rss feed Imprime esta páxina Envía esta páxina
MÓNICA CABO. There will be a Sea Battle Tomorrow [Ciclo PROBLEMÁTICAS: artistas no relato incompleto]

MÓNICA CABO. There will be a Sea Battle Tomorrow [Ciclo PROBLEMÁTICAS: artistas no relato incompleto]

Ficha

Datas: 
29 abril 2016 - 26 xuño 2016
Lugar: 
Anexo [vestíbulo principal]
Horario: 
martes a sábados (festivos incluidos) de 11.00 a 14.30 y de 17.00 a 21.00, domingos, de 11.00 a 14.30
Produción: 
MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo en colaboración con Unidade de Igualdade, Universidade de Vigo
Comisariado: 
Chus Martínez Domínguez

PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto

Ciclo de exposicións comisariado por Chus Martínez Domínguez

A partir do 29 de abril estréase un novo ciclo expositivo no Anexo do MARCO, un lugar que dende 2015 se convertiu en sala de proxectos. Seguindo un dos signos distintivos do MARCO, a liña de programación pon especial énfase na produción propia, tanto no que se refire ás obras en si —novas producións realizadas especificamente para este espazo— como ao comisariado —ciclos de exposicións con periodicidade anual. Nesta ocasión, e ao longo de 2016, a crítica de arte e comisaria Chus Martínez Domínguez presenta o ciclo ‘PROBLEMÁTICAS. Artistas no relato incompleto’.

Tomando como punto de partida as circunstancias e realidades problemáticas que se producen na interacción entre as artistas e o sistema da arte, este ciclo achega, a través de catro proxectos específicos, diferentes cuestións da teoría e a práctica artística, concretando as investigacións, conceptos e poéticas sobre as que xiran os traballos de cada unha das participantes.

Un programa articulado nas propostas de Mónica Cabo (Oviedo, 1978), Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios (Jaén, 1938/Cáceres, 1975), Xisela Franco (Vigo, 1978) e Carolina Bonfim (São Paulo, Brasil, 1982), creadoras de distintas xeracións procedentes das artes visuais, a arquitectura e o audiovisual, que tecerán relatos e accións particulares arredor da representación, a identidade, a política e o territorio, desde unha perspectiva non exenta de humor e crítica, de subversión e memoria. Apenas algunhas cuestións dun longo discurso sobre o traballo das artistas que sempre parece disposto, ou imposto, nun estadio inacabado, en construción e reivindicado.

O Anexo do MARCO convértese na metáfora idónea dos espazos nos que demasiadas veces operan as creadoras; nas marxes, na resistencia, nos cantos do sistema. Este proxecto, non obstante, quere volver preguntar e insistir neses lugares, transformalos en relatos guionizados polas propias artistas, enfrontándose a eles como un escenario no que propor novas realidades, reaccionando fronte aquelas circunstancias que as limitan, condicionan e vulneran. Reflexións transversais en forma de accións dende unha actualidade na que a cuestión de xénero segue a ser problemática.

Coincidindo coa xornada inaugural, o venres 29 de abril ás 19.30 terá lugar no salón de actos un encontro-coloquio aberto ao público entre a artista Mónica Cabo e a comisaria Chus Martínez Domínguez.

Programación e calendario


Mónica Cabo
29 abril – 26 xuño 2016

Pascuala Campos de Michelena/Ana Gallego Palacios
8 xullo – 11 setembro 2016

Xisela Franco
23 setembro 2016 – 8 xaneiro 2017

Carolina Bonfim
20 xaneiro - 26 marzo 2017

Información e visitas

O persoal de salas está a disposición dos visitantes para calquera consulta ou información relativa á exposición, ademais das visitas guiadas habituais:

  • Todos os días ás 18.00
  • Visitas ‘á carta’ para grupos, previa cita no tel. 986 113900

Síntese do proxecto


Mónica Cabo (Oviedo, 1978) fíxase na normalidade. Non en calquera; naquela que resulta perigosa pola súa formulación. A artista sospeita dos modos nos que codificamos, agrupamos e valoramos a vida. A súa e a do resto. Paradoxo sistemático co que achegarnos á realidade, sempre pescudando nela para reducir calquera forma de incerteza; etiquetando os nosos desexos, comportamentos e rutinas. Unha relación de compartimentos estancos favorecidos por unha escenografía que á artista lle resulta tan problemática como determinante e atractiva de cara á activación da arte.

As súas obras logran alcanzar ao espectador. Introdúceno nun xogo subversivo, para forzalo a encarar os seus conflitos lonxe da coherencia da súa experiencia no mundo, desembocando nunha nova perturbación. O proxecto específico para o MARCO propón unha tese estruturada ao redor de cuestións coincidentes en traballos anteriores —integradores de experiencias políticas e sociais, lúdicas, sexuais e identitarias— que, sen embargo, obrigan a interpretalas agora desde un lugar complementario.

There Will Be a Sea Battle Tomorrow toma o seu título dunha proposición de Aristóteles sobre o futuro continxente: “mañá haberá unha batalla naval/mañá non haberá unha batalla naval” ao partir do cal, a artista crea unha suxestiva paisaxe ao redor da idea de posibilidade. Deste modo, a ilusión volve coarse no seu traballo como concepto, pero nesta volta máis próxima á fatalidade. O Anexo anégase de necesidade pero nada nel é necesario. Articulan o espazo catro pezas que existen nunha eventualidade que actúa fóra, contra e desde cada obxecto. A escultura, unha bicicleta ensimesmada na súa duplicidade especular; o vídeo coa escena dun secador pendurado do seu cable que bate de lado a lado cando se activa; o andamio, instalado sobre pequenas peañas de madeira, serve de corpo para colgar un  pano de tea.

Catro obras coas que logra crear un presente accidental que increpa ao futuro. Certamente este acontecerá? A resposta semella angustiosamente lonxe, abstracta no circunstancial illamento das representacións; petando no ilóxico corpo da bicicleta, na repetición do imprevisible secador, na erótica do pano, na inactividade da estada, co fin de desencadear unha serie de asociacións en confrontación. Seres inquietantes, imperfectos, simbolicamente negros, irónicos co propio espazo. O relato asimílase desde a certeza e a simulación, quizais entendido como metáfora do sistema da arte. Tamén da propia artista autorretratada no desacougante vídeo Self Portrait (2013); traspoñendo o seu propio corpo pendurado dun fío, en risco. 

A exposición alterna momentos de dinamismo e de quietude que sitúan ao público nun estado de ansiedade e de estrañeza fronte ao anómalo/descoñecido, coa inestabilidade e a tensión propias dunha acción que non existe máis alá do propio xesto en que se realiza: igual que acontece co sexo, co xénero, cunha discusión, co acto creativo. Mide estruturas ambiguas e imprevisibles. Pezas que inclúen un certo humor a situacións cotiás, que se ensaian e se representan para revelar a conexión de mundos distanciados, nas que a cuestión de xénero segue a ser o pano de fondo como metáfora política de calquera práctica xerada fóra da liña marcada como “normal”.

Esta mostra no MARCO será a súa sexta exposición individual. Na primeira delas, Ridy tu pley (Sala Alterarte, 2006) Mónica Cabo fixo unha declaración de intencións, advertindo que estaba preparada para xogar. Por sorte, desde aquela non parou de facelo. Ten contribuído de xeito excepcional a desenvolver un discurso activo e renovado nas artes visuais desde a perspectiva de xénero, tomando prestados os símbolos e procedementos da teoría queer. Situada desde e fronte o que está á marxe, nos bordos do lexitimado, do correcto, do bo e do homoxéneo. Da singularidade e talento do seu traballo é testemuña esta mostra.

Chus Martínez Domínguez

Artistas

Mónica Cabo


Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, Mónica Cabo (Oviedo, 1978) vive e traballa en Barcelona. Ten recibido varios premios e recoñecementos como o a Beca Taller de creación Fabra i Coat. San Andreu Contemporani. Barcelona (2013); 1º Premio de Artes Plásticas do Principado de Asturias (2012); e Bolsa San Martiño Pinario para a produción de obra artística, Xunta de Galicia (2005).

Entre as súas exposicións e proxectos individuais destacan: Crossover (Sala Borrón, Oviedo, 2013); A Justine (Espacio In situ, Fundación Granell. Santiago de Compostela, 2009); Una pieza para tu mundo… (Sala LAI. Xixón, 2008); Safe word (DF Galería de arte contemporáneo, Santiago de Compostela, 2007); Ridy tu pley (Sala Alterarte. Campus de Ourense. Universidade de Vigo, 2006).

Entre 2005 e 2016 participou en varias mostras colectivas en centros e institucións como o Museo Provincial de Lugo, Sant Andreu Contemporani (Barcelona), MUSAC (León), Fundación Luis Seoane (A Coruña), Blissland Gallery (Berlín), Sala Espacio AV (Murcia), MACUF (A Coruña), Espacio Menosuno (Madrid), Auditorio de Galicia (Santiago de Compostela), DF Galería (Santiago de Compostela), Museum Kloster Asbach (Alemaña), Museo Miquel Casablancas (Barcelona).


Comisariado

Chus Martínez Domínguez


Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Chus Martínez Domínguez (Tui, 1976) é especialista en artes visuais contemporáneas. Na súa actividade profesional salienta o seu labor como crítica de arte, sendo colaboradora habitual do suplemento cultural Babelia do xornal El País e da revista Tempos Novos, ademais de ter colaborado noutras publicacións especializadas galegas e estatais, como ArtNotes, Arte y Parte e Artecontexto. É autora de textos e ensaios de investigación no ámbito da creación contemporánea e da muller no sistema da arte, participando en diferentes proxectos de investigación, catálogos e ensaios de institucións públicas e privadas como o Centro Galego de Arte Contemporánea, Consello da Cultura Galega, Museo Barjola de Xixón, Deputación de Ourense, Deputación de Lugo, Universidade de Vigo, Universidade de Santiago ou Universidade da Coruña. Exerce como comisaria independente de exposicións, experiencia que tivo como resultado as mostras no CGAC, Auditorio de Galicia, Sala Alterarte e Casa da Parra, entre outras. Destaca o seu labor como coordinadora do espazo www.espazodocumental.net (CGAC, 2008), un sitio web pioneiro dedicado a artistas galegos e editora da publicación homónima que deu como resultado espazodocumental.net. Pertence desde 2012 á Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.