis Seoane
Luis Seoane. Pezas deseñadas por Luis Seoane para Sargadelos. Foto: cortesía Fundación Luis Seoane
Luis Seoane. Retrato de esguello. Vista dunha das salas da exposición no MARCO. Foto: cortesía MARCO, Vigo/Enrique Touriño

LUIS SEOANE. Retrato de esguello

Ficha

Datas: 
12 xuño 2015 - 27 setembro 2015
Lugar: 
Salas de exposicións da planta baixa
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo / Fundación Luis Seoane, A Coruña; Coordinación: Carmela Montero
Comisariado: 
David Barro

Presentación


Este proxecto expositivo, coproducido polo MARCO de Vigo e a Fundación Luis Seoane, formúlase como revisión global da figura dun autor complexo e diverso, un creador de vocación universal. Intelectual comprometido, editor, pintor, debuxante, ilustrador, gravador, muralista, deseñador gráfico, cartelista, deseñador industrial, escenógrafo teatral, poeta, narrador, guionista, ensaísta, comunicador en prensa escrita e radiofónica, crítico e teórico das artes, emprendedor e outras moitas cousas, a traxectoria de Luis Seoane sitúao como a personalidade máis poliédrica da cultura galega do século XX.

Itinerancia


Unha vez clausurada no MARCO, a exposición terá continuidade en varias institucións de Galicia como o Museo Provincial de Lugo, a Fundación Granell de Santiago, ou o Centro Torrente Ballester de Ferrol, que amosarán visións parciais e diferentes desta mostra. En 2016 viaxará á Fundación Luis Seoane e outros espazos da Coruña.

Catálogo


O proxecto concibiuse mediante unha dobre vía, expositiva e editorial, coa edición dun libro que recolle o legado cultural de Luis Seoane. Esta publicación servirá ademais como introdución ou punto de partida do proxecto de investigación que dende a Fundación Luis Seoane se está a realizar para conformar o catálogo razoado do artista, composto de diferentes estudos e análises sobre aspectos clave da súa biografía que contextualizarán, á súa vez, outra serie de volumes dedicados en exclusiva ás fichas catalográficas de todas as súas obras. Escrito por David Barro, comisario da exposición e director da Fundación Luis Seoane, con asesoramento e deseño de Xosé Díaz e coordinación e documentación de Carmela Montero, Luis Seoane. Retrato de esguello incluirá tamén imaxes doutras obras non presentes na mostra. A publicación, froito da colaboración de ambas as dúas entidades con Editorial Galaxia, será presentada no MARCO de Vigo o vindeiro mes de setembro.

Información e visitas guiadas


O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


Luis Seoane (Bos Aires, 1910 - A Coruña, 1979) é, para moitos, a personalidade máis relevante da cultura galega no século XX, cando menos no eido artístico e creativo. Non hai dúbida de que a súa é unha achega fundamental, máxime polo seu carácter poliédrico e pola súa curiosidade infinita, case sempre profética, que derivaba nunha capacidade de traballo singular. Os moitos campos nos que desenvolveu o seu labor fan moi difícil explicar e exhibir a dimensión do seu legado, non só cuantitativamente senón cualitativamente, algo extrapolable a outras figuras como Urbano Lugrís, Eugenio Granell ou Cándido Fernández Mazas, aínda que é o de Seoane o caso máis paradigmático. Ese é o obxectivo principal desta exposición: mostrar a voz de Luis Seoane como un creador total, buscando puntos de unión e relación entre as distintas disciplinas que noutras exposicións foron tratadas de xeito parcial ou individualizado.

Luis Seoane. Retrato de esguello proxecta a expresividade da cor na súa pintura e tapices, a súa extraordinaria sensibilidade para o debuxo, e a súa capacidade e dominio das técnicas do gravado e da pintura mural, da que se inclúen bosquexos e documentos gráficos. Tamén o seu inxente labor editorial como impulsor de coleccións ou diagramador de revistas, como ilustrador e deseñador de cubertas e como editor, onde xogou un papel fundamental no desenvolvemento do libro en Arxentina, sempre coa cultura galega como pano de fondo.

Por suposto, a súa actividade empresarial e papel determinante no renacer da fábrica de cerámica de Sargadelos e na creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside de Sada son feitos que teñen o seu reflexo nesta mostra e que non se poden disociar da súa faceta creadora, como tampouco o seu labor como periodista radiofónico, poeta, narrador, escenógrafo, guionista e teórico, ou o seu traballo gráfico en carteis publicitarios.

Paradigma de resistencia cultural e loitador dende o exilio, o Laboratorio de Formas de Galicia é exemplo da súa intención de construír a cultura dende o universal e o colectivo e de entender o deseño e a arte como elementos clave para a comunicación e a educación. Luis Seoane. Retrato de esguello é unha mirada de esguello que actúa a modo de punto de partida ou eixo sobre o que pivota o estudo pormenorizado de todo o seu legado en relación co contexto internacional da arte ata os nosos días. A exposición abrangue os seus máis de cincuenta anos de traxectoria artística a través dunhas 300 obras entre pinturas, debuxos, gravados, acuarelas, tapices, carteis publicitarios, bosquexos murais, deseños cerámicos e publicacións.

Texto curatorial


“Luis Seoane é o primeiro artista contemporáneo da historia de Galicia. A afirmación non é gratuíta e é necesaria a xeito de punto de partida. Máxime cando se trata dun artista que a historiografía española non soubo ler en claves universais. Unha historia da arte española escrita sen contemplar a súa figura é algo así como expoñer un mapa de España sen que figure Galicia, ou como non considerar o galego como unha lingua. Pero o certo é que aínda hoxe non se soubo ler a Luis Seoane dende unha perspectiva artística nacional e internacional. Seguramente porque ten máis do segundo ca do primeiro: que tivese realizado a maior parte da súa obra dende o exilio arxentino pode actuar de desculpa primeira, aínda que non considero que esa sexa a principal razón, senón a dificultade de situalo e contextualizalo ao non poder adscribilo a ningún movemento nin corrente concreta.

Cronista directo dunha época, os seus grandes coñecementos e vocación pedagóxica ou intención didáctica convertérono tamén nun comunicador imprescindible e singular. Como sinalou Xavier Seoane en Reto ou rendición: ‘Poucas veces deu Galicia un intelectual de actitude menos elitista, máis irmandado co sentir colectivo, coa creatividade e a sensibilidade do seu pobo’. Efectivamente, a grande cantidade de proxectos colectivos que emprendeu, ou as súas audicións radiofónicas, son exemplos do seu interese aberto ás diferentes manifestacións culturais do momento. Dende Bos Aires, e durante 17 anos, Luis Seoane dirixiu e escribiu el mesmo os guións das audicións radiofónicas de Galicia Emigrante, dende o 10 de outubro de 1954 ao 18 de abril de 1971. Co mecenado do industrial galego afincado en Bos Aires Javier Vázquez Iglesias, estas audicións revelaban o estilo intuitivo de Seoane, a súa vocación divulgadora, plural, o seu talento para a comunicación. Luis Seoane foi un articulista excepcional, como demostrou na revista Galicia Emigrante, pero tamén tiña a habilidade da fluidez e a improvisación que esixe un medio tan coloquial como o radiofónico. Coa arte, a literatura e a historia como fondo, diseccionaba a actualidade gastronómica, cinematográfica ou musical, en moitos casos con ironía e humor. Mentres, nos momentos de pausa emitíase música tradicional galega cun comentario crítico. Esta opción comunicativa é seguramente consecuencia da súa paixón polo faladoiro e dunha capacidade innata de dar sentido a proxectos moi diversos, a mesma que terá para xerar imaxes, para figurar recordos.

Luis Seoane loitará dende o exilio xunto a intelectuais como Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela, Rafael Dieste ou Eduardo Blanco Amor. Bos Aires era daquela un núcleo cosmopolita, pero tamén un lugar onde publicar libros no idioma prohibido: o galego. Entre os seus amigos arxentinos, destacan nomes coñecidos como o escritor Jorge Luis Borges, o poeta Alberto Girri, o fotógrafo Horacio Coppola, o debuxante e escenógrafo italiano Attilio Rossi ou o calígrafo alemán Jacobo Hermelin, entre moitos outros. Outros habituais visitantes da casa de Seoane foron Rafael Alberti, Julio Cortázar ou Ernesto Sábato. A eles hai que sumar os citados intelectuais galegos ou o artista Manuel Colmeiro, así como a relación epistolar con moitos outros cómplices da súa militancia cultural como Fernández del Riego ou Carlos Maside, ou a súa posterior relación emprendedora con Isaac Díaz Pardo. Fillo da emigración e arxentino de adopción, Luis Seoane tamén participa activamente da cultura do país arxentino e ese labor será significado con galardóns como o Premio Palanza e recoñecementos como o da Academia Nacional de Belas Artes, onde se integrará como membro en 1968.

Luis Seoane traballa os valores de Galicia dende unha óptica universal. De aí a complexidade de abordar unha figura con tantas arestas, que non recomenda o estudo diferenciado de cada unha das súas disciplinas. Porque se Luis Seoane é coñecido sobre todo como pintor, hai que significar que á pintura chega cunha importante bagaxe intelectual e que case sempre adianta no debuxo, no deseño gráfico, no muralismo ou no gravado os avances e logros da súa pintura. Unha pintura que, por outro lado, non se rematou de entender por reducila na súa contextualización a filiacións primeiras, por outro lado próximas a calquera artista de vocación internacional do século XX, coa mirada posta en Picasso, Matisse ou Léger. Pero tamén a influencia temperá de Cézanne —case sempre obviado— resulta clave, como a de quen será o seu mestre máis próximo, Carlos Maside. Malevich e os artistas rusos supuxeron outra influencia fundamental, e os logros da arte Pop un encontro no tempo que se reconducirá de modo moi diferente, aínda compartindo algúns dos seus valores e formalizacións. E será, sobre todo, unha curiosidade insaciable pola cultura xermánica o que acabe por definir unha personalidade diferente ao resto dos seus compañeiros renovadores da pintura galega, española e latinoamericana. O Paul Klee que pasa por Goya, as escenas de George Grosz, ou as formas e os espazos de Hans Richter son constantes que aparecerán en diferentes etapas do artista.

Outra relación vital da súa pintura é a que establece a partir dos seus coñecementos do deseño gráfico. Neste sentido, nomes como os de Alvin Lustig ou Paul Rand son absolutamente imprescindibles para entender a evolución dun Luis Seoane que confesará que o que máis lle serviu para desenvolver o seu traballo de pintor mural foron as cubertas realizadas para a editorial Botella al Mar. Por suposto, a estes nomes do deseño habería que sumar a El Lissitzky, Herbert Bayer e a Bauhaus, ou o citado Attilio Rossi, con quen compartirá descubrimentos. Seoane admiraba a Kandinsky, a Eisenstein, a Freud, a Kafka, aos poetas irlandeses; a música de Gaspard de la nuit, os paradoxos de Chesterton, o campesiñado de Malevich, os gravados xaponeses, os vitrais da Catedral de León que coñecerá viaxando coa súa tuna republicana, ou o románico compostelán e catalán, entre moitas outras cousas. Infinitas foron as súas lecturas e os seus escritos, e todo iso conseguía destilalo dende o propio, dende o popular.

A historiadora e crítica arxentina Nelly Perazzo sinala como os traballos de Luis Seoane funcionan como resonancias, ‘ondas expansivas que, como os círculos concéntricos que debuxa unha pedra ao caer na auga, determinan unha comprensión cada vez máis profunda dun dos artistas máis completos que deu o país’. Por iso, como dirá Rafael Squirru, ‘ao caso Seoane non é doado atoparlle a punta do nobelo’. Porque esas ondas non son sucesivas, senón simultáneas. Coma se fose necesario acceder a Seoane dende unha óptica propiamente cubista para compoñer o crebacabezas. Seguramente todo conflúe no seu pretendido sentido social: o gravado pola súa capacidade comunicativa e a súa multiplicidade popular, a pintura polos seus temas, a arte mural pola súa integración no espazo común, o deseño editorial pola súa dimensión literaria e distribución, a publicidade pola súa capacidade para chegar ás masas, o seu labor de editor pola difusión comunicativa ou o seu labor radiofónico, son algúns exemplos. Seoane é unha personalidade insistente nas súas preocupacións e constante na súa reivindicación dunha Galicia mítica, celta, medieval, emigrante, combativa nos seus guerreiros, campesiña, pescadora e popular. Pero será sobre todo unha Galicia matriarcal, que ten na muller o seu símbolo sereno, que espera a liberación da súa dor preto do mar, ou nas portas das súas casas.

Nas súas obras formalmente é un artista que emprenderá moitos camiños diferentes. O que si se mantén como unha constante en toda a súa traxectoria é a súa temática e a súa ética, no social e o político, como un acorde sostido que encarará dende distintos instrumentos e sonoridades. O asunto será a súa semente, como recoñecerá en carta a Carlos Maside. Galicia, a súa historia, os seus mitos, os seus traballos, os seus costumes, o mundo rural e o mariñeiro, a Idade Media, en definitiva, a idiosincrasia das súas xentes, son temas que o acompañan e que resumiu nos seus tapices, preparando unha exposición que non puido ver antes de morrer e da que unicamente lle quedaba por rematar un tapiz. Pero, como recoñecerá nalgunha ocasión, será o estatismo na figura humana o seu tema principal. Esas campesiñas e pescadores que esperan e compoñen unha estampa intemporal: Galicia.

Hai, polo tanto, moitos ‘Seoanes’ tamén na súa pintura, que dan sentido a eses círculos concéntricos. O máis significativo é como opera a partir de grandes masas de cores saturadas, case sempre vivas e intensas, consecuencia directa da súa relación coas artes gráficas e que funcionan por oposición, por contraste. Sobre a cor, que estrutura, está a aparente liberdade da liña, o grafismo virtualmente espontáneo, nunca inocente, senón construtivo, e a mancha negra, que vibra, que endurece a mensaxe, a frescura, o ritmo. Curioso é como, en moitos casos, presenta os rostros de fronte e de perfil, actitude que parte do cubismo e que desenvolve ao seu xeito. Seoane elude a perspectiva para recordarnos a súa orixe, para homenaxear ao Románico. Evoca así o simbólico, o sintético, o frontal, o signo. A realidade da memoria e a realidade do seu presente súmanse nunha pintura afastada do virtuosismo forzado. Luis Seoane procurou o elemental, buscando o expresivo dende unha pintura plana que garda a maxia do esencial, capaz de fuxir da anécdota e do detalle para enxalzar a cor do popular, a dos toldos dos circos, a dos naipes, que inspirarán tamén coleccións como Mar Dulce para Editorial Nova. Nalgunha ocasión tomará prestada a coñecida frase de El Lissitzky, ‘a cor é unha pel sobre un esqueleto’, para matizar que, pola súa parte, se esforzaba en sinalar o esqueleto sobre esa pel.

En moitas das súas pinturas podemos intuír un escultor. Mentres, o seu xeito de concibir o libro como unha obra de arte integral, como arquitectura, o levará a entender o gravado como un elemento clave e revolucionario á hora de transformar a sensibilidade da xente. Son os artistas contemporáneos os que recuperan o libro como obra, e Seoane será un dos primeiros, como deseñador gráfico e como mestre gravador. A capacidade de comunicación do libro, de chegar ás masas, e a súa dimensión literaria, serán claves que saberá definir para converterse nun dos principais artistas do seu tempo. Como sinala Fernando Cordero de Lastra: ‘A importancia da obra gravada por Seoane —tanto estampas soltas como ilustracións para libros— no marco do traballo dos artistas deste século, só pode ser comparada coa realizada por Miró en primeiro lugar, cos seus case trescentos libros ilustrados, ou Picasso’. A comunicación directa do artista co seu pobo que permite o gravado é algo que Luis Seoane toma de Castelao e Maside. Máis tarde, a aparición de distintas técnicas gráficas, sobre todo a partir dos anos cincuenta, intensificará o seu labor de gravador ata converterse, por cantidade e calidade, en clave da súa obra. Gravar como quen ara a terra, como quen labra, aproveitando a textura da madeira, os seus tons de cor, as súas vetas. A materia é un elemento do pictórico, un recurso máis. Ademais da madeira, o seu soporte máis habitual, usará o linóleo ou o estarcido, ou a colaxe que une madeira e metal, empregando cravos e elementos punzantes para ese efecto de raiado.

Luis Seoane amaba as miniaturas do Códice Calixtino e as das Cantigas de Alfonso X o Sabio. Coñecía ben a obra de Durero, de Munch, de Gauguin, os libros románicos e góticos, os breviarios. Por suposto, influía nesa mirada o filtro dos logros de Matisse, e de Picasso. En Luis Seoane todo conflúe e se contamina, porque sempre mantivo un sentido crítico e a súa formación intelectual foi incesante. Na súa pintura asume o gravado, na gráfica publicitaria toma prestados xogos de planos dos seus bodegóns e estes, á súa vez, son consecuencia dos seus libros. Toda a súa obra é unha sorte de síntese. Guillermo Whitelow sinala como, ás veces, ‘algúns dos seus óleos semellan contaxiarse do trazo, do nerviosismo que percorre a entraña da madeira tallada, que inerva a prancha de metal, que taracea o linóleo’. Porque é no gravado onde se proxecta a súa fantasía, onde se desata o ritmo, e o raiado celta, enigmático, destílase con emoción expresionista. Mentres, na súa pintura mural, Luis Seoane manexa materiais cunha destreza singular, buscando proxectar o misterio que agocha a historia de cada un deles, o relevo transparente dos vitrais, a historia deconstrutiva do mosaico, o artesanal da cerámica, a pedra picada. Todo se combina con materiais novos como o cemento ou o ferro, respectando a calidade de cada material como acontece no gravado coa madeira e as súas leis.

Lorenzo Varela describirá o espírito de Seoane como medieval e nervioso. Varela confesará que tardou en entender que Seoane nin era español nin arxentino, senón dunha nacionalidade á que pertencían moitos fillos de emigrantes: a galaico-crioula. Para Varela, Seoane portaba unha dobre nostalxia, unha dobre esperanza, unha dobre condición humana: a Galicia celta e a Arxentina crioula. Pero a súa universalidade dáse, sobre todo, pola súa actitude, porque nada lle é alleo. Varela conta como lle presentaron a Federico García Lorca no escenario do Teatro Español: ‘Do primeiro que me falou, a penas cambiadas as primeiras palabras vagas de rigor, foi dese grande debuxante, un rapaz incrible, de Santiago de Compostela... Luis Seoane’. Sinalouno con especial cariño o seu amigo Marino Dónega o día da súa despedida no coruñés cemiterio de San Amaro: ‘Luis Seoane foi desmesurado en todo. Desmesurado no seu patriotismo galego, na súa arte, na animación cultural, na amizade. En cambio, as súas creacións eran sempre medidas, equilibradas, transparentes, núas, dunha suprema elegancia’.

Luis Seoane. Retrato de esguello recolle obras, proxectos editoriais e documentos gráficos que abranguen dende os seus inicios como debuxante e deseñador en Galicia ata o seu paulatino regreso ao final da súa vida. Os seus debuxos, as súas viaxes, as súas acuarelas, os seus libros, as súas pinturas, a evolución dun estilo propio, a calidade cromática dos seus tapices, os seus deseños cerámicos, os seus carteis, as súas narracións, os seus gravados, a súa poesía, os seus murais... Todo cabe cando un mira de esguello e descobre que para Luis Seoane, unha cabeza nunca é unha, e pode desdobrarse de fronte e de perfil.”

David Barro

Comisariado

David Barro


David Barro é director xerente da Fundación Luis Seoane dende febreiro de 2014. Crítico e comisario de exposicións, foi director de DARDO (2006-2014), dende onde editou máis de 80 libros de artistas contemporáneos e dirixiu a revista DARDOmagazine. Asesor da Fundación Barrié, foi responsable da súa Colección de Pintura Internacional (2008-2013). Foi director artístico e membro fundador de A Chocolataría, director da revista portuguesa [W]art (Editorial Mimesis), director da revista Arte y parte, director da revista InteresaArte (Editorial Galaxia), director artístico do proxecto Look Up! Natural Porto Art Show (2011), director artístico do Festival Internacional de Acción Artística Sostenible SOS 4.8 de Murcia (2011) e director da feira de arte Espacio Atlántico en Vigo (2010). Tamén ten exercido de mestre na Escola das Artes da Universidade do Porto (2002-2007). No ano 2003 comisariou no MARCO a exposición “Outras alternativas. Novas experiencias visuais en Portugal”.